Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 02 de xullo de 2002 Páx. 10.322

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Carballeira, nos concellos das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Xermade (Lugo), promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 14 de marzo de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental, do proxecto de parque eólico Carballeira, nos concellos das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Xer

made (Lugo), promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Parque Eólico Carballeira. Proxecto de Execución. Marzo 2001.

-Parque Eólico Carballeira. Estudio de impacto ambiental. Marzo 2001.

-Parque Eólico Carballeira. Estudio de impacto ambiental. Volumen II. Anexos. Marzo 2001.

-Parque Eólico de Carballeira. Estudio de impacto arqueolóxico. Informe final. Marzo 2001.

-Estudio de los efectos sinérgicos potenciais do parque eólico Carballeira. Decembro 2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer por esta DIA, sen prexuízo do disposto no artigo 6.4º do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva á instalación e explotación dun parque eólico de 24,42 MW de potencia total nos concellos das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Xermade (Lugo), constituído por 37 aeroxeradores modelo MADE AE 46/I de 660 kW de potencia unitaria, localizados nos montes da Carballeira, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

595.5964.812.698

597.4154.812.667

598.3114.810.325

596.6994.810.676

595.5764.811.527

Tendo en conta o exposto no punto 6.3 desta DIA, dado que a localización prevista da subestación transformadora e dos aeroxeradores M-1 a M-6, M-8 a M-31 e M-35 a M-37 podería variar á vista dos resultados da documentación requirida nos puntos 11.1 e 11.2 da DIA, a localización proxectada ten carácter provisional, establecéndose con carácter definitivo, se é o caso, unha vez que sexa recibida e avaliada a citada documentación e emitido informe favorable sobre ela.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no plano Parque eólico Carballeira. Planta xeral parque. Plano nº 03, do estudio de impacto ambiental, agás para o que se derive do cumprimento do indicado no parágrafo anterior.

As coordenadas UTM dos 37 aeroxeradores proxectados, con carácter provisional tendo en conta o antedito, son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

M-1597.124,2274.812.650,394

M-2597.177,1354.812.553,847

M-3597.229,8314.812.457,475

M-4597.282,7454.812.360,908

M-5597.315,8244.812.256,036

M-6597.355,3924.812.118,679

M-7597.382,7484.812.012,135

M-8596.393,3964.812.623,564

M-9596.451,3184.812.530,006

M-10596.509,2224.812.436,479

M-11596.567,1254.812.342,953

M-12596.042,9014.812.369,994

M-13596.100,5694.812.264,759

M-14596.148,6254.812.177,063

M-15596.201,4884.812.080,598

M-16596.254,3494.811.984,132

M-17596.307,2114.811.887,666

M-18596.360,0744.811.791,201

M-19596.412,9364.811.694,736

M-20596.493,2234.811.586,917

M-21596.554,7264.811.496,747

M-22596.625,2014.811.411,634

M-23596.718,5674.811.353,415

M-24596.811,7914.811.295,211

M-25596.905,2364.811.236,995

M-26596.998,6844.811.178,656

M-27597.062,3264.811.088,831

M-28597.125,8934.810.999,186

M-29597.189,4484.810.909,403

M-30597.266,5564.810.830,925

M-31597.343,6004.810.752,503

M-32597.635,6164.810.869,160

M-33597.736,8244.810.826,438

M-34597.848,0904.810.734,263

M-35597.931,3824.810.678,923

M-36598.004,7444.810.616,798

M-37598.081,3484.810.552,519

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das pistas e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.

2.2. Sobre a contaminación acústica

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se for o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, realizarase un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, de acordo co plan de control do nivel de ruído proposto no anexo 3 do estudio ambiental.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, axustándose ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa. Se for o caso, solicitarase a autorización de captación de auga para o seu uso no edificio de control.

Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe artificial (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, co fin de comprobar que non se producen alteracións no réxime hídrico preexistente e verifica-la eficacia das medidas protectoras e correctoras propostas no estudio ambiental.

A vertedura das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á súa saída, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección potencial da rede hidrolóxica, de acordo co estudio ambiental, que deben contar durante a súa realización coa supervisión directa do equipo técnico de seguimento ambiental.

As augas residuais que se xeren no edificio de control deberán ser conducidas ata a fosa séptica prevista, que deberá ser mantida periodicamente para garanti-lo seu correcto funcionamento.

Á medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución das pistas, así como das plataformas de montaxe, zona da subestación, foxos e contorno das obras de drenaxe, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais aba abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou áreas hidromorfas, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficiais. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde fábrica ou fábricas localizadas fóra da obra, que conten coas debidas autorizacións.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como durante o primeiro ano de funcionamento, levarase a cabo o plan de control da calidade das augas proposto no anexo 6 do estudio ambiental.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Procederase á delimitación das distintas zonas de obra, mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, observarase o indicado no punto 13.4 desta declaración.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento.

A circulación de vehículos e maquinaria de obra no parque restrinxirase ás pistas e zonas acondicionadas para o efecto.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas, lonas...) que impidan a proxección de fragmentos de rocha a contorna. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que, se despois da finalización das obras, existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en emprazamento autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberá acreditarse previamente a súa procedencia, indicando a localización, extensión, volume e condicións de restauración do préstamo.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica, reflectindo a localización prevista no plano requirido no punto 11.3 desta DIA.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte a vertedura.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramas accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recolla de posibles verteduras.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

En canto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse no edificio de control.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, tanto na fase de obras como ó longo de toda a vida útil do parque, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores, tanto deste parque como os da súa contorna.

Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudio ambiental, que deberá ser completado de acordo co requirido no punto 11.6 da DIA, así como unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna dos parques contemplados no documento Estudio dos efectos sinérxicos potenciais do Parque Eólico Carballeira.

Así mesmo, dada a presencia de varias especies singulares de morcegos na zona, realizarase un seguimento da posible incidencia do parque sobre as súas poboacións, de acordo co plan de seguimento proposto no anexo 5 do estudio ambiental.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario e efectuarase mediante sistemas de roza e atendendo ás consideracións que se deriven do informe requirido no punto 11.2 da DIA.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberase proceder á súa trituración e espallamento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

6.3. Sobre os hábitats naturais.

Prestarase especial atención en non compromete-la persistencia dos hábitats naturais prioritarios e de interese comunitario presentes no polígono do parque, asegurando o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable, de acordo co establecido na Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

Con este obxectivo, os aeroxeradores M-1 a M-6, M-8 a M-31 e M-35 a M-37, xunto coas súas infraes

tructuras asociadas, así como a subestación transformadora e edificio de control, deberán distribuírse sobre as áreas máis degradadas das formacións de queirogais húmidos atlánticos meridionais de Erica ciliaris e Erica tetralix sobre as que está prevista a súa instalación, de xeito que non se comprometa o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable.

Para tal fin, presentarase un estudio valorativo do estado de conservación actual destes queirogais nos puntos onde está prevista a implantación das infraestructuras e instalacións indicadas no parágrafo anterior, de acordo co requirido no punto 11.1 desta DIA.

As especies vexetais de interese comunitario e prioritarias presentes na zona, como Narcissus cyclamineus e Narcissus triandrus, non poderán ser afectadas. Para tal fin, deberá presentarse un informe valorativo da posible incidencia das infraestructuras e instalacións sobre as anteditas especies, de acordo co requirido no punto 11.2 da DIA.

A dirección de obra disporá dos planos de distribución de hábitats e especies de interese comunitario e/ou prioritario e áreas a preservar e será asesorada en todo momento das condicións para a súa protección. Estas zonas deberán ser balizadas previamente ó inicio das obras para evitar calquera posible afección.

En calquera caso, durante as fases de implantación, apertura e acondicionamento de pistas, execución de cimentacións, explanacións e gabias para cables, realizarase un seguimento continuo en campo por parte do equipamento de seguimento ambiental do proxecto, co obxecto de verificar que non se producen impactos imprevistos e que se adoptan as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, tanto as indicadas no estudio ambiental como as establecidas nesta declaración.

No caso de que se detectase algún impacto non previsto na documentación presentada polo promotor ou nesta declaración, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, poñendo en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a incidencia detectada, quen a avaliará e informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

7. Protección do patrimonio cultural.

Co obxectivo de evitar posibles afeccións, establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado.

A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, execución

de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque, polo que, previamente ó inicio das obras, se elaborará un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de implantación revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabamento dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, comunicacións, etcétera, estarán soterradas en gabias, tal como se indica no estudio ambiental.

O acabamento do edificio de control adecuarase á tipoloxía constructiva da zona, de acordo co indicado no estudio ambiental. As paredes estarán recubertas de pedra e a cuberta será de lousa. As cores que se utilicen na pintura de exteriores serán mates.

O desenvolvemento do plan de revexetación, conforme avanza a obra, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolas superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das pistas, foxos, gabias dos cables, plataformas de montaxe, contorno da subestación e do edificio de control, obras de drenaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, restituíndo a vexetación autóctona presente na zona e favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, garantirase o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, levarase a cabo o Plan de restauración e revexetación de solos incluído no anexo 2 do estudio ambiental, realizando un seguimento da súa efectividade, tal como se prevé no plan de vixilancia presentado. Incrementarase a intensidade deste seguimento no caso de se detectaren dificultades para o desenvolvemento da vexetación.

Os labores de restauración realizaranse conforme avanza a obra e as distintas superficies por restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastres de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

A camada edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo, amoreada sen mesturala con outros horizontes e mantida nas condicións sinaladas no plan de restauración.

Previamente á revexetación, efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e labranza superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o espallamento de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

No referente ó plan de restauración para a fase de abandono, presentarase unha addenda ó plan incluído no estudio ambiental, onde se describa con detalle a totalidade das actuacións que se efectuarán nesa fase, incluíndo a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e os labores de acondicionamento do terreo previos á restauración, de acordo co requirido no punto 11.7 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, nun prazo de tres (3) meses desde a notificación desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, catro (4) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Estudio valorativo do estado de conservación actual dos queirogais húmidos atlánticos nos puntos onde está prevista a instalación da subestación transformadora e dos aeroxeradores M-1 a M-6, M-8 a M-31 e M-35 a M-37 e tódalas súas infraestructuras asociadas, conforme o indicado no punto 6.3 desta DIA. Este estudio será realizado por técnico/s especializado/s nesta materia e deberá vir asinado polo/s autor/es, constando a súa titulación e acreditación do coñecemento da materia.

Xuntarase, sen detrimento de calquera outra información que se coide oportuna, unha reportaxe fotográfica detallada que reflicta, trala súa implantación, os puntos previstos para a instalación das infraestructuras e instalacións indicadas, cunha calidade que permita a corroboración dos datos que se fornezan no estudio. Así mesmoe, efectuaranse propostas debidamente xustificadas de localización alternativa de aeroxeradores (indicando coordenadas UTM) e desvío de pistas e gabias para cables nos casos nos que se detecte afección, nos termos sinalados no punto 6.3 da DIA, detallando o tipo de

hábitat e o seu estado de conservación nas zonas propostas para a relocalización.

11.2. Informe valorativo da posible incidencia das infraestructuras e instalacións sobre as especies vexetais Narcissus cyclamineus e Narcissus triandrus, conforme o indicado no punto 6.3.

Incluirá, sen detrimento de calquera outra información, un plano en planta a escala 1:5.000 ou maior detalle, con coordenadas UTM, no que se reflicta a localización destas especies respecto das instalacións e infraestructuras do parque, e detalle das medidas protectoras e/ou correctoras precisas para non afectalas. Neste plano reflectiranse, tamén, os restantes hábitats naturais prioritarios ou de interese comunitario e as tres pozas temporais citadas no estudio ambiental.

Unha vez recibido informe favorable desta dirección xeral sobre a documentación requirida nos puntos anteriores, presentarase:

11.3. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta o polígono do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, de acordo co que se derive do cumprimento dos puntos anteriores. Diferenciaranse as pistas preexistentes das de nova construcción e aquelas que se van acondicionar (indicando lonxitude de cada tipo), reflectindo tamén o acceso ó parque, elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela e a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e acumulación de materiais.

11.4. Resultados dunha medición do nivel de ruído na fase preoperacional, en tódolos puntos propostos, efectuada por entidade homologada conforme as disposicións do Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. O informe de resultados estará asinado por técnico da entidade realizadora da medición.

11.5. Resultados da campaña preoperacional de análise da calidade das augas, conforme o plan de control incluído no estudio ambiental. As análises serán efectuadas por laboratorio homologado.

11.6. Addenda ó plan de seguimento da incidencia do parque eólico sobre a avifauna, completando os seguintes aspectos:

-Cartografía das áreas de campeo, nidificación e uso do espacio pola avifauna, centrándose nas especies de maior valor ecolóxico presentes na área.

-Definición cuantitativa e cualitativa dos limiares de risco (alerta e inadmisible) por colisión e aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas protectoras ou correctoras específicas, detallando e xustificando o método para a súa determinación.

-Descrición detallada das medidas protectoras e/ou correctoras que se vaian adoptar, tanto na fase de obras como na de funcionamento, no caso de aca

da-las situacións de risco indicadas no punto anterior, ou ante a manifestación de efectos acumulativos e/ou sinérxicos. Contemplarase, entre outras, a estipulación dun período de parada dos aeroxeradores e un incremento na frecuencia dos controis que se efectúen. Describiranse tamén as medidas propostas para a detección dos posibles impactos imprevistos, así como as medidas protectoras de aplicación inmediata ante unha situación deste tipo.

11.7. Addenda ó plan de restauración para a fase de abandono, que inclúa a descrición e valoración económica de tódalas actuacións necesarias para o desmantelamento e abandono do parque, xunto co seu orzamento, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos agregados, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.8. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.9. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 desta DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

11.10. En relación coa liña de evacuación da enerxía, presentarase a seguinte documentación, que será informada, se é o caso, polos órganos competentes en función da materia:

11.10.1. Descrición xeral do proxecto, indicando localización, lonxitude da liña, tipo e número de apoios, incluíndo unha listaxe de coordenadas UTM, puntos de inicio e fin (conexión á rede de transporte), obra civil que se vai desenvolver e duración prevista da obra. Xuntarase, como mínimo, dun plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle, en coordenadas UTM, no que se reflicta a traza prevista, numerando cada un dos apoios.

No caso de enlazar cunha liña da rede xeral, deberase indica-lo estado desta liña (existente, en construcción, tramitación ou planificación), ademais de reflectir nun plano dotado de coordenadas UTM, a escala 1:25.000 como mínimo, a traza da liña á que se conectará. Así mesmo, deberán reflectirse as liñas eléctricas da contorna, tanto existentes, en construcción, como en estado de tramitación ou planificación, identificándoas e indicando a voltaxe e o promotor.

11.10.2. Estudio sobre os elementos do patrimonio cultural presentes ó longo da traza.

11.10.3. Estudio dos posibles efectos do proxecto sobre a poboación (indicando a distancia ás vivendas máis próximas), fauna, formacións vexetais, hábitats

prioritarios e de interese comunitario, solo, auga e paisaxe.

11.10.4. Descrición das medidas protectoras e correctoras que se vaian adoptar, con especial atención á avifauna, protección dos hábitats naturais e labores de restauración.

11.10.5. Programa de vixilancia ambiental, con especial atención ó seguimento das poboacións de aves (contemplando o seguimento das posibles sinerxias co parque eólico e as liñas da contorna), hábitats naturais e restauración.

En ningún caso poderán comeza-las obras de instalación da liña de evacuación antes de contar co informe favorable desta dirección xeral en relación co punto 11.10, sen que isto interfira no desenvolvemento das restantes obras do parque.

Coa excepción indicada no parágrafo anterior, unha vez avaliada a documentación solicitada nos puntos 11.1 ó 11.9, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez emitido informe por esta dirección xeral sobre o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, un cronograma de obras actualizado, que conteña tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio, fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral, presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído en plena actividade, indicando persoal de obra e

maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións serán efectuadas por entidade homologada e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade.

c) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe, da calidade das augas e das súas condicións de incorporación á rede natural e da incidencia das obras sobre a avifauna e quirópteros, conforme os plans de vixilancia presentados polo promotor, e de acordo co indicado nos puntos 3 e 6.1 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras (control de eficacia), tanto das indicadas na documentación avaliada como das establecidas nesta declaración, incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levadas a cabo, xestión dos residuos de obra, protección dos hábitats naturais, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento das condicións establecidas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: pistas, aeroxeradores, plataformas de montaxe, gabias para cables, subestación, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), medidas protectoras e correctoras levadas a cabo e resultado destas (control de eficacia), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, subestación, estado das pistas, drenaxes e foxos, gabias para cables, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega ó xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a localización real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando taménas zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos.

b) Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe, mantemento do réxime hídrico, calidade das augas e condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, de acordo co indicado no punto 3 da DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados da aplicación do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das pistas, noiros, drenaxes, foxos, gabias para cable e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detalle dos controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas, avaliando o seu resultado. Descrición das posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra por parte desta dirección xeral, os contidos do informe requirido no punto anterior.

12.5. Seguimento dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos: xunto cos informes de seguimento ambiental semestral, acompañarase un anexo cos resultados do seguimento conxunto dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos deste parque cos da súa contorna en relación á avifauna, conforme

o indicado no punto 6.1 da DIA, indicando as medidas protectoras e/ou correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

12.6. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se for o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que se presente de acordo co punto 11.7 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.7. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de se detectaren durante o seguimento ambiental que se efectúe, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento desta declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, fornecendo documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a esta DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, tamén, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de seiscentos cinco mil novecentos corenta e cinco con seis (605.945,6) euros (100.820.865 pesetas). O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.7 desta DIA.

13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata estes seren corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluído, se é o caso, o plan xeral de ordenación urbana ou normas subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, de 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado Parque Eólico Carballeira. Marzo 2001, promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A. consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 37 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, nos concellos das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Xermade (Lugo).

Os aeroxeradores disporanse nos montes da Carballeira, en catro aliñacións con orientación NO-SE, no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

595.5964.812.698

597.4154.812.667

598.3114.810.325

596.6994.810.676

595.5764.811.527

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

Número de aeroxeradores: 37.

Modelo: MADE AE 46/I.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

-Potencia total instalada: 24,42 MW.

-Altura das torres: 45 m.

-Diámetro do rotor: 46 m.

-Producción neta anual prevista: 60.006 MWh/ano.

-Investimento previsto: 15.148.640,11 A

(2.520.521.634 pesetas).

A obra civil inclúe o acondicionamento duns 1.600 m de camiños existentes e a creación duns 2.400 m de pistas de acceso e servicio ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 5 m, piso de saburra compactada e dotados de foxos para a recolla e evacuación de augas pluviais, labores de cimentación dos aeroxeradores e a escavación duns 5.600 m de gabias para conducción de cables, cun largo máximo de 60 cm. A duración estimada da fase de obras é de oito (8) meses.

O proxecto contempla tamén a construcción dunha subestación transformadora de tensión 30/132 kV e un edificio de control anexo, de dous andares, que contará con zona dedicada a reparacións diversas, almacén e servicios.

A evacuación da enerxía eléctrica producida no parque realizarase a través dunha liña aérea a 132 V, obxecto de proxecto independente segundo se indica no estudio ambiental.

Medidas preventivas e correctoras.

Sobre a atmosfera.

-Rega periódica das superficies afectadas polo paso de maquinaria, para evita-lo levantamento de po.

-As pistas de acceso e servicio acondicionaranse aproveitando as xa existentes.

Sobre a xeomorfoloxía.

-As liñas de aeroxeradores, as pistas e as gabias para cables non afectarán os afloramentos rochosos.

-Balizamento dos puntos de interese con fita visible para evitar calquera afección en circunstancias excepcionais.

Sobre a flora, fauna, vexetación e hábitats.

-Balizamento das zonas onde existan especies vexetais de interese ou exemplares valiosos da flora propia da zona.

-Manterase unha distancia de protección duns 15 m arredor das tres pozas localizadas na área do parque, procedendo ó seu balizamento.

-A disposición dos aeroxeradores realizarase tentando evitar ó máximo a afección a áreas de interese faunístico presentes na zona.

-Evitarase que as obras coincidan co período crítico de reproducción das aves, especialmente no caso de aves de rapiña.

Sobre a paisaxe.

-As dimensións das pistas e plataformas de montaxe axustaranse ó mínimo necesario, co fin de minimiza-lo impacto paisaxístico e reduci-los labores de restauración.

-Aproveitaranse as pistas e estradas existentes como vías de comunicación.

-Evitarase afectar pozas e pequenos cursos de auga temporais.

-Os materiais procedentes das escavacións das bases dos aeroxeradores empregaranse na selaxe destas, no piso das pistas e nas plataformas de montaxe.

-Calquera sobrante de escavacións, agás a terra vexetal, trasladarase ó vertedoiro controlado de residuos inertes máis próximo. Non se abandonarán sobrantes nas inmediacións do parque eólico.

-O edificio de control adecuarase á tipoloxía constructiva da zona.

-Instalación de pantallas visuais na subestación, constituídas por arboredo de crecemento rápido ou material vexetal no cerramento exterior.

-Os cambios de aceite e lavado de maquinaria efectuaranse en zonas específicas afastadas de leitos e cursos de auga, onde non exista risco de contaminación.

-Restauración da cuberta vexetal orixinal, retirando previamente a terra vexetal, que será correctamente amoreada. Descompactación do terreo mediante escarificación.

-Retirada de cadáveres de animais de certo tamaño para evita-la atracción de necrófagos.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental, cos seguintes condicionantes que se incluirán na correspondente declaración ambiental:

1. Co obxectivo de evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previamento ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

3. Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

5. Tal e como se establece no artigo 63.2º da Lei 8/1998, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos descritos máis arriba financiaranse con cargo á execución do proxecto.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que, despois dunha breve

descrición do proxecto avaliado, efectúa as seguintes consideracións:

As instalacións e infraestructuras previstas encrávanse ó oeste da proposta de LIC denominada Serra do Xistral. Este espacio atópase, na actualidade, no rexistro xeral de espacios naturais en réxime de protección xeral, establecido así na Orde do 7 de xuño de 2001.

O proxecto, en caso de executarse, xerará unha afección a algunhas das formacións vexetais e hábitats que serviron para incluí-lo espacio no citado rexistro. Afección que se produce como consecuencia da ocupación do solo con elementos permanentes (zapatas dos aeroxeradores, gabias para cables, pistas...). En concreto, e de acordo co estudio presentado, o hábitat prioritario maiormente afectado corresponderíase cos queirogais húmidos atlánticos meridionais con Erica ciliaris e Erica tetralix; podendo identifica-las instalacións e infraestructuras que os afectan a través dos aeroxeradores que se distribúen sobre estes queirogais (do M-1 ó M-6, M-8 ó M-31 e do M-35 ó M-37), ademais, a subestación tamén afectaría este hábitat (obsérvense os mapas do estudio ambiental).

En todo caso, os aeroxeradores deberán distribuírse sobre as áreas máis degradadas, de forma que non se comprometa o mantemento ou restablecemento dos hábitats referidos nun estado de conservación favorable. Conservación que reviste unha maior fraxilidade naqueles hábitats ligados fortemente á dinámica hídrica, como son os hábitats turbófilos e higroturbófilos (queirogais húmidos).

Así mesmo, no estudio ambiental identificaronse especies de interese comunitario e prioritario, Narcissus cyclamineus e Narcissus triandrus. É oportuno lembrar que non se pode compromete-la persistencia dos exemplares destas especies.

Por outro lado, hai unha serie de aves de elevado valor ecolóxico, así recoñecido en diversas lexislacións tanto nacionais como en directivas europeas. Estas aves, como consecuencia da situación con proxecto, sofren unha posible afección traducible nunha mingua das súas poboacións ou mesmo na súa desaparición, a afección que pode ser debida ó efecto baleiro do parque, á colisión das aves cos aeroxeradores e á colisión ou electrocución coa liña de alta tensión (non recollida no estudio). É destacable que o hábitat prioritario presente na área é dos máis importantes para a conservación das aves, dentro delas as anteriores.

En relación coa documentación presentada, fanse as seguintes observacións:

1. A documentación entregada presenta pouca concreción no que atinxe ás infraestructuras viarias. Tal é así que non se refiren cales son as pistas de nova execución, as pistas que se van acondicionar, nin aquelas que só se van a usar nas condicións actuais. De acordo con estas carencias e indeterminacións faise necesaria a adopción dos seguintes puntos:

-Indicación de pistas, de nova execución, pistas que se van acondicionar e pistas que van ser usadas durante a instalación/explotación sen por isto sufrir modificacións.

-Relativizar as pistas cos elementos inventariados no medio, vexetación e rede hidrográfica fundamentalmente.

-Indicación das pistas que queden inutilizables unha vez rematada a execución do parque, indicando con idoneidade técnica a restauración, rehabilitación ou reforma prevista.

-Tamén serán postas de manifesto as condicións da restauración, rehabilitación ou reforma prevista para o conxunto das pistas unha vez rematada a súa explotación.

De tódolos modos, estímase que a omisión destes elementos se debe á falta dun rótulo que os identifique, pois presumiblemente se corresponden con algúns dos trazos representados nos distintos planos.

2. Non só os planos de pistas carecen de rótulo, senón que tamén nos atopamos con outra serie de planos sen rótulo, como por exemplo planta xeral parque, restauración e revexetación de solos, restauración e revexetación de solos (fase de abandono).

3. Na documentación fornecida identifícanse na área de estudio tres hábitats dos tipificados como prioritarios; sen embargo, no plano «Vexetación» o único que se localiza son os queirogais húmidos atlánticos meridionais con Erica ciliaris e Erica tetralix.

Entendemos, por tanto, que ben que se identificaron os outros hábitats prioritarios na área de estudio, non se ven afectados polas instalacións e infraestructuras previstas. En calquera caso, é de interese que se localicen no plano de vexetación os outros hábitats prioritarios e de interese comunitario identificados, subliñando as afeccións xeradas polo parque.

4. Outro aspecto relevante que non se considera no estudio, é o relativo ó trazado e afección da liña de evacuación da enerxía xerada. Debemos ter en conta que a consideración en dúas fases minimiza os posibles efectos sinérxicos negativos, distorsionándose a información do estudio. Outros aspectos xeradores de sinerxias non considerados no estudio ambiental son a presencia na área de máis proxectos de parques eólicos e liñas de alta tensión.

Estas sinerxias son especialmente relevantes no caso da determinación da súa influencia sobre a poboación de aves. O enfoque do plan vai presentar unha distorsión de grande importancia de non incluí-los efectos sinérxicos que introduce a presencia na área de máis parques eólicos contiguos así como da necesidade de implementar unha liña de alta tensión para a evacuación da enerxía, ademais das xa existentes ou previstas na área. A consideración dos efectos sinérxicos na zona estímase de todo punto viable ademais de fundamental para reduci-los erros nos resultados finais.

5. Á vista do plan de vixilancia da avifauna, considérase axeitado o enfoque de obxectivos, así como o método para acada-los. Sen embargo, cóidase de interese que se incorporen as seguintes propostas:

a) Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos (debe establecerse a priori).

b) Presentación, e de forma explícita, dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (cartografía); factores de corrección; desenvolvemento estatístico... En resumo, todo o contido analítico e conceptual debidamente desenvolvido para a obtención dos referidos resultados.

c) O parque eólico pode ocasionar unha mortandade de aves despreciable durante moitos anos, e pode provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortandade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Por conseguinte, poderíase argumentar que non poden cuantificarse taxas de mortandade específicas, salvo despois de moitas décadas de estudio exhaustivo.

Isto leva a propoñer que o plan debe formularse para que se superpoña en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil.

Estímase, por conseguinte, insuficiente o prazo de dous anos que se propón no estudio ambiental.

d) Determinación de limiares de alerta. Estes limiares débense establecer cunha metodoloxía rigorosa, explícita, susceptible de comparación e cos criterios máis cuantitativos posibles, ademais dos cualitativos. Ademais, a determinación destes limiares debe servir para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

e) En definitiva deberíanse integra-lo conxunto dos plans de vixilancia, ben como os resultados e medidas desprendidas destes, nun plan xeral que abranga o conxunto dos parques e liñas de alta tensión da Serra do Xistral. Xustificámo-la viabilidade e necesidade desta proposta por:

-Tratarse dun espacio con hábitats fundamentais para as aves cunha diversidade destacable de paxaros.

-A integración nun plan xenérico, de estar ben formulado, debe reduci-los custos finais.

-E, por último e non por isto menos importante, todo o contrario, os resultados finais presentarán unha calidade moi superior podendo por tanto determinar medidas moito mais rigorosas con base nestes.

6. A pesar de ser un tema tratado con suficiencia no estudio ambiental, non estimamos de máis lem

bra-los puntos seguintes dado o seu interese medioambiental:

Respectaranse os leitos dos cursos naturais susceptibles de seren afectados polas obras, de xeito que quede garantido o réxime de caudais; ademais, nas seccións directamente implicadas (paso dunha pista...), certificarase que o fluxo hídrico manteña as condicións actuais de velocidade, para o que se establecerán as infraestructuras que sexan precisas.

Evitarase a vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga (cemento, entullo, aceites...). En xeral non poderá verse afectada a calidade das augas nas súas características físico-químicas e bióticas, cumprindo para isto o considerado na lexislación vixente. En relación co tema terase en conta:

-Non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume terra, entullo, material sobrante da construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por escorregas ou enchentes do caudal.

-Evitarase no posible o arrastre de sólidos en suspensión.

-Prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos ríos ou regatos.

-Vixiarase con especial atención os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes das pistas, tomándose as medidas oportunas para soluciona-las posibles imprevisións durante a planificación ou execución, facendo un seguimento periódico no plan de vixilancia e durante a vida do parque.

Subliña-la necesidade de non efectuar ningún tipo de actuación nos leitos dos regatos existentes na parcela, nin nas súas zonas de servidume e policía sen a previa autorización do organismo da bacía. No caso de que esta afección atinxa ós ecosistemas fluviais, requirirase informe preceptivo desta dirección xeral segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997.

7. Na área de actuación están previstas varias limpezas de mato e posibles cortas de vexetación arbórea. Nestas actuacións débense esmera-las precaucións para non afecta-los valores naturais que están protexidos pola lexislación vixente. No caso de se detectar algún destes elementos, procederase a súa delimitación, así como á adopción das medidas precisas para garanti-la súa preservación. Un caso concreto para a aplicación das premisas anteriores témolo para os exemplares de Narcissus cyclamineus e Narcissus triandrus presentes na área de estudio.

Estas actuacións van xerar unha serie de residuos forestais que deben ser xestionados de maneira precisa, de forma que se recomenda a valorización dos restos de corta empregando métodos de trituración e esparexemento homoxéneo, por permitiren unha rápida incorporación ó solo, diminuí-las posibilidades de incendio, así como riscos de ataques de pragas e enfermidades. En ningún caso se procederá ó soterramento dos restos triturados, xa que isto pode constituír, pola súa vez, un foco importante de enfermidades.

Lémbrese que no caso de ser precisa a corta de arboredo, debe terse en conta o seguinte:

-Onde se pretenda efectuar cortas de especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, co que se terá que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

-No suposto de afectarse a vexetación de ribeira, terase que solicitar a correspondente autorización ó servicio provincial de MAN tal como establece o regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

8. Non se poderán depositar nin acumular na área do parque nin en terreos anexos ningún tipo de refugallos sólidos. No caso de empregarse canteiras abandonadas ou outros lugares de amoreamento, debe indicarse cales, ademais de cómo se pensan depositar e que actuacións se implementarán para acondicionar estas zonas unha vez rematado o depósito de xeito que se consiga unha boa integración no medio. En calquera caso, tanto os residuos producidos na fase de construcción como os que proveñan dos labores de mantemento ou outros deberanse recoller e xestionar conforme a súa natureza e de acordo co establecido na lexislación vixente.

9. As medidas correctoras e protectoras deben quedar definidas a nivel executable, incluíndose nos correspondentes cronogramas e programándose dentro do plan de obra, tendo en conta que a integración ambiental non é un tema menor subordinado á funcionalidade da obra, antes ben o medio é anterior á actuación e é esta a que debe subordinarse a aquel. Así mesmo, deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

10. Con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante a implantación e execución do proxecto deberanse efectua-los controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos. No momento en que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifica adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de produciren a devandita afección, en canto o organismo competente non se pronuncie. Dentro destas afeccións deben ser obxecto de especial atención as dirixidas sobre especies ou ecosistemas que conteñan figuras de protección.

Para o cumprimento dos obxectivos expostos, deberanse incluír no plan de seguimento e vixilancia os medios precisos para a súa execución. Medios que pasan fundamentalmente por un seguimento efectuado por profesionais especializados e capacitados, tanto para a detección destes elementos de especial interese como do potencial impacto que sobre eles poida recaer, así como as medidas a aplicar para evitalos.

No caso de estima-la execución do proxecto, cóidase de interese a consideración dos puntos do informe con vistas a unha maior integración da actividade no medio.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística do proxecto, que inclúe os seguintes epígrafes: localización e antecedentes, descrición das instalacións propostas, valoración da incidencia turístico-ambiental e principios normativos nos que se base o informe.

Nas conclusións finais indican que non se considera que esta iniciativa incremente de modo considerable a degradación paisaxística existente, polo que non se valora negativamente.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental, que inclúe os seguintes epígrafes:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite un informe que inclúe a descrición das unidades de coñecemento na zona do parque e un resumo das características básicas do proxecto avaliado, acompañado do seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles, no caso de estes se produciren, prohibíndose o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos regos afectados.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que despois da construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico a entender desta área sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento da proposta do

Plano Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices, en tódolos aqueles aspectos que o atinxan.

Se con motivo da realización dalgún acceso ou pista con gabia para cables se produce algún cruzamento cun curso fluvial, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo o establece o R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985, modificada parcialmente pola Lei 46/1999, do 13 de setembro.

En definitiva, este servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce alteracións importantes en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas neste informe.

Non obstante, faise indispensable unha correcta execución das pistas, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes.

No caso de que, como consecuencia da construcción ou explotación deste parque eólico, se producisen verteduras ou captacións de auga da rede hidrolóxica, ou cruzamentos coa rede fluvial, será obrigatoria a obtención, por parte do explotador, das preceptivas autorizacións de captación ou vertedura, que se tramitarán, en aplicación a lexislación vixente, ante o organismo Augas de Galicia.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Víctor Castro Pico, en nome e representación da comunidade hereditaria de Víctor Castro Vérez alega cuestións referidas á protecciónn da rede hidrolóxica na área do parque e indica que debería emitirse informe sobre o proxecto por parte de Augas de Galicia.

Rafael Corral Bellas, en representación do grupo ecoloxista Guerrilleiros das Fragas, considera que o plan sectorial eólico de Galicia ten grandes deficiencias en materia de protección ambiental, e que o presente parque constitúe un exemplo máis, situándose ademais no espacio natural da Serra do Xistral. Os impactos do parque eólico non son asumibles por producírense nunha zona de alto valor ecolóxico, moi preto da localidade das Pontes e moi castigada xa polos parques eólicos.

Apunta cuestións relativas ó estudio ambiental, indicando que non está claro se o parque contará con iluminación nocturna permanente ademais das indicadas polas normas de aviación civil; considera que non debería contar con ningún tipo de iluminación nocturna agás a anterior, polo alto grao de accidentalidade para a avifauna insectívora. No plan de restauración contémplase a plantación de biduei-

ros, solicitando que sexan substituídos por unha árbore de crecemento lento, como carballos ou castiñeiros. No plan de seguimento de ruídos, solicitan que sexa incluído o núcleo das Pontes, que está a pouco máis de 2 quilómetros do parque. O parque producirá un alto impacto paisaxístico, xa que ata 28 aeroxeradores serán visibles desde As Pontes. Achan de menos un estudio dos efectos electromagnéticos no medio. O custo dos terreos, un 1% dos ingresos, non contribúe ó desenvolvemento económico da área afectada.

José Manuel Liaño Flores, en representación de Josefa Hermida García e Pilar Ameneiro Hermida, alega cuestións referidas á titularidade dos predios, erros nos planos parcelarios, cambio de uso do solo, producción de ruído, perturbación da vida animal, obstáculos ó desenvolvemento forestal e alteración notoria da paisaxe, aumentada pola presencia de máis proxectos na zona. Non se respectan as áreas de cautela sobre o patrimonio cultural. Non está desmostrado que cos beneficios da producción de enerxía se compensen os danos producidos, polo que non se xustifica a declaración de utilidade pública do proxecto.