Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 01 de xullo de 2002 Páx. 10.181

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 21 de xuño de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade, e se convocan para o ano 2002.

A producción de sementes e plantas de viveiro constitúe unha actividade económica cunha importante e decisiva repercusión na productividade e renovación das plantacións, así coma na súa sanidade.

Ademais, a producción e fomento da semente e planta de viveiro de calidade obriga o sector productor a realizar unha serie de medidas estructurais e técnicas específicas, principalmente naquelas especies en que está desenvolvido un sistema de certificación.

Así, a normativa comunitaria impón ós productores a responsabilidade en materia de controis, de medidas de control e de adaptación dos seus sistemas productivos, para garanti-la calidade do material vexetal obtido; e os investimentos e medidas que se van efectuar teñen que promoverse co mellor nivel tecnóloxico e de organización posible.

Por outra banda, nesta Comunidade Autónoma existen algunhas produccións agrarias de gran importancia e tradición que están condicionadas polo mínimo desenvolvemento do sector productor de sementes e plantas de viveiro, de xeito que non se pode garantir oficialmente a sanidade e a calidade, en xeral e, máis concretamente, da producción de material vexetal de variedades autóctonas.

Polo tanto, é necesario continuar incentivando as empresas, dentro do marco das axudas ós investimentos previsto no programa operativo integrado de Galicia 2000-2006, para que aquelas poidan afronta-las melloras estructurais necesarias para a súa adaptación á normativa e para producir sementes e plantas de viveiro de calidade, así como para introducirse na producción de novas especies.

Coas axudas previstas nesta orde trátase de apoia-las medidas que incidan naquelas fases da producción que máis influencia teñen na calidade da planta de viveiro, como son o material de orixe que xunte condicións de identidade, pureza varietal e sanidade; a mellora tecnolóxica das estructuras de producción e de control interno da calidade; a identificación e precintaxe dos lotes; o fomento do uso da planta controlada e de calidade; así como os investimentos en instalacións e equipos necesarios para adaptarse á normativa vixente.

Con base no anterior, esta orde establece as bases reguladoras das axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade, xunto coa convocatoria das axudas para o ano 2002, de conformidade co previsto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

Esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras para a concesión das axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos

de sementes e plantas de viveiro de calidade, así como a súa convocatoria para o ano 2002.

A súa finalidade é, por unha parte, fomenta-la producción de sementes e plantas de viveiro de calidade como condicionante principal dunha producción agraria diferenciada e adaptada ás esixencias do mercado e, por outra, incentiva-lo desenvolvemento deste sector naquelas especies de especial transcendencia para Galicia que non teñen suficientemente establecido un control directo ou sistema de certificación que garanta un material vexetal de partida coa calidade contrastada e adaptado ás propias peculiaridades.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán acollerse ás axudas previstas nesta orde os productores autorizados de sementes e plantas de viveiro da Comunidade Autónoma de Galicia das especies ou grupos de especies que se sinalan no anexo III.

2. Non obstante o anterior, poderán admitirse as solicitudes de aqueles interesados que no momento da publicación desta orde ou da respectiva convocatoria, teñan presentada unha solicitude de inscrición nalgún rexistro oficial de productores de sementes e plantas de viveiro, sempre que se acredite a inscrición no rexistro con anterioridade á resolución favorable da axuda.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

As axudas concederanse para aquelas actividades que, formando parte dun programa de mellora conforme se sinala no artigo seguinte, se destinen a:

a) Novos investimentos e traballos específicos da actividade viveirística aplicados á obtención e mantemento de material vexetal de partida e plantas nai de calidade controlada como orixe de material de multiplicación;

b) A mellora tecnolóxica das estructuras de producción de material de multiplicación e dos sistemas de control de calidade; e

c) o fomento da utilización da semente e planta de viveiro de calidade.

Artigo 4º.-Programa de mellora.

1. Conforme o sinalado no artigo anterior, as actividades subvencionables deberán formar parte dun programa de mellora, entendido como o conxunto de accións coherentes que pretendan unha estructura de producción de sementes e plantas de calidade de forma estable e permanente.

2. Os programas de mellora poderán incluí-los investimentos e os traballos específicos da actividade viveirística, desenvolvidas ben sexa directamente polo productor ou ben en asociación con outros productores, sempre que se persiga algún dos obxectivos seguintes:

a) Obtención, producción e mantemento de material vexetal de partida ou de plantas nai controladas.

Para os efectos desta orde, o material vexetal controlado, no caso de materiais producidos de acordo cunha norma de certificación, é aquel que cumpre cos requisitos esixidos na devandita norma para a súa categoría. Nos demais casos, entenderase como material de partida controlado aquel que ten con

trastado axeitado o seu estado sanitario polos métodos de análise dispoñibles en cada caso, efectuados nun laboratorio oficial, e no que se comprobou a súa identidade varietal de acordo cunha ficha descritiva varietal completa segundo estándares internacionais, cando existan. No suposto de plantas ornamentais, só se poderán incluí-las plantas nai controladas que teñan unha permanencia como orixe de material de multiplicación superior a dous anos.

Os investimentos e traballos que se inclúen neste punto a) son os correspondentes ás seguintes actividades:

1. Selección clonal en variedades.

2. Obtención de novas variedades.

3. Ensaios de novas variedades e clons.

4. Saneamento do material clonal.

5. Implantación de plantas nais controladas.

6. Análises sanitarios e varietais.

7. Instalacións de illamento de plantas nais controladas.

b) Producción de material vexetal de multiplicación procedente de plantas nais controladas.

Os investimentos que se inclúen neste obxectivo son os correspondentes a :

1. Instalacións.

2. Construccións.

3. Equipos.

c) Control de calidade en tódalas fases de producción.

Os investimentos que se inclúen neste obxectivo son os correspondentes ás seguintes actividades:

1. Laboratorios de análises sanitarias e varietais.

2. Normalización e tipificación.

3. Identificación e precintaxe de lotes.

Artigo 5º.-Contía das subvencións.

A contía máxima das axudas previstas nesta orde poderán chegar ata unha porcentaxe máxima do 50% do investimento que se vai realizar.

En ningún caso, as subvencións percibidas por beneficiario e ano poderán ser superiores a 60.101 A, no caso de productores individuais, ou de 120.202 A, no caso de asociacións de productores.

Artigo 6º.-Solicitudes de axuda.

1. Os interesados en acceder ás axudas previstas nesta orde, deberán presentar unha solicitude axustada ó modelo do anexo I, acompañada da documentación seguinte:

a) Programa de mellora que inclúa, alomenos, o contido no punto 1 do anexo II.

b) Orzamento detallado de cada investimento e factura proforma dos equipos que se van adquirir, se é o caso, conforme o formato establecido no punto 2 do anexo II.

Este orzamento estará claramente diferenciado por anualidades, no caso de que se pretenda executar parte dos investimentos no ano seguinte ó da respectiva convocatoria.

c) Copia do título de productor de sementes ou plantas de viveiro da Comunidade Autónoma de Galicia, ou copia da solicitude de inscrición no dito rexistro e, de se-lo caso, no rexistro oficial de productores, comerciantes e importadores de vexetais, materiais vexetais e outros obxectos.

d) Copia da última declaración anual de cultivo (datos anuais de producción e unidades vendidas presentada para a campaña en curso).

e) Copia da tarxeta de identificación fiscal ou DNI, e da acta de constitución da entidade, se é o caso.

f) Certificado orixinal da conta bancaria.

g) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas.

2. As solicitudes de axudas presentaranse no prazo dun mes contado a partir do día da entrada en vigor desta orde ou da respectiva convocatoria, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, e preferentemente, nos servicios de explotacións agrarias das delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento rural.

Artigo 7º.-Criterios de selección.

1. As axudas previstas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias e das solicitudes de axuda que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. A clasificación das solicitudes será efectuada pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria de acordo cos seguintes criterios de selección:

a) Execución do programa por unha agrupación de productores.

b) Afección do programa a especies con sistema de control e certificación específico.

c) Afección do programa a especies con sistema de control e certificación escasamente desenvolvido na Comunidade Autónoma.

d) Necesidade dos investimentos proxectados para acadar un título de productor oficial ou para adaptarse á normativa reguladora.

e) Tipo de investimento, establecéndose a prioridade pola orde (a, b e c) en que constan no artigo 3º.

f) Afección do programa a actividades de recuperación, selección, mellora ou multiplicación de variedades autóctonas ou recomendadas.

2. Os datos necesarios para a aplicación dos criterios de selección serán indicados polo solicitante, acompañando á solicitude, debidamente cuberto, o modelo do anexo IV desta orde.

Artigo 8º.-Resolución.

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, por proposta do director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, resolverá sobre as solicitudes presentadas, no prazo de seis meses contados a partir da entrada en vigor desta

orde ou da respectiva convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se dictase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 9º.-Certificación dos investimentos.

1. Na resolución de concesión da axuda establecerase a data límite para a finalización das actuacións previstas nos programas de mellora. En todo caso, os programas que se aproben para a súa execución no ano seguinte ó da convocatoria, terán que estar rematados con anterioridade ó 30 de xuño do dito ano.

2. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen con posterioridade á data de entrada en vigor desta orde ou da respectiva convocatoria, sempre que recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos, agás o previsto no parágrafo seguinte.

Excepcionalmente, para aqueles investimentos de implantación de material vexetal ou plantas nai que requiran tecnicamente a súa realización no período invernal de parada vexetativa, poderán auxiliarse as actividades xa iniciadas no ano antes da entrada en vigor desta orde ou da respectiva convocatoria. Neste caso, a dita circunstancia será debidamente xustificada no momento da presentación da solicitude de axuda.

3. Unha vez realizados os investimentos previstos, os interesados deberán comunica-la finalización da execución do programa, por escrito, preferentemente ós servicios provinciais de explotacións agrarias, con anterioridade ó remate do prazo concedido para a súa execución. Coa dita comunicación xuntaranse os xustificantes do investido e, ademais, unha memoria explicativa sobre a súa realización.

A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderanse como renuncia ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión da axuda.

4. Unha vez comprobada a execución do programa os técnicos dos servicios provinciais de explotacións agrarias realizarán as correspondentes certificacións previas ó pagamento das axudas.

5. No momento da certificación das actuacións obxecto do programa, os interesados deberán xustificar que están ó día no cumprimento das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, por medio dos correspondentes certificados da Axencia Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social. Así mesmo, presentarán xustificación de non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º.-Concorrencia e acumulación de axudas.

1. As axudas reguladas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das outorgadas polas distintas administracións públicas, referidas ós mesmos investimentos.

2. En todo caso, ademais do previsto no punto f) do artigo 6º.1 desta orde respecto da declaración que se vai presentar coa solicitude de axuda, os beneficiarios presentarán coa xustificación da exe

cución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final de axuda, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos competentes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión, a instancia do beneficiario, sempre que se cumpran as condicións previstas no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro

Artigo 13º.-Reintegro das axudas.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orden de convocatoria, esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpo-los seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a patir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

Ademais do disposto no Regulamento (CE) 1260/1999, do Consello, do 21 de xuño, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estructurais e demais regulamentación comunitaria de aplicación, seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas reguladas nesta orde, para o exercicio de 2002, estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614-A 776.0 Reestructuración dos sistemas productivos, do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, dotado con 612.964,48 euros, para este programa, quedando condicionado o gasto á existencia de crédito axeitado e suficiente nos ditos orzamentos. Igualmente, poderán ser utilizados outros remanentes dispoñibles na dita aplicación orzamentaria.

Segunda.-O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo V desta orde, para os efectos de que a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria ou os servicios provinciais de Explotacións Agrarias, poidan solicitala por vía informática.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións que considere oportunas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO