Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 05 de xullo de 2002 Páx. 10.517

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 1 de xullo de 2002 pola que se regula a concesión de axudas para o desenvolvemento nas zonas dependentes da pesca de pequenas empresas de servicios, turísticas e artesanais de actividades productivas vinculadas ó mar.

As políticas de pesca responsable implican á vez que a protección dos recursos, a busca de alternativas á reducción das flotas e da actividade pesqueira. Nas zonas dependentes da pesca esta afecta non só polo que ten de diminución da actividade económica, senón polo que supón de abandono dunha cultura e un saber facer que se acumulou ó longo de anos de experiencia.

Evitar esta perda ou, alomenos, minimizala, precisa que se xeren novas actividades vinculadas ó mar que axuden a soster estas comunidades e, polo tanto a manter unha masa crítica suficiente de poboación portadora da cultura mariñeira. Estas deben, ademais, xerarse fóra da pesca extractiva e ligarse á diversificación das actividades económicas na comunidade, desenvolvendo recursos endóxenos.

As limitacións das flotas e da actividade pesqueira teñen unha gran incidencia naquelas zonas altamente dependentes da pesca, non só polo que ten de diminución da actividade económica, senón polo que se refire ás esperanzas das poboacións afectadas que parecen verse abocadas a un futuro sen saída. Paliar isto precisa de accións de apoio ó desenvolvemento de novas actividades que se apoien nos recursos locais de calquera tipo con prioridade ás que se sustentan na actividade pesqueira ou a apoian coa prestación de servicios e ás vinculadas ó mar.

Nestas directrices e no desenvolvemento de políticas de pesca responsable, a mellora de todos e cada un dos elos da cadea de actividades que permiten poñer no mercado os productos pesqueiros con mellor calidade é un obxectivo permanente. Estas actividades, no sector pesqueiro, son desenvoltas en grande parte por pequenas empresas de servicios, de transformación e comercialización de productos pesqueiros, moitas delas con base local nos pequenos portos do litoral que é preciso apoiar e fomentar.

Por outra banda a diversificación de actividades nas zonas dependentes da pesca, precisa fomentar a xeración de novas empresas fóra do sector pesqueiro. Dentro destas as actividades dirixidas ó lecer e ó turismo teñen grandes posibilidades, tendo en conta as características do noso litoral, onde se encontran moi pouco desenvolvidas, máis aínda se temos en conta o amplo pulo que nos últimos anos tivo o turismo rural.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ten entre os seus programas de actuación o apoio ó desenvolvemento endóxeno das zonas dependentes da pesca a través de axudas á creación ou desenvolvemento de pequenas empresas artesanais ou de servicios ligadas os recursos locais e vinculadas ó

sector mar ben sexa pola orixe das súas materias primas, polo obxecto das actividades que realiza, ou pola vinculación dos seus membros ás poboacións pescadoras. Estas actuacións vertébranse a través da Axencia de Desenvolvemento do Litoral, polo que a concesión desta axudas vincúlase á avaliación e ó seguimento que esta realice dos proxectos presentados, e as actuacións promovidas pola mesma a través das actividades de formación e outras de fomento.

No orzamento da Comunidade Autónoma para o ano 2002, inclúese unha liña de apoio á creación ou desenvolvemento deste tipo de empresas, que é conveniente desenvolver tendo en conta a situación de moitas das nosas comunidades pesqueiras e vinculalas a procesos de formación de mozos e as empresas de economía social.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas ó desenvolvemento nas zonas dependentes da pesca de pequenas empresas de servicios, turísticas e artesanais de actividades productivas vinculadas ó mar conforme as normas contidas na presente orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade. O réxime de axudas previsto na seguinte orde axústase ós requisitos previstos no Regulamento (C.E.) 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001.

As axudas concederanse con cargo ás partidas orzamentarias 12.04.770.1 e 12.04.770.2 do programa 752.A. «Servicios ás actividades marítimas» do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002 por un importe máximo de 270.000 euros para as finalidades do artigo 2.1º, 2 e 3 e 210.000 euros para as finalidades do artigo 2.4º respectivamente.

Artigo 2º.-Actuacións elixibles.

As actuacións que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade:

1º 1.1. A construcción de novas instalacións ou a modernización das existentes, cando a finalidade delas sexa a prevista no artigo 3º apartado 1.1.

1.2. A construcción de novas instalacións, tanto en terra como no mar, e o seu equipamento cando a finalidade delas sexan as previstas no artigo 3º. apartado 1.2., agás que teñan carácter portuario, de hostelería e/ou restauración.

2º A adquisición e instalación de maquinaria e equipos necesarios para o desenvolvemento da actividade.

3º A adquisición de vehículos de uso industrial adaptados cando sexan o soporte para o desenvolvemento da actividade ou imprescindibles no proceso productivo.

4º A construcción de novas instalacións, tanto en terra como no mar, e o seu equipamento para a realización de actividades ou prestación de servicios de tipo turístico, cultural ou de lecer ligadas ó mar, agás as que teñan carácter portuario, de hostelería e/ou restauración.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas as persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas que cumpran os requisitos da presente orde e representen a microempresas (definición segundo a Recomendación 96/280/CE da Comisión Europea do 3 de abril de 1996, DOCE do 30 de abril) que non teñan máis de 10 traballadores, cun volume de negocios non superior a 7 millóns de euros e cumpran o criterio de independencia fixado na dita recomendación, cando:

1.1.1. Teñan como fin o desenvolvemento de actividades de servicios ou que sexan auxiliares ou complementarias das actividades pesqueiras ou das de transformación dos productos da pesca, ou de actividades de mantemento destas.

1.2. Teñan como fin o desenvolvemento de actividades ou prestación de servicios de tipo turístico, cultural ou de lecer vinculadas ó mar.

2. Teñan como fin a realización de actividades artesanais ou das incluídas no epígrafe anterior e sempre que estas estean constituídas por mulleres ou mozos de comunidades pescadoras que participasen en cursos de formación orientados a este tipo de actividade, impartido ou controlado por unha Administración pública, realizado con posterioridade ó 1-1-2001.

Tódolos beneficiarios relacionados anteriormente deberán ter ben o seu enderezo social ou ben delegacións permanentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia ou comprometerse a abrilas no caso de concesión da axuda.

Deberá acreditarse o cumprimento de todos estes requisitos na data de finalización da presentación das solicitudes.

Artigo 4º.-Contía e límites da axuda.

As axudas concederanse en relación coas cantidades solicitadas e nas contías que permitan as dispoñibilidades orzamentarias e co límite máximo do 40% do importe elixible, segundo o proxecto presentado para a solicitude da axuda e cunha contía máxima de 90.152 euros. Nos investimentos acollidos á finalidade do artigo 2.4º, se o obxecto do investimento inclúe a recuperación de bens patrimoniais de carácter cultural ou histórico, a contía da axuda poderá acadar ata o 60% do investido na recuperación do dito ben.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere a limitación establecida no artigo cuarto desta orde. No caso de que foran superadas estas limitacións, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos minorará o importe da axuda concedida ata acada-lo máximo porcentual permitido.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais agás o establecido

no parágrafo anterior, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo da presente orde, debendo ser presentadas no rexistro central da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en calquera dos rexistros das súas delegacións territoriais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará ós 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación.

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2. Ademais:

a) Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade.

b) Certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para face-la solicitude o asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

c) Certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal, ou NIF, segundo se trate de persoas xurídicas ou físicas.

4. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

5. Memoria descritiva do obxecto do investimento, onde conste a súa localización e características principais e a xustificación dela; relación das actividades que xa realiza ou proxecte realiza-la empresa, da función que dentro delas vai realiza-la nova infraestructura, relación con outras actividades propias ou da zona, impacto económico e social que representa, postos de traballo fixos e temporais que crea e outras que se considere de interese.

6. Proxecto técnico (se é necesario) de realización da infraestructura ou equipamento, indicado características físicas e xeométricas das distintas instalacións, planos e orzamento de execución, asinado por técnico competente segundo corresponda.

7. Memoria económica que teña en conta os seguintes aspectos:

a) Plan económico e estudio de viabilidade indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cál a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional, resultados esperados, amortización do investimento, etc.

b) Calendario de investimentos e plan de financiamento por anos.

c) Declaración de calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida ou que se pretenda solicitar a calquera Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado para acollerse a esta orde.

8. Declaración que faga fe de estar ó día nas obrigas fiscais, tributarias e coa Seguridade Social ademais de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

9. Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións e permisos necesarios para a realización da actividade e o investimento. En calquera caso será necesaria a súa presentación para o pagamento da axuda.

10. Certificado de non inicio da realización do investimento para o que se solicita a axuda no momento da solicitude, expedida polo técnico redactor do proxecto. De non ser necesario proxecto, solicitarase a súa realización por persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

11. Acreditación dos datos rexistrais da empresa ou entidade (escrituras, poderes e imposto de actividades económicas ou equivalentes), se é o caso.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Unha vez recibidas as instancias e a documentación, estas serán examinadas polo Servicio de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, o cal se observase algunha deficiencia concederá ó solicitante un prazo de 10 días para emendala consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producira a emenda o expediente terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

No seu estudio e valoración, elaborará un informe de viabilidade e interese para a zona onde se realice o investimento, solicitará a ampliación de datos ou outros informes que considere necesarios, así como efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente formulará a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

O conselleiro dictará resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de catro meses contados desde o inicio do prazo para a presentación de solicitudes. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada. Contra a dita resolución que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de revisión perante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación e segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do

día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Consonte o establecido no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, delégase na directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a resolución destas axudas.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos de prioridade.

1. Para establece-las prioridades teranse en conta os seguintes criterios co fin de establece-la baremación:

a) Terán preferencia as solicitudes presentadas por empresas formadas por mulleres ou xente nova sobre o resto de peticionarios.

b) Terán preferencia as solicitudes presentadas por empresas de economía social e autónomos sobre o resto de peticionarios.

c) Terán preferencia as solicitudes presentadas para empresas de servicios sobre as demais.

d) Terán preferencia as empresas que se instalen en concellos costeiros dependentes da pesca e menores de 10.000 habitantes.

e) Terán preferencia as solicitudes que xeren máis empregos por investimento realizado.

En caso de igualdade terase en conta a actividade inducida polo investimento, a innovación da actividade obxecto da axuda e o interese para a zona onde se vaia realizar.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade axudada será fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 30 de novembro do ano 2002.

Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade axudada.

A directora xeral dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada non poderá exceder de doce meses a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Control das actividades obxecto das axudas.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, como ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda

a información que se lle requira por estes organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Servicio de Desenvolvemento Pesqueiro da Dirección de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, realizará o seguimento e apoio do investimento auxiliado e reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o inicio do investimento obxecto da axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que se estimen necesarias.

No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbera algunha variación no calendario, nos prazos de execución do investimento sinalado na memoria de solicitude, ou en calquera outro aspecto, será comunicada á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para os efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro establecerá as medidas necesarias, para efectos de face-la comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado, ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar ó Servicio de Desenvolvemento Pesqueiro, dentro do prazo dun mes, a seguinte documentación:

a) Facturas xustificativas dos gastos realizados en copia orixinal ou fotocopia compulsada, acompañadas dos documentos bancarios xustificativos do seu aboamento, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude.

b) Declaración na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera outra Administración ou ente público.

c) Memoria sinxela de realización do investimento onde se indiquen as incidencias habidas na súa execución.

d) Certificación de estar ó día nas obrigas fiscais e tributarias expedidas pola Axencia Tributaria e a Tesourería da Seguridade Social segundo corresponda.

e) Certificación de non ter débedas coa Xunta de Galicia expedido pola Consellería de Economía e Facenda.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro certificará a execución completa do investimento obxecto da axuda despois de realiza-las comprobacións oportunas.

Artigo 14º.-Pagamentos parciais e anticipos.

Os beneficiarios poderán solicitar pagamentos parciais, ata un máximo do 80% da axuda concedida conforme o establecido no artigo 16.2º e 17 do Decre

to 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. O seu aboamento farase logo de solicitude polo beneficiario nas condicións establecidas, debendo presenta-la xustificación dos gastos realizados e aboados, segundo o estipulado no artigo 13º desta orde.

O resto da axuda librarase unha vez rematado o investimento, segundo o disposto no artigo anterior. No caso de non ser finalizado o investimento o beneficiario está obrigado a reintegra-las cantidades recibidas con carácter de pagamentos parciais.

O beneficiario poderá solicitar un anticipo a conta da axuda concedida nos termos e condicións establecidos no artigo 16.3º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Mantemento da actividade e obriga de reintegro.

O beneficiario comprométese a manter aberta e en funcionamento a instalación obxecto da axuda por un período mínimo de cinco (5) anos contados a partir da data de xustificación da finalización do investimento.

O beneficiario que incumpra as condicións de concesión da axuda, incluído o compromiso de mantemento da actividade está obrigado a reintegra-lo importe total ou parcial da axuda percibida e os xuros de demora segundo corresponda, consonte o establecido no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada pola artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 16º.-Infraccións e sancións.

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ó réxime de infraccións e sancións do artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada pola artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 17º.-Obrigas de información.

En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda, farase constar que estas se realizaran cunha axuda da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos