Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 01 de xullo de 2002 Páx. 10.228

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de L.A.T. a 220 kV D.C. subestación de Pazos-L.A.T.Atios/Mos. Modificado número 1, nos concellos de Pazos de Borbén, Redondela e Mos (Pontevedra), promovido pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental, para Galicia, faise pública a Resolución do 18 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que

se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de L.A.T. 220 kV D.C. subestación de Pazos-L.A.T.Atios/Mos Modificado nº 1, nos concellos de Pazos de Borbén, Redondela e Mos (Pontevedra), promovido pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proyecto L.A.T. 220 kV D.C. sub. Pazos-L.A.T. Atios/Mos. Modificado nº 1. Octubre 2001.

-Estudio de impacto ambiental. Línea de alta tensión 220 kV D.C. Sub de Pazos-L.A.T. Atios/Mos. Junio 2001.

-Estudio de impacto ambiental. Modificado nº 1. Línea de alta tensión 220 kV D.C. Sub de Pazos-LAT Atios/Mos. Octubre 2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación presentada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación avaliada e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica de alta tensión (220 kV), con partida proxectada na subestación de Pazos de Borbén e remate no vao 42-43 da L.A.T. 132 kV Atios/Mos, cunha lonxitude total de 8.676 m, con apoios metálicos de celosía sobre zapatas de formigón, con illadores, conductores eléctricos de terra e fibra óptica.

A traza discorrerá polos concellos de Pazos de Borbén, Redondela e Mos, na provincia de Pontevedra, segundo o plano L.A.T. 220 kV D.C. Sub. Pazos-L.A.T. Atios/Mos. Modificado nº 1. Localización. Codigo: 99094-02 do proxecto L.A.T. 220 kV D.C. sub. Pazos-L.A.T. Atios/Mos. Modificado nº 1. Outubro 2001, sendo as coordenadas UTM dos apoios as que se recollen a continuación:

Nº apoioUTM XUTM Y

0533848,53774679231,0423

1533814,00244679225,8395

2533713,52734679044,5739

Nº apoioUTM XUTM Y

3533573,52684678792,0022

4533500,73824678631,5802

5533400,40374678410,4487

6533422,04634678120,9869

7533445,41964677808,3770

8533486,68074677726,1752

9533688,34214677324,5762

10533770,82124677160,3230

11533853,68624676995,3013

12534119,09614676667,5612

13534187,68974676511,1314

14534436,79714675919,6420

15534535,44284675688,2423

16534616,23144675498,7309

17534674,48774675364,7414

18534714,34934675205,3858

19534604,35584674648,6797

20534572,30954674466,8315

21534548,37784674356,0419

22534528,80694674233,1579

23534404,61254673542,9315

24534425,35404673324,6478

25534461,84924673016,2104

26534360,29594672663,7825

27534394,62194672338,9927

28534442,68924671972,1367

29534374,88324671694,9300

30534329,48154671526,8742

31534253,02764671243,9017

32534273,48734671122,1149

42 bis534281,69044671073,2805

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Co fin de diminuí-la emisión de po á atmosfera, que se pode producir pola construcción dos viais de acceso e polos labores de escavación para a cimentación dos apoios, procederase, en períodos de seca, á humectación das zonas onde se estean realizando estes traballos, especialmente nas zonas poboadas e nas que teñan vexetación de interese, segundo o indicado no estudio ambiental.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, as ordenanzas municipais establecidas ó respecto.

Para tal fin, realizarase unha proposta para o seguimento do nivel de ruído, tendo en conta as poboacións máis próximas, durante a fase de obra da L.A.T., de acordo co requirido no punto 11.2 da DIA.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización de Confederación Hidrográfica do Norte,

segundo se establece no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, axustándose ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa. Se é o caso, solicitarase a autorización de captación de auga para o seu uso no edificio de control.

Nos terreos próximos ós cursos de auga, instalaranse mallas ou outros dispositivos para evita-la escorrega, co fin de evita-la incorporación de sólidos ás augas.

Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este, necesariamente, será provisto desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

4. Protección do solo.

Realizarase unha delimitación das zonas de obra, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente previstos. A circulación de maquinaria restrinxirase ós viais.

Aproveitarase ó máximo á rede de camiños xa existentes, co fin de minimiza-la construcción de novos tramos de acceso, segundo o indicado no EIA.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terrapléns. No caso de que se produzan sobrantes de terras, estes deberán ser levados a lugar autorizado por órgano competente, segundo o indicado no EIA.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo, durante os labores de escavación e execución de acesos, será retirada e amoreada en moreas coas seguintes características, dependendo do seu uso final:

-No caso de reutilizala na restauración, os amoreamentos non superarán os dous metros de altura.

-No caso de abandono, a altura máxima permitida destes amoreamentos será de 50 cm e a revexetación deberá ser inmediata.

Os lugares de amoreamento de terra vexetal estarán fóra do tránsito da maquinaria, para evita-la súa compactación, de tal xeito que non perda a súa calidade e poida ser empregada posteriormente nas accións de recuperación. No caso de que pasen máis de seis meses deberán airearse. Así mesmo, a zona de localización debe ter pendentes suaves e escaso valor ambiental.

Nos terreos de forte pendente utilizaranse apoios con patas desiguais co fin de minimiza-lo terreo afectado polas escavacións.

5. Xestión de residuos.

Os labores de mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais que poidan afecta-los cursos de auga. No caso de ter que realizar algún tipo de mantemento ou reparación de maquinaria na zona

de obras, deberá ser obrigatoriamente no espacio dedicado para tal fin, segundo se indica no EIA.

Tódolos residuos xerados durante a fase de construcción, lixo, entullos, así como os materiais sobrantes de obra, serán xestionados de acordo coa súa natureza e retirados cando esta finalice, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Neste senso, primarase a reutilización ou reciclaxe fronte á vertedura. Ó finaliza-las obras a zona debe quedar totalmente limpa.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, tendo en conta a presencia na zona de especies de gran valor ecolóxico (en especial as aves rapaces) que poden verse afectadas pola liña, tomaranse as medidas protectoras necesarias para minimiza-lo risco de electrocución e colisión, debendo instalar salvapaxaros nas zonas propostas polo promotor. As medidas antielectrocución deberán axustarse o estipulado no artigo 11 do Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán somete-las instalacións eléctricas de distribución.

Levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudio ambiental, co fin de comprobar se se producen colisións e/ou electrocucións de aves cos cables do tendido, observando en que zonas se producen e que especies son afectadas, que deberá ser completado de acordo co requirido no punto 11.5 da DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Conservación da Natureza, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse á súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo e diminuí-lo risco de incendios forestais.

Tódolos terreos afectados, deteriorados ou deforestados pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de viais e foxos) deberán ser recuperados mediante revexetación, que restitúa as condicións previas ó inicio das obras e favoreza a reinstalación da vexetación orixinal, polo que se deberá presentar un proxecto de revexetación de tódalas zonas afectadas polas obras, segundo o requirido no punto 11.4 da DIA.

Aqueles viais que non vaian ser empregados durante a fase de funcionamento da liña deberanse definir e reintegrar na paisaxe, revexetándoos en toda a súa extensión.

Co fin de evita-la afección a vexetación de ribeira deberanse adopta-las seguintes medidas:

-Sobreelevación dos apoios. Isto leva a unha diminución do largo da rúa así como a posibilidade de manter unha maior densidade e diversidade de flora. En todo caso debe tenderse á conservación íntegra do ecosistema existente, e en caso de estar degradado, procederase á súa restauración.

-Cortas selectivas. Estas cortas deben estar enfocadas solo a pés de grande tamaño e que non repercutan de maneira significativa no medio. En todo caso deberá vixiarse e fomentarse a diversidade, mantendo os pes de especies sobresaíntes mentres non sexan incompatibles coa liña.

-Separación de apoios. Maximizarase a distancia dos apoios dos cursos fluviais, para afecta-lo menos posible á vexetación de ribeira.

7. Protección dos valores arqueolóxicos.

Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

Tal e como se considera no artigo 63.2º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos descritos financiaranse con cargo á execución do proxecto.

8. Protección dos valores paisaxísticos.

O conxunto de elementos que configuran a liña, principalmente os viais de acceso de nova creación, os noiros e os terrapléns, deberán integrarse na paisaxe.

Os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico existentes na zona deberán ser respectados. Se isto levase consigo o desvío dalgunha infraestructura ou instalación, haberá que aterse ó indicado no punto 13.4 desta DIA.

9. Outras medidas.

No referente ó cruzamento entre liñas, atenderase ó disposto no Decreto 3151/1968, do 23 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión (BOE nº 311, do 27 de decembro de 1968) e a súa corrección de erros (BOE nº 58, do 8 de marzo de 1969).

10. Fase de abandono.

Ó longo da fase de abandono, unha vez rematada a vida útil da liña de alta tensión, procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada dos apoios, retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos eles a xestor autorizado para a súa correcta eliminación e/ou reciclaxe. Así mesmo, restauraranse os accesos creados para uso exclusivo da liña.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta Dirección Xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Plano en planta e dotado de coordenadas UTM, a escala 1/10.000 ou maior detalle, no que se reflicta:

-Traza da L.A.T., indicando puntos de orixe e fin e numeración dos apoios.

-Viais, diferenciando os preexistentes dos de nova creación.

-A localización dos acopios de terra vexetal.

-Delimitación das zonas de obra.

-Elementos patrimoniais xunto coas súas áreas de exclusión e cautela.

-Vexetación actual.

11.2. Proposta de seguimento do nivel de ruído para a fase de obra, tendo en conta os núcleos de poboación máis próximos, segundo o requirido no punto 2.2 da DIA. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade.

11.3. Estudio de detalle da proposta do plan de traballo previsto pola empresa contratada, no que se inclúa a localización de tódalas infraestructuras da liña eléctrica e os límites das zonas de obra. Describirase o percorrido dos viais, diferenciando os de nova creación dos xa existentes, e incluirase a localización dos apoios en coordenadas UTM.

11.4. Plan de restauración das zonas afectas polos movementos de terras, especificando a contía das superficies que se van restaurar, as especies e densidades que se van empregar, a maquinaria, a planificación, o calendario de actuacións e orzamento (integrado por cadro de prezos unitario, auxiliares,

medicións e descompostos, orzamento de execución material e orzamento por contrata).

11.5. Addenda ó plan de seguimento da incidencia da L.A.T. sobre a avifauna, completando os seguintes aspectos:

-Caracterización cualitativa e cuantitativa da avifauna na área de influencia da L.A.T., baseada en traballo de campo, independentemente da información bibliográfica que se poida achegar ó respecto. Deberá caracterizarse, con base nas sucesivas campañas, a avifauna nidificante, en paso migratorio, sedentaria e invernante, describindo a metodoloxía que se van empregar nesta caracterización. Consideranse así mesmo metodoloxías específicas para a caracterización da comunidade de aves rapaces, tanto diúrnas como nocturnas, baseadas en censos e estacións de observación e escoita. Mapificación dos itinerarios de censo, puntos de observación e escoita, áreas de campeo e nidificación, especialmente das aves rapaces e especies protexidas e uso do espacio pola avifauna, relativizándoos coas infraestructuras proxectadas. Indicarase a frecuencia de tódolos censos e controis que se van efectuar. Caracterización do paso migratorio e movementos de aves na área afectada, achegando información sobre

as especies e tipoloxía do paso, nº de aves, períodos de paso, altura do voo, traxectoria e sentido dos movementos. Caracterización do uso do espacio polas aves rapaces.

-Valoración da vulnerabilidade da avifauna á construcción e funcionamento da L.A.T., en función dos resultados das campañas anteriores e da topografía da zona. O plan de seguimento deberá valora-la singularidade e valor ecolóxico das especies detectadas, incidindo naquelas máis susceptibles de ser afectadas e as que presentan figuras de protección.

-Metodoloxía para o seguimento da incidencia da L.A.T. sobre a avifauna, na fase de funcionamento, detallando os controis que se van efectuar e a súa frecuencia, posibles molestias, caracterización do comportamento das aves ante a L.A.T. e detección de morte por colisión e electrocución. No referente á busca de aves accidentadas por colisión e electrocución, describirase con detalle a metodoloxía que se van empregar na selección e posterior revisión dos transectos en cada visita, tendo en conta as características da L.A.T., a súa posición topográfica, posible interferencia coas rutas de paso de aves ou áreas de campeo e nidificación. Incluirase unha valoración da distorsión que pode introducir nos resultados das campañas e na estimación de índices de colisión e electrocución o diferente esforzo de mostraxe realizado, condicións climatolóxicas durante as mostraxes, detectabilidade e desaparición dos cadáveres por necrófagos, así como os factores de corrección que se van introducir

para corrixir posibles desviacións. A frecuencia das visitas será como mínimo mensual, considerando unha visita quincenal nas épocas reproductoras e de paso migratorio, en función dos resultados das campañas de caracterización da avifauna, así como unha redefinición

en función dos resultados do seguimento, aumentando a frecuencia no caso de detectarse afección.

-Definición cuantitativa e cualitativa dos limiares de risco (alerta e inadmisible) por colisión e electrocución, que indiquen a necesidade de adopción de medidas protectoras ou correctoras específicas, detallando e xustificando o método para a súa determinación.

-Descrición detallada das medidas protectoras e/ou correctoras que se van adoptar, na fase de funcionamento, no caso de acada-las situacións de risco indicadas no punto anterior. Considerarase, entre outras, un incremento na frecuencia dos controis que se van efectuar. Describiranse, así mesmo, as medidas propostas para a detección de posibles impactos imprevistos, así como as medidas protectoras de aplicación inmediata ante unha situación deste tipo.

-Presentación dos resultados, describindo a estructura e contido dos informes, que constarán, como mínimo, dun punto introductorio, indicando datas e descrición das campañas efectuadas, outro cos datos e resultados obtidos e un de valoración, discusión e conclusións finais.

11.6. Documentación acreditativa de ter notificada a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.7. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez feita esta avaliación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó desenvolvemento do proxecto ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta Dirección Xeral a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma estimado de obras, que inclúa tódalas actividades que se van realizar.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración. O programa debe permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, permitindo determinar

e cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, coa periodicidade indicada, tres (3) copias da seguinte documentación:

12.2. Durante a execución das obras, presentarase:

12.2.1. Con carácter mensual:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, salientando as críticas, debéndose incluí-las medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.2.2. Con carácter trimestral:

a) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se reflicta o desenvolvemento dos traballos, recollendo así mesmo as incidencias, imprevistos e continxencias acontecidas en relación a tódolos aspectos incluídos nesta DIA. Nas fotografías deberase indica-la data e hora de toma. Así mesmo, indicarase no plano requirido no punto 12.1.2.c. o lugar onde se realizaron as fotografías.

b) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflicta o avance dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total, referida ós distintos elementos que conforman o proxecto: viais, implantación de apoios e foxos, así como unha listaxe da localización dos apoios, en coordenadas UTM.

c) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de obras, tendo en conta as poboacións máis próximas ó trazado da L.A.T.

12.3. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento da liña e presentarase un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:

a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a tódolos aspectos incluídos nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada.

b) Plano en planta, dotado de coordenadas U.T.M., a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflictan tódalas accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Reportaxe fotográfica, indicando nas fotografías a data e hora de toma, na que se recolla os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os apoios, estado dos viais de acceso e servicio á liña eléctrica, estado de limpeza da área. Así mesmo indicarase no plano requirido no punto 12.3.b. o lugar onde se realizaron as fotografías.

12.4. Informe de seguimento ambiental, de periodicidade semestral contado desde o inicio da posta en servicio, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultado do seguimento das posibles afeccións á avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 da DIA.

b) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, indicando nas fotografías a data e hora de toma, no que se recollan os resultados da aplicación do plan de recuperación de solos e vexetación requirido no punto 11.4 da DIA, incluíndo os avances no proceso de rexeneración da cuberta vexetal en tódalas zonas afectadas polas obras e aquelas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión, e, se é o caso, integración paisaxística. Así mesmom indicarase nun plano como o requirido no punto 12.2.b. o lugar onde se realizaron as fotografías.

Á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de explotación da liña, establecerase a periodicidade e contidos deste informe de seguimento ambiental.

12.5. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da L.A.T., remitirase un programa de abandono das instalacións, que conterá as accións previstas polo promotor en cumprimento do punto 10 da presente declaración de impacto ambiental.

12.6. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contado desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, enviarase informe que conteña a descrición detallada das accións que teñan carácter ambiental, especialmente no relativo a residuos perigosos, e restauración das superficies afectadas.

No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaranse inmediatamente a esta dirección xeral e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta DIA son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cun comunicado desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir no proxecto ou na restante documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó comezo das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas protectoras e correctoras para facer fronte ós posibles danos que se produzan ó medio. O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento das medidas protectoras e correctoras e plan de recuperación. Mentras non se presente axeitadamente este orzamento, como importe do aval proponse o 4% do investimento que se van realizar.

13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes se corrixan.

13.8. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar

tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia terase que someter á autorización do órgano urbanístico competente desta Administración autonómica, de acordo coa Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa formalizado este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto consiste na instalación dunha liña eléctrica de alta tensión a 220 kV, cunha lonxitude total duns 8.676 m. A liña parte da subestación de Pazos de Borbén e continúa polos concellos de Redondela e Mos ata enlazar coa liña a 132 kV Atios/Mos. Os apoios proxectados son metálicos de celosía, sobre zapatas de formigón, con illadores e conductores de electricidade de terra e fibra óptica.

As medidas protectoras e correctoras propostas no EsIA inclúen as seguintes:

-Mecánica preventiva da maquinaria utilizada para a obra.

-Limita-las operacións de carga a descarga a períodos nos que a velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h.

-Lixeira rega dos materiais en operacións de carga e descarga.

-Plan de xestión de verteduras e residuos no que se tratará de segui-la seguinte orde de xestión: minimización, reutilización, reciclaxe e vertedura.

-Estudio sobre a vexetación para a apertura e mantemento da rúa baixo a liña.

-Minimización da lonxitude de accesos.

-Minimización da intervención sobre a cuberta edáfica.

-Minimización da intervención sobre hábitats naturais de calidade.

-Traza-los accesos na dirección de mínima pendente.

-Deseño de drenaxes transversais no caso de formarse canles de escorrega.

-Restauración dos accesos que vaian ser abandonados.

-Os accesos que se manteñan durante a fase de explotación deberán ser adecuadamente valados.

-Asistencia técnica medioambiental e arqueolóxica na fase de replanteo.

-Restauración das superficies afectadas.

-Balizado de cables para evitar riscos a todo tipo de aeronaves.

-Reposición e/ou indemnización de danos.

-Instalación de salvapaxaros sinalizando os cables de terra nos vanos onde se detecten maiores riscos.

-Reducir, na medida do posible, a duración das obras e se evitarán estas nas épocas de maior afección ós ciclos vitais da fauna.

-Balizado previo dos elementos que se van protexer.

-Posta a terra para previ-los procesos electrolíticos que poderían dar lugar a riscos de corrosión.

-Información veciñal.

ANEXO II

Resultados das consultas a organismos

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite dous informes:

O primeiro sobre o documento Estudio de impacto ambiental. Liña de alta tensión 220 kV D.C. Sub de Pazos-L.A.T. Atios/Mos. Xuño 2001. E o segundo sobre o documento titulado Estudio de impacto ambiental. Modificado nº 1. Liña de alta tensión 220 kV D.C. Sub de Pazos-L.A.T. Atios/Mos. Outubro 2001, no que conclúe:

Informar favorablemente sobre o EIA do modificado nº 1 da liña de alta tensión 220 kV D.C. Sub. de Pazos-L.A.T. Atios/Mos, e acepta-las medidas correctoras do estudio de impacto sobre o patrimonio cultural, cos seguintes condicionantes que se van incluír na correspondente declaración de impacto ambiental:

1. Deberá realizarse un control de seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito da liña eléctrica. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

3. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

4. Tal e como se considera no artigo 63.2º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos descritos financiaranse con cargo á execución do proxecto.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite dous informes:

No primeiro informe, sobre o documento Estudio de impacto ambiental. Liña de alta tensión 220 kV D.C. Sub de Pazos-L.A.T. Atios/Mos. Xuño 2001 conclúe:

1. Na representación gráfica da liña pódese observar que esta vai atravesar unha serie de cursos de auga. En total contabilízanse 7 cursos, dos que son de destaca-lo Río Louro, Barranco do Porto, Rego Torroeira e o Regato da Fraga.

Os puntos da rede hidrográfica son ecotonos onde se concentran importantes elementos do medio, sendo áreas de grande fraxilidade.

O estudio ambiental se ben reflicte a existencia destes cruzamentos, apenas fai referencias ás condición en que estes se farán e en que medida van ser afectados. Entre outros, son de ter en conta os seguintes aspectos:

a) No suposto de afectarse a vexetación de ribeira terase que solicita-la correspondente autorización ó Servicio Provincial de MAN tal e como establece o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais:

-Para o aproveitamento e a utilización de calquera tipo de vexetación nas ribeiras dos ríos e das augas será precisa autorización previa do Servicio Provincial de Medio Ambiente, tal e como se preceptúa no artigo 16, da Lei de pesca fluvial e no artigo 56 do seu regulamento.

-Para a modificación da vexetación das beiras e marxes precisarase un informe do servicio provincial correspondente, tal e como se dispón no artigo 16, da Lei de pesca fluvial e no artigo 56 do seu regulamento.

Debemos lembrar que tal e como se dispón no artigo 56.1º do Regulamento de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais declárase para tódolos efectos como de interese xeral a conservación das formacións vexetais das marxes dos ríos, polo que se propón que se tomen tódalas medidas para impedi-la afección á vexetación dos numerosos regatos que atravesan a liña de alta tensión. Para isto poden adoptarse os seguintes aspectos:

-Sobreelevación dos apoios. Isto leva a unha diminución do largo da rúa, así como a posibilidade de manter unha maior densidade e diversidade de flora. En todo caso debe tenderse á conservación íntegra do ecosistema existente e, en caso de estar degradado, procederase á súa restauración.

-Cortas selectivas. Estas cortas deben estar enfocadas só a pés de gran tamaño e que non repercutan de maneira significativa no medio. En todo caso deberá vixiarse e fomentarse a diversidade, man

tendo os pés de especies sobresaíntes mentres non sexan incompatibles coa liña.

-Separación de apoios. Maximizarase a distancia dos apoios dos cursos fluviais, para afecta-lo menos posible a vexetación de ribeira.

Con independencia do anterior o estudio ambiental deberá concreta-las actuacións directas que se van provocar no ecosistema fluvial. De non describirse entenderase que estas non existirán, sendo correctos os expositivos do estudio presentado.

b) No suposto de efectuar algunha actuación nos cursos dos regatos existentes, tanto nas súas zonas de servidume e policía deberase solicitar previamente autorización ó organismo de cunca. No caso de que esta afección atinxa os ecosistemas fluviais, requirirase informe preceptivo desta dirección xeral segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997.

Desenvolvendo un pouco este punto e en relación ás nosas competencias, expoñemos:

A vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga (cementos, entullos, aceites, sólidos en suspensión...) non poderá afecta-la calidade das augas nas súas características físico-químicas e bióticas, cumprindo para iso o considerado na lexislación vixente de conformidade co disposto na Directiva 78/659/CEE, relativa á calidade das augas continentais, no Real decreto 927/1988, polo que se aproba o Regulamento da Administración pública da auga e da planificación hidrolóxica, encontrándose tamén recollido no Decreto 130/1997, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación co tema terase en conta que:

-Non se acumularán nos cursos naturais nin nas zonas de servidume, terra, entullos, material sobrante da construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por escorrentas ou crecidas do caudal.

-Evitarase no posible o arrastre de sólidos en suspensión.

-Prohíbese a lavada de materiais e utensilios nos ríos ou regatos.

-Vixiaranse con especial atención os posibles procesos erosivos tanto durante a fase de construcción como na de explotación, tomándose as medidas oportunas para solucionar posibles imprevisións durante a planificación ou execución, facendo un seguimento periódico, e durante a vida útil da liña.

Con respecto a este punto resultan fundamentalmente preocupantes os procesos contaminantes como consecuencia da erosión que se pode producir nas aperturas e mantementos de rúas. Por outra banda os procesos erosivos xeran unha perda cualitativa na fertilidade do solo. Para evitar estas perdas é necesario protexe-lo solo contra os elementos (chuvia

e vento, fundamentalmente), estimándose oportuna a adopción de medidas como:

-Mantemento de arboredo e matogueiras compatibles coas liñas.

-Completa-la cuberta vexetal en caso de ser insuficiente ou incompatible.

-Se a vexetación non cumprise cos requirimentos de protección do solo así como de amortecemento dos procesos erosivos aplicaranse medidas accesorias (aplicacións de mulches, balsas de sedimentos, barreiras de sedimentos...).

En todo caso os aspectos anteriores deben estar descritos no estudio ambiental co detalle suficiente. Enténdese que esta descrición debe permitir un perfecto replanteo, execución e mantemento.

2. O estudio ambiental, como únicos planos de descrición do medio biótico, presenta:

-Un mapa de cultivos e aproveitamentos. Este plano é anacrónico, presenta unha escala moi pequena e non describe adecuadamente as distintas unidades ecolóxicas.

-Preséntase tamén un mapa forestal, o cal presenta unha escala aínda máis pequena.

Dada a súa importancia deben presentarse planos actualizados das principais formacións e especies vexetais. A súa descritiva e representación debe atender a criterios máis ecolóxicos, non sendo válidos, en ningún caso, os agronómicos.

As principais actuacións que van afecta-las formacións vexetais podemos dividilas na apertura das rúas por onde transcorre o tendido e a apertura das pistas precisas para a colocación dos apoios.

A apertura e mantemento das rúas debe vir establecida a priori, presentándose para a súa avaliación no estudio ambiental. Dentro dos aspectos que se van considerar e desenvolver estarán os seguintes:

-Reduci-la apertura das rúas ó mínimo imprescindible, adaptando a súa largura segundo os parámetros limitantes en cada sección, sendo por tanto variable.

-Variación da altura do apoio en función da vexetación que se vai atravesar, para así mingua-lo efecto sobre esta. A variación da altura do apoio valorará fundamentalmente a altura da vexetación así como a súa importancia (xenericamente, dende un punto de vista ecolóxico, pódese estimar que as especies de crecemento rápido e alóctonas son as menos importantes).

-Establece-lo tipo de tratamento da vexetación en función do tipo de formación, cantidade e calidade (rozas, podas, cortas...). Tamén se debe establece-la periodicidade destes tratamentos.

-Ademais estableceranse os tramos que precisan dun cambio de asociación vexetal ou dun enriquecemento das existentes (ben sexa por unha baixa densidade da cuberta, ben para fomentar algunhas características da rúa).

-Establecerase o tipo de xestión que se aplicará ós restos e residuos inducidos polos labores de apertura e mantemento das rúas.

-Medidas de control e protección de especies protexidas e de interese.

No estudio fanse algunhas referencias ós aspectos anteriores, nembargantes estas son xenéricas.

No tocante ós novos accesos que sexa preciso abrir deberán de sinalarse todas aquelas pistas que sufran unha modificación ou apertura, describindo detalladamente as características que a definen, así como os parámetros do medio que son afectados.

En canto a aquelas pistas, ou trochas abertas durante a fase de execución, haberá que xustifica-la súa necesidade futura, procedendo á súa restauración en caso contrario; en todo caso para aquelas que sexa preciso o seu mantemento realizaranse os pertinentes labores de estabilización, para evitar procesos erosivos.

No estudio ambiental defírense os criterios que se seguirán para a apertura das vías. Nembargantes, gran parte destes criterios deben aparecer plasmados previamente á execución, na correspondente planificación.

3. No tocante ás rozas varias e posibles cortas de vexetación arbórea, ás que xa se fixo referencia nos puntos anteriores, deben considerarse e desenvolverse unha serie de aspectos.

Nestas actuacións esmeraranse as precaucións para non afecta-los valores naturais que están protexidos pola lexislación vixente, no caso de detectar algún destes elementos procederase a súa delimitación, así como á adopción das medidas precisas para garanti-la súa preservación.

Estas actuacións van xerar unha serie de residuos forestais que deben ser xestionados de maneira precisa, de forma que se recomenda o tratamento dos restos de corta empregando métodos de trituración e esparexemento homoxéneo, por permitir unha rápida incorporación ó solo, diminuí-las posibilidades de incendio, así como riscos de ataques de pragas e enfermidades. En ningún caso se procederá ó enterramento dos restos triturados, xa que isto pode constituír, pola súa vez, un foco importante de enfermidades.

Onde se pretenda efectuar cortas de especies arbóreas atenderase ó disposto na Lei e regulamento de montes, co cal se terá que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

4. Non se poderá depositar, nin acumular na área, nin en terreos anexos, ningún tipo de refugallos sólidos. No caso de empregarse canteiras abandonadas ou outros lugares de acopio debe indicarse cáles, ademais de cómo se pensan depositar e que actuacións se implementarán para acondicionar estas zonas unha vez rematado o depósito de xeito que se consiga unha boa integración no medio.

En calquera caso, tanto os residuos producidos na fase de construcción como os que proveñan dos labores de mantemento ou outras deberanse recoller e xestionar conforme a súa natureza e de acordo co establecido na lexislación vixente.

5. As aves son a clase faunística que presentan un menor grao de homeostasia e resiliencia a este tipo de infraestructuras. Este feito fai de suma importancia a observación deste factor do medio, co fin de minimizar ou mingua-los impactos que sobre elas se produzan, facéndoos en calquera caso asumibles. Esta observación farase a través dun axeitado plan de seguimento e vixilancia ambiental.

Este plan específico para aves non se desenvolve no estudio ambiental presentado.

Este plan específico de aves ademais de ser recomendable é necesario, debendo terse en conta no seu desenvolvemento e contido os seguintes aspectos:

a) Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos (debe establecerse a priori).

b) Presentación, e de forma explícita, dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (mapificación); factores de corrección; desenvolvemento estatístico... En resumo, todo o contido analítico e conceptual debidamente desenvolto para a obtención dos referidos resultados.

c) As liñas de alta tensión poden ocasionar unha mortandade de aves desprezable durante moitos anos e pode provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortandade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Por conseguinte, poderíase argumentar que non poden cuantificarse taxas de mortandade específicas, salvo despois de moitas décadas de estudio exhaustivo.

Isto leva a propoñer que o plan debe cuestionarse para que se solape en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil.

d) Implantaranse as medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, tanto durante a execución como a explotación. Unha vez detectado o posible impacto adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

e) Determinación de limiares de alerta. Estes limiares débense acotar cunha metodoloxía rigorosa, explícita, susceptible de comparación e cos criterios máis cuantitativos posibles, ademais dos cualitativos. Ademais, a determinación destes limiares debe servir para a adopción das medidas oportunas.

En relación co tema das aves o estudio ambiental establece unha serie de medidas correctoras para evita-la colisión en determinados tramos, establecidos como críticos. A estas medidas establecémo-la necesidade de aplicar medidas antielectrocución, intervindo para isto no deseño da liña e das torretas.

En todo caso, durante a fase de explotación, e en función dos resultados obtidos no plan de vixilancia establecerase a ampliación dos tramos que necesiten da instalación de salvapaxaros. Mentres que as medidas antielectrocución se deben facer, e xa desde un principio, para toda a liña.

Os criterios técnicos que se van seguir, para a implantación das medidas de antielectrocución e anticolisión, serán os que se recollen no primeiro punto do artigo 11 do Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán somete-las instalación eléctricas de distribución.

6. O estudio establece a necesidade da realización de restauracións de superficies afectadas. Establece con esta finalidade unha serie de criterios.

Cabe referir a este respecto, que independentemente da validez destes criterios, debe plasmarse esta restauración nunha documentación técnica. Esta documentación terá como mínimo que permiti-lo replanteo das actuacións, execución e mantemento, sendo por conseguinte avaliables.

7. Toda a terra vexetal que sexa susceptible de ser degradada polas accións ou obras previstas, será xestionada de xeito que se garanta a súa preservación en condicións óptimas.

Tódolos labores de retirada, almacenamento e acondicionamento da terra vexetal útil, virán completamente definidos.

Como remate expoñer que, durante o replanteo e execución deberanse efectua-los controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos, sobre todo nas poboacións de aves, sen por isto esquece-los demais elementos do medio (flora e fauna). No momento en que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente Servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifican adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de produci-la devandita afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie.

Expoñemos, polo tanto, a necesidade de formaliza-las observacións feitas neste informe, co obxecto de facer unha correcta avaliación ambiental do proxecto.

Emítese o presente informe sempre dentro do noso ámbito competencial, así como con base no procedemento no que se integra a súa solicitude; evacúase, polo tanto, sen prexuízo doutras comunicacións, autorizacións e/ou informes que sexan precisos.

No segundo informe conclúe que se reiteran nas observacións feitas no primeiro informe.

A Dirección Xeral de Industria emite informe, acompañado dunha proposta de condicionado ambiental que inclúe os seguintes puntos:

-Ámbito territorial da actuación.

-Protección do solo.

-Protección da fauna e flora.

-Protección de valores arqueolóxicos e etnográficos.

-Outras medidas.

-Recuperación situación orixinal tras fase de ex-

plotación.

-Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

-Condicións adicionais.

-Condicións específicas.

-Condicións xerais.

ANEXO III

Resumo das alegacións recibidas

Xaime Rei Barro, alcalde-presidente do Concello de Redondela e en representación do dito concello, presenta:

Acordo do Pleno do concello de data do 28 de setembro de 2000 referente ó escrito asinado polos representantes da CMVMC de Quintela e Asociación de Veciños Eidos de Quintela.

En data do 16 de novembro de 2001 presenta as seguintes alegacións:

Que se presentou o antedito acordo de data do 28 de setembro de 2000.

Que con data do 21 de setembro de 1999 emitiuse informe polos servicios técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra no que se indican os inconvenientes da traza proposta.

Con data do 26 de xullo de 2000 a Delegación Provincial da Consellería de Industria instou o concello a interpoñer condicionado á separata presentada por Unión Fenosa para a devandita L.A.T.

A empresa promotora presenta o proxecto sectorial da L.A.T. e solicita a declaración de incidencia supramunicipal.

Para a declaración de utilidade pública débese ter en conta o medio, a paisaxe rural e o patrimonio cultural, segundo se indica no Decreto 80/2000.

A maioría da traza discorre por solo non urbanizable especialmente protexido forestal no que está prohibida calquera utilización que implique a transformación do seu destino ou lesione o valor específico que se queira protexer.

Que por afectar un MVMC deberase informar á Consellería de Agricultura de tódalas actuacións que se están levando a cabo.

A Asociación Forestal de Galicia presenta as seguintes alegacións:

O trazado proposto por Unión Fenosa é o que máis danos causa ós MVMC de Quintela, Louredo e Mos.

O trazado proposto afecta recentes repoboacións de frondosas e coníferas e masas adultas con interese ecolóxico-forestal.

Os riscos de incendios forestais serán maiores e produciranse interferencias coa silvicultura.

As perdas económicas ascenderían a 2.050.000 pesetas/ano.

As perdas económicas por valores de non mercado do arboredo serían de 1.850.000 pesetas/ano.

No contorno da subestación de Pazos existe un problema derivado da incerta delimitación dos límites municipais.

Tamén presenta dúas variantes que minguarán os efectos ambientais.

Arsenio Amoedo Lago, en representación da CMVMC de Saxamonde, Os Valos-Redondela, presenta:

1. Con data do 21 de decembro de 2001 as seguintes alegacións:

A traza da L.A.T. proposta transcorre polo MVMC de Saxamonde, que está cualificado como monte periurbano, polo que é un espacio sensible obxecto dunha especial planificación e coidado.

Con data do 21 de setembro de 1999 a Consellería de Medio Ambiente informa desfavorablemente o trazado proxectado e propón dúas variantes.

O trazado foi modificado por petición de dúas comunidades de montes, sen ter en conta a CMVMC de Saxamonde.

A autorización administrativa e a declaración de utilidade pública dun proxecto con informe desfavorable da Consellería de Medio Ambiente sería unha mostra de arbitrariedade administrativa.

2. Con data do 2 de xaneiro de 2002, presenta as seguintes alegacións:

O trazado da L.A.T. transcorre pola CMVMC de Saxamonde.

Con data do 14 de novembro de 2001 sométese a información pública o proxecto modificado.

A CMVMC de Saxamonde non propuxo variantes ó proxecto orixinal, polo que a traza debe axustarse á inicialmente proxectada.

Fermín Alonso Otero, como representante legal da CMVMC de Quintela, presenta as seguintes alegacións:

A análise de alternativas está manipulada para favorece-la alternativa inicialmente proxectada por Fenosa.

O trazado proposto destruirá o único espacio de recreo dos veciños de Quintela.

A cualificación de baixa calidade das masas forestais indica un descoñecemento do lugar.

O estudio de vexetación é de moi baixa calidade.

O trazado proposta eliminará masas forestais altamente productivas.

A perda do aproveitamento dun MVMC tan pequeno será altamente significativo.

No equipo redactor do EIA debería estar incluído algún enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal.

Os presidentes das C.M. de Saxamonde e Quintela, con data do 20 de xaneiro de 2000, presentan unha solicitude de cambio de trazado.

Todas estas alegacións foron presentadas durante o periodo de información pública do proxecto orixinal. No periodo de exposición pública do proxecto modificado non se ten constancia da presentación de alegacións.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL