Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 21 de xuño de 2002 Páx. 9.645

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de xuño de 2002 pola que se convoca concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia.

Segundo establece o artigo 27 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, o concurso constitúe o sistema normal de provisión de postos de traballo vacantes na Administración.

Esta consellería, de conformidade co establecido na citada lei, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, e demais normas concordantes, acorda convoca-lo presente concurso de méritos para a provisión dos postos de traballo vacantes dotados orzamentariamente que

se relacionan no anexo I da presente orde de conformidade coas seguintes

Bases

I. Requisitos de participación.

I.1. Só poderán participar no presente concurso os funcionarios/as da Administración xeral da Xunta de Galicia así como os funcionarios/as doutras administracións públicas que reúnan os requisitos esixidos para desempeña-los postos ós que se opta conforme o especificado en cada caso no anexo I da presente convocatoria, salvo aqueles que leven menos de dous anos desempeñando un posto definitivo obtido por concurso, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Ós funcionarios que accedesen a un corpo por promoción interna e permanecesen no posto de traballo que desempeñaban, computaráselle-lo tempo de servicios prestados no dito posto no corpo de procedencia para os efectos do disposto no parágrafo anterior.

I.2. Non poderá participar o persoal docente, investigador e sanitario ó que se refire o artigo 1.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, salvo para os postos de administración educativa, investigadora e sanitaria de conformidade co que dispoñan as R.P.T., nin o persoal regulado pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma.

I.3. Están obrigados a participar no presente concurso os funcionarios/as da Administración da Xunta de Galicia que estean en situación de destino provisional nela e reúnan os requisitos esixibles na presente convocatoria e anexos correspondentes, debendo solicitar tódolos postos de traballo ós que poidan acceder, todo isto de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril.

I.4. Poderán solicitarse por orde de preferencia as vacantes que se inclúen no anexo I desta orde, sempre que se reúnan as condicións esixidas nel.

Os funcionarios/as doutras administracións públicas que participen no concurso só poderán solicitar aqueles postos ós que segundo o anexo I puidesen acceder, sempre que reúnan os requisitos que se esixen para o seu desempeño.

Os erros manifestos que puidesen advertirse poderán ser emendados de oficio ou a petición da parte interesada e serán apreciados libremente por parte da comisión de valoración á que se fai referencia na base VI.

1.5. Así mesmo, os funcionarios que o desexen poderán solicita-los postos que resulten vacantes a consecuencia da resolución deste concurso, especificando a súa preferencia de acordo cos seguintes datos:

-Localidade (só poderá solicitarse unha única localidade).

-Consellería (por orde de preferencia).

-Nivel do posto de traballo ó que se opte (especificando o nivel mínimo que se solicita).

Os postos resultantes adxudicaranse de acordo coas puntuacións obtidas de conformidade co baremo que rexe neste concurso.

No caso dos funcionarios doutras administracións públicas, só poderán ser adxudicatarios, de se-lo caso, dos postos ós que, de conformidade coa correspondente relación de postos de traballo, poidan acceder e sempre que reúnan os requisitos para o seu desempeño.

I.6. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxu

dicados serán irrenunciables, salvo que se obtivese outro destino mediante convocatoria pública antes de finaliza-lo prazo de toma de posesión.

II. Valoración de méritos.

A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

II.1. Méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo.

Os méritos específicos que se expresan para cada posto de traballo no anexo I a esta orde valoraranse da seguinte forma:

a) Por posuí-la titulación que especificamente se menciona no citado anexo I: 1,6 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia que se menciona no citado anexo I: 0,30 puntos. Para estes efectos, só se computarán os servicios efectivos prestados ós funcionarios que estean ocupando un posto adxudicado con carácter definitivo.

c) Por posuí-los coñecementos que se especifiquen no citado anexo I, acreditados mediante cursos, valorándose de conformidade cos seguintes criterios:

-Por cada curso igual ou inferior a 40 horas lectivas: 0,20 puntos por curso.

-Por cada curso superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75: 0,35 puntos por curso.

-Por cada curso superior a 75 horas lectivas: 0,50 puntos por curso.

De non especificarse o curso en concreto no anexo I, só se terán en conta aqueles organizados e impartidos directamente polos organismos ós que fai referencia a base II.4

Non se valorarán os cursos nos que non se acrediten as horas de duración nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposiums e similares.

A puntuación das alíñeas b) e c) non poderá supera-lo máximo de 1,4 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 3 puntos.

II.2. Grao persoal consolidado.

Polo nivel 10 de grao consolidado: 1 punto.

Por cada unidade de nivel que exceda de 10: 0,15 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 4 puntos.

Nos supostos en que os funcionarios non teñan consolidado ningún grao persoal ou este sexa inferior a 10 computarase, para os efectos de puntuación no presente epígrafe, o nivel mínimo correspondente ó intervalo de niveis do grupo do corpo ou da escala á que pertenza o funcionario.

II.3. Valoración do traballo desenvolvido e permanencia.

1. A valoración do traballo desenvolvido efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

Só se computarán os traballos desenvolvidos nos últimos cinco anos como funcionario de carreira nos distintos grupos.

A valoración efectuarase da seguinte forma:

a) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa inferior ó posto desempeñado en máis de dous niveis: 0,60 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel ou o posto solicitado sexa inferior ó posto desempeñado ata dous niveis: 0,50 puntos.

c) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ó desempeñado: 0,40 puntos.

2. Permanencia (no posto desde o que se participa, como funcionario de carreira):

Por permanecer no mesmo posto: 0,15 puntos por cada ano ou fracción superior a 6 meses.

Exclúense desta puntuación, de se-lo caso, aqueles anos que correspondan ós dous de permanencia obrigatoria tras obte-la praza de que se trate por concurso.

Os que se atopen na situación de adscrición provisional, e os que participen desde un posto obtido polo sistema de libre designación terán o mesmo tratamento que os que o fagan dende un posto obtido por concurso.

Para os efectos anteriores (valoración do traballo e permanencia), os servicios prestados na situación de comisión de servicios puntuaranse como realizados no posto de orixe do funcionario.

Puntuación máxima deste epígrafe: 4,5 puntos.

II.4. Cursos de formación e perfeccionamento e titulación académica.

II.4.1. Por cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidade e Inem, así como os cursos homologados e os que recibiron informe favorable da comisión de formación continua da Comunidade Autónoma de Galicia, todos eles relacionados coas funcións propias do posto ó que se opte.

Así mesmo, puntuaranse os cursos de idiomas inglés, francés ou portugués organizados e impartidos directamente polos organismos anteriormente indicados.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

a) Por cada curso igual ou superior a 6 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,15 puntos.

b) Por cada curso superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75: 0,30 puntos.

c) Por cada curso superior a 75 horas lectivas: 0,45 puntos.

Non se puntuarán os cursos que non acrediten as horas de duración.

Valoraranse os cursos de idiomas inglés, francés ou portugués, organizados e impartidos directamente polo instituto de idiomas ou escolas oficiais de idiomas (enténdese por curso ano superado), puntuándose de conformidade co disposto no epígrafe c).

Só se punturarán os cursos de idiomas relacionados coas funcións propias do posto ó que se opta, determinándose os ditos postos pola comisión de valoración á que se refire a base VI, logo do informe da Inspección Xeral de Servicios.

Puntuación máxima do epígrafe II.4.1.: 3 puntos.

Non se valorarán os diplomas relativos á celebración de xornadas, seminarios, simposiums e similares.

Non se puntuarán os cursos que xa foron valorados na base II.1.c.

II.4.2. Titulación académica.

-Graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente: 0,30 puntos.

-Bacharelato superior, formación profesional de 2º grao ou equivalente: 0,60 puntos.

-Enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico ou equivalente: 0,90 puntos.

-Licenciado universitario, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente: 1,20 puntos.

-Título de doutor: 1,5 puntos.

Puntuación máxima do epígrafe II.4.2.: 1,5 puntos.

Valorarase unha soa titulación académica, sempre que sexa distinta á requirida para o acceso ó corpo desde o que se concurse, e de igual ou superior nivel académico

Non se valorarán a titulación que se tivese en conta na base II.1.a.

Para os efectos de equivalencia de titulación só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte con carácter xeral e válidas para tódolos efectos (debendo citar a continuación a disposición na que se establece a equivalencia e o BOE no que se publica).

Puntuación máxima do epígrafe II.4: 4,5 puntos.

II.5. Grao de coñecemento do idioma galego.

Iniciación ó galego: 1 punto.

Perfeccionamento de galego: 2 puntos.

Linguaxe administrativa, nivel medio de linguaxe administrativa local galega ou de linguaxe xurídica galega, os ciclos elemental e superior dos estudios de galego das escolas oficiais de idiomas: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, ós cursos, estudios ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración neste epígrafe.

II.6. Antigüidade:

Servicios prestados nas administracións públicas:

Por cada ano de servicios ou fracción superior a 6 meses como funcionario de carreira: 0,15 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 4,5 puntos.

Para estes efectos computaranse os recoñecidos polo órgano competente que se prestasen con anterioridade á condición de funcionario.

II.7. Polo grupo ó que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos.

-Por pertencer ó grupo A: 5 puntos.

-Por pertencer ó grupo B: 4 puntos.

-Por pertencer ó grupo C: 3 puntos.

-Por pertencer ó grupo D: 2 puntos.

-Por pertencer ó grupo E: 1 punto.

II.8. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

Tódolos méritos contemplados nesta base computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nos diferentes epígrafes desta base.

De persisti-lo empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 26 de febreiro de 2002 (DOG nº 47, do 6 de marzo). En último lugar solventaríase por sorteo entre os implicados.

II.9. A puntuación mínima para poder adxudica-los postos que se ofertan nesta convocatoria é a que para cada un deles se especifica no anexo I.

III. Documentación.

III.1. Os datos relativos ás circunstancias persoais e administrativas dos concursantes, así como os concernentes ós méritos que aduzan, acreditaranse debidamente e deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de instancias.

III.2. Os méritos, requisitos e datos imprescindibles deberán ser acreditados mediante certificado, que se acompañará coa instancia que se presente, segundo o modelo que figura como anexo III, debendo o funcionario competente que certifique xuntar á dita certificación as fotocopias da documentación correspondente ás distintas situacións e méritos que se invoquen, que formarán parte integrante da certificación e presentaranse cotexadas fidedignamente debendo numerarse de acordo co indicado modelo, significando que non se valorarán aqueles méritos que para a/as comisión/s non estivesen suficientemente acreditados. Estas certificacións serán expedidas polas unidades seguintes, de acordo co destino de cada funcionario.

-Servicios centrais: secretario xeral, subdirector xeral ou xefes de servicio que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes

da secretaría xeral da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

-Servicios periféricos: secretarios ou, se é o caso, funcionario responsable da área de persoal das delegacións/direccións territoriais, provinciais ou comarcais da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

IV. Solicitudes.

IV.1. As solicitudes para tomar parte no presente concurso dirixiranse á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo II desta orde, debendo presentarse no prazo de quince días contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria e dos seus anexos no Diario Oficial de Galicia, nos rexistros xerais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

IV.2. Os funcionarios con algunha discapacidade poderán instar, no caso de que lles fose adxudicado algún dos postos solicitados, a adaptación de medios materiais para o desempeño do dito posto, e a comisión de valoración poderá reclamarlle ó interesado, mediante entrevista, a información que considere precisa para a adaptación aducida, e igualmente, se é o caso, de consideralo oportuno, o dictame correspondente.

IV.3. No suposto de estaren interesados nas vacantes que se anuncian neste concurso para a mesma localidade dous funcionarios que reúnan os requisitos esixidos, poderán condiciona-la súa petición, por razóns de convivencia familiar, aínda que pertenzan a distintos corpos ou escalas, ó feito de ámbolos dous obteren destino na mesma localidade, entendéndose, en caso contrario, anulada a petición efectuada por ambos. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicional deberán concretalo na súa instancia e xuntar unha fotocopia da petición do outro funcionario.

IV.4. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias, non poderá renunciarse ás solicitudes formuladas e estas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, tanto no que se refiere á base I.4 como á I.5, salvo que se obteña outro destino mediante convocatoria pública antes de remata-lo prazo de toma de posesión.

V. Lista de admitidos e excluídos.

V.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, a directora xeral da Función Pública dictará resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia na que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos con indicación do lugar no que se atopan expostas.

V.2. Os excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da

resolución, para poderen corrixir, de se-lo caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto a estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita na resolución pola que se publique a lista definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública dictará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido no artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

VI. Comisión de valoración.

VI.1. A valoración dos méritos alegados polos concursantes para a adxudicación dos postos de traballo vacantes será efectuada pola comisión de valoración que prevé o artigo 12 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, coa composición establecida nel. Esta comisión terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e será nomeada polo órgano convocante. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.

VI.2. Poderá nomearse máis dunha comisión de valoración cando isto fose necesario polo número de solicitantes.

Neste suposto, corresponderalle á comisión de valoración número un resolver cantas consultas, interpretacións, criterios de valoración e de unificación poidan presentarse nas comisións sobre as normas que rexen o concurso, así como a coordinación das restantes comisións, e recibi-los expedientes destas relativos ás correspondentes valoracións do concurso e eleva-la proposta para a adxudicación da totalidade das prazas.

VI.3. A/as comisión/s poderán dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores para aquelas tarefas que o requiran. A proposta de designación destes faraa a comisión número un, procedendo ó seu nomeamento o órgano convocante.

VI.4. A proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados recaerá en todo caso sobre o concursante que obtivese maior puntuación conforme o baremo establecido na base II, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados na base II.8.

VI.5. Unha vez efectuada a proposta provisional da comisión de valoración para a adxudicación dos destinos, farase pública no Diario Oficial de Galicia mediante unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública. Os concursantes poderán formula-las oportunas

reclamacións, se é o caso, contra a dita proposta ante esta dirección xeral no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ó da publicación, que se presentarán no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nas delegacións provinciais e oficinas comarcais da dita consellería, ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

VI.6. Examinadas e resoltas polas comisión/s as reclamacións, se é o caso presentadas, procederase a elevar proposta definitiva de resolución do concurso, que será resolta por unha orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na que figurarán os destinos adxudicados a cada un dos participantes.

Para tal efecto, a estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na citada orde.

VII. Adxudicación de destinos.

VII.1. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, en que poderán optar por un dos dous, estando obrigados a comunicar por escrito nos tres días seguintes a opción realizada á Dirección Xeral da Función Pública.

VII.2. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia, non xerarán dereito a indemnización.

VIII. Toma de posesión.

A toma de posesión en tódolos postos adxudicados como consecuencia da celebración do presente concurso realizarase a partir da data que se faga constar na orde de resolución deste, desde a que se iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no artigo 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

IX. Recursos.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co establecido no artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública