Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 21 de xuño de 2002 Páx. 9.637

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de xuño de 2002 pola que se convoca concurso para a provisión de postos de traballo vacantes nas escalas de informática da Xunta de Galicia.

Segundo establece o artigo 27 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, o concurso constitúe o sistema normal de provisión de postos de traballo vacantes na Administración.

Esta consellería, de conformidade co establecido na citada lei, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 93/1991, do 20 de marzo, e demais normas concordantes, acorda convocar este concurso de méritos para a provisión dos postos de traballo vacantes das escalas de informática da Xunta de Galicia dotados orzamentariamente que se relacionan no anexo I desta orde de conformidade coas seguintes

Bases

I. Requisitos de participación.

I.1. Só poderán participar no presente concurso os funcionarios/as das escalas de sistemas e tecnoloxía da información; de xestión de sistemas de informática e técnica auxiliar de informática da Administración xeral da Xunta de Galicia que reúnan os requisitos esixidos para desempeña-los postos ós que se opta conforme o especificado en cada caso no anexo I da presente convocatoria, salvo aqueles que leven menos de dous anos desempeñando un posto definitivo obtido por concurso.

I.2. Están obrigados a participar no presente concurso os funcionarios das escalas de informática da Xunta de Galicia que estean en situación de destino provisional nela e reúnan os requisitos esixibles na presente convocatoria e anexos correspondentes, debendo solicitar tódolos postos de traballo ós que poidan acceder, todo iso de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril. No suposto de incumprimento do anterior serán declarados de oficio en situación de excedencia voluntaria.

I.3. Poderán solicitarse por orde de preferencia as vacantes que se inclúen no anexo I desta orde, sempre que se reúnan as condicións esixidas neste.

Os erros manifestos que puideran advertirse poderán ser emendados de oficio ou por petición da parte interesada e serán apreciados libremente por parte da comisión de valoración á que se fai referencia na base VI.

I.4. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que se obtivese outro destino mediante convocatoria pública antes de finaliza-lo prazo de toma de posesión.

II. Valoración de méritos.

A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

II.1. Grao persoal consolidado.

Polo nivel 14 de grao consolidado: 1,60 puntos.

Por cada unidade de nivel que exceda de 14: 0,15 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 4 puntos.

Nos supostos en que os funcionarios non teñan consolidado ningún grao persoal ou este sexa inferior a 14 computarase, para os efectos de puntuación no presente epígrafe, o nivel mínimo correspondente ó intervalo de niveis do grupo do corpo ou da escala á que pertenza o funcionario.

II.2. Valoración do traballo desenvolvido e permanencia.

1. A valoración do traballo desenvolvido efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

Só se computarán os traballos desenvolvidos nos últimos cinco anos como funcionario de carreira nos distintos grupos.

A valoración efectuarase da seguinte forma:

a) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa inferior ó posto desempeñado en máis de dous niveis: 0,60 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel ou o posto solicitado sexa inferior o posto desempeñado ata dous niveis: 0,45 puntos.

c) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ó desempeñado: 0,30 puntos.

2. Permanencia (na escala desde a que se participa):

Por permanecer no mesmo posto, como funcionario de carreira, os últimos 5 anos: 0,15 puntos por cada ano ou fracción superior a 6 meses.

Para os que se atopen na situación regulada no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, e os que participen desde un posto obtido polo sistema de libre designación terán o mesmo tratamento que os que o fagan desde un posto obtido por concurso.

Exclúense desta puntuación, de se-lo caso, aqueles anos que correspondan ós dous de permanencia obrigatoria tras obte-la praza de que se trate.

Para os efectos anteriores (valoración do traballo e permanencia), os servicios prestados na situación de comisión de servicios puntuaranse como realizados no posto de orixe do funcionario.

Puntuación máxima deste epígrefe: 3,75 puntos.

II.3. Cursos de formación e perfeccionamento.

II.3.1. Por cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, Universidade e Inem, así como os cursos homologados e os informados favorablemente pola comisión de formación continua da Comunidade Autónoma, todos eles relacionados coas funcións propias do posto ó que se opte.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

a) Por cada curso igual ou inferior a 40 horas lectivas: 0,15 puntos.

b) Por cada curso superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75: 0,30 puntos.

c) Por cada curso superior a 75 horas lectivas: 0,45 puntos.

II.3.2. Por cada curso de inglés organizado e impartido directamente polo Instituto de Idiomas, polas escolas oficiais de idiomas (enténdese por curso ano superado) e polas entidades ás que se refire a base II.3.1: 0,15 puntos.

Puntuación máxima do epígrafe II.3: 3 puntos.

Non se valorarán os diplomas relativos á celebración de xornadas, seminarios, simposios e similares.

II.4. Grado de coñecemento do idioma galego.

Iniciación ó galego: 1 punto.

Perfeccionamento de galego: 2 puntos.

Linguaxe administrativa, nivel medio de linguaxe administrativa local galega ou de linguaxe xurídica galego, os ciclos elemental e superior dos estudios de galego das escolas oficiais de idiomas: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, ós cursos, estudios ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración neste punto.

II.5. Antigüidade:

Servicios prestados nas administracións públicas:

Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de servicios como funcionario de carreira: 0,13 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 3,90 puntos.

Para estes efectos computaranse os recoñecidos polo órgano competente que se prestasen con anterioridade á condición de funcionario.

II.6. Polo grupo ó que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos.

Por pertencer ó grupo A: 5 puntos.

Por pertencer ó grupo B: 4 puntos.

Por pertencer ó grupo C: 3 puntos.

II.7. Titulacións académicas.

-Graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente: puntos: 0,20.

-Título de bacharelato superior, formación profesional de 2º grao ou equivalente: puntos: 0,40.

-Título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico ou equivalente: puntos: 0,60.

-Título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente: puntos: 0,80.

-Título de doutor: puntos: 1.

Valoraranse as titulacións académicas distintas ás requiridas para o acceso ó corpo desde o que se concurse, agás que sirvan de base para obte-la titulación superior que se invoque, valorándose neste caso só esta última.

Non se terán en conta as titulacións que serviran de base para a obtención dunha superior.

Puntuación máxima deste epígrafe: 3 puntos.

Para os efectos de equivalencia de titulación só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte con carácter xeral e válidas para tódolos efectos (debendo citar a continuación a disposición na que se establece a equivalencia e o BOE no que se publica).

II.8. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas serán determinadas pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nos diferentes epígrafes desta base.

Tódolos méritos considerados nesta base computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

De persisti-lo empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 26 de febreiro de 2002. En último lugar solventaríase por sorteo entre os implicados.

II.9. A puntuación mínima para poder adxudica-los postos que se ofertan nesta convocatoria é a que para cada un deles se especifica no anexo I.

III. Documentación.

III.1. Os datos relativos ás circunstancias persoais e administrativas dos concursantes, así como os concernentes ós méritos que aduzan acreditaranse debidamente e deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de instancias.

III.2. Os méritos, requisitos e datos imprescindibles deberán ser acreditados mediante certificado, que se acompañará coa instancia que se presente, segundo o modelo que figura como anexo III, debendo achega-la dita certificación o funcionario competente que certifique as fotocopias da documentación correspondente ás distintas situacións e méritos que se invoquen, que formarán parte integrante da certificación e presentaranse cotexadas fidedignamente debendo numerarse de acordo co indicado modelo, significando que non se valorarán aqueles méritos que para a/as comisión/s non estivesen suficientemente acreditados. Estas certificacións serán expedidas polas unidades seguintes, de acordo co destino de cada funcionario.

-Servicios centrais: secretario xeral, subdirector xeral ou xefes de servicio que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

-Servicios periféricos: secretarios, ou se é o caso, funcionario responsable da área de persoal das delegacións/direccións territoriais, provinciais ou comarcais da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

IV. Solicitudes.

IV.1. As solicitudes para tomar parte no presente concurso dirixiranse á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo II desta orde, debendo presentarse no prazo de quince días contados a partir do día seguinte ó da finalización da publicación da convocatoria e dos seus anexos no DOG, nos rexistros xerais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no art. 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

IV.2. Os funcionarios con algunha discapacidade poderán instar, no caso de que lles fora adxudicado algún dos postos solicitados, a adaptación de medios materiais para o desempeño do dito posto, e a comisión de valoración poderá reclamarlle ó interesado, mediante entrevista, a información que considere precisa para a adaptación aducida, e igualmente, se é o caso, de consideralo oportuno, o dictame correspondente.

IV.3. Se por razóns de convivencia familiar, estiveran interesados nas vacantes que se anuncian para este concurso para unha mesma localidade dous funcionarios, se reúnen os requisitos esixidos, aínda que pertenzan a distintos corpos ou escalas, poderán condiciona-la súa petición o feito de que ámbolos dous obteñan destino na mesma localidade, entendéndose en caso contrario anulada a petición efectuada por ámbolos dous. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicional deberán concretalo na súa instancia e xuntar unha fotocopia da petición do outro funcionario.

IV.4. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias non poderá renunciarse ás solicitudes formuladas e estas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que se obteña outro destino mediante convocatoria pública antes de remata-lo prazo de toma de posesión.

V. Listaxe de admitidos e excluídos.

V.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, a directora xeral da Función Pública dictará resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia na que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos con indicación do lugar no que se atopan expostas.

V.2. Os excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública dictará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co establecido no artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

VI. Comisión de valoración.

VI.1. A valoración dos méritos alegados polos concursantes para a adxudicación dos postos de traballo vacantes será efectuada polas comisións de valoración que prevé o artigo 12 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna coa composición establecida nel. Estas comisións terán a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e serán nomeadas polo órgano convocante. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.

VI.2. Poderá nomearse máis dunha comisión de valoración cando iso fose necesario polo número de solicitantes.

Neste suposto corresponderalle á Comisión de Valoración número un resolver cantas consultas, interpretacións, criterios de valoración e de unificación poidan presentarse nas comisións sobre as normas que rexen o concurso, así como a coordinación das restantes comisións e recibi-los expedientes destas relativos ás correspondentes valoracións do concurso, e eleva-la proposta para a adxudicación da totalidade das prazas.

VI.3. A/as comisión/s poderán dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores, para aquelas tarefas que o requirisen. A proposta de designación destes faraa a comisión número un, procedéndose ó seu nomeamento polo órgano convocante.

VI.4. A proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados recaerá en todo caso sobre o concursante que obtivera maior puntuación conforme o baremo establecido na base II, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados na base II.8.

VI.5. Unha vez efectuada a proposta provisional da Comisión de Valoración para a adxudicación dos destinos farase pública no DOG mediante unha resolución da dirección xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública. Os concursantes poderán formula-las oportunas reclamacións, se é o caso, contra a dita proposta ante esta Dirección Xeral no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ó da publi

cación, que se presentarán no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nas delegacións provinciais e oficinas comarcais da dita consellería, ou nos lugares previstos no art. 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

VI.6. Examinadas e resoltas pola/s comisión/s as reclamacións, se é o caso presentadas, procederase a elevar proposta definitiva de resolución do concurso, que será resolta por unha orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que se publicará no DOG e na que figurarán os destinos adxudicados a cada un dos participantes.

Para tal efecto a estimación ou desestimación das reclamacións entenderanse implícitas na citada orde.

VII. Adxudicación de destinos.

VII.1. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, en que poderán optar por un dos dous, estando obrigados a comunicar por escrito nos 3 días seguintes a opción realizada á Dirección Xeral da Función Pública.

VII.2. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia non xerarán dereito á indemnización.

VIII. Toma de posesión.

A toma de posesión en tódolos postos adxudicados como consecuencia da celebración do presente concurso realizarase a partir da data que se faga constar na orde de resolución deste, desde a que se iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no art. 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

IX. Recursos.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co establecido no artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública