Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 24 de xuño de 2002 Páx. 9.729

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial para a implantación dunha plataforma loxística industrial en solo delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, Xestur Pontevedra, Autoridade Portuaria de Vigo e Consorcio da Zona Franca de Vigo.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o íntegro contido, incluídos os seus anexos, da Resolución do 10 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial para a implantación da plataforma loxística-industrial no solo delimitado dos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, promovido polo IGVS, Xestur Pontevedra, Autoridade Portuaria de Vigo e Consorcio da Zona Franca de Vigo, que a seguir se transcribe.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2002.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo

Resolución do 10 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial para a implantación da plataforma loxística-industrial no solo delimitado dos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, promovido polo IGVS, Xestur Pontevedra, Autoridade Portuaria de Vigo e Consorcio da Zona Franca de Vigo.

O Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, establece a obrigatoriedade de someter a unha avaliación de impacto ambiental os proxectos declarados como de incidencia supramunicipal.

En data do 27 de setembro de 2001, o Consello da Xunta de Galicia acordou declara-lo citado proxecto sectorial como de incidencia supramunicipal.

En aplicación da referida normativa, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proyecto sectorial para a implantación dunha plataforma loxística industrial no solo delimitado nos concelloes de Salvaterra de Miño e As Neves.

O obxecto do proxecto é a definición da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra de Miño-As Neves, que constitúe un complexo multifuncional cunha superficie de 416 ha. Esta consiste nunha área especializada de concentración de empresas e servicios loxísticos, transportes de mercadorías e intermoda

lidade, así como actividades industriais, empresariais e servicios xerais asociados.

No anexo I resúmese o proxecto e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio ambiental.

A Dirección Xeral de Urbanismo, mediante a publicación no DOG do 15 de febreiro de 2002, somete ó trámite de información pública o proxecto sectorial para a implantación duhna plataforma loxística industrial no solo delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves por un período de trinta días hábiles, téndose constancia da presentación de alegacións ó proxecto, que se resume no anexo III desta declaración.

Con data do 7 de maio de 2002 recíbese nesta dirección xeral o expediente completo do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Urbanismo, que contén os resultados de información pública, e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza e da Confederación Hidrográfica do Norte.

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos como resultado das consultas efectuadas. O resultado destas, así como o contido das alegacións, tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.

Unha vez formulada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial para a implantación dunha plataforma loxística industrial no solo delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, promovido polo IGVS, Xestur Pontevedra, Autoridade Portuaria de Vigo e Consorcio da Zona Franca de Vigo.

O órgano ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e o órgano substantivo a Dirección Xeral de Urbanismo.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopan os documentos titulados:

-Proyecto sectorial para a implantación dunha plataforma loxística industrial no solo delimitado nos concelloes de Salvaterra de Miño e As Neves, setembro de 2001,

-Estudio de impacto ambiental para a implantación dunha plataforma loxística industrial no solo delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves (Plisan), setembro de 2001,

-Documentación solicitada pola Consellería de Medio Ambiente sobre o estudio de impacto ambiental da Plisan, febreiro de 2002,

-Estudio de impacto ambiental para a implantación dunha plataforma loxística industrial no solo delimitado nos concelloes de Salvaterra de Miño e As Neves. Informe ás alegacións, abril de 2002,

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer, pola presente DIA,

as seguintes condicións ambientais, ademais das incluídas na documentación avaliada, de maneira que se asegure a minimización dos posibles impactos negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o estipulado na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá sempre o disposto nesta última.

A) Ámbito da declaración:

Esta declaración refírese exclusivamente ó proxecto desenvolvido no documento titulado Proxecto Sectorial para a Implantación dunha Plataforma Loxística Industrial no Solo Delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, situado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, na zona definida polos planos titulados «Situación no ámbito próximo» e «Delimitación do ámbito», incluídos no proxecto.

O ámbito desta DIA comprenderá tanto a fase de obras como a fase de explotación da plataforma, de xeito que o condicionado que segue vinculará a construcción desta e o funcionamento das instalacións ou empresas que no futuro se desenvolvan nela.

B) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre as emisións de po e gases.

1.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

1.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material.

1.1.3. En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de construcción, debido á acción da maquinaria e ós movementos de terras, procederase á humectación de vieiros e zonas de obra.

1.1.4. Realizarase o plan de obra tendo en conta que as superficies expostas sen urbanizar ou revexetar permanezan nese estado o menor tempo posible.

1.2. Sobre o ruído.

1.2.1. Debido a que a fase na que se emite esta DIA é a de proxecto sectorial, non se conta con datos suficientes para impoñer condicións de cara a minimiza-la contaminación acústica. Será no momento da realización do proxecto constructivo cando se deberá realizar un estudio acústico de detalle no que se terán en conta as zonas delimitadas no plano de ruídos incluído na documentación de data febreiro de 2002.

1.2.2. Redactarase un programa de vixilancia ambiental da plataforma loxística, no que se definirán as condicións acústicas que se deberán cumprir no ámbito da plataforma.

1.2.3. Previamente ó inicio das obras, realizaranse medicións de ruído por entidade homologada nos puntos que se definirán no Programa de Vixilancia Ambiental, de xeito que sirvan como brancos.

2. Protección dos solos.

2.1. De forma previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de xeito que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio. Igualmente, definiranse os vieiros que se van utilizar no marco do proceso constructivo, debendo estar xustificado o emprego de zonas diferentes ás trazas dos vieiros definitivos. Estes deberán ser definidos e reflectidos en planos a escala 1:10.000 tal e como se require no punto 9.4.

2.2. Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente dos labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no estudio ambiental, co obxecto de empregala posteriormente no proceso de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras. As zonas de amoreamento localizarase nos planos requiridos no punto 9.5. Esta terra vexetal mentres permaneza almacenada non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullos.

2.3. Os amoreamentos deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica, e disporanse formando cordóns que non superen os 2 m de altura.

2.4. Naquelas zonas afectadas por movementos de terras, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies denudadas, procederase á súa revexetación unha vez que se acaden as superficies definitivas, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

2.5. Os labores de mantemento da maquinaria de obra non apta para circular por estrada realizaranse dentro da zona de mantemento de maquinaria, dispoñendo previamente dos medios necesarios para previr calquera afección ó solo por derrames accidentais. No caso da maquinaria apta para esta circulación, deberán realizarse en talleres autorizados.

2.6. Delimitarase así mesmo un espacio destinado á acollida das instalacións auxiliares á obra (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etcétera). Deberá localizarse en espacios carentes de valores ambientais relevantes, en todo caso fóra das zonas protexidas delimitadas no plano titulado «Zonas protegidas» e estar dotada dos equipamentos necesarios para asegurar un funcionamento ambientalmente seguro das ditas instalacións. Esta zona ou zonas reflectiranse no plano requirido no punto 9.5.

2.7. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da execución deste proxecto, xestionaranse en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente en cada caso. O almacenamento temporal de residuos, á espera das sucesivas entregas a xestor

autorizado, só se poderá realizar dentro da superficie abranguida polo proxecto en contedores debidamente sinalizados, garantindo que non se producen afeccións ó medio por vertidos accidentais. Estes almacenamento temporal deberá realizarse tamén fóra das zonas protexidas citadas no punto anterior, debéndose informa-lo persoal de obra sobre a situación destas zonas.

3. Protección das augas e leitos.

3.1. Procederase ó balizado ou sinalización axeitada, dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestructura, co obxecto de preserva-los de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espacios (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe, etcétera e, en xeral, todas aquelas actividades que, a consecuencia das escorregas ou dunha enchenta, puideran supo-la contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.

3.2. Tal e como se require no punto 9.1, estudiaranse alternativas para respecta-los cursos que discorren pola zona ocupada pola plataforma, de xeito que queden integrados no proxecto, sen que isto supoña o seu desvío ou canalización. Unha vez avaliada esta documentación, estableceranse as medidas que se van adoptar.

3.3. Prohíbese a vertidura de calquera substancia ás augas, en especial cementos e hidrocarburos, así como a lavada de materias nos cursos. Así mesmo, en fase de obra, disporanse sistemas que impidan a chegada de materiais procedentes dos movementos de terras ás augas continentais, tal e como se require no punto 9.6 desta DIA.

3.4. Previamente a calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía de álveos, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica del Norte. No caso de que esta afección atinxa os ecosistemas fluviais por vertidura, requirirase informe preceptivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997.

3.5. A vertidura directa ou indirecta de augas e productos residuais susceptibles de contamina-las augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico deberá contar coa previa autorización administrativa, de acordo co sinalado no artigo 100 do texto refundido da Lei de augas (Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo).

3.6. O destino dos sobrantes decidirase previamente ó inicio das obras, elixindo zonas que, ademais de estar autorizadas, pola súa situación, morfoloxía e características garantan a non afección a cursos de auga, tanto directa como indirectamente. Estas zonas deberán reflectirse no plano requirido no punto 9.5.

3.7. No deseño dos dispositivos de drenaxe da rede viaria terase en conta a capacidade de acollida dos regos receptores, de forma que as achegas non ocasionen alteracións substanciais nestes, así como o efecto que poida introducir pola diminución do tempo de concentración. Así mesmo, proxectaranse de xeito que se evite a formación de asolagamentos ou deposicións nos puntos de incorporación á rede natural.

3.8. Non estando definida no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.

3.9. Deberá seguirse un programa de seguimento da evolución da calidade das augas que deberá abrangue-la totalidade da fase de obra. Neste programa detallarase a periodicidade dos controis considerando a evolución da obra, así como a localización dos puntos de mostraxe. Durante a fase de explotación, e debido á posible influencia das instalacións na calidade das augas, incorporarase este aspecto no Programa de Vixilancia Ambiental, impoñendo, se é o caso, condicións sobre as vertiduras que se poidan efectuar desde cada unha das parcelas.

4. Proteccion da vexetación.

4.1. Previamente a calquera afección á vexetación de ribeira obterase autorización do Servicio Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra. Así mesmo, para a corta de arboredo realizarase a solicitude de autorización ou a comunicación de corta, segundo o caso, conforme ó disposto no Regulamento de montes.

4.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra, especialmente nas zonas que conservan vexetación autóctona, como pode se-lo bosque de ribeira.

5. Protección da fauna.

5.1. As obras de drenaxe transversal da rede viaria deberán ter amplitude suficiente para permiti-lo paso da fauna. Cando as obras de drenaxe afecten a cursos permanentes, utilizaranse preferentemente estructuras que non afecten ó leito, como pórticos ou arcos, evitando a instalación de pasos tipo marco. En caso de que tecnicamente non sexa posible, deberán xustificarse as estructuras que se vaian instalar, garantindo que co seu deseño non se xeren no punto de paso láminas de auga de pouca profundidade e/ou excesiva velocidade, e que se minimiza a lonxitude do paso ó máximo posible. A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna e, polo tanto, desprovisto de estructuras de caída vertical que impidan o retorno. Así mesmo, o deseño de tódolos elementos de drenaxe deberá prever que as especies que caian neles poidan saír.

O deseño deste sistema de drenaxe deberá ser xustificado, segundo o requirido no punto 9.2.

6. Protección da paisaxe e restauración.

6.1. Deberá redactarse un proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios alterados polas obras, que terá como base o exposto no punto 6.3 do estudio ambiental. Nel, incluiranse os medios previstos no estudio de impacto ambiental, así coma aqueloutros que sexan precisos para dar cumprimento ás medidas sinaladas na presente declaración.

6.2. Este proxecto de restauración incorporará a restauración dos espacios onde se sitúen as instalacións auxiliares, zonas de préstamo, de localización de sobrantes e, en xeral, todos aqueles espacios afectados polas obras que non conten cun proxecto de restauración autorizado previamente.

7. Protección do patrimonio.

7.1. Elaborarase un programa de medidas correctoras que permita palia-los efectos destructivos das obras previstas. O dito programa terá que incluír:

a) A execución das medidas correctoras recollidas no Estudio de impacto sobre o patrimonio cultural.

b) Estudio xeoarqueolóxico das terrazas fluviais do Baixo Miño, que permita, por un lado, establece-la súa secuencia de formación, dinámica e correlación entre elas, e por outro lado, a contextualización cronocultural dos diversos achados líticos recollidos na superficie da futura Plisan. O dito estudio incluirá intervencións arqueolóxicas axeitadas ós obxectivos propostos.

7.2. Teranse en conta as seguintes precisións relativas ó impacto severo sobre o muíño de Cabanón:

-Balizamento e sinalización do elemento con materiais duradoiros.

-Transformación da zona do aparcamento no que se atopa o muíño en zona verde.

7.3. Realizarase un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito da Plisan. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, debendo presentarse a copia desta autorización, tal e como se require no punto 9.8.

Tal e como se considera no artigo 63.2 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos descritos máis arriba financiaranse con cargo á execución do proxecto.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Adaptarase o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental contido no estudio de impacto ambiental ós novos condicionantes xurdidos da presente declaración, incorporándose ás correspondentes partidas orzamentarias e remitíndoo ó órgano ambiental para

a súa avaliación previa ó comezo das obras. Este programa abranguerá a fase de obras e explotación, detallando os controis que se van efectuar, os indicadores empregados, e os limiares de alerta.

Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 10.5 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O seguimento durante a fase de explotación será coordinado, de xeito que a plataforma sexa tratada como un todo. Deste xeito, as empresas ou industrias que se implanten nela, aínda que non deban someterse a un trámite de avaliación ambiental, deberán cumprir unhas condicións que garantan que o efecto global estea dentro dos limiares especificados no programa de vixilancia.

Tendo en conta o anterior, os promotores remitirán a esta dirección xeral dous (2) exemplares de:

8.1. Durante a fase de obras:

8.1.1. Mensualmente: cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte mes.

8.1.2. Trimestralmente: memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental indicado no punto 9.9, xunto co cronograma actualizado das obras, no que se inclúa o desenvolvemento dos traballos de restauración. Indicaranse e xustificaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

8.1.3. Antes da emisión da acta de recepción provisional: memoria-resumo da aplicación do Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras consideradas no estudio así como as impostas na DIA, e en concreto:

-Informe, acompañado de reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da plataforma e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

-Estado da restauración, especialmente nas zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións e sementeiras.

8.2. Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos:

-Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental solicitado no punto 9.9, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

-Memoria na que se describa o xeito no que se está a coordina-lo Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental no total do ámbito da plataforma.

No caso de xerarse algún informe especial, definido no Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental do estudio presentado, remitirase á maior brevidade posible a esta dirección xeral.

9. Documentación adicional.

Previamente ó comezo do proceso constructivo, os promotores remitiranlle ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puideran derivarse, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

9.1. Estudio de alternativas ó desvío e canalización dos regatos Gumara, Pazo e Xuliana, tal e como se indica no punto 3.2.

9.2. Descrición e xustificación de tódalas obras de drenaxe transversal, tendo en conta o indicado nos puntos 5.1.

9.3. Estudio de previsión de emisións acústicas axustado ó proxecto definitivo no proxecto definitivo. Incluirá e definirá o conxunto de medidas correctoras precisas para asegura-lo cumprimento do exposto no punto 1.2 da presente DIA. O estudio deberá incorporar un programa de seguimento que se vaia realizar tanto na fase de obras como na de explotación, no que se xustifiquen as periodicidades e a situación dos controis que se vaian realizar. Acompañarase de planos a escala 1/10.000 e referenciados en coordenadas UTM.

9.4. Memoria onde se defina a localización dos vieiros de obra, xustificando a necesidade de apertura de novos vieiros diferentes das trazas definitivas, no caso de que se precisen. Acompañarase de planos a escala 1/10.000 e referenciados en coordenadas UTM onde conste a súa localización e características, conforme establece no punto 2.1 desta DIA.

9.5. Memoria xustificativa da localización e equipamentos das instalacións auxiliares necesarios para a execución das obras proxectadas, así como das zonas de depósito de sobrantes e amoreamentos de terra vexetal. Acompañarase de planos a escala 1/10.000 e referenciado en coordenadas UTM onde conste, alomenos, a localización das ditas zonas e os equipamentos con que se dotan, ademais dos elementos patrimoniais e zonas que se van protexer, tendo en conta o indicado nos puntos 2.2 e 2.6 da DIA.

9.6. Definición dos sistemas que se van implementar en fase de obra co obxecto de controla-la incorporación ás augas de materiais procedentes dos movementos de terras, segundo o indicado no punto 3.3 da DIA. Acompañarase de planos a escala 1/10.000 e referenciado en coordenadas UTM onde conste a súa localización.

9.7. Proxecto de restauración e integración paisaxística dos espacios afectados polas obras, conforme se establece no punto 6.1 da DIA, e baseado no indicado no estudio ambiental.

9.8. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para o control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución da obra e de restitución dos terreos, segundo o requirido no punto 7.1.7.3.

9.9. Desenvolvemento do Programa de Vixilancia Ambiental incluído no estudio ambiental, de xeito que se especifiquen, ademais dos controis que se van realizar, a periodicidade de cada un destes controis e os indicadores e limiares que determinarán a existencia dunha afección, para tódalas fases de proxecto.

9.10. Documentación acreditativa de ter notificada a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

10. Condicións adicionais.

10.1. A Dirección Xeral de Urbanismo comunicará a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras, como mínimo con 48 horas de antelación.

10.2. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito poderase proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

10.3. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte dos promotores, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

10.4. As condicións sinaladas na presente DIA son de obrigado cumprimento para os promotores. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan na presente declaración de impacto ambiental.

Nesta circunstancia, os promotores solicitarano, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

10.5. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, os promotores deberán designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

10.6. Calquera cambio no proxecto obxecto desta declaración deberá ser comunicado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

10.7. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para os sos efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

10.8. Os promotores quedan obrigados a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2002.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade

e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto sectorial da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan) é o de garanti-la adecuada inserción no terreo da Plisan, a súa conexión coas redes e servicios, a súa adaptación ó contorno e a súa articulación coas determinacións do planeamento urbanístico municipal vixente.

A Plisan configúrase como unha área especializada de concentración de empresas e servicios loxísticos, transporte de mercadorías e intermodalidade, así como de actividades industriais, empresariais e servicios xerais asociados; e está especialmente concibida e deseñada para desempeñar unha función estratéxica no ámbito do Nodo Loxístico da Área de Vigo.

Esta área localizarase nunha superficie de 416 ha, nos concellos de Salvaterra de Miño (222 ha) e As Neves (194 ha), conectada coa A52 e en contacto co eixo da liña ferroviaria Ourense-Vigo. Funcionalmente, consistirá nun complexo multiparque constituído fundamentalmente por dous tipos de elementos:

-Os sistemas básicos de infraestructuras, accesos e espacios libres, que conforman un entramado ou dameiro de grandes unidades ou pezas territoriais, que conteñen as actividades da plataforma.

-Áreas de actividade, parques de agrupación de operadores loxísticos e industriais de dimensións variables, que constitúen os polígonos internos funcionais da Plisan. Estará constituída polas seguintes áreas: centro intermodal, loxística intermodal, loxística e transformación, multifuncional industrial, loxístico empresarial e centro integrado de servicios.

Resumo das medidas protectoras e correctoras

No estudio de impacto ambiental recóllense as seguintes medidas, diferenciándoas en medidas protectoras do contorno e medidas correctoras:

a) Medidas protectoras do contorno:

1. Control do movemento de maquinaria, limitándose este ós camiños existentes ou ás zonas estrictamente de obras. Nas zonas máis sensibles, como os leitos dos principais ríos e arroios e zonas de vexetación máis valiosa (especificadas en planos), poderanse instalar cerramentos.

2. Localización de zonas de préstamos, vertedoiros e instalacións auxiliares:

Para a súa localización distinguen entre zonas excluídas (leitos permanentes e temporais, labradíos, pradairos, eiras e masas forestais de especies autóctonas e zonas de influencia dos bens do patrimonio histórico-artístico inventariados), zonas restrinxidas (zonas de vexetación de medio valor constituídas principalmente por pino e áreas illadas de solo agrícola) e zonas admisibles (zonas con escasos méritos de conservación e superficies degradadas actualmente). Nestas zonas distinguen:

-Zonas excluídas: unicamente poderán localizarse actuacións con carácter estrictamente puntual, momentáneo e de índole inescusable para a realización da obra, todo iso debidamente xustificado.

-Zonas restrinxidas: admitiranse instalacións ó servicio das obras con carácter temporal e exclusivamente durante a realización destas, retirándose á súa finalización e restituíndo os terreos ás condicións orixinais topográficas e de cuberta vexetal.

-Zonas admisibles: poderanse localizar instalacións con carácter permanente como vertedoiros de excedentes de escavación, plantas de tratamento de áridos, aglomerados asfálticos, etc. Estas actuacións deben ir acompañadas do seu correspondente estudio de integración co contorno.

Así mesmo, sinálase que:

-Os residuos da fase de construcción serán trasladados a vertedoiros autorizados.

-Controlarase o destino do lixo xerado en obra, esixíndose que o receptor sexa un centro de tratamento de residuos autorizado.

-Os residuos como aceites, hidrocarburos, pinturas, etcétera, deberán ser entregados a xestores autorizados, esixíndose un certificado do lugar final de destino destas substancias.

-Os materiais de préstamo, de precisarse, provirán de canteira autorizadas, non sendo admisible a extracción incontrolada da zona de obras.

3. Control da execución de operacións molestas para a poboación, evitándose a execución de operacións con maquinaria ruidosa ou outras accións que orixinen un nivel elevado de ruídos durante as horas normais de reposo (22 horas a 8 horas).

4. Control de execución de operacións molestas para a fauna:

-Evitar, durante o período de reproducción, a execución de labores de eliminación da vexetación, previos ás explanacións, así como todas aquelas operacións ruidosas que poderían alterar este proceso.

-Evitar operacións ruidosas durante a noite, así como os focos de luz de maquinaria.

5. Localización de construccións derivadas da obra e parques de maquinaria dentro dos límites de obra, procedendo previamente á eliminación da vexetación e explanación ó seu valado.

6. Instalación de balsas de decantación nos puntos baixos da obra, nos que se prevexa o seu desaugadoiro.

7. Control dos accesos temporais, aproveitándose a rede de camiños existentes e evitando a apertura de camiños de forma indiscriminada.

8. Protección dos recursos arqueolóxicos.

9. Colocación de barreiras de retención de sedimentos en todos aqueles puntos nos que se prevexa unha situación de augas libres tras episodios chuviosos intensos en zonas desprovistas de vexetación como consecuencia dos movementos de terras.

10. Control das emisións de po e partículas, aplicando regas superficiais periódicas nas zonas nas que se realicen movementos de terras e explanacións.

11. Medidas protectoras contra incendios: ademais de tomar todo tipo de precaucións para evita-la xeración de incendios, considérase necesario dispor en todo momento dun mínimo equipo de extinción.

b) Medidas correctoras:

1. Adecuación e protección de leitos.

2. Retirada e amoreamento da terra vexetal, en moreas illadas ou cómaros de 1,5-2 m o máis próximos posibles ás zonas de reutilización, en zonas degradadas ou desprovistas de vexetación. Procederase así mesmo ó seu mantemento.

3. Extensión de terra vexetal, nunha capa de 0,20 m de grosor, previamente á execución de sementeiras e hidrosementeiras.

4. Restauración e mellora da cuberta vexetal, mediante sementeiras, plantacións de castiñeiros, carballos e choupos brancos.

5. Instalación de barreiras antirruído, en función dos resultados dos estudios sobre xeración de ruídos que se efectúen en fases posteriores do proxecto.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Confederación Hidrográfica do Norte emite informe, exclusivamente no que concirne ó dominio público hidráulico e ás súas zonas de servidume e policía, no que recolle as seguintes conclusións:

-O estudio de impacto ambiental resulta incompleto por canto:

a) Non se definen nin se estudian as medidas preventivas de efectos indesexables respecto dos desvíos e canalizacións, nin sobre a calidade das augas.

b) Non se estudian alternativas que posibiliten a integración dos leitos afectados nas obras previstas, evitando desvíos e canalizacións destes.

-Á parte do anterior advírtese:

a) O presente informe non exime da necesidade de obte-la preceptiva autorización para a execución de construccións, cortas e plantacións ou calquera outro uso ou actividade que supoña un obstáculo para a corrente en réxime de avenidas ou poida ser causa de degradación ou deterioración do dominio público hidráulico, en cumprimento do disposto nos artigos 9, 78 e 80 do dominio público hidráulico (Real decreto 849/1986, do 11 de abril).

b) As captacións ou derivacións de auga de calquera leito público precisarán a correspondente concesión administrativa, segundo o disposto no artigo 130 do Regulamento do dominio público hidráulico (Real decreto 849/1986, do 11 de abril).

c) A vertedura directa ou indirecta de augas e productos residuais susceptibles de contamina-las augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico deberá contar coa previa autorización administrativa, de acordo co sinalado no artigo 100 do texto refundido da Lei de augas (Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo).

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que considera informar favorablemente o estudio de impacto ambiental para a implantación dunha Plataforma Loxística Industrial no solo delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves (Plisan) e as medidas correctoras contidas nel, cos seguintes condicionantes que se van incluír na correspondente declaración ambiental:

A plataforma loxística industrial no solo delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves (Plisan), localízase sobre as terrazas fluviais do Baixo Miño, formadas por depósitos aluviais do cuaternario onde, desde antigo, se vén rexistrando a aparición de pezas líticas vinculadas ó Paleolítico Inferior e Medio.

O estudio de impacto ambiental da Plisan contén o documento Memoria do Proxecto de Estudio de

Impacto sobre o Patrimonio Cultural da Área Afectada pola execución das obras da Plataforma Loxística Empresarial en Salvaterra de Miño e As Neves, realizado pola arqueóloga Manuela Pérez Mato.

De acordo co dito estudio, as obras da Plisan levarán consigo o desmantelamento (movementos de terras) das terrazas do Baixo Miño, coa conseguinte desaparición do patrimonio cultural existente na zona.

Á vista do anterior é necesario a elaboración dun programa de medidas correctoras que permita palía-los efectos destructivos das obras previstas. O dito programa terá que incluír:

c) Estudio xeoarqueolóxico das terrazas fluviais do Baixo Miño, que permita por unha banda, establece-la súa secuencia de formación, dinámica e correlación entre elas, e pola outra banda, a contextualización cronocultural dos diversos achados líticos recollidos na superficie da futura Plisan. O dito estudio incluirá intervencións arqueolóxicas axeitadas ós obxectivos propostos.

O dito estudio terá que realizarse en momentos anteriores ó inicio das obras, e ser informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, quen decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

d) A execución das medidas correctoras recollidas no estudio de impacto sobre o patrimonio cultural, coas seguintes precisións relativas ó impacto severo sobre o muíño de Cabanón:

-Balizamento e sinalización do elemento con materiais duradoiros.

-Transformación da zona do aparcamento no que se atopa o muíño en zona verde.

e) Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito da Plisan. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

f) Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

g) Tal e como se considera no artigo 63.2 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos descritos máis arriba financiarse con cargo á execución do proxecto.

A Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, unha vez analizada a documentación e á vista das consideracións formuladas polo Servicio Provincial de Conservación da Natureza, sinalan que:

Analizado o proxecto, compróbase que a afección máis negativa se encontra sobre a hidroloxía da zona. Así, no punto do impacto sobre o medio físico faise

referencia ó aterramento e desvío do río Gumaro. Por conseguinte, vese conveniente que o proxecto teña en consideración os seguintes preceptos, ademais das medidas protectoras e correctoras propostas, para minimiza-los impactos que este tipo de obra produce sobre o medio:

a) Respectaranse os sistemas fluviais pola súa importancia tanto florística como faunística, así como pola importancia como elemento integrante na paisaxe. No concernente ó río Gumaro, conservarase o leito actual, e en todo caso melloraranse as condicións fluviais con repoboacións de especies autóctonas do seu propio ecosistema.

b) Evitaranse desprendementos e aterramentos que invadan as zonas de servidume e cursos de auga. Ademais, unha vez finalizadas as obras, a zona de servidume dos leitos quedará completamente despexada e habilitada para o paso público pola beira dos ríos e regos.

c) Os accesos transversais sobre os cursos de auga con entidade, executaranse evitando a colocación de pasos marco ou tubos para impedir calquera tipo de afección ó leito fluvial e á limitación de desprazamentos da fauna piscícola en épocas de estiaxe. O motivo destas circunstancias é debido á escasa lámina circulante polo marco ou tubo no verán o que dificulta os desprazamentos dos peixes.

d) A superficie afectada polas obras, quedará desprotexida e exposta ás inclemencias do tempo ata a instalación das correspondentes naves empresariais, polo que as escorregas poden ocasionar arrastres de materiais que van parar ós cursos fluviais e poden provoca-la contaminación das augas. Por este motivo deberanse toma-las medidas adecuadas para evitar esta afección, mediante a revexetación destas superficies espidas ou recollendo as escorregas en balsas de decantación que se deberán de controlar e xestionar para un correcto funcionamento.

e) Establecerase a recollida, almacenamento, conservación e/o xestión da terra/area afectada polas obras. Os vertedoiros permanentes e temporais de terras procedentes da escavación situaranse en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística e de pouco interese natural.

f) Evitar depositar residuos ou productos sólidos en zonas onde as escorregas de augas produzan arrastres a ríos ou regos coa conseguinte contaminación de augas continentais. Por conseguinte, en todo momento as augas susceptibles de ser afectadas polas obras cumprirán o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima esixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

g) Ó tratarse dunha obra de nova execución, analizaranse polo miúdo os mananciais existentes coa finalidade de preserva-los integramente.

h) Humectación e/ou asperxido de materiais pulverulentos.

i)No caso de corta de vexetación, realizarase de acordo coas autorizacións previas.

j) Delimitarase correctamente o terreo que se van ocupar polos labores do proxecto, co fin de diminuí-la perda innecesaria e a alteración de formacións vexetais polo tráfico de maquinaria. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo. Así, evitaranse afeccións a aquelas áreas máis sensibles como son os ríos e regatos.

k) Tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar derrames accidentais dos tanques de almacenamento de productos como aceites, graxas e carburantes de motores.

l) Integración estética ó medio das obras que se van executar tendo en conta consideracións de sistemas de xestión medioambiental na planificación e funcionamento do futuro polígono.

m) Considerarase a gran cantidade e variedade de residuos (sobre todo líquidos) que pode chegar a produci-lo citado polígono, polo que deberán ser debidamente estudiados e tratados para impedi-la súa repercusión no medio.

n) Durante a execución do proxecto se se chegara a producir calquera afección ó medio, tomaranse inmediatamente as medidas necesarias para reduci-lo dano ocasionado, comunicándoo canto antes ó Servicio Provincial de Conservación da Natureza, quen decidirá sobre a conveniencia da solución que se vai adoptar, así como as actuacións precisas para corrixi-los efectos provocados.

En todo caso, ademais destas consideracións realizarase o oportuno programa de vixilancia para proceder a tomar aquelas medidas de seguimento e control da obra. Tamén permitirá actuar sobre aqueles efectos difíciles de predicir ou que xorden durante os traballos, coas medidas oportunas en cada caso.

Así mesmo estímase que o programa de medidas adoptadas debe figurar desenvolvido como segue:

a) Definición contractual das medidas correctoras.

Todas aquelas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán de quedar definidas a nivel executable, e incluiranse nos correspondentes plans e cronogramas de obras.

b) Coordinación de medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra.

Tódalas medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan de obra, tendo en conta:

-Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

-As medidas de integración deben de programarse ó igual que o resto das actuacións.

-En moitas ocasións prodúcense efectos sobre a fauna e a flora que poden causar graves prexuízos, debéndose achegar una solución coherente.

c) Orzamento.

Tódalas medidas de integración ambiental irán orzamentadas da mesma forma que o conxunto do proxecto.

d) Criterios para o seguimento das medidas.

Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondente.

O presente informe emítese sobre a documentación achegada e sen prexuízos doutras comunicacións, autorizacións e/ou informes precisos. Calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural, requirirá o seu informe correspondente.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Natalia García Feijoó de Sotomayor, avogada con DNI 33316928-W, actuando en nome e representación das entidades mercantís Áridos do Mendo, S.L., Áridos Chan de Salgosa, S.L. e Áridos de Salvaterra, S.C.L., presenta escrito de alegacións referido basicamente a que observan irregularidades na tramitación seguida en relación co impacto da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra de Miño e As Neves (Plisan) respecto dos dereitos mineiros dos seus representados.

Dentro do conxunto de alegacións presentadas, a seguir recóllense aquelas que se consideran de carácter ambiental:

a) Obrigatoriedade de somete-lo proxecto ó procedemento de avaliación de impacto ambiental, por aplicación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio; así como do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

b) Consecuencias da existencia de diferentes declaracións de impacto ambiental no caso de que se chegase a determina-la compatibilidade do desenvolvemento da Plisan cos traballos correspondentes ós dereitos mineiros existentes.

c) Carencias e erros do estudio de impacto ambiental: non inclusión do exame das distintas alternativas tecnicamente viables, xustificación da solución adoptada, descrición das esixencias previsibles no tempo para a utilización do solo e outros recursos naturais, do estudio acústico, da descrición dos procedementos empregados para coñece-lo grao de aceptación ou repulsa social da actividade, da definición da canalización dos ríos Gumara, Pazo e Xuliana, estudio dos impactos á área de influencia da Plisan, erros no inventario da fauna e indeterminacións na orzamentación das medidas correctoras, protectoras e no plan de vixilancia ambiental.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2002.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo