Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 02 de xullo de 2002 Páx. 10.256

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 223/2002, do 13 de xuño, polo que se modifica o Decreto 341/1998, do 12 de novembro, polo que se regula a composición e funcionamento dos órganos colexiados na área das drogodependencias.

Con anterioridade á promulgación da Lei de Galicia sobre drogas, polo Decreto 174/1994, do 2 de xuño, de órganos colexiados de coordinación en materia de drogodependencias, creábanse a Comisión de Coordinación Interconsellerías, Interadministracións Públicas e de Coordinación con Organizacións non Gobernamentais, comisións que tiveron como antecedente a Comisión Galega de Prevención e Loita contra a Drogodependencia, creada polo Decreto 81/1985, do 21 de marzo.

Cómpre recordar tamén a existencia da Comisión Tripartita de Prevención e Integración de Drogodependentes, creada polo Decreto 218/1993, do 24 de setembro.

O Decreto 341/1998, do 12 de novembro, polo que se regula a composición e funcionamento dos órganos colexiados na área das drogodependencias puxo fin á dispersión normativa existente na regulación dos órganos que actuaban no campo das drogodependencias.

Parece oportuno optar polo mantemento dos citados órganos colexiados, dado que aínda constitúen vehículos adecuados de comunicación dos intereses dos distintos colectivos, se ben con algunha modificación na súa estructura e funcións para adecualos ós cambios acontecidos na estructura orgánica da Xunta de Galicia polo Decreto 310/2001, do 17 de decembo (DOG nº 243, do 18 de decembro) que estableceu a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e polo Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, que estableceu a estructura orgánica da Consellería de Sanidade (DOG nº 37, do 20 de febreiro).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O artigo 2 queda redactado como segue:

Composición.

1. A Comisión de Coordinación Interconsellerías estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente: o conselleiro de Sanidade.

b) Vicepresidente 1º: o secretario xeral da Consellería de Sanidade.

c) Vicepresidente 2º: o comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas

d) Vocais:

-Un representante da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

-Un representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un representante da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Un representante da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Un representante da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-Un representante da Consellería de Asuntos Sociais.

-Un representante da Academia Galega de Seguridade.

-Un representante do Servicio Galego de Saúde.

e) Secretario: un funcionario do grupo A da Administración autonómica que designará o presidente da comisión.

2. Os vocais da comisión serán designados polos conselleiros e directores dos organismos autónomos respectivos e deberán te-lo nivel de director xeral.

Artigo 2º

O artigo 3 punto f), queda redactado como segue:

Emitir informe sobre a concesión, suspensión ou retirada de axudas e subvencións da Xunta de Galicia a persoas físicas ou xurídicas que, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, desenvolvan actividades de prevención, asistencia ou incorporación social dos afectados pola drogodependencia, así como actividades de formación ou investigación na materia.

Artigo 3º

Suprímese o punto h) do artigo 3.

Artigo 4º

O punto c) do artigo 10 quedará redactado como segue:

Vocais:

-Un representante da División de Farmacia e Productos Sanitarios do Servicio Galego de Saúde.

-Un inspector farmacéutico designado pola secretaría xeral por proposta da Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade.

-O xefe do servicio do rexistro de autorización de actividades e centros, da Consellería de Sanidade.

-Un representante da Administración central designado pola Delegación do Goberno en Galicia.

-Dous directores de Unidades Asistenciais de Drogodependencias (UAD) designados polo presidente da comisión.

Artigo 5º

Os artigos 11.5º e 11.7º quedarían como segue:

Artigo 11.5º

Da-lo visto e prace, no caso de petición do centro autorizado correspondente, ós tratamentos que se prescriban no marco do Real decreto 75/1990, do 19 de xaneiro, polo que se regulan os tratamentos con opiáceos de persoas dependentes deles, modificado polo Real decreto 5/1996, do 15 de xaneiro e desenvolvido pola Orde do 15 de maio de 2000 pola que se aproba o procedemento de acreditación administrativa para o desenvolvemento de actividades de mantemento con substancias opiáceas.

Artigo 11.7º

Solicitar dos centros ou servicios acreditados a información mínima establecida no artigo 10 do Real decreto 75/1990, do 19 de xaneiro, así como toda aquela que se considere necesaria tanto pola súa parte como por parte da Consellería de Sanidade segundo o previsto no artigo 13.1º c) da Orde do 15 de maio de 2000.

Artigo 6º

Modifícase o artigo 15, que quedan redactado como segue:

A composición da Comisión Tripartita para o Desenvolvemento do Programa de Intervención en Drogodependencias no ámbito laboral será a seguinte:

a) Presidente: o secretario xeral da Consellería de Sanidade ou persoa en quen delegue.

b) Vicepresidente: o comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

a) Vocais:

1. Un representante da Dirección Xeral de Formación e Emprego, en representación da Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Un representante da Dirección Xeral de Relacións Laborais, en representación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

3. Un representante da Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social, en representación da Consellería de Asuntos Sociais.

4. Tres representantes das organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma.

d) Secretario: un funcionario do grupo A da oficina do comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, elixido polo seu secretario xeral, que actuará con voz pero sen voto.

Disposición adicional

As referencias que no anterior texto do decreto se facían á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais agora débense entender feitas á Consellería de Sanidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para dicta-las disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade