Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 24 de xuño de 2002 Páx. 9.715

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Galega de Autocares Gala, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Galega de Autocares Gala, S.L., con nº de código 3603571, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 29-4-2002, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal, con data do 15-4-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballa

dores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de maio de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Galega de Autocares Gala, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regula as condicións de traballo entre a empresa Galega de Autocares Gala, S.L. e os traballadores que prestan servicios para ela en Arcade-Soutomaior.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Afecta este convenio a tódolos traballadores da empresa Galega de Autocares Gala, S.L., que presten servicios no centro de traballo con que actualmente conta en Arcade-Soutomaior, ou naqueloutros centros que poida abrir durante a súa vixencia na provincia de Pontevedra; afecta tanto o persoal actualmente existente como o que ingrese durante a vixencia do convenio, xa sexa por nova contratación ou por traslado doutros centros.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

Este convenio, con independencia da data da súa publicación, producirá efectos desde o día un de abril de dous mil dous, con vixencia ata o día 31 de decembro do ano dous mil dous.

Como excepción ó establecido no parágrafo anterior, o artigo 14º, sobre póliza de seguros, entrará en vigor o mes seguinte ó da publicación deste convenio, debido á necesidade de proceder á contratación da dita póliza cun terceiro.

Finalizado o prazo de vixencia, entenderase prorrogado de ano en ano, salvo denuncia de calquera das partes con tres meses de antelación, como mínimo, á data da súa terminación ou prórrogas.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e para os efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

En caso de nulidade parcial ou modificación de calquera das ditas condicións, quedará na súa totalidade sen eficacia, debendo negociarse todo o seu contido.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que, a título persoal, puidesen te-los traballadores afectados por este convenio.

Artigo 6º.-Lexislación supletoria.

En tódolos aspectos que non estean desenvolvidos neste convenio colectivo observarase o disposto no Estatuto dos traballadores, Real decreto 1561/1995, convenio de OIT nº 153, Regulamento CEE nº 3820/1985.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada ordinaria de traballo será de 1.826 horas e 27 minutos anuais de traballo efectivo, en cómputo trimestral de 456 horas e 37 minutos; consideraranse como horas extraordinarias o tempo de traballo efectivo que exceda da dita xornada, respectándose en todo caso a normativa vixente en materia de conducción.

O tempo de conducción non poderá exceder de nove horas diarias, excepto dúas veces por semana, que poderá chegar a dez horas, sendo de aplicación os regulamentos CEE 3820/1985 e 382/1985, así como o Real decreto 1561/1995.

O descanso diario terá unha duración de once horas consecutivas. Non obstante, poderase reduci-lo descanso diario de once a nove horas tres veces por semana, pero na semana seguinte terá que se compensa-lo descanso non desfrutado. Así mesmo, o descanso diario poderá ser substituído por descanso tomado en dous ou tres períodos durante as vintecatro horas, sendo un dos períodos de oito horas, como mínimo; neste último suposto a duración do descanso diario será de doce horas en total.

Nos transportes interurbanos, o tempo de conducción ininterrompida axustarase ó establecido na normativa de aplicación actualmente vixente, ou a aquela que veña a substituíla.

O posible exceso de horas de traballo efectivo en cómputo inferior ó trimestre poderase compensar con tempo de descanso, e o tempo traballado non terá a consideración de horas extraordinarias sempre que non exceda da xornada establecida en cómputo trimestral.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria o traballador se encontre no seu posto de traballo.

Artigo 8º.-Definición do tempo de traballo.

Para o persoal de movemento:

a) Terá a consideración de traballo efectivo a conducción durante a circulación do vehículo e os traballos auxiliares que se realicen en relación co vehículo, os viaxeiros ou a súa carga.

b) Tempo de presencia.

Será tempo de presencia aquel período da xornada no que o traballador, aínda que non preste traballo efectivo, estea á disposición da empresa, tanto nos seus locais, coma no vehículo.

Terán a consideración de tempo de presencia as gardas, reténs, expectativas, avarías, esperas, e outras similares nas que o traballador, mesmo non prestando traballo efectivo, estea á disposición da empresa.

O tempo de presencia non excederá de 80 horas en cómputo mensual.

As horas de presencia non se computarán para efectos de horas extraordinarias, sen prexuízo de que a súa remuneración sexa de igual contía que as horas ordinarias. Poderán, sen embargo, computarse para efectos de xornada cando se realicen menos horas de traballo efectivo que as legalmente autorizadas.

c) Tempo de espera.

Terá a consideración de tempo de espera aquel no que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo, nas localidades que non sexan principio ou fin de traxecto. Considerarase que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo, cando poida dispoñer libremente do seu tempo por non estar á disposición da empresa.

Computarase ó 50% e aboarase como o tempo de presencia.

As esperas en localidades de principio ou fin de traxecto, fóra da residencia habitual do traballador ou do lugar da súa toma habitual do servicio, non computarán para efectos de xornada, nin como traballo colectivo nin como tempo de presencia.

Artigo 9º.-Descanso semanal e festivo.

Os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de día e medio ininterrompido, que se poderá acumular mensualmente.

As festas laborais, que terán carácter retribuído e non recuperable, serán de catorce ó ano.

Cando, excepcionalmente e por razóns técnicas ou organizativas, non se puidese desfrutar do día de festa correspondente ou do descanso semanal, a empresa poderá optar entre proporcionarlle un descanso compensatorio ó traballador dentro dos 30 días seguintes ou aboarlle os salarios correspondentes incrementados nun 50%.

Artigo 10º.-Vacacións.

Todo o persoal ó servicio da empresa desfrutará un período anual de vacacións de 30 días naturais, coa excepción dos traballadores que ingresen ou cesen no transcurso do ano, os cales desfrutarán a parte proporcional daquel período en función do tempo de prestación de servicios, e o seu desfrute terá que ter lugar, nun ou máis períodos, dentro da anualidade á que correspondan.

Artigo 11º.-Permisos e licencias.

Os traballadores, logo de aviso e posterior xustificación, poderanse ausentar do traballo con dereito a retribución, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días en caso de nacemento de fillo, enfermidade grave ou morte de fillos ou cónxuxe. O traballador terá dereito a un día máis de permiso se con tal motivo tivese a necesidade de se desprazar a unha distancia mínima de 80 quilómetros, ida e volta, contados desde o municipio onde o traballador teña o seu domicilio.

c) Dous días en caso de enfermidade grave ou morte doutros parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

d) Un día por traslado de domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que esta dispoña en canto á duración do permiso e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador á situación de excedencia regulada no punto un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o seu importe do salario ó que tivese dereito na empresa.

f) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal, nos termos legal ou convencionalmente establecidos.

g) Ata dous días anuais por asuntos propios, con obriga do traballador de comunica-la súa intención de proceder ó seu desfrute cunha antelación mínima de setenta e dúas horas.

Artigo 12º.-Retirada do permiso de conducir.

Os conductores ós que, como consecuencia de conducir un vehículo da empresa por conta e orde desta, se lles retire o permiso de conducir por tempo non superior a 182 días, serán destinados durante este tempo a outro traballo, mesmo cando sexa de categoría profesional inferior, nalgúns dos servicios de que dispoña a empresa, e seguirán percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto neste artigo non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, e quedarán excluídos deste beneficio os conductores que se vexan privados do permiso de conducir como consecuencia do consumo de drogas ou da inxestión de bebidas alcohólicas en exceso sobre o permitido pola lei.

Artigo 13.-Compensación en caso de baixa.

Completarase a diferencia entre a prestación percibida con cargo á Seguridade Social por incapacidade temporal e o salario deste convenio cando aquela estea motivada por accidente de traballo con hospitalización; no caso de non se ter producido hospitalización, o complemento citado aboarase durante un máximo de 70 días, transcorridos os cales o dito complemento aboarase na contía prevista no parágrafo seguinte.

No caso de baixa por enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa completará, a partir do día en que comece o seu aboamento o INSS ou mutua correspondente, a diferencia entre a prestación percibida con cargo á Seguridade Social e o 80% do salario deste convenio.

Artigo 14º.-Póliza de seguros.

A empresa concertará as seguintes pólizas:

a) Persoal de movemento:

Para estes traballadores observarase o disposto na póliza de seguros que establece a lei, e o Regulamento do seguro obrigatorio de viaxeiros, a súa

contía, en caso de morte, será de 6.000.000 de pesetas e de 7.000.000 de pesetas no caso de invalidez permanente, nos supostos de accidente producidos no autocar.

b) Resto do persoal:

Exclusivamente para o persoal de non movemento contratarase unha póliza de seguros cunha entidade aseguradora que cubra a contía de 3.500.000 pesetas en caso de morte por accidente laboral e de 3.500.000 pesetas no caso de invalidez permanente absoluta derivada, así mesmo, do accidente laboral.

Artigo 15º.-Gastos de traslado por falecemento en accidente laboral ou incapacidade do traballador.

No caso de que un traballador, en comisión de servicio fóra da súa residencia habitual, morrese ou quedase imposibilitado para volver á súa residencia, a empresa farase cargo do traslado ata o seu domicilio acompañado de dous familiares, no caso de que estes gastos non estivesen cubertos por un seguro ou fosen imputables a terceiros.

Artigo 16º.-Xubilación anticipada.

A xubilación será forzosa ó cumpri-lo traballador os 65 anos sen excepción, sempre que reúna os requisitos esixidos pola Seguridade Social sobre períodos de carencia, atendendo ás melloras e condicións pactadas neste convenio.

Sempre que exista acordo previo e para cada caso concreto, entre empresa e traballador, este poderase acoller á xubilación anticipada ós 64 anos que regula o Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

Artigo 17º.-Maternidade.

-Excedencia:

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é caso, porá fin ó que viña desfrutando. Durante o primeiro ano, desde o comezo de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do seu posto de traballo e a que o dito período lle sexa computado para efectos de antigüidade. Finalizado este, e ata a finalización do período de excedencia, serán de aplicación, salvo pacto colectivo ou individual en contra, as normas que regulan a excedencia voluntaria.

-Suspensión:

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas, ampliable por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase á opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer uso destas o pai, para o coidado do fillo, no caso de falecemento da nai.

No non previsto observarase o disposto no artigo 48.4º do Estatuto dos traballadores e na Lei 39/1999, do 5 de novembro.

-Lactación:

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia

do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai, no caso de que ambos traballen.

Artigo 18º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa.

1. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo de antigüidade na súa vixencia, concederase:

a) Por designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) A quen desempeñe cargos electivos a nivel provincial, autonómico ou estatal nas organizacións sindicais máis representativas que, así mesmo, imposibiliten a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público ou sindical.

2. O traballador cunha antigüidade dun ano, alomenos, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en excedencia voluntaria por un prazo non menor a dous anos e non maior de cinco. Este dereito, só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia. O traballador excedente conserva só un dereito preferente ó ingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

Artigo 19º.-Uniformes.

A empresa concederalle ó persoal de movemento dous uniformes: un de inverno e outro de verán, de común acordo a empresa e os traballadores.

Ó persoal de talleres, dúas fundas ó ano e botas de seguridade.

Artigo 20º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que corresponden ó persoal afectado por este convenio, durante o ano 2002, son os que figuran na táboa salarial anexa.

Para os sucesivos anos de vixencia, os salarios contidos na dita táboa incrementaranse na mesma porcentaxe que o IPC previsto polo Goberno para cada un dos ditos anos. En caso de que o IPC real estatal experimentase un incremento superior á previsión efectuada polo Goberno, efectuarase unha revisión salarial no exceso da indicada cifra, con efectos do día 1 de xaneiro do ano, que servirá de base para a aplicación do incremento correspondente ó ano seguinte.

Artigo 21º.-Antigüidade.

Aqueles traballadores que, antes do día 31-3-2002, estivesen percibindo o complemento de antigüidade, seguirán percibindo o importe no dito momento acreditado, como antigüidade consolidada, actualizándose o mencionado importe nas mesmas condicións e porcentaxes que o salario base deste convenio.

O persoal que na expresada data do 31-3-2002 non estivese percibindo o referido complemento de

antigüidade, percibirá polo dito concepto as seguintes contías fixas:

Ós 3 anos: 3.000 pesetas.

Ós 5 anos: 6.000 pesetas.

Ós 10 anos: 9.000 pesetas.

Ós 15 anos: 15.000 pesetas.

Os expresados importes comezarán a devengarse a partir do día 1 do mes seguinte ó do cumprimento do respectivo prazo, computado desde o ingreso do traballador na empresa.

Artigo 22º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a tres pagas extraordinarias: xullo, Nadal e marzo.

O importe de cada unha delas será o correspondente a unha mensualidade de 30 días de salario máis antigüidade, e aboaranse en proporción ó tempo traballado no período anual ó que correspondan, debendo ser feitas efectivas antes do 22 de xullo, 20 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

Procurarase a supresión das horas extraordinarias. En caso de realización, estas aboaranse cun incremento non inferior ó 50% sobre o salario que corresponda a cada hora ordinaria.

Artigo 24º.-Complemento de nocturnidade.

O persoal que traballe entre as 22 e as 6 horas percibirá un complemento por traballo nocturno, equivalente ó 25% do salario base sinalado para a súa categoría profesional nas táboas de salarios deste convenio. Este complemento percibirano mesmo aqueles traballadores que, por razón da súa quenda de traballo, efectúen a súa xornada dentro destes límites, pero para iso será preciso que polo menos traballen tres horas dentro do período considerado. Exclúese, en todo caso, do cobramento do expresado complemento, o persoal que realice a súa función durante a noite e que fose contratado para tal fin.

Artigo 25º.-Conductor-perceptor.

O conductor-perceptor percibirá, ademais da remuneración de conductor, un suplemento salarial do 20% do seu salario base, que se devengará en proporción ó tempo en que realice ámbalas funcións.

Ó cobramento do referido complemento terá dereito o conductor-perceptor en razón do tempo en que desenvolva a súa función como tal conductor-perceptor; a distribución do tempo será facultativa para a empresa, a cal, se non desexa que realice funcións de cobranza, poderá establece-la fórmula que se vaia aplicar; neste suposto non se percibirá retribución por tal función.

Artigo 26º.-Complemento de presencia.

Dada a dificultade de determina-las horas de presencia, no caso individual, as partes acordan un pagamento global delas de 56,25 euros mensuais, sempre e cando, sumando as horas efectivas, tempo de presencia e tempo de espera, supere a xornada laboral establecida, ou a realización de horas de presencia e de espera, entendendo que ó supera-la xornada laboral con horas efectivas dará lugar ó

pagamento das correspondentes horas estructurais ou extraordinarias.

Este complemento non se aboará durante as vacacións e durante os períodos de baixa por enfermidade ou accidente, coa excepción dos casos nos que a baixa sexa como consecuencia de accidente producido durante o tempo de traballo efectivo, presencia ou espera.

Artigo 27º.-Complemento de transporte.

Establécese con carácter extrasalarial un complemento de transporte para tódolos traballadores, consistente en 81,88 euros ó mes.

Artigo 28º.-Axudas de custo.

O persoal que por razóns de servicio teña que se desprazar fóra do seu lugar habitual de traballo, terá dereito á percepción dunha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axuda de custos.

Dará dereito á percepción de axuda de custos completa a realización dun servicio que obrigue ó traballador a comer, cear e pernoitar fóra da súa residencia habitual.

A parte da axuda de custos correspondente á cea percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectuala fóra da residencia habitual ou, en todo caso, cando o traballador, mesmo encontrándose no lugar da súa residencia habitual, finalice o servicio despois das 23 horas e non tivese polo menos hora e media para cear antes da dita hora.

A parte da axuda de custos correspondente á comida percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectuala fóra da residencia habitual ou, en todo caso, cando o traballador, mesmo encontrándose no lugar da súa residencia habitual, saia antes das 12.15 horas e regrese despois das 14.30 horas, e non teña alomenos hora e media para comer, antes ou despois das horas indicadas.

O importe das axudas de custo será o seguinte:

-Servicios regulares:

Axuda de custos completa: 25,63 euros.

Comida: 7,84 euros.

Cea: 7,84 euros.

Pernoita: 9,95 euros.

-Servicios discrecionais a todo o territorio estatal e Portugal:

Axuda de custos completa: 40,56 euros.

Comida: 12,69 euros.

Cea: 12,69 euros.

Pernoita: 15,18 euros.

-Servicios discrecionais ó estranxeiro, excepto Portugal:

Axuda de custos completa: 59,27 euros.

Comida: 18,13 euros.

Cea: 18,13 euros.

Pernoita: 23,01 euros.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento da comida e, se é o caso, o aloxamento en substitución das axudas de custo previstas neste artigo.

Artigo 29º.-Quebranto de moeda.

En concepto de quebranto de moeda os conductores-perceptores percibirán a cantidade de 0,82 euros, por cada día en que leven a cabo os ditos labores.

Artigo 30º.-Dereitos sindicais.

Observarase o establecido no Estatuto dos traballadores e demais normas de aplicación.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio, constituirase unha comisión paritaria integrada por dous representantes da empresa e dous representantes dos traballadores, de entre os que tomaron parte na comisión negociadora do convenio, e nomeados polo dito comité.

Artigo 32º.-Contratos de duración determinada.

Os contratos de duración determinada, regulados no artigo 15 do Estatuto dos traballadores, por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, poderán ter unha duración máxima de dez meses, nun período de doce meses.

Artigo 33º

Asinan este convenio colectivo, pola representación económica a empresa Galega de Autocares Gala, S.L. e, pola representación da parte social, os representantes dos traballadores que figuran na acta.

Táboa de salarios desde o 1-4-2002 ó 31-12-2002

CategoríasEuros/mesEuros/día

-Persoal administrativo
Xefe de servicio 985,58
Enxeñeiros e licenciados 858,97
Xefe de negociado 684,75
Oficial de primeira 619,29
Oficial de segunda 578,97
Auxiliar administrativo 523,73

-Persoal de movemento
Xefe de tráfico de primeira 743,61
Xefe de tráfico de segunda 717,16
Xefe de tráfico de terceira 674,02
Inspector 21,34
Conductor-perceptor 20,89
Conductor 20,51
Cobrador 17,90
Mozo de administración 17,07
Vendedores/as de billetes 574,45

-Persoal de talleres
Xefe de taller 852,25
Encargado de taller 665,83
Xefe de equipo 22,30
Oficial de primeira 21,47
Oficial de segunda 20,48
Oficial de terceira 19,59
Aprendices (*)(*)

(*) Salario mínimo segundo idade en cada caso.

Complemento presencia: 56,25 euros/mes.

Complemento transporte: 81,88 euros/mes.

Quebranto de moeda: 0,82 euros/día.

Arcade, 18 de marzo de 2002.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE