Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 02 de xullo de 2002 Páx. 10.256

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de xuño de 2002 pola que se modifica a do 13 de abril de 1993 (Diario Oficial de Galicia do 23) que establece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá nos centros de educación infantil, educación primaria e educación xeral básica.

Por Orde do 13 de abril de 1993, DOG do 23, regulouse o procedemento para a implantación da xornada lectiva única nos centros de educación infantil, primaria e xeral básica, no ámbito da Comunidad Autónoma de Galicia. Posteriormente, ese procedemento de autorización ampliouse ós centros públicos integrados, mediante a Orde do 25 de xaneiro de 1999, DOG do 27.

Dada a experiencia adquirida, e co obxecto de racionaliza-lo procedemento de solicitude da autorización administrativa para implanta-la xornada lectiva en sesión única de mañá, parece máis oportuno e eficaz que os centros docentes, con carácter previo ás demais actuacións, obteñan a conformidade inicial da autoridade administrativa competente nesta materia. Situación que implica a inversión dos trámites necesarios para obte-la autorización correspondente da Administración educativa, e que conduce á necesidade de modifica-lo punto 1º da Orde do 13 de abril de 1993.

En consecuencia, esta consellería, en virtude do previsto no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo único.-Modifícase o punto 1º da Orde do 13 de abril de 1993, DOG do 23, pola que se establece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá nos centros de educación infantil, educación primaria e educación xeral básica, que queda redactado co seguinte texto:

1. Os centros de educación infantil, de primaria e os centros públicos integrados poderán solicita-la autorización da implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá, sempre que reúnan as seguintes condicións, que serán preceptivas para a concesión da autorización:

a) Inicialmente, de conformidade expresa da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sobre os termos que figuran no parágrafo segundo do punto 6º da Orde do 13 de abril de 1993, logo da oportuna solicitude do centro cos requisitos que se expresan nos puntos

2º e 3º da mesma disposición, e dos acordos favorables do claustro de profesores e do consello escolar do centro, adoptados polos dous tercios dos seus integrantes, respectivamente.

b) Posteriormente, acordo favorable dos dous tercios do total do censo de pais ou titores legais dos alumnos. Para efectos deste censo, e votación, computarase unicamente un só membro.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria