Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 10 de xuño de 2002 Páx. 8.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 195/2002, do 23 de maio, polo que se crean os Premios de Iniciativas de Mellora da Calidade de Xestión de Servicios nas Entidades Locais de Galicia.

O ordenamento xurídico-constitucional prevé como finalidade da Administración pública a de servi-los intereses da sociedade, actuando para iso de acordo cuns principios propios dun Estado social e democrático de dereito. Nas últimas décadas, as administracións públicas téñense erixido como principais subministradoras de bens e servicios ó conxunto dos cidadáns, polo que a súa actividade constitúe un elemento decisivo no establecemento das condicións necesarias para o incremento da calidade e a competitividade.

Neste senso, as administracións non poden permanecer alleas á introducción nas súas organizacións da cultura e técnicas de xestión da calidade, responsabilizándose, así, da calidade global dos servicios. Os custos directos destes servicios e os derivados da ausencia de calidade na súa prestación repercuten sobre os cidadáns e, nese sentido, é preciso o compromiso por parte delas coa procura e introducción de novas fórmulas de xestión que dean cumprido sentido ó mandado constitucional de eficacia na actuación administrativa.

Por todo iso, e en consideración ó carácter de proximidade ó cidadán que singulariza especialmente a Administración local, estímase necesaria a introducción de prácticas na súa xestión que vaian dando contido a un propósito mais amplo de modernización e reforma da Administración pública no sentido de adaptarse, nas súas formas organizativas e funcio

nais, ás transformacións sociais, económicas e tecnolóxicas do seu medio.

Neste sentido, o obxectivo do presente decreto é abri-lo camiño na Comunidade Autónoma de Galicia do recoñecemento de actuacións, postas en marcha polas entidades locais que respondan á necesidade de introducir nas súas estructuras a cultura e as técnicas de xestión de calidade total xa integradas en distintas organizacións, tanto públicas como privadas, redundando deste xeito, mediante a mellora dos seus procesos internos, na optimización do servicio que lle prestan ós cidadáns.

Por outra banda, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, prevé que as administracións axustarán as súas actuacións ós principios de colaboración, auxilio e cooperación, atribuíndo á Xunta de Galicia as funcións de coordinación; estos principios, e como manifestación deles, aconsellan acometer iniciativas que, como a que resulta obxecto do presente decreto, vaian na procura dunha colaboración entre a Administración autonómica e a local que redunde nunha mellora do servicio ó cidadán.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintetrés de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto crea-los premios anuais de Iniciativas de Mellora da Calidade de Xestión de Servicios nas Entidades Locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Os premios regulados no presente decreto terán como destinatarios ás deputacións provinciais, concellos, consorcios e mancomunidades, e demais entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II

Os premios de iniciativas de mellora da calidade

de xestión de servicios nas entidades locais galegas

Artigo 3º.-Creación e fins.

Créanse os Premios de Iniciativas de Mellora da Calidade de Xestión de Servicios no ámbito da Administración local en Galicia, co fin de estimular e recoñece-la actuación das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que se teñan distinguido polas iniciativas de implantación de actividades de mellora na xestión dos servicios que teñen encomendados.

Artigo 4º.-Características dos premios.

1. A convocatoria dos premios realizarase con carácter anual, mediante orde da consellería com

petente en materia de Administración local, determinándose nela as bases polas que se deberá rexe-la súa concesión, as categorías dos premios, así como a composición do xurado encargado da valoración das iniciativas presentadas e calquera outro aspecto relacionado co seu desenvolvemento, todo isto con suxeición ó marco definido no presente decreto.

2. Os premios poderán valorar, entre outras, actuacións referidas a innovacións en xestión de novas tecnoloxías, simplificación e racionalización de procedementos administrativos, prevención de riscos laborais, así como a implantación de cartas de servicios nas administracións locais e outros instrumentos de xestión da calidade.

3. Os premios diríxense a concellos, deputacións provinciais, consorcios e mancomunidades, e demais entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Efectos dos premios.

As entidades premiadas en calquera das súas categorías poderán mencionar nos seus locais publicacións e material impreso que obtiveron o correspondente galardón.

A Xunta de Galicia poderá publicar e divulga-las iniciativas premiadas, citando as entidades locais galardoadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultades de aplicación e desenvolvemento.

Autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións e medidas necesarias para a aplicación e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais