Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 17 de xuño de 2002 Páx. 9.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de xuño de 2002 pola que se regulan as axudas para investimento de centros e servicios de atención a menores dependentes de entidades de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencias exclusivas en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das súas áreas de actuación a familia, infancia e mocidade, e nos artigos 53 ó 57 inclusive, as liñas, forma de convocatoria, condicións, requisitos e tipos de subvencións que poderán establecerse na materia.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril e 202/2000, do 21 de xullo, atribúelle á devandita consellería, no seu artigo 1, competencia en materia de familia, infancia e menores de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá o coñecemento e fomento dos recursos destinados á atención á infancia e á adolescencia, procurando que os menores dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

No texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 2/2002, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, establécense os requisitos e normas necesarios e básicos para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na aplicación 14.02.212D.780.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen na presente orde, reservándose para tal efecto un crédito de 180.304 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é establece-las bases polo que se rexe a concesión de axudas económicas para as entidades de iniciativa social que presten

servicios de atención ós menores institucionalizados, co fin de levar a cabo os investimentos que sexan necesarios para a súa adecuación ós principios establecidos no Plano de equipamentos na área de menores en desprotección social, incluído no Plano integral de apoio á familia. As ditas entidades deben cumpri-los requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e na Orde do 29 de febreiro de 1996, modificada pola Orde do 6 de novembro de 2000, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia.

Os centros e servicios obxecto de subvención en virtude desta convocatoria son aqueles establecementos que serven de soporte convivencial para unha atención especializada a menores en situación de desamparo ou marxinación social, non susceptibles de acollerse a outro tipo de medidas (axudas en familia, adopcións, acollementos familiares...), que ofrecen transitoriamente aloxamento, asistencia integral e unha dotación de servicios e programas especialmente orientados cara á normalización, personalización e integración socio-familiar dos seus beneficiarios.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-la concesión das axudas as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, titulares de centros tipificados como centros de menores e estean inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais desta consellería, a teor do disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, no relativo ós rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención para investimento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Equipamento e mobiliario.

-Adquisición de inmobles.

-Construcción de nova planta.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

A contía destas axudas fixarase en función das necesidades de cada centro, do proxecto presentado para tal fin e do orzamento total asignado a este.

Artigo 5º.-Normas xerais de subvencións.

a) O importe das subvencións para investimento reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados,

nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

b) A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá efectua-las comprobacións que consideren oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia ás entidades de iniciativa social.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As entidades presentarán xunto coa solicitude (anexo I) a documentación que a continuación se sinala:

1. Documentación xeral:

a) Memoria da institución segundo modelo oficial (anexo II).

b) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

e) Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez ou as que aínda téndoas solicitadas en anos anteriores, sufriran variacións estatutarias, deberán presentar tamén fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que houbera neles.

f) Copia compulsada do permiso para inicio das actividades, ou da solicitude deste, de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995, e co artigo 5 da Orde do 29 de febreiro de 1996, modificado pola Orde do 6 de novembro de 2000, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Documentación específica:

2.1. Para adquisición de bens inmobles.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste a favor do vendedor.

b) Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e a forma de pagamento.

c) Informe técnico sobre o estado do inmoble.

2.2. Para subvencións de construcción, reforma e adecuación:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do solicitante do inmoble ou, se este é en alugamento ou cedido, certificado do propietario facendo consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

c) Memorias das obras que se van realizar, cun orzamento incorporado.

d) Plan de financiamento da obra.

e) Cando a subvención se solicite para a creación dun centro ou no caso de que a reforma ou adecuación supoñan unha modificación substancial do centro, segundo establece o artigo 14.2º do Decreto 243/1995, é necesario presentar copia da solicitude da oportuna autorización administrativa ou desta autorización se xa estivese concedida.

2.3. Para subvencións de equipamento:

a) Memoria do equipamento e orzamento do importe das adquisicións que se pretendan realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construcción do centro, acreditación de que a obra está totalmente rematada.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requiridas presentaranse de conformidade cos modelos normalizados nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde se sitúa o centro no que se realizará o investimento, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Aquelas entidades que tivesen equipamentos en varias provincias presentarán, se é o caso, unha solicitude para cada provincia competente.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos previstos na presente orde. De non ser así, requirirase o interesado ou, se é o caso, ó seu representante, para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión provincial de valoración, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

-Presidente: o xefe de Servicio de Familia, Infancia e Menores.

-Vocais: dous funcionarios da respectiva delegación provincial, designados polo delegado provincial, un deles actuará como secretario. Así mesmo tamén participará un representante da intervención territorial, que actuará con voz pero sen voto.

4. Procederá o trámite de audiencia nos termos establecidos polo artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

A concesión de subvencións resolverase tendo en conta a adecuación ás características e requisitos dos centros de menores regulados no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e a Orde do 29 de febreiro de 1996, modificada pola Orde do 6 de novembro de 2000, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia.

Serán obxecto de valoración:

a) Centro de nova implantación.

b) Ampliación do centro.

c) Reformas e/ou obras de conservación e mantemento no centro.

d) Adquisición de equipamento e mobiliario adecuado ás necesidades dos menores.

e) Ocupación media das prazas convidas no exercicio económico inmediatamente anterior.

f) Ter subscrito un convenio de colaboración vixente coa Xunta de Galicia para a atención de menores.

Ademais, a comisión de valoración poderá ter en conta os seguintes aspectos:

1. Tender a unha máxima flexibilización respecto ás condicións de admisión e permanencia dos menores nas institucións, para permitir acoller conxuntamente a grupos de irmáns.

2. Integra-los menores no sistema escolar ordinario e procura-la súa participación nas actividades asociativas de tempo libre do seu medio.

3. Ofrecer unha atención especializada en réxime permanente (diúrno e nocturno) durante todo o ano.

4. Cooperar e traballar coas familias dos menores, fomentando as visitas e os contactos familiares.

5. Coordinarse cos diversos estamentos de servicios sociais para facer efectivo un seguimento e apoio post-institucional que favoreza a integración socio-laboral dos menores acollidos.

6. Cumprir cos dereitos dos usuarios de centros e equipamentos residenciais.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A concesión das axudas, por proposta da comisión de valoración, correspóndelle ós delegados provinciais da consellería, por delegación da conselleira

de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, despois da súa fiscalización pola intervención, de conformidade co establecido no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 2 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa as solicitudes teranse por desestimadas.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da presente resolución de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativo.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación da presente resolución. Neste caso no poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto o recurso de reposición.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión delas.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá acorda-la modificación da resolución por instancia da entidade, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade do establecido nesta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

O acto polo que se acorde a modificación da resolución, ou se é o caso, se denegue, será dictado, por delegación da conselleira, pola delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que concedeu a axuda. Inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución poráselles de manifesto ós interesados que no prazo de dez días, poderán alegar e presenta-los documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

5. Cando concorran as circunstancias previstas no punto 2.2 e) do artigo 6º desta orde, a resolución de concesión de subvención entenderase condicionada a que a entidade obteña a autorización administrativa correspondente, da que deberá remitir copia compulsada nos 5 días seguintes a súa obtención. Se non se fixera así a concesión da subvención entenderase revogada.

6. Así mesmo, se a entidade estivera tramitando o permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das axudas.

1. As entidades beneficiarias destas axudas, nos supostos de que a contía sexa igual ou superior a 1.500 euros e antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, terán que acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que a entidade beneficiaria xunte á solicitude a debida autorización, segundo o modelo anexo III, para que a devandita información sexa solicitada polo órgano gestor das axudas.

2. Son medios de xustificación preferentes da actividade subvencionada os establecidos no artigo 15.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A axuda concedida aboarase unha vez efectuado o gasto. Será necesario presentar na delegación provincial da consellería a seguinte documentación:

a) Subvención para adquisición de inmobles:

O aboamento da subvención efectuarase unha vez presentada, ante o órgano que a concedeu, unha copia da escritura pública de compravenda, que recollerá unha cláusula na que se faga constar que o inmoble obxecto da subvención deberá manterse polo menos durante vinte anos destinado á finalidade que serviu de fundamento á petición.

b) Axudas para a construcción, reforma e adecuación de centros:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Nas axudas para a construcción de nova planta presentarase compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o inmoble se destinará, durante 20 anos, á finalidade que serviu de fundamento á petición.

-Autorización administrativa do órgano competente, se é o caso.

c) Axudas para equipamento:

-Certificado do representante da entidade no que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

-Nas axudas para equipamento presentarase compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o equipamento se destinará durante cinco anos á finalidade que serviu de fundamento á petición.

Nos dous epígrafes anteriores as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro (BOE nº 312, do 30 de decembro), polo que se regula o deber de expedición e entrega de facturas de empresarios e profesionais.

4. A data límite de presentación das xustificacións será o 31 de decembro de 2002.

5. Procederá a comprobación material do investimento nos supostos de axudas superiores a 60.100 euros.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

a) Facer constar en todo tipo de publicidade e información a condición de subvencionada pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

c) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Acreditar ante o órgano concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determine a concesión da axuda ou subvención.

f) No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 13º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola entidade solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orza

mentario de Galicia, modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e o artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Supostos de reintegro.

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para á súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda pública.

e) Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos desta Comunidade Autónoma para o exercicio económico de 2002 para estes fins.

Segunda.-En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2002.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira nos delegados provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, aprobación ou denegación da modificación da resolución, así como autoriza-los gastos e propoñe-la ordenación dos correspondentes pagamentos.

Cuarta.-Os beneficiarios destas axudas están suxeitos ó réxime sancionador previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral da Familia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude