Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 17 de xuño de 2002 Páx. 9.138

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 202/2002, do 6 de xuño, sobre indemnizacións pola colaboración, con carácter non permanente nin habitual, nas actividades formativas organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios.

Por Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4 de xullo), reguláronse os módulos económicos das actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios.

O Decreto 245/1999, do 29 de xullo, regula a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de niveis non universitarios, establece os servicios e as estructuras de formación do profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os principios xerais que orientan a formación do profesorado, a súa programación, coordinación e avaliación.

Pola súa parte, o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, permite que se poidan percibir compensacións económicas polas colaboracións non permanentes nin habituais de formación e perfeccionamento do persoal na Escola Galega de Administración Pública

ou nos cursos ou actividades que convoque a Consellería da Presidencia e Administración Pública. Desde esta perspectiva a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estima conveniente promover unha norma que considere as remuneracións do persoal pola súa participación en accións formativas ou análogas do profesorado de niveis non universitarios que foran autorizadas por esta consellería, e que non sexa contraria ó establecido no Decreto 144/2001.

Tendo en conta a experiencia adquirida nesta materia e atendendo os cambios e os avances producidos na formación permanente do profesorado e considerando os aspectos regulados polo citado Decreto 144/2001, faise necesario un novo marco no que se recollan as indemnizacións polo traballo encomendado como colaboración non permanente nin habitual en accións formativas e análogas, así como as indemnizacións ó persoal asistente ás accións formativas.

Na súa virtude, logo do informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As actividades de formación permanente do profesorado de niveis non universitarios, en calquera das súas modalidades, os traballos en grupo para a elaboración de materiais didácticos, redacción de documentos e informes e avaliación de estudios, poderán dar lugar á percepción de asistencias pola colaboración, con carácter non permanente nin habitual. Igualmente, este persoal poderá ter dereito á percepción dunha bolsa de estudios para asistir a actividades de formación, nas contías e condicións establecidas no presente decreto.

Artigo 2º

As propostas de autorización de gastos serán aprobadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de conformidade cos créditos dispoñibles autorizados para o programa de formación do profesorado que exerce docencia en niveis educativos distintos ó da universidade.

Artigo 3º

O total das indemnizacións percibidas polo conxunto de tarefas a que se refire o artigo 1º, non poderá ser superior ó vintecinco por cen das retribucións íntegras que o perceptor recibe polo seu posto de traballo principal na Administración.

Igualmente, o total de horas de docencia que se van impartir, en accións formativas, non superará individualmente o máximo de setenta e cinco ó ano.

Artigo 4º

A contía dos distintos módulos económicos serán as que figuran no anexo do presente decreto. As ditas contías incrementaranse anualmente nas mesmas porcentaxes nas que se incrementen as retribucións dos funcionarios na correspondente Lei de presupostos.

Artigo 5º

A participación en actividades de formación do profesorado poderá dar orixe, cando así se estableza, ás indemnizacións ás que se refire o artigo 7º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

Cando non se teña a condición de funcionario considerarase clasificado no grupo 2º do anexo I do mencionado decreto.

Artigo 6º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cando así o determine, poderá compensar ó profesorado asistente ás actividades de formación cunha bolsa de estudios, na contía establecida no punto 4 do anexo deste decreto, e que será incompatible coas indemnizacións ás que se refire o artigo 7º do Decreto 144/2001.

Artigo 7º

O pagamento das indemnizacións a que se refire o presente decreto será realizado polos servicios centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e polos Centros de Formación e Recursos.

Artigo 8º

O persoal pertencente ós Centros de Formación e Recursos e as súas seccións, así como o persoal destinado ou adscrito ós servicios centrais ou ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria non poderá recibir remuneración polas tarefas a que se refire o artigo 1º deste decreto, agás no caso en que se realicen fóra do seu horario laboral e conte coa autorización expresa da dirección xeral que teña a competencia da formación do profesorado.

Artigo 9º

As indemnizacións pola colaboración, con carácter non permanente nin habitual, nas actividades formativas así como as bolsas de estudios derivadas deste decreto non poderán supoñer incremento do gasto público.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4 de xullo), pola que se regulan os módulos económicos das actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios, e demais disposicións de igual ou inferior categoría en todo o que sexa contrario ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no ámbito da súa competencia,

dictará cantas disposicións complementarias sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Módulos económicos para actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios

1. Gastos de ensino:

1.1. Dirección e coordinación: ata 12 euros/hora.

1.2. Hora de docencia impartida en accións formativas. Importe: mínimo 36 euros, máximo 60 euros.

1.3. Conferencia. Importe: mínimo 120 euros, máximo 300 euros.

2. Gastos de persoal subalterno:

Ata un máximo de 150 euros.

3. Gastos de material:

Ata o 25% do total de gastos de ensino. Esta porcentaxe poderá ser incrementada, no caso de actividades que precisen dun material específico de alto custo, mediante resolución correspondente.

4. Gastos de asistencia:

Bolsa de estudios para os profesores que asistan a actividades de formación: ata 40 euros/día.

5. Elaboración e redacción de informes:

Hora de traballo en grupo para a elaboración de material didáctico, redacción de documentos e informes e avaliación de estudios. Importe: mínimo 12 euros, máximo 30 euros.