Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 01 de xullo de 2002 Páx. 10.189

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 221/2002, do 20 de xuño, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a área de gravados rupestres de Paredes-Praderrei, concello de Campolameiro.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por Resolución do 16 de abril de 2001 (Diario Oficial de Galicia do 29 de maio) incoou expediente para a declaración de ben de interese cultural da área de gravados rupestres de Paredes-Praderrei.

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e demais disposicións vixentes.

Vistas as alegacións achegadas ó expediente e tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e logo de deliberación do

Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declarar ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a área de gravados rupestes de Paredes-Praderrei, concello de Campolameiro.

Artigo 2º

A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación escrita contida no anexo I, e no plano recollido no anexo II.

Artigo 3º

A compatibilidade do uso actual do ben protexido coa súa conservación esixirá o establecemento de parámetros de ordenación da cuberta vexetal que permitan unha explotación racional que non incida negativamente nos gravados nin no seu contorno, coa exclusión da área afectada polo Proxecto Sectorial do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campolameiro declarado de incidencia supramunicipal por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de xullo de 2001 (DOG nº 169, do 31 de

agosto), onde se prevé o proxecto de modificación da cobertura vexetal do ámbito espacial do parque arqueolóxico.

Artigo 4º

Este decreto será notificado ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ó Concello de Campolameiro e ós demais interesados no expediente.

Artigo 5º

O presente decreto será publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO I

A zona arqueolóxica de gravados rupestres de Paredes-Praderrei (concello de Campolameiro, Pontevedra) sitúase nunha área elevada (cota mínima de 170 m.s.n.m. e máxima de 331 m), coñecido como o monte Paradela, con desniveis considerables cara ó norte, límite co Rego de Moscallo, e oeste, límite

co Rego de Maneses, e moito máis suavizados na parte sur, límite pola estrada PO-230 e o núcleo de Praderrei, e leste, límite coa estrada e o lugar de Paredes.

A zona arqueolóxica comprende unha área configurada para asegura-la conservación e protección da totalidade dos gravados rupestres localizados, e evitar afeccións e impactos visuais que distorsionen a súa posta en valor e interpretación:

1-2A banda leste e parte da sur adáptanse ó camiño que percorre a aba do monte pola súa parte baixa, en paralelo ó Rego Maneses e á estrada PO-230, ata o punto 2 na parte norte do lugar de Praderrei á altura do depósito de auga, onde o camiño toma dirección norte.

2-3A banda sur-leste é unha liña que se adapta á configuración das curvas de nivel entre as cotas de 222-224 metros s.n.m., desde o camiño á altura do depósito de auga ata a estrada.

3-4A banda leste adáptase ó percorrido da estrada que rodea o monte ata o seu límite noreste no punto 4, no que conflúe un camiño que vai cara ó oeste.

4-5A banda norte adáptase ó camiño que percorre a aba norte do monte pola súa parte baixa, en paralelo ó Rego de Moscallo, desde a estrada ata o lugar onde este camiño toma dirección sur.

5-1Desde o punto 5 trázase unha liña que enlaza co punto 1 pechando o contorno da zona arqueolóxica.