Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 21 de xuño de 2002 Páx. 9.552

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de xuño de 2002 pola que se ordena a publicación da convocatoria de provisión dos postos de traballo de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Disposicións xerais

1º De acordo co establecido no capítulo IV do IV convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, convócase proceso de provisión para cubrir prazas vacantes reservadas a persoal laboral nas relacións de postos de traballo polo sistema de concurso de traslados.

1.1. As prazas vacantes convocadas, así como os requisitos para o seu desempeño son os que figuran no anexo II desta convocatoria.

Provisión definitiva.

Concurso de traslados

2º Poderá participar no concurso o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia cun mínimo de dous anos desde que os interesados accederon á praza que veñan desempeñando con carácter definitivo, agás que esta se provese polo sistema de libre designación.

1. Ademais, poderán participa-los excedentes voluntarios que, tendo esgotado o prazo mínimo de excedencia, soliciten o reingreso antes de rematado o prazo de presentación de instancias.

2. Así mesmo, non será necesaria a permanencia continuada de dous anos no posto de traballo para os traballadores que se atopen na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade na categoría desde a que concursan.

3. Os traballadores removidos dun posto de libre designación e os excedentes reincorporados provisionalmente deberán participar obrigatoriamente nesta fase solicitando tódalas vacantes correspondentes á súa categoría profesional, e non lles será de aplicación o disposto no punto 2 relativo á permanencia. Os excedentes reincorporados provisionalmente que incumpran esta obriga serán declarados de oficio na situación de excedencia voluntaria.

3º Os aspirantes interesados en participar nesta convocatoria deberán posuí-los requisitos e categoría profesional, no seu grupo respectivo, requiridos na relación de postos de traballo para desempeña-la vacante á que pretenden acceder, de acordo co que figura no anexo II. En todo caso, poderán concursar a outras categorías profesionais os que se atopen nas circunstancias recollidas nas disposicións transitorias cuarta e sexta do IV convenio colectivo único e, así mesmo, os adscritos temporalmente polos procedementos regulados nos artigos 7.4º b) e c) do convenio, que poderán concursar á categoría profesional á que xa estean adscritos temporalmente, ademais da súa de procedencia.

1. As titulacións académicas que deben posuí-los aspirantes ós que se refiren as disposicións tran

sitorias cuarta e sexta do IV convenio colectivo único serán as que figuran no anexo V.

Solicitudes.

4º Quen desexe tomar parte nesta convocatoria deberá presenta-la súa solicitude, conforme o modelo que figura como anexo I dela, nos rexistros xerais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), no prazo de 15 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

1. Na citada instancia faranse constar, por orde de preferencia, as vacantes incluídas no anexo II sempre que, de acordo co disposto no punto 3, se reúnan os requisitos esixidos para o seu desempeño.

2. Así mesmo, o persoal que o desexe poderá solicita-los postos que resulten vacantes como consecuencia da resolución deste concurso e que sexan da mesma categoría profesional á que concursa especificando a súa preferencia de acordo cos seguintes datos, que se farán constar na instancia (anexo I):

a) Se se condiciona ou non a participación na fase de resultas a que a posible vacante adxudicable teña, como mínimo, a mesma xornada que a que vén desempeñando o adxudicatario.

b) Só poderá solicitarse unha localidade, aínda que poderá indicarse a preferencia por un centro en concreto dentro desa localidade. Se se sinala a preferencia para un centro en concreto e non se sinala localidade, en caso de non obter posto nese centro non se adxudicaría en ningún outro dentro da localidade do centro.

c) Se non se opta por ningunha consellería concreta dentro da localidade, utilizarase a orde de prelación fixada na instancia.

Terán preferencia nesta fase de resultas os traballadores que fagan constar razóns de reunificación familiar na súa solicitude e que o xustifiquen documentalmente (padrón municipal, libro de familia, rexistro de parellas de feito, etc.). Para os ditos efectos, entenderase que hai reunificación familiar cando, como consecuencia do concurso, ámbolos dous cónxuxes ou parella de feito coincidan nos seus respectivos traballos na Xunta de Galicia, na mesma localidade ou en localidade de concello limítrofe ou en distancias non superiores a 30 km.

3. Á instancia xuntaráselle o informe ó que se refire o anexo IV, no que se farán consta-los méritos alegados polos interesados, debendo xuntarlle ó dito informe fotocopias da documentación correspondente ás distintas situacións e méritos que se invoquen, que formarán parte integrante do informe, e presentaranse cotexadas, significando que non se valorarán aqueles méritos que, para a/s comisión/s de valoración, non estivesen suficientemente acreditados. Os requisitos e os méritos alegados deberán reunirse e computarse ata o último día do prazo para a presentación de instancias.

Na valoración dos servicios prestados teranse en conta os servicios prestados na categoría de orixe para aqueles traballadores que participen ó abeiro da disposición transitoria sexta do vixente convenio colectivo único.

Ó persoal transferido teránselle en conta os servicios prestados na mesma categoría na Administración de procedencia como servicios prestados na Xunta de Galicia.

4. Os informes serán expedidos, nos servicios centrais, polo secretario xeral, director xeral, subdirector xeral competente en materia de persoal ou xefe do servicio de persoal da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos, e nas delegacións territoriais, polo secretario xeral ou polo funcionario encargado da xestión de persoal con categoría non inferior a xefe de sección da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

5. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que se obtivese outro destino mediante convocatoria pública antes de rematalo-lo prazo de toma de posesión.

Baremo de méritos.

5º A resolución deste concurso farase mediante a aplicación ós aspirantes do baremo de méritos que figura como anexo IV a esta convocatoria.

1. Terán preferencia para ocupa-las vacantes adecuadas á súa categoría os traballadores que se atopen:

Primeiro.-Na situación de traslado forzoso, de acordo co disposto no artigo 7.2º a).7 do IV convenio único.

Segundo.-Os adscritos temporais polo procedemento regulado no artigo 7.4º c) do IV convenio único.

Terceiro.-Os adscritos temporalmente por causas de saúde, que só terán preferencia para acceder a postos da categoría profesional á que estean adscritos polo procedemento regulado no artigo 7.4º b) do IV convenio único.

Cuarto.-Na fase de resultas os que acrediten a circunstancia de reunificación familiar.

2. A orde de prelación dos aspirantes para ocupar cada unha das vacantes solicitadas virá dada pola aplicación dos méritos alegados e certificados do baremo a que se refire o punto 5.

Comisión de valoración

6º Para a resolución deste concurso, o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública nomeará as comisións de valoración que considere necesarias.

1. A composición da/s comisión/s de valoración será como segue:

-Un/unha presidente/a, que será o titular da dirección xeral da Función Pública ou persoa en quen delegue.

-Un/unha secretario/a, con voz e sen voto.

-Tres vocais, en representación da Administración.

-Dous representantes dos traballadores, por proposta das organizacións sindicais presentes no comité intercentros.

Os acordos da/s comisión/s adoptaranse por maioría dos seus membros.

2. Os membros da/s comisión/s de valoración deberán absterse de participar cando concorra neles algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderán ser recusados polas mesmas razóns.

3. Co fin de acada-la necesaria coordinación entre as comisións de valoración, no suposto de existir máis dunha, todas actuarán baixo a dirección da nº 1, que resolverá cantas consultas, interpretacións e criterios de valoración e unificación poidan ser formuladas e solicitadas polas restantes comisións sobre a interpretación das bases desta convocatoria, así como sobre a aplicación do baremo, e eleva-la proposta para a adxudicación da totalidade das prazas.

4. Estas comisións terán a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

Resolución

7º O titular da Dirección Xeral da Función Pública, á vista da proposta feita pola comisión de valoración nº 1, dictará resolución, que se publicará no DOG, e nela figurará a relación de excluídos e anunciarase a exposición nos taboleiros de anuncios dos centros ós que se refire o punto 4, das listas de admitidos e da puntuación provisional acadada para cada unha das vacantes solicitadas.

1. Os aspirantes excluídos, así como os admitidos que non estean de acordo coa puntuación provisional, disporán dun prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para emendaren, se é o caso, os defectos que motivaron a súa exclusión ou para alega-la desconformidade coa puntuación provisional así como as razóns desta.

2. Rematado o proceso de valoración, o titular da Dirección Xeral da Función Pública, por proposta da Comisión de Valoración nº 1, dictará resolución, que se publicará no DOG, na que se lles adxudicarán as correspondentes vacantes ós aspirantes que obtivesen a maior puntuación. De producirse empate na puntuación, resolverase en primeiro lugar a favor do aspirante que teña maior antigüidade na categoría na Xunta de Galicia, en segundo lugar a favor do que teña maior antigüidade na Xunta de Galicia e, no caso de persisti-lo empate, resolverase pola orde resultante no sorteo que tivo lugar o día 26 de febreiro (DOG nº 47, do 6 de marzo de 2002).

3. Contra a resolución dictada poderase interpoñer reclamación administrativa previa á vía laboral perante o titular da Dirección Xeral da Función Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da dita resolución no Diario Oficial de Galicia, en aplicación dos artigos 120 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións concordantes.

4. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que con anterioridade á finalización do prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública.

Neste suposto deberase optar por un dos dous postos e comunicarlle a opción efectuada nos tres días seguintes á Dirección Xeral da Función Pública.

5. Os traslados que se deriven da resolución deste concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia non xerarán dereito a indemnización.

Incorporación ó posto de traballo

8º Os aspirantes que obteñan algunha das vacantes solicitadas deberán cesar no seu posto de traballo no prazo de tres días, contados desde o día seguinte ó da publicación da resolución. O prazo para tomar posesión do novo posto de traballo será de tres días se o destino do novo posto non implica cambio de residencia habitual do concursante ou dun mes se implica cambio de residencia. Se na data de cesamento ou de inicio do cómputo do prazo de toma de posesión o persoal está a gozar dun período de licencia, vacación ou permiso, o seu cómputo comezará ó día seguinte ó da reincorporación ó posto de traballo.

1. Non obstante, no suposto de que a praza de destino estivese ocupada por un contratado laboral temporal con contrato que non exceda dos seis meses, a Administración poderá prorroga-lo cesamento do

adxudicatario daquela no seu posto de procedencia mentres non remate o contrato temporal referido.

2. Así mesmo, no suposto de que a vacante estea ocupada por un contratado laboral temporal, de conformidade co disposto no artigo 36.1º b) do IV convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, o cesamento e a toma de posesión do adxudicatario suspenderase ata que o substiuto cumpra o período establecido no Real decreto 1194/1985.

Contra a dita orde pódese interpoñer reclamación administrativa previa perante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, en aplicación dos artigos 120 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídido das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións concordantes.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública