Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 18 de xuño de 2002 Páx. 9.324

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de pintura.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector da pintura (código convenio 1501185) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-5-2002, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de la Construcción de A Coruña e da parte social pola CIG e UGT, o día 10-4-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 14 de maio de 2002.

Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de pintura para a provincia da Coruña. Ano 2002

I. Extensión e vixencia.

Artigo 1º.-Extensión.

O presente convenio é de aplicación a tódalas empresas de pintura. Aplicarase a tódolos centros de traballo da provincia da Coruña, calquera que sexa o domicilio social das empresas a que pertenza. Afecta a tódolos traballadores ó servicio das empresas anteriormente expresadas.

Artigo 2º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor o día da súa publicación mais os seus efectos económicos comezarán

a rexer a partir do 1 de xaneiro de 2002 e a súa vixencia será desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2002.

II. Prórroga.

Artigo 3º

O convenio colectivo quedará denunciado automaticamente no momento en que remate a súa vixencia.

Artigo 4º.-Respecto de dereitos.

Respectaránselles a tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas en canto determinen maiores dereitos dos concedidos por este convenio respecto das materias obxecto da súa regulación.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

Sen prexuízo de que se poidan estender a calquera situación persoal as melloras establecidas no convenio e aínda amplialas, as empresas que veñan aboando salarios superiores ós regulamentariamente esixidos non estarán obrigadas a aplica-las elevacións que polas presentes estipulacións se fixan máis que na medida necesaria para suplir diferencias.

Así mesmo, as melloras establecidas no convenio serán compensables ou absorbibles por calquera elevación salarial que por disposición legal se puidese establecer.

Artigo 6º.-Garantía persoal e condición mínima.

Serán respectadas as condicións superiores pactadas con anterioridade a este convenio ou que se pacten durante a súa vixencia, con persoas ou grupo de persoas, polas empresas afectadas por el, sempre que no seu conxunto ou cómputo anual superen as establecidas por este convenio, debido á condición que ten de normas mínimas de relación, tanto no que se refire ó social como ó económico.

Artigo 7º.-Normas complementarias.

No que non estea previsto neste convenio aplicarase o que dispón o convenio xeral do sector da construcción e demais disposicións vixentes.

III. Condicións económicas.

Artigo 8º.-Incremento salarial para 2002.

O incremento salarial para 2002 aquí pactado é dun tres coma vintecinco por cento (3,25%), calculándose este sobre as táboas salariais vixentes o 31 de decembro de 2002, agás antigüidade, quedando establecidas as retribucións nas cantidades que figuran no anexo I deste convenio.

As empresas que pagasen as cantidades á conta do convenio poderán compensalas coas establecidas neste, no anexo I.

Artigo 9º.-Cláusula de garantía salarial para 2002.

No suposto de que o incremento anual do índice de prezos ó consumo (IPC) o 31 de decembro de 2002 supere o dous coma setenta e cinco por cento (2,75%), efectuarase unha revisión económica sobre

o exceso do dito tanto por cento, excepto antigüidade, que se aboará en canto se constate o incremento do IPC con efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2002.

Artigo 10º.-Prima de asistencia e puntualidade.

Establécese unha prima de asistencia e puntualidade por día efectivo de traballo para o período do 1 de xaneiro o 31 de decembro de 2002 de 4,61 euros para os axudantes e peóns e de 5,83 eruos euros para os oficiais de 1ª e 2ª.

Este complemento de asistencia e puntualidade perderase nas circunstancias e contías seguintes:

a) A primeira falta sen xustificación será penalizada coa perda de 1,5 días de prima, ademais do salario correspondente ó día da falta.

b) A segunda falta será penalizada coa perda de cinco días de prima, ademais do salario correspondente ó día da falta.

c) Cada nova falta será penalizada coa perda da prima correspondente á metade dos días traballados no mes, ademais do salario ou salarios da nova ou novas faltas.

d) As faltas computaranse sempre por cada mes natural.

Artigo 11º.-Antigüidade.

A antigüidade na empresa será retribuída a razón de dous bienios e tres quinquenios, por día natural, segundo a seguinte táboa:

Oficiais de 1ª e 2ª: bienio, 0,18 euros.

Axudantes e peóns: bienio, 0,17 euros.

Oficiais de 1ª e 2ª: quinquenio, 0,36 euros.

Axudantes e peóns: quinquenio, 0,35 euros.

Artigo 12º.-Complemento de altura.

Todo persoal que realice traballos en estadas voantes percibirá unha gratificación de 1,77 euros por día ou fracción para o período do 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2002. En estadas de tubos percibirase esta gratificación a partir dos seis metros de altura.

Artigo 13º.-Axudas de custo e desprazamentos.

O persoal que realice traballos fóra da súa localidade ou residencia e teña necesidade de pasa-la noite no lugar de traballo percibirá unha axuda de custos de 21,72 euros diarios, ademais de 1,26 euros mensuais para lavado de roupa, para o período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2002.

O persoal que se encontre traballando fóra da súa localidade ou residencia e non teña necesidade de pasa-la noite no lugar de traballo percibirá unha media axuda de custos de 6,52 euros diarios para o período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2002.

O persoal que se encontre traballando fóra do termo municipal a menor distancia de 10 km percibirá

unha saída de 2,31 euros diarios para o período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2002.

Artigo 14º.-Xornada laboral.

A xornada semanal será de 40 horas distribuídas de luns a venres, ambos incluídos, e a nómina aboarase mensualmente. Total de horas anuais: 1.764.

Consideraranse festivos de convenio os días 26 de xullo, 16 de agosto, 11 de outubro (4 horas), 23, 24, 30 e 31 de decembro, e 31 de decembro, só para este ano 2002. Cando un festivo local coincida con algún festivo de convenio, este último pasará ó seguinte día laborable. Así mesmo, cando coincida cun sábado.

Este calendario será de aplicación naquelas empresas que non establecesen un calendario laboral propio.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

A todo o persoal afectado por este convenio seralle facilitada polas súas respectivas empresas unha funda de traballo de primeira calidade cada ano. En caso de traballo que o requira, entregarase outra máis.

Artigo 16º.-Licencias con soldo.

Tódolos traballadores afectados por este convenio terán dereito a permisos e percibirán o importe do salario diario, antigüidade e complemento de asistencia nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: quince días naturais retribuídos.

b) Falecemento: en caso de falecemento de esposa, pais, pais políticos, fillos e irmáns, será sempre de cinco días, para tódolos traballadores. En caso de falecemento de tíos ou tías, será de dous días.

c) Parto de esposa: será sempre de cinco días.

Artigo 17º.-Complemento de transporte.

Estipúlase a seguinte retribución económica en concepto de complemento de transporte, para tódalas categorías, de 5,45 euros por día efectivo de traballo para o período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2002.

Artigo 18º.-Vacacións.

Será de trinta días naturais e percibiranse durante elas o salario diario, antigüidade e complemento de asistencia correspondente ós días que, se estivese traballando, percibiría o traballador. En todo caso, as vacacións poderán desfrutarse en dous períodos de 15 días que, de non haber acordo sobre o período do seu desfrute, 15 días poderán ser escollidos polo traballador e outros 15 días polo empresario, todos eles naturais.

Artigo 19º.-Pagas de Nadal e verán.

Serán de trinta días cada unha e aboaranse o salario diario do convenio e antigüidade. A paga de verán cobrarase no mes de xullo e a de Nadal antes do 24 de decembro. O seu importe é o que figura no anexo do convenio.

Artigo 20º.-Rendementos.

Establécese a seguinte táboa de rendementos mínimos:

Témpera lisa primeira man: 180 m.

Témpera lisa segunda man: 200 m.

Pintura ó óleo 1ª man: 80 m.

Pintura ó óleo 2ª man: 60 m.

Pintura ó óleo acabamento: 90 m.

Esmalte en paredes acabamento rolo: 80 m.

Pintura plástica en paredes, 1ª man: 160 m.

Pintura plástica en paredes, 2ª man: 180 m.

Aparellado e tapado: 130 m.

Témpera picada a rolo: 110 m.

Témpera picada a cepillo: 60 m.

Plástica picado a rolo 100: m.

Portas imprimidas: 25 unidades.

Portas emplastecidas e lixadas: 18 unidades.

Portas pintadas 1ª man: 18 unidades.

Portas esmaltadas: 15 unidades.

Ventás en guillotina imprimidas (sen marco): 60 unidades.

Ventás pintadas 1ª man (interior): 18 unidades.

Ventás pintadas 2ª man: 22 unidades.

Pintado oco interior guillotina (vernizado): 30 unidades.

Pintado oco interior guillotina (vernizado) 2ª man: 35 unidades.

Portas vernizadas 1ª man: 32 unidades.

Lixado e plastecido cravos: 40 unidades.

Portas 2ª man verniz: 32 unidades.

Portas 3ª man verniz: 30 unidades.

Estes rendementos enténdense en cada xornada de oito horas.

IV. Comisión paritaria.

Artigo 21º

Constitúese unha comisión paritaria para a interpretación, arbitraxe, conciliación e vixencia do convenio. Comporase de catro vocais, dous deles representantes dos traballadores e dous dos empresarios, ambos pertencentes á comisión deliberadora do convenio. Para a adopción de acordos será necesaria a conformidade de tres vocais, polo menos, en igualdade paritaria.

A comisión paritaria quedará constituída do seguinte xeito:

-Representación empresarial: César Prado Maceiras e Ángel Brey Castro.

-Representación dos traballadores: Victorino Ares Prado, da CIG e Celestino Pérez Vázquez, de UGT.

V. Disposicións adicionais.

Primeira.-As retribucións e táboas de rendemento incluídas neste convenio forman parte inseparable del e terán forza de obrigar en cada actividade.

Segunda.-O salario mínimo interprofesional non modificará o contido do presente convenio nin a contía das retribucións salariais pactadas nel, sempre e cando se lles garantan ós traballadores uns ingresos superiores en cómputo anual ós mínimos fixados por disposicións legais.

Terceira.-Complemento de hospitalización.

No caso de accidente laboral ocorrido no centro de traballo e no horario de traballo e que dea lugar a hospitalización a empresa aboará un complemento que, sumado ás prestacións regulamentarias por incapacidade temporal, garanta o cento por cento do salario real e durante un período máximo de seis meses, salvo que finalice antes o contrato de traballo ou a obra.

Cuarta.-As empresas están obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de dous meses, unha vez homologado o presente convenio, unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de falecemento e invalidez permanente absoluta ou gran invalidez, nos termos que seguidamente se dirán, dos seus traballadores por accidentes de traballo, incluídos os accidentes in itinere, que lle garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa no caso de falecemento ou invalidez permanente producido por causa fortuíta espontánea exterior e independente da vontade do traballador, o percibo da indemnización seguinte:

-33.055,67 euros en caso de falecemento do traballador por accidente de traballo.

-39.065,79 euros en caso de invalidez permanente absoluta ou grande invalidez.

Esta compensación é compatible coa pensión e indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. Malia o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo ó contrato de seguro de accidentes que voluntariamente se contén neste convenio, considerarase como entrega a conta da indemnización que, se ó o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, compensándose ata onde aquela alcance.

Quinta.-Contratación.

O ingreso ó traballo poderase realizar de conformidade con calquera das modalidades de contratación reguladas no Estatuto dos traballadores e disposicións complementarias.

1) Contrato fixo do cadro de persoal.

Este contrato é o que concertan un empresario e un traballador para a súa prestación laboral na empresa por tempo indefinido. Esta será a moda

lidade normal de contratación que realizarán empresarios e traballadores en tódolos centros de traballo de carácter permanente.

2) Contrato para traballo fixo por obra.

É o contrato que ten por obxecto a realización dunha obra ou traballo determinados e formalizarase sempre por escrito.

A duración do contrato e o cesamento do traballador axustaranse a algún destes supostos:

1. Con carácter xeral, o contrato é para unha soa obra, con independencia da súa duración, e terminará cando finalicen os traballos do oficio e categoría do traballador na dita obra.

O cesamento dos traballadores deberase producir cando a realización paulatina das correspondentes unidades de obra fagan innecesario o número dos contratos para a súa execución, debéndose reducir este de acordo coa diminución real do volume de obra realizada.

O cesamento dos traballadores fixos de obra por terminación dos traballos do seu oficio e categoría deberáselle comunicar por escrito ó traballador cunha anticipación de quince días naturais. Non obstante, o empresario poderá substituír este aviso previo por unha indemnización equivalente á cantidade correspondente ós días de aviso previo omitidos, calculada sobre os conceptos salariais dos táboas do convenio, todo isto sen prexuízo da notificación escrita do cesamento. A citada indemnización deberase incluír no recibo de salarios coa liquidación correspondente ó cesamento.

2. Malia o anterior, o persoal fixo de obra poderá prestar servicios a unha mesma empresa e en distintos centros de traballo dunha mesma provincia, sempre que exista acordo expreso para cada un dos distintos centros sucesivos, durante un período máximo de tres anos consecutivos sen perde-la dita condición e devengando os conceptos compensatorios que correspondan polos seus desprazamentos.

Neste suposto, a empresa deberá comunicar por escrito o cesamento ó traballador antes de cumprirse o período máximo de tres anos fixados no parágrafo anterior; cumprido este período, se non mediase comunicación escrita do cesamento, o traballador adquirirá a condición de fixo do cadro de persoal. En canto ó aviso previo do cesamento, observarase o pactado no parágrafo terceiro do punto 1.

3. Se se producise a paralización temporal dunha obra por causa imprevisible para o empresario e allea á súa vontade, tras dar conta a empresa á representación dos traballadores do centro ou, no seu defecto, á comisión paritaria provincial, operarán a terminación de obra e cesamento previstos no punto 1, a excepción do aviso previo. A representación dos traballadores do centro ou, no seu defecto, a comisión paritaria provincial, disporán, se é o caso, dun prazo máximo improrrogable dunha semana para a súa constatación, contado desde a notificación.

O empresario contrae tamén a obriga de ofrecer de novo un emprego ó traballador cando as causas de paralización da obra desaparecesen. A dita obriga entenderase extinguida cando a paralización se converta en definitiva. Logo de acordo entre as partes, o persoal afectado por esta terminación de obra poderase incluír no regulado no punto 2.

Este suposto non poderá ser de aplicación en casos de paralización por conflicto laboral.

4. En tódolos supostos regulados nos puntos anteriores establécese unha indemnización por cesamento do 4,5%, calculada sobre os conceptos salariais das táboas do convenio aplicable devengados durante a vixencia do contrato.

3) Outras modalidades de contratación.

1. Os traballadores que formalicen contratos dos regulados no Real decreto 2546/1994, ou norma que o substitúa, ou formalizasen contratos de fomento de emprego dos regulados polo Real decreto 1989/1984, con anterioridade á súa derrogación, exceptuando o contrato de fixo de obra regulado no artigo anterior, terán dereito, unha vez rematado o contrato correspondente por expiración do tempo convido, a percibir unha indemnización de carácter non salarial por cesamento do 7% se a duración fose igual ou inferior a 365 días, e do 4,5% se a duración fose superior a 365 días, calculada sobre os conceptos salariais das táboas do convenio aplicables devengados durante a vixencia do contrato. Estes contratos formalizaranse sempre por escrito.

2. O contrato de duración determinada previsto no punto 1 b) do artigo 15 do Estatuto dos traballadores poderá concretarse para cubrir postos en centros de traballo que non teñan a consideración de obra, tendo unha duración máxima de 12 meses nun período de 18 meses, computándose esta duración desde que se produza a causa que xustifica a súa celebración. En tales supostos considérase que se produce a causa que xustifica a celebración do citado contrato, nos casos previstos no Estatuto dos traballadores, cando se incrementou o volume de traballo ou se considere necesario aumenta-lo número de persoas que realicen un determinado traballo ou presten o seu servicio.

3. As empresas afectadas por este convenio, cando utilicen os servicios de traballadores con contratos de posta á disposición, aplicarán as condicións pactadas nel.

4. Contratos para a formación.

4.1. O sector recoñece a importancia que o contrato para a formación pode ter para a incorporación, con adecuada preparación, de determinados colectivos de mozos. Esta preparación debe recoller tanto o aspecto práctico de cada oficio como o coñecemento e adecuación ó sistema xeral.

4.2. O contrato para a formación terá como obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o adecuado desempeño dun oficio cualificado no sector da pintura.

4.3. O contrato para a formación poderase subscribir con traballadores que cumprisen os 16 anos e sexan menores de 21 anos que non teñan titulación requirida para formalizar contrato en prácticas no oficio ou posto obxecto de formación ou aprobado algún curso de formación profesional ocupacional homologado da mesma especialidade e cun número de horas teóricas equivalente ou superior ás previstas para a formación.

4.4. O tipo de traballo que debe presta-lo traballador en formación estará directamente relacionado coas tarefas propias do oficio ou posto cualificado, incluíndose os labores de limpeza e mantemento dos utensilios e ferramentas empregados no labor conxunto, coa dilixencia correspondente á súa aptitude e coñecementos profesionais.

Non poderán ser contratados baixo esta modalidade por razón de idade os menores de 18 anos para aquelas tarefas ou postos de traballo que expresamente fosen declarados como especialmente tóxicos, penosos, perigosos e insalubres, con independencia da prohibición legal de realizar horas extraordinarias e traballo nocturno en calquera actividade.

4.5. A duración do contrato non poderá ser inferior a seis meses nin exceder de dous anos, sen prexuízo do establecido no punto 4.9.

Cando se celebre por un prazo inferior ó máximo establecido no parágrafo anterior, poderá prorrogarse antes do seu remate por acordo entre as partes, unha ou máis veces, por períodos non inferiores a seis meses, sen que o tempo acumulado, incluído o das prórrogas, poida exceder do referido prazo máximo.

Expirada a duración máxima do contrato para a formación, o traballador non poderá ser contratato baixo esta modalidade pola mesma ou distinta empresa.

4.6. Para a impartición do ensino teórico adoptarase como modalidade a de acumulación de horas nun día da semana ou ben o necesario para completar unha semana enteira de formación. No contrato deberase especifica-lo horario de ensino.

O empresario, no contrato de traballo, vén obrigado a designa-la persoa que actuará como titor do traballador en formación, que deberá ser aquela que, polo seu oficio ou posto cualificado, desenvolva a súa actividade auxiliada por este, podendo asumi-las titorías o propio empresario, sempre que desenvolva a súa actividade profesional na mesma obra que o traballador en formación.

4.7. A retribución do traballador contratado para a formación non poderá ser inferior ó salario mínimo interprofesional en proporción ó tempo de traballo efectivo.

Para o primeiro ano de contrato aboarase o 60%.

Para o segundo ano aboarase o 70%.

Estas porcentaxes están referidas ó salario do nivel de auxiliares, axudantes ou peóns das táboas do convenio, agás que este fose inferior ó 85% para o pri

meiro ano de contrato, ou ó 100% do salario mínimo interprofesional para os do segundo ano, neste caso percibirán o salario mínimo interprofesional.

4.8. O complemento extrasalarial será devengado polos contratados en formación en igual contía que o sinalado no convenio colectivo provincial para o resto dos traballadores durante os días que dure o contrato.

4.9. Toda situación de incapacidade temporal do contratado para a formación inferior a seis meses comportará a ampliación da duración do contrato por igual tempo ó que o contrato estivese suspendido.

4.10. Se concluído o contrato, o contratado para a formación non continuase na empresa, esta entregaralle un certificado acreditativo do tempo traballado con referencia ó oficio obxecto da formación e do aproveitamento que, ó seu xuízo, obtivo na súa formación práctica.

Así mesmo, o traballador contratado para a formación terá dereito a unha indemnización por cesamento do 4,5%, calculado sobre os conceptos salariais das táboas do convenio devengados durante a vixencia do contrato.

Este contrato axustarase ó establecido na Lei 63/1997, do 26 de decembro, que modifica o artigo 11 do Estatuto dos traballadores, en relación co R.D. 488/1988, do 27 de marzo.

4) Traballo por tarefa, por obra feita ou por unidade de obra, con primas á producción ou con incentivo.

1. Caracterízanse estes sistemas por poñer en relación directa a retribución coa producción do traballo, con independencia, en principio, do tempo investido na súa realización e por ter como obxectivo a consecución dun rendemento superior ó normal.

2. O traballo ou tarefa consiste na realización, por xornada, dunha determinada cantidade de obra ou traballo.

Se o traballador remata a tarefa antes de concluí-la xornada diaria, a empresa poderá ofrecerlle, e este aceptar ou non, entre continuar prestando os seus servicios ata o remate da xornada ou que abandone o traballo, dándoa por concluída.

No primeiro caso, a empresa deberá aboa-lo tempo que medie entre o remate da tarefa e a conclusión da xornada diaria como se se tratase de horas extraordinarias, pero sen que se computen estas para o efecto do límite fixado para elas no artigo 35.2º do Estatuto dos traballadores, e sen que poida esixirse durante este período un rendemento superior ó normal.

3. Nos traballos a obra feita ou por unidade de obra, e para efectos da súa retribución, só se atende á cantidade e calidade da obra ou traballo realizado, pagándose por pezas, medidas, anacos, conxuntos ou unidade determinadas, independentemente do tempo investido na súa realización, se ben pode estipularse un prazo para o seu remate, neste caso deberá

rematarse dentro del, pero sen que poida esixirse un rendemento superior ó normal.

4. Nos traballos que se presten á súa aplicación, poderán establecerse primas á productividade ou incentivos, de tal forma que ós maiores rendementos que se alcancen no traballo correspondan uns ingresos que garden respecto ós normais, polo menos, a mesma proporción que a dos ditos rendementos en relación cos normais.

5. Se en calquera dos sistemas previstos neste artigo o traballador non alcanzase o rendemento previsto por causa non imputable á empresa nin ó traballador, este terá dereito, polo menos, ó salario fixado para a súa categoría profesional no convenio colectivo aplicable, máis un 25 por cento.

6. Previamente á súa implantación ou revisión colectivas destes sistemas, en canto supoñen casos subsumibles nos supostos de feito do artigo 64.1.4º d) ou e) do Estatuto dos traballadores, deberá solicitarse, se é o caso, ós representantes legais dos traballadores o informe que ó dito precepto se refire, e que deberán estes emitir no prazo improrrogablede 15 días, estando suxeita esta implantación ou revisión ó disposto no artigo 41 do Estatuto dos traballadores.

Sexta.-Xubilación especial ós 64 anos.

De conformidade co Real decreto 1194/1985, dictado en desenvolvemento do ANE e para o caso de que os traballadores con 64 anos cumpridos desexen acollerse á xubilación co 100 por 100 dos dereitos, as empresas afectadas por este convenio obríganse a substituír cada traballador xubilado ó amparo do citado real decreto, por outro traballador perceptor do seguro de desemprego ou mozo demandante do primeiro emprego, mediante un contrato de igual natureza có extinguido.

Será necesario previamente á iniciación de calquera trámite o acordo entre a empresa e o traballador para poderse acoller ó antes estipulado.

Esta modalidade non será aplicable para a contratación a tempo parcial nin a prevista no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores.

Sétima.-Empresas de traballo temporal.

As empresas afectadas por este convenio cando contraten os servicios de empresas de traballo temporal garantirán que os traballadores postos ó seu dispor teñan os mesmos dereitos sociais, laborais e retributivos que lles corresponden ós seus traballadores en aplicación do convenio colectivo provincial de pinturas.

Esta obriga constará expresamente no contrato de posta á disposición celebrado entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria que estea vinculada polo presente convenio.

Oitava.-Pintura industrial de chorreo.

A empresa subministrará, polo menos, dúas fundas ó ano e algunha máis, se fose necesario, por dete

rioración das anteriores. Así mesmo, dotará o chorreador dun escafandro homologado para desenvolve-lo traballo de limpeza mediante proxección de abrasivo seco. Este escafandro estará en bo estado, e terá alimentación de aire protexida mediante filtro con cartucho filtrante para eliminación de aceites e humidade excesiva e, ademais, estará dotado dunha válvula dosificadora que axuste o volume de entrada de aire.

A empresa submistraralle ó operario chorreador, ademais do equipo citado, botas e luvas adaptados ó traballo que vaia realizar. Procurarase que estes equipos persoais sexan utilizados por un só operario, quen devolverá o citado equipo cando abandone a empresas ou estea deteriorado e solicite outro para o seu cambio.

Novena.-O persoal que cese durante o período de prórroga do convenio terá dereito a percibir, como atrasos, o tanto por cento que se determine a primeiros de ano entre a representación sindical e patronal, que terá como base o IPC previsto polo Goberno, calquera que sexa o aumento que se pacte no convenio, e compensable coas retribucións superiores que puidesen ter percibido.

Décima.-Establécese o dereito das empresas afectadas polo convenio para recuperar, ben por a conta das vacacións, ou ben por calquera outro día laboral, os días de descanso que concedesen ós seus traballadores en datas non establecidas no artigo 14º deste convenio.

ANEXO I

Táboa salarial/ano 2002 (en euros)

CategoríaSalario

día

Salario

mes

Paga de

verán

Paga de

Nadal

Administrativos:-Xefe de 1ª e peritos -Oficial de 1ª-Oficial de 2ª-Auxiliar-Auxiliar axudantes

1.013,29

787,78

722,89

649,11

501,94

1.439,35

1.119,11

1.026,97

922,20

713,22

1.439,35

1.119,11

1.026,97

922,20

713,22

Operarios:-Oficial de 1ª-Oficial de 2ª-Axudante-Peón

19,27

18,89

18,57

17,90

824,61

807,86

794,56

765,96

824,61

807,86

794,56

765,96

Salarios: cómputo anual

Período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2002.

CategoríasEuros/ano

* Persoal administrativo:

Xefe 1ª e peritos16.258,36

Oficial de 1ª12.911,60

Oficial de 2ª11.948,54

Auxiliar10.853,76

Auxiliar axudante 8.669,87

* Persoal obreiro:

Oficial de 1ª11.338,97

Oficial de 2ª11.165,93

Axudante10.720,65

Peóns10.417,85

A Coruña, 10 de abril de 2002.