Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 17 de xuño de 2002 Páx. 9.163

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 204/2002, do 6 de xuño, polo que se crea o centro de reeducación específico de menores Concepción Arenal (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en concordancia co artigo 148.1º.20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude desa atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A mencionada lei regula como servicios sociais de atención especializada, entre outros, os dirixidos á familia, infancia e xuventude, e recolle determinados programas e equipamentos entre os que figuran os centros de menores, encamiñados á consecución da normalización, personalización e integración socio-familiar dos seus beneficiarios. Neste mesmo sentido, atribúeselle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a través da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, infancia e adolescencia, tódalas competencias relativas á creación de centros de atención a menores.

No desenvolvemento da lei, e co fin de garanti-la adecuada prestación dos servicios, controla-la calidade da atención e recoñece-los dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de autorización e acreditación de centros de servicios sociais. Esta disposición regula a obriga de obte-la a autorización administrativa previa para a creación ou modificación dos equipamentos sociais, así como para o inicio ou cesamento das súas actividades, especificando os requisitos xerais que os mesmos deben cumprir.

Neste sentido, segundo o disposto no artigo 29 da Lei 4/1993, de servicios sociais, e o artigo 6 do Decreto 243/1995, para a creación de centros de servicios sociais propios da Administración autonómica, será necesaria unha norma con rango de decreto, sendo precisa orde da consellería competente para o inicio das súas actividades.

Por outra banda, o artigo 45 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, establece que a execución das medidas adoptadas polos xuíces de menores nas súas sentencias firmes, son competencia das Comunidades Autónomas, e capacita estas para que, de acordo coas súas respectivas normas de organización, creen e leven a cabo os servicios e programas axeitados para o correcto desenvolvemento das medidas previstas na lei.

Xa que logo, compre a creación dun centro de reeducación específico que dea cumprida resposta ás esixencias xurdidas da nova lei.

De conformidade coa Lei 4/1993, a Lei 3/1997 e o Decreto 243/1995, por proposta da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Créase o centro de reeducación específico de menores Concepción Arenal, que se situará no barrio de Palavea, s/n, na Coruña.

Disposición derradeira

Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las disposicións necesarias para a posta en funcionamento do centro creado mediante o presente decreto.

Santiago de Compostela, seis de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude