Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 10 de xuño de 2002 Páx. 8.710

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Culleredo.

Visto o expediente do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Culleredo (código convenio 1503252) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-4-2002, subscrito en representación da parte económica polo Concello de Culleredo, e, da parte social, polos delegados sindicais de UGT e CC.OO, o día 20-3-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 2 de maio de 2002.

P.S. (Decreto 147/2002, do 11 de abril)

Ana Lado Eiriz

Secretaria provincial

Convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Culleredo

Artigo 1º.-Determinación das partes que o concertan.

Este convenio, denominado II convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Culleredo, subscríbese dunha parte polos representantes das organizacións sindicais con representación no concello, e doutra polos representantes da Corporación Municipal, e ten por obxecto regula-las condicións de traballo do persoal laboral.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación persoal.

As normas contidas neste convenio colectivo serán de aplicación a todo o persoal indefinido suxeito á lexislación laboral, excepción feita, se é o caso, do personal de alta dirección definido segundo establece o artigo 2.1º a) do Estatuto dos traballadores.

As normas contidas neste convenio aplicaranse así mesmo ó persoal laboral que non teña a condición de indefinido, coas adaptacións singulares que deri

ven de cada contrato individual, e no que sexa compatible coas particularidades da súa específica relación laboral, non sendo aplicables en ningún caso ós contratados a tempo parcial, nin ós contratos financiados con subvencións doutros organismos e/ou institucións.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O ámbito funcional deste convenio esténdese a toda a actividade propia do concello de Culleredo.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

Este convenio aplicarase a tódolos centros de traballo dependentes do concello de Culleredo.

Artigo 5º.-Ámbito temporal.

1. Vixencia: este convenio entrará en vigor a partir da súa publicación no BOP, salvo nas materias en que se pacte especificamente unha vixencia diferente. A súa duración será ata o 31 de decembro de 2003.

2. Denuncia:

a) As propostas de denuncia e revisión do convenio comunicaranse por escrito á outra parte cunha anticipación dun mes con respecto á finalización da vixencia do acordo, vindo esta obrigada a xustifica-la recepción no prazo máximo de dez días.

b) Prórroga provisional: se as conversacións ou estudios se prolongaran por prazo que excedera da vixencia do acordo, entenderase este prorrogado provisionalmente ata finaliza-las negociacións, sen prexuízo do que o novo acordo determine respecto á retroactividade.

3. Revisión salarial: a revisión salarial anual axustarase ó disposto na Lei de orzamentos xerais do Estado para cada ano e ás súas disposicións complementarias e de desenvolvemento.

Ó personal afectado por este convenio aplicaráselle unha revisión salarial en caso de que o IPC previsto sexa superado polo IPC rexistrado no exercicio.

A dita revisión fixarase de forma que, o incremento das retribucións, unha vez incorporada a dita revisión, manteña a mesma diferencia en puntos respecto ó IPC rexistrado que a orixinal, incluída na Lei de orzamentos xerais do Estado, en relación co IPC previsto.

Artigo 6º.-Aplicación de normas máis vantaxosas.

1. As disposicións de carácter xeral que establezan normas más vantaxosas que as pactadas no presente convenio serán de aplicación inmediata cando, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, resulten superiores a aquelas. Iso sen prexuízo de que tal circunstancia poida ser causa suficiente para a revisión do acordo.

2. Os conflictos orixinados pola colisión entre dous o máis normas, tanto legais como pactadas, que terán que respectar en todo caso, os mínimos de dereito necesario, resolveranse mediante a aplicación da máis favorable para o traballador, apreciada no seu conxunto e en cómputo anual respecto ós conceptos cuantificables.

Artigo 7º.-Comisión paritaria de interpretación, vixilancia e estudio.

1. Dentro dos quince días seguintes á publicación no BOP do acordo, constituirase unha comisión paritaria de interpretación, vixilancia e estudio que ten por obxecto interpretar e estudia-las cuestións controvertidas que deriven do desenvolvemento e aplicación deste convenio.

2. Esta comisión terá unha composición paritaria e estará integrada por catro membros designados polo equipo de Goberno Municipal e outros catro por parte da representación sindical, elixidos polas organizacións sindicais con representación no concello neste ámbito personal.

3. A comisión paritaria poderá actuar por medio de relatorios para considerar asuntos concretos e especializados. En todo caso, a composición dos ditos relatorios terá carácter paritario.

4. Para que sexan válidas as reunións da comisión paritaria será necesaria, cando menos, a asistencia de dous vocais designados pola representación sindical e, cando menos, de dous representantes dos designados polo equipo de Goberno municipal.

5. Están facultados para formular cuestións derivadas da aplicación do presente convenio, a Corporación Municipal e os representantes de persoal, por si, ou por petición de calquera traballador incluído no ámbito persoal deste acordo.

6. O presidente poderá convoca-la comisión en calquera momento e en todo caso cunha periodicidade mínima de dous meses. Sen prexuízo do anterior a comisión poderá reunirse cando causas de urxencia ou necesidade o aconsellen por instancia de calquera das partes, nun prazo non superior a cinco días, desde a solicitude da reunión.

7. A comisión paritaria decidirá no prazo de dez días desde a data de reunión sobre os asuntos a ela sometidos.

8. Os acordos tomados pola comisión paritaria serán vinculantes para ambas partes e aplicaranse en tódolos centros de traballo dependentes do Concello de Culleredo e no ámbito persoal que corresponde a este convenio.

9. Son funcións da comisión paritaria no ámbito de aplicación deste convenio as seguintes:

a) Interpreta-la totalidade do articulado do convenio e vixia-lo cumprimento do pactado.

b) Coñecer das convocatorias de postos de traballo e oferta de emprego, con carácter previo á súa publicación.

c) Participar na definición dos postos de traballo do concello, así como nas modificacións da relación de postos de traballo (RPT).

d) Calquera outra que se lle asigne neste convenio.

Artigo 8º.-Indivisibilidade do convenio.

1. As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e os efectos da súa aplicación práctica

serán consideradas global e conxuntamente en cómputo anual.

2. Este convenio é de aplicación prevalente sobre calquera outra norma de igual o inferior rango, vixente á data da sinatura que regule materias recollidas nel.

Artigo 9º.-Organización e dirección do traballo.

9.1. Conforme a lexislación vixente, a organización do traballo é facultade exclusiva da Corporación Municipal a través dos seus órganos de goberno e súa aplicación práctica corresponde ós titulares das xefaturas das distintas unidades administrativas, sen prexuízo dos dereitos e facultades de audiencia e información recoñecidas ó persoal ó servicio das administracións públicas na lexislación vixente.

En todo caso, respectaranse os acordos que para ó efecto se adopten neste convenio.

9.2. Ademais do establecido no artigo 39 do Estatuto dos traballadores, teranse en conta os seguintes principios:

1. A realización de traballos de grupo superior ou inferior responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible.

A ser posible, comunicarase ó traballador, por escrito, con 48 horas de antelación e, en todo caso, con anterioridade ó inicio do cambio de posto de traballo.

2. A ocupación dun posto de traballo en réxime de desempeño de funcións de grupo superior non poderá exceder de seis meses consecutivos ou dez alternos. Transcorrido o período citado, e persistindo as mesmas circunstancias, o desempeño das funcións realizarase por rotación semestral, no suposto de existir máis dun traballador que reúna os requisitos e a capacidade necesarios para o grupo que se vai cubrir, sempre que se desenvolvan as funcións adecuadamente. O límite de seis meses consecutivos ou dez alternos non será aplicable cando no sexa posible a rotación por non existir no centro de traballo outros traballadores que reúnan as condicións necesarias de acordo co disposto neste punto.

A praza deixada vacante, por estes traballadores ou polos seus substitutos, cubrirase por contratación temporal, de acordo co establecido no artigo 25º.4, deste convenio.

3. A realización de funcións de grupo superior requirirá autorización expresa do alcalde-presidente. Se a urxencia na cobertura da vacante non permite a autorización previa requirirá que, no prazo de quince días, o alcalde-presidente ratifique o citado desempeño.

Da autorización ou ratificación darase conta á comisión paritaria e o comité de empresa.

4. Os postos de traballo cubertos polo procedemento regulado neste artigo incluiranse, necesariamente, no primeiro concurso de traslados que se convoque, a menos que a praza se encontre reservada ó seu titular.

5. O simple desempeño dun grupo superior non consolidará o salario nin o grupo superior. O único procedemento válido para consolidar un grupo superior é o de supera-lo correspondente proceso selectivo.

6. Os/as traballadores/as soamente poderán realizar traballos de grupo inmediatamente inferior ó seu durante un só período non superior a trinta días consecutivos, sen prexuízo do establecido no punto 2º do artigo 39 do Estatuto dos traballadores.

Transcorrido o período citado, o/a traballador/a non poderá volver a ocupar un posto de grupo inferior ata que transcorra un ano.

Os servicios afectados comunicaranlle ó comité de empresa tódalas modificacións que se produzan, recollidas en cada un dos puntos anteriores.

Artigo 10º.-Dereitos sindicais.

Os delegados de persoal e os membros do comité de empresa, sen prexuízo das competencias, funcións e dereitos recoñecidos pola lexislación vixente, terán os seguintes dereitos específicos:

1. Os membros do comité de empresa e os delegados de persoal disporán, avisando previamente, sempre que sexa posible, con 24 horas á dirección do centro de traballo, do tempo retribuído necesario para realizar xestións conducentes á defensa dos intereses do persoal. As horas mensuais necesarias para cubrir esta finalidade fíxanse en 35 horas.

2. Coñecer e consulta-lo rexistro de accidentes de traballo e as súas causas. Terán acceso ó cadro horario, do que recibirán unha copia. Tamén accederán ós modelos TC-1 e TC-2 das cotizacións á Seguridade Social, ó calendario laboral, ós orzamentos do centro, a un exemplar da memoria anual do centro e a calquera outro documento relacionado coas condicións de traballo que afecten ó persoal.

3. Poderán utilizar fotocopiadoras, multicopistas e demais aparellos de reprografía para o uso da súa administración interna.

4. Facilitaránselles os taboleiros de anuncios necesarios para que, baixo a súa responsabilidade, coloquen tódolos avisos e comunicacións que deban efectuar e consideren pertinentes, sen más limitacións que as expresamente sinaladas pola lei. Os ditos taboleiros instalaranse en lugares claramente visibles para permitir que a información chegue ó persoal.

5. Os comités de empresa ou os delegados de persoal poderán acorda-la acumulación das horas sindicais de seus membros, nun ou en varios deles, de acordo co seguinte réxime:

A petición de acumulación deberá facerse por escrito, con autorización tanto do cedente como do cesionario, comunicándoo á dirección do centro.

Non se poderán acumular nin sumar as horas non utilizadas dun mes para outro mes.

6. Os membros do comité de empresa e os delegados de persoal terán, ademais das garantías recollidas neste convenio, as establecidas nos puntos a), b) e c) do artigo 68 do Estatuto dos traballadores, desde o momento da súa proclamación como candidatos e ata dous anos despois do cesamento no seu cargo sindical.

7. Realización de asembleas:

a) Os comités de empresa e os delegados de persoal disporán dun mínimo de 20 horas anuais para este fin. As asembleas convocadas cunha duración máxima de media hora, antes do inicio ou do final da xornada, non serán computadas, se ben, con este carácter, soamente poderán convocarse como máximo dúas asembleas mensuais. Para tal fin, a Administración facilitará os locais adecuados en cada centro de traballo.

Os convocantes garantirán en todo momento a prestación dos servicios que se van realizar durante as asembleas, así como a orde destas.

En ámbolos dous supostos, o previo aviso, con antelación de 24 horas, que se deberá facer á dirección do centro ou servicio, terá que ir acompañado da orde do día que se vai tratar na reunión.

b) Cando en determinados casos, pola existencia de varias quendas de traballo, non se poida reunir simultaneamente á totalidade do cadro de personal, as asembleas parciais das diferentes quendas consideraranse, para estes efectos, como unha asemblea. Así mesmo, poderanse celebrar asembleas convocadas polo 20 por 100 do cadro de persoal do centro.

As asembleas celebraranse en locais facilitados polo concello para tal fin.

Artigo 11º.-Das seccións sindicais, e dos delegados sindicais.

1. Das seccións sindicais:

Sen prexuízo do disposto na Lei 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical (LOLS), as seccións sindicais pertencentes a unha central sindical que obtivesen máis do 10 por 100 dos membros do respectivo comité de empresa terán nos centros de traballo os seguintes dereitos:

a) A un número de delegados sindicais, previstos no artigo 10.2º da LOLS, coa seguinte escala:

-De 1 a 100 traballadores: 1.

-De 101 a 500 traballadores: 3.

b) A dispoñer dun local sindical, que compartirán co comité de empresa, en centros con máis de 50 traballadores, provisto de teléfono, de mobiliario e de material de oficina necesario para desenvolve-la súa actividade representativa.

c) Realización de asembleas:

A realización de asembleas fóra e dentro da xornada de traballo queda establecida nos mesmos termos no que se configura este dereito para os comités de empresa.

2. Dos delegados sindicais.

Os delegados sindicais a que se refire a letra a) do punto anterior terán dereito, sen prexuízo do establecido na LOLS no seu artigo 10º.3, ós seguintes dereitos e garantías:

a) O mesmo crédito horario sinalado no artigo 10º.7 deste convenio para os membros do comité de empresa.

No caso de que nun delegado sindical concorra tamén a condición de membro de comité de empresa, o crédito horario de que disporá será o acumulado polos dous tipos de representación.

b) Á representación dos afiliados da sección sindical en tódalas xestións necesarias ante a dirección respectiva, e a ser oídos por esta no tratamento daqueles problemas de carácter colectivo que afecten ó persoal, en xeral, e ós afiliados do sindicato, en particular.

c) A ser informados e oídos pola empresa con carácter previo:

-Acerca dos despedimentos e sancións que afecten ós afiliados ó sindicato.

-En materia de reestructuración do cadro de persoal, regulación de emprego, traslado de traballadores, cando revistan carácter colectivo ou individual, ou do centro de traballo en xeral, e sobre calquera proxecto ou acción administrativa que poida afectar ó personal.

-Sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo.

d) Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa teña que poñer á disposición do comité de empresa, de acordo co regulado a través da lei, estando obrigados a gardar sixilo profesional nas materias en que legalmente proceda.

e) Terán as mesmas garantías e dereitos que a Lei e o convenio colectivo lles recoñeza ós membros do comité de empresa.

Artigo 12º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional que poida producirse como consecuencia das necesidades do servicio poderá levarse a cabo sempre que non supoña unha modificación substancial das condicións de traballo e realizarase sen prexuízo dos dereitos económicos e profesionais do traballador afectado e sen dereito a indemnización ningunha, é preceptivo o informe do comité de empresa, que terá que emitirse nun prazo máximo de tres días.

Artigo 13º.-Calendario laboral.

O calendario laboral será o que os organismos competentes das administracións central, autonómica e local, dentro das súas respectivas competencias, sinalen e afecten ó Concello de Culleredo.

Artigo 14º.-Xornada laboral.

1. A xornada laboral común será a que se sinale na lexislación vixente para o persoal laboral da

Administración pública, actualmente fixada, con carácter xeral, en 37 horas e 30 minutos semanais.

2. O horario laboral establecido con carácter xeneral será de luns a venres de 8.15 horas a 14.45 horas, completándose o resto do horario coas correspondentes quendas en xornada de tarde e sábado.

Desde o 15 de xuño ó 15 de setembro realizarase soamente horario de mañá, debéndose recupera-las horas non realizadas ó longo do ano.

3. Diefrutarase dunha pausa na xornada de traballo por un período de 20 minutos, computables como de traballo efectivo, que en ningún caso poderá distorsiona-lo normal funcionamento dos servicios.

4. Para o persoal que desenvolve a súa actividade en réxime de quendas, o número de horas sinalado no punto 1 deste artigo poderá ser ampliado ata un máximo de 44 horas, sen que iso supoña de ningunha maneira o realizar maior número de horas anuais que as establecidas de forma xenérica para o persoal laboral da Administración local e sempre tendo en conta que para este persoal laboral, pola distorsión horaria que sofren, procurarase que cos sucesivos axustes de cadro de persoal se tenda ó recoñecemento e consecución do dereito a desfrutar de dúas fins de semana libres cada mes, entendéndose por iso sábado e domingo completos.

5. As ausencias e faltas de puntualidade e permanencia do persoal, requirirán o aviso inmediato ó responsable da unidade correspondente, así como a súa ulterior xustificación acreditativa, que será notificada ó órgano competente en materia de persoal.

En todo caso, e sen prexuízo da facultade discrecional dos titulares das unidades administrativas a esixir en calquera momento a xustificación documental oportuna, a partir do terceiro día de enfermidade será obrigatoria a presentación do parte de baixa e os sucesivos de confirmación.

6. Os servicios que pola súa peculiaridade teñan que organiza-lo seu traballo en réxime de quendas, ou os que non admitan o tratamento común en canto a horario de traballo establecido con carácter xeral, axustaranse ós horarios que serán fixados pola corporación, logo de acordo da comisión paritaria, os que se incorporarán como anexos ó presente convenio, respectando de todas formas o indicado no punto 4 sobre número de horas de traballo continuado e de libranzas.

7. Calquera modificación dos horarios actuais e do réxime de quendas será negociada na comisión paritaria e trasladado o resultado do pacto ós correspondentes anexos.

Existirá un anexo que conformará o cadro de quendas e horarios do persoal que traballe en réxime de quendas, para a totalidade do ano laboral, o que terá que estar confeccionado e exposto no mes de novembro do ano anterior ó que faga referencia.

En caso de ter que traballar en día sinalado como libre, terá que comunicarse esta circunstancia a quen resulte afectado con catro días de antelación, como mínimo, salvo supostos nos que iso resulte imposible por corresponderse con situacións de difícil ou imposible previsión ou casos de catástrofe ou calamidade pública.

Nas situacións que non se correspondan con casos de catástrofe ou calamidade pública, os cambios obedecerán sempre a necesidades do servicio de imposible ou difícil previsión, compensando ó persoal afectado, co desfrute como libre doutro día laborable de análogas características. Exemplo (festivo por festivo, sábado por sábado, quenda de noite por quenda de noite, etc.). A valoración da citada imposible ou difícil previsión, será feita, se é o caso, pola comisión paritaria de interpretación, vixilancia e estudio.

En caso de que o indicado anteriormente supoña unha mingua nos servicios, poderase cambia-lo sistema de compensación de días, polo económico, de acordo co establecido nos artigos 36º.7 e 38º de gratificacións por servicios extraordinarios.

8. As faltas de puntualidade ou ausencias sen xustificar que se produzan ó longo do mes e que no seu conxunto non superen o tope de dúas horas para o citado período, veranse penalizadas co desconto do 3,5% da suma total de retribucións correspondentes a unha mensualidade ordinaria, excluídos trienios.

9. Se a falta de puntualidade ou ausencia do posto de traballo referido superara o tope de dúas horas mensuais, e non estiveran aquelas debidamente xustificadas ante o superior inmediato, a deducción sobre as retribucións computadas será do 5'5%.

10. O desconto das cantidades antes referidas producirase na nómina do mes seguinte a aquel no que se produza a ausencia ou atraso a que se fai referencia nos puntos anteriores, e logo de notificación persoal ó interesado, ó que se dará un prazo de cinco días para que presente as alegacións oportunas. Transcorrido o dito prazo sen que se achegara xustificante suficiente ou sen que desvirtuaran os feitos, tomarase o atraso producido como incidencia, para os efectos de confección da nómina correspondente.

Artigo 15º

Todo o persoal afectado por este convenio desfrutará de trinta e un días de vacacións anuais retribuídas.

Artigo 16º

1. Considérase como período normal de vacacións o comprendido entre o 1 de xuño e o 1 de outubro, salvo para o persoal do que a índole especial das súas funcións aconselle outro período.

2. O persoal poderá solicita-lo desfrute das súas vacacións anuais, conforme os seguintes criterios:

a) Poderase solicitar en períodos completos de 31 días naturais, comezando en calquera día do mes.

b) No caso de fraccionarse, terá que ser en períodos mínimos de sete días naturais consecutivos.

c) Non se poderán desfrutar por días soltos, baixo ningún concepto.

En todo caso, as solicitudes terán que ser conformadas polo xefe da área e/ou servicio correspondente, asumindo este a responsabilidade na prestación satisfactoria dos servicios, e terán que contar co visto e prace do concelleiro de Persoal, Réxime Interior e Seguridade Cidadá.

3. No caso en que, por necesidades do servicio sexa preciso que o persoal desfrute as súas vacacións ou parte delas dentro do período comprendido entre o 2 de outubro e o 30 de maio, a súa duración será de 35 días naturais, ou a parte proporcional correspondente.

4. A Administración municipal procurará que o cadro xeral de vacacións estea confeccionado e sexa coñecido antes do 15 de abril de cada ano.

5. No caso en que se producira colisión de intereses no desfrute das quendas de vacacións, estas estableceranse de maneira rotativa polos distintos meses de vacacións, seguindo estrictos criterios de antigüidade dentro de cada categoría profesional e/ou funcional.

Artigo 17º

O persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio, e logo de adecuada xustificación, terá dereito a licencias retribuídas polos tempos e causas seguintes:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días en caso de nacemento dun fillo e nos de falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Cando os ditos casos se produzan en distinta localidade da do domicilio do traballador, o prazo de licencia será de catro días. Entenderase que se dá este suposto, cando o feito causante se produza a máis de 50 km do municipio de residencia do funcionario solicitante.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Para concorrer a exames finais, liberatorios e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais ou homologados de formación, durante os días da súa celebración, non excedendo en conxunto de dez días ó ano.

e) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

f) As traballadoras, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai en caso de que ámbolos dous traballen.

g) Ata nove días cada ano natural por asuntos particulares non incluídos nos puntos anteriores, sen necesidade de xustificación.

Estes días non poderán acumularse en ningún caso ás vacacións anuais retribuídas, nin ós permisos especiais recollidos nos artigos 17º i) e 18º.

O persoal poderá desfrutar destes días á súa conveniencia, logo de autorización da xefatura de persoal e respectando en todo caso as necesidades do servicio, e sempre con anterioridade ó 15 de decembro de cada ano.

O persoal de quendas, xornadas especiais ou que desenvolvan xornada de complemento horario, desfrutará destes días sempre que non coincida coa súa xornada especial ou complemento de horario, nin altere a quenda de noite. A súa equivalencia en horas de traballo será a dunha xornada normal de mañá.

h) Establécese como día festivo propio do persoal que presta servicios no Concello de Culleredo o día de Santa Rita, patroa do personal de Administración local.

Así mesmo, os días 24 e 31 de decembro, e o chamado Sábado Santo, as oficinas municipais pecharán ó público.

En ámbolos dous casos permanecerán abertas a unidade de información e rexistro e aquelas que pola súa especial natureza teñan que realiza-las súas funcións habituais, segundo o fixe a comisión paritaria.

Nos servicios onde non sexa posible o seu desfrute, computarase como festivo a descontar das horas anuais laborais, sen prexuízo da compensación que por traballar en festivo corresponda en cada caso.

i) A comisión paritaria de interpretación, vixilancia e estudio informará as quendas de permisos correspondentes o período de Nadal e Reis.

Artigo 18º.-Premio especial de antigüidade.

Establécese para os traballadores con contrato indefinido un premio especial de antigüidade por cada 10 anos de servicios prestados ininterrompidamente neste concello, consistente no desfrute dunha semana adicional de vacacións, que non poderá acumularse o período de vacacións, nin ós permisos recollidos no artigo 17º deste convenio, e que, en todo caso, estará subordinado ás necesidades de servicio.

Artigo 19º

1. Poderanse conceder licencias, sen dereito a ningunha retribución ó persoal laboral con contrato indefinido que leve polo menos un ano de servicio efectivo por unha soa vez ó ano, e por prazo non inferior a sete días nin superior a tres meses, sempre que as necesidades do servicio o permitan.

2. A duración acumulada destas licencias non poderá exceder de tres meses cada dous anos.

Artigo 20º

1. Quen por razón de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou diminuído físico ou psíquico ou sensorial, que non desempeñe actividade retribuída, terá dereito a unha diminución da xornada diaria de traballo nunha porcentaxe entre un tercio e a metade desta, coa reducción proporcional nas súas retribucións.

2. Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, que non desempeñe actividade retribuída.

Non obstante, se dous ou máis traballadores do concello xerase neste dereito polo mesmo suxeito causante, poderá limitarse o seu exercicio simultáneo, por razóns xustificadas de funcionamento do servicio.

3. Será de aplicación ó persoal laboral deste concello o disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro.

Artigo 21º

O réxime disciplinario aplicable ó persoal laboral do Concello de Culleredo será, por analoxía, o establecido no Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, así como na Lei 30/1984 e no Real decreto 33/1986, do 10 de xaneiro, ou normas que as substitúan.

Artigo 22º

As necesidades de persoal laboral do Concello de Culleredo, a excepción dos postos de traballo reservados a funcionarios na correspondente relación de postos de traballo, serán cubertas polos sistemas de selección externa e/ou de promoción interna, nos termos establecidos neste convenio.

Artigo 23º

O ingreso realizarase mediante convocatoria pública, e levarase a cabo a través dos sistemas de oposición, concurso-oposición ou concurso, nos que se garantan, en todo caso, os principios de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

O ingreso efectuarase na categoría más baixa do grupo a que corresponda.

Artigo 24º

Os regulamentos básicos e programas mínimos do procedemento de selección do persoal laboral do Concello de Culleredo, serán os establecidos no Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, e supletoriamente no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, ou, no seu defecto, as aprobadas pola corporación, logo de informe da comisión paritaria.

Artigo 25º.-Provisión de postos de traballo.

1. Os postos de traballo adscritos ó persoal laboral proveranse de acordo cos procedementos de concurso, que é o sistema normal de provisión, ou de libre designación, de conformidade co que determinen as relacións de postos de traballo en atención á natureza das súas funcións.

Os postos de traballo que poderán proverse como de libre designación serán os correspondentes á categoría 1 do grupo I.

2. Temporalmente poderán ser cubertos mediante comisión de servicios e/ou adscrición provisional durante un prazo máximo dun ano, prorrogable por outro máis.

3. Os procedementos de concurso e libre designación para a provisión dos postos de traballo que vai desempeñar o persoal laboral ó servicio da Administración municipal de Culleredo, rexeranse pola convocatoria respectiva, que se axustará ó disposto no Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional, aprobado por Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

4. Contratación de persoal laboral temporal.

Os postos de traballo vacantes que non se provexan polos sistemas regulados no punto 1 deste artigo e se considere necesaria a súa provisión poderán cubrirse mediante a contratación de persoal laboral temporal. Para iso seguirase o seguinte procedemento:

a) Chamarase, segundo a categoría de que se trate, ó primeiro aspirante da lista elaborada ó amparo do Decreto 252/1992, do 30 de xullo, e de acordo co sistema previsto neste.

b) De non existir listas elaboradas para o efecto, solicitarase do Inem ou do Servicio Galego de Colocación, de maneira xenérica, un mínimo de tres traballadores en situación de desemprego, por cada unha das vacantes que se pretendan cubrir. Así mesmo, no taboleiro de anuncios do concello, darase publicidade á citada petición, co fin de que os interesados nas vacantes ofertadas poidan participar no proceso selectivo que se realice para tal efecto.

Artigo 26º

Tra-la entrada en vigor deste convenio, efectuarase, atendendo ás necesidades obxectivas do servicio, procesos de promoción, separados dos de ingreso, que se desenvolverán en convocatorias independentes.

Artigo 27º.-Criterios de promoción aplicables ó grupo V.

A convocatoria de promoción do grupo V ó grupo IV, efectuarase mediante concurso, valorándose tanto os méritos relacionados cos postos de traballo desempeñados, o nivel de formación e a antigüidade, como os coñecementos concretos da área á que pertenzan as prazas.

Artigo 28º.-Criterios de promoción aplicables ó grupo IV.

O acceso ó grupo III poderá realizarse a través da promoción desde o grupo IV.

O persoal laboral do grupo IV que careza de título de bacharelato ou equivalente, poderá participar nas

convocatorias de promoción ó grupo III, sempre que teñan unha antigüidade de dez años no grupo IV.

A convocatoria de promoción do grupo IV ó III efectuarase polo sistema de concurso.

Artigo 29º.-Criterios de promoción aplicables ó grupo III, II e I.

Nos concursos nos que o persoal dun grupo compita con outro do grupo superior, se primará a pertenza ó grupo superior.

Artigo 30º.-Promoción.

A promoción de categorías dentro de cada grupo terá, para o persoal laboral indefinido, carácter automático polo transcurso de 3 anos en cada unha delas, sempre que non existise no dito período sanción ningunha disciplinaria.

Artigo 31º.-Garantía dos postos de traballo.

O persoal laboral indefinido que acceda a un posto de traballo polo procedemento de concurso poderá ser removido deste por causas sobrevidas, derivadas dunha alteración no contido do posto de traballo, realizado a través das relacións de postos de traballo, que modifique os supostos que serviron de base á convocatoria, respectando, neste caso, a categoría retributiva total adquirida.

Así mesmo, procederá remoción derivada dunha falta de capacidade para o desempeño do posto, manifestada por rendemento insuficiente, que non comporte inhibición e que impida realizar con eficacia as funciones atribuídas ó posto.

A proposta motivada de remoción será formulada polo alcalde e terá que ser aprobada en pleno corporativo, logo de audiencia do interesado, e informe da comisión especial.

Artigo 32º.-Recoñecemento de servicios prestados.

Os servicios prestados polos traballadores con contrato indefinido do Concello de Culleredo noutras administracións públicas seranlle recoñecidos para os efectos de perfeccionamento de trienios, calquera que fose o réxime xurídico no que os prestara, excepto aqueles que tiveran o carácter de prestacións persoais obrigatorias.

No suposto de que o traballador con contrato indefinido pertencera a máis dun corpo, escala ou praza, computarase o correspondente ó último período de servicios prestados.

Artigo 33º.-Anticipos salariais.

1. Os traballadores con contrato indefinido e con máis dun ano de antigüidade poderán solicitar anticipos de salarios non percibidos, quedando a súa concesión suxeita ás seguintes condicións:

a) Os ditos anticipos non reportarán ningún xuro e alcanzarán, como máximo, a contía equivalente a tres mensualidades do salario bruto, non podendo superar en todo caso a cantidade de 750.000 pesetas.

b) A devolución das cantidades anticipadas practicarase mediante deduccións nas nóminas correspondentes e a partir do mes seguinte ó da concesión

do anticipo nun prazo máximo de 24 mensualidades de igual contía para os grupos I e II, e de 36 mensualidades para o resto dos grupos.

c) O período máximo de devolución dos anticipos obtidos non poderá exceder, en ningún caso, da data en que se produza a xubilación do traballador, rateándose neste caso o importe que reste de devolución, entre tantas mensualidades como falten ata o momento da xubilación.

d) No suposto en que o traballador a quen se lle outorgara un anticipo suspendera ou extinguira a súa relación persoal coa Administración, o reintegro das cantidades non devoltas será practicado dentro do mesmo mes en que se produza a dita situación.

2. Non se concederán novos anticipos de soldo mentres non sexa devolto integramente o concedido.

3. Para os efectos de establecer prioridades na concesión de anticipos reintegrables terase en conta o principio de capacidade económica dos solicitantes.

4. En ningún caso os anticipos outorgados poderán supera-los remanentes da partida orzamentaria establecida para tal efecto.

5. En todo caso, será necesario o informe da comisión paritaria.

6. A Administración consultará coa comisión paritaria a asignación económica a destinar nos orzamentos anuais para anticipos.

Artigo 34º.-Acción social.

O persoal laboral con contrato indefinido e máis dun ano de antigüidade terá dereito ás axudas contempladas por este concepto para os funcionarios municipais, recollidas no artigo XXXIV do Acordo Negociado Regulador das Condicións de Traballo do Persoal Funcionario do Concello de Culleredo.

O resto do persoal incluído no ámbito de vixencia deste convenio terá dereito, cando teña máis dun ano de prestación ininterrompida de servicios, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, ás axudas sociais contempladas no artigo XXXIV, 1 (Servicios sanitarios non concertados) e 2 (Gardería Infantil) do vixente Acordo Negociado Regulador das condicións de traballo do persoal funcionario.

Artigo 35º.-Formación.

1. Formación:

A formación constitúe un elemento esencial na estratexia de cambio desta Administración local, un factor básico para incrementa-la motivación e a integración dos traballadores e un mecanismo eficaz e indispensable para articula-la mobilidade e a promoción, polo que o equipo de goberno municipal coa indispensable colaboración sindical, comprométese a incrementa-la oferta de formación continua e a vinculala ó desenvolvemento da carreira administrativa e á promoción profesional.

2. Permisos retribuídos:

a) O tempo de asistencia ós cursos de formación programados por calquera das administracións

públicas para a capacitación profesional ou para a adaptación a un novo posto de traballo, e sempre que teñan relación coa actividade municipal, considerarase tempo de traballo para tódolos efectos, cando os cursos se realicen dentro do horario de traballo e mediando previa autorización da Administración.

b) Así mesmo, para facilita-la formación profesional e o desenvolvemento persoal dos empregados municipais poderanse conceder permisos para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional distintos ós contemplados na letra a) deste artigo e que o seu contido estea directamente relacionado co posto de traballo ou a correspondente carreira profesional administrativa, previa autorización para o efecto.

Para os efectos previstos nos puntos anteriores, os traballadores deste concello disporán dun crédito de 40 horas anuais como máximo, sen dereito a ningunha indemnización compensatoria.

A dispoñibilidade do crédito horario establecido estará en todo caso subordinado ás necesidades do servicio, debidamente xustificadas.

3. Os traballadores comprendidos no ámbito de aplicación deste convenio estarán obrigados a realiza-los cursos de capacitación profesional e/ou de reciclaxe que determine a Administración por necesidades do servicio. O tempo de asistencia a estes cursos considerarase tempo de traballo para tódolos efectos.

4. No suposto de que os cursos ou clases de formación sexan impartidos por persoal do concello, as gratificacións por traballos extraordinarios que van percibir estes serán as seguintes:

Fóra xornada traballoDentro xornada traballo

Grupo I: 8.000 ptas./horaGrupo I: 4.000 ptas./hora

Grupo II: 7.000 ptas./horaGrupo II: 3.000 ptas./hora

Grupo III: 6.000 ptas./horaGrupo III: 2.000 ptas./hora

Grupo IV: 5.000 ptas./horaGrupo IV: 1.500 ptas./hora

Grupo V: 4.000 ptas./horaGrupo V: 1.000 ptas./hora

5. Permiso non retribuído, dunha duración máxima de tres meses, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional non directamente relacionados coa función pública, sempre que a xestión do servicio e a organización do traballo o permitan.

Os períodos de desfrute destes permisos non poderán acumularse ós doutros tipos de permiso e/ou licencias.

Artigo 36º

1. As retribucións do persoal laboral do Concello de Culleredo clasifícanse en básicas e complementarias.

2. Son retribucións básicas.

a) O soldo base que se corresponde coa titulación esixida para o ingreso en cada un dos grupos profesionais existentes, segundo anexo I.

b) Os trienios, consistentes nunha cantidade igual para cada grupo, por cada tres anos de servicios

efectivos prestados en cada un deles, segundo anexo II.

No caso de que un traballador preste os seus servicios sucesivamente en diferentes grupos terá dereito á valoración total de seus trienios conforme a retribución asignada ó de maior valor.

3. Son retribucións complementarias:

a) O complemento de posto de traballo que é o complemento salarial destinado a retribuí-las especiais dificultades materiais e/ou técnicas, así como a responsabilidade, que esixa ou determine o desempeño do posto de traballo concreto, segundo estableza a correspondente relación de postos de traballo.

b) Complemento de dispoñibilidade horaria, é o complemento salarial destinado a retribuí-lo aumento da xornada de traballo, por necesidades do servicio que deba realiza-lo persoal que ocupa determinados postos de traballo sen que o cómputo anual poida supera-lo número máximo de horas establecido legalmente.

As cantidades correspondentes a este complemento figurarán así mesmo na relación de postos de traballo.

c) Complemento de perigo, toxicidade e penosidade, que ten natureza funcional e ocasional, derivado das especiais características obxectivas dun determinado posto de traballo.

4. As pagas extraordinarias serán de dúas ó ano, por importe cada unha delas dunha mensualidade do salario e percibiranse nos meses de xuño e decembro.

5. As traballadores percibirán as indemnizacións que lles correspondan por razón do servicio, que se adecuarán ó disposto na normativa vixente.

6. Este convenio garante e respecta as condicións económicas máis beneficiosas que puideran existir con carácter persoal entre os traballadores do concello.

7. As gratificacións por servicios extraordinarios, fóra da xornada esixible, que en ningún caso poderán ser fixas na súa contía nin periódicas no seu pagamento.

Artigo 37º.-Incompatibilidades.

Ó persoal laboral do Concello de Culleredo aplicaráselle o réxime de incompatibilidades, de acordo coas normas estatais e autonómicas sobre a materia.

En concreto, deberase ter presente o cumprimento da dilixencia esixida no artigo 10 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas, en relación co artigo 13 do Real decreto 598/1985, do 30 de abril.

A opción dun traballador incurso en incompatibilidades, que renunciase ó seu posto na organización do concello, non se verá limitada polo prazo

mínimo de antigüidade que, para efectos de excedencia, esixe o Estatuto dos traballadores.

A percepción dos complementos retributivos previstos no artigo 35 do presente convenio, quedará sometida ó réxime de incompatibilidades previstos na Lei 53/1984 e no Real decreto 598/1985.

Artigo 38º.-Gratificacións por servicios especiais e extraordinarios.

1. A realización de servicios extraordinarios que deban realiza-los traballadores municipais fóra da xornada de traballo, terá que contar coa autorización expresa do alcalde, dando conta ó comité de empresa.

2. Establécese un sistema único de franqueo das horas traballadas fóra do horario habitual por horas libres dentro da xornada laboral, a razón dunha hora e media libre por hora traballada nestes servicios, se o fora en xornada diúrna, e dúas horas libres por hora traballada festiva ou nocturna, entendéndose como xornadas nocturnas as comprendidas entre as 22 e as 8 horas, ambas inclusive, así como aquelas que se realicen por necesidades do servicio en prolongación da xornada nocturna.

3. Cando por necesidades do servicio debidamente xustificadas non puidera optarse polo sistema do franqueo mencionado poderá autorizarse a realización de servicios extraordinarios á marxe da xornada normal de traballo, que terán que ser retribuídas de acordo cos valores expresados no punto 6 deste artigo. En calquera caso a realización destas horas axustarase ó procedemento establecido no punto 1 deste artigo.

4. Neste último suposto o número de horas traballadas fóra da xornada normal non poderá nunca supera-los límites de 80 ó ano por cada traballador, procurando sempre, na medida do posible, que poidan ter acceso a elas o maior número de traballadores, de tal forma que a súa realización se distribúa con criterios de igualdade.

5. A corporación virá obrigada a facilitarlle mensualmente ó comité de empresa a relación nominal das horas extraordinarias realizadas e cantidades percibidas.

6. A cuantificación do valor/hora, para os efectos de gratificacións por servicios especiais e extraordinarios, calcúlanse segundo o criterio seguinte:

-O valor/hora ano, calcúlase dividindo a retribución total anual de cada traballador (excluíndo dela os trienios) entre o número total de horas dese período.

-O valor/hora extra normal calcúlase incrementando o valor hora/ano nun 25%.

-O valor/hora extraordinaria festiva calcúlase incrementando o valor hora/ano nun 50%.

-O valor/hora extraordinaria nocturna calcúlase incrementando o valor hora/ano nun 75%.

Artigo 39º.-Normas de seguridade e hixiene.

Serán de aplicación as normas de seguridade e hixiene que se atopan en vigor no réxime laboral

e concretamente na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Para tal fin, serán designados os delegados de prevención entre os representantes de persoal, e igualmente constituirase o comité de seguridade e saúde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Co fin de contribuír á realización dunha política de promoción de emprego, a xubilación para o persoal con contrato laboral indefinido terá lugar ó cumpri-lo traballador a idade de 65 anos.

No caso no que algún traballador, ó chegar a esa idade, non cumprira o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causar dereito a dita prestación, poderá autorizarse a continuación da prestación do servicio ata cumpri-lo dito período mínimo de cotización.

Segunda.-A comisión paritaria establecerá un Regulamento de provisión de postos de traballo mediante concurso, no que se valorarán os méritos, cursos de formación, antigüidade, etc., e que se incorporarán como anexo a este convenio, respectando os criterios fixados no Regulamento xeral de provisión de postos de traballo, Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

Terceira.-No non previsto neste convenio aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Disposición derradeira

Este II convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Culleredo, é asinado polos representantes da corporación e repesentantes do persoal na mesa de negociación.

ANEXO I

Grupos e categorías profesionais do persoal laboral

(Equivalencias con grupos e niveis do persoal funcionario do Concello de Culleredo)

Grupo profesionalCateg.Nivel de

equivalencia

Salario base

(valor 2001)

I ATitulados superiores1263.550.273
2243.344.100
3223.213.380
4203.087.965
II BTitulados medios1242.995.930
2222.865.210
3202.739.795
4182.659.466
5162.579.178
III CEspecialistas, oficiais administrativos1202.242.489
2182.162.159
3162.081.872
IV DAux. administrativos e persoal de oficio1181.896.649
2161.816.360
3141.736.047
V EPersoal subalterno, de vixilancia e de servicio1121.552.001

VI OutrosPara determinar

As retribucións correspondentes a estes grupos e categorías profesionais actualizaranse sempre que se faga para o persoal funcionario do concello e cos mesmos criterios.

ANEXO II

Importe trienios por grupos e categorías profesionais

do persoal laboral valores 2001

GrupoPesetasEuros

I6.31537,95

II5.05330,37

III3.79222,79

IV2.53312,52

V1.90011,42

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA