Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 03 de xuño de 2002 Páx. 8.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2002 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de abril, en relación coa tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.

A Lei 7/1992, de pesca fluvial de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 130/1997, declaran de interese xeral a conservación das formacións vexetais, así como a repoboación arbórea e arbustiva das marxes dos ríos e regatos.

Para o aproveitamento ou utilización da vexetación das ribeiras dos ríos é necesaria, segundo os devanditos preceptos, autorización do servicio provincial de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente. Noutros casos nos que non se produza aproveitamento, o devandito servicio provincial debe emitir informe preceptivo.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, a través dos servicios correspondentes das delegacións provinciais, veñen autorizar cortas ou tallas de especies forestais, consonte a Lei de montes do 8 de xuño de 1957 e o seu Regulamento, aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.

Por outra parte, o vixente Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, esixe previa autorización administrativa para a utilización ou aproveitamento da vexetación arbórea ou arbustiva no dominio público; correspóndelle outorgar esta autorización no ámbito das cuncas internas de Galicia ó organismo autónomo Augas de Galicia, creado pola Lei 8/1993 e adscrito á Consellería de Medio Ambiente polo Decreto 310/2001.

En consecuencia, e co fin de consegui-la máxima economía procedemental axilizando a tramitación destas autorizacións, faise preciso refundir nun único procedemento a intervención dos diferentes órganos da Administración da Xunta de Galicia nesta materia, polo que, en exercicio das facultades de autoorganización previstas no artigo 27.1º do Estatuto de autonomía, e conforme o disposto no artigo 36.2º da Lei 11/1983, modificada pola Lei 1/1988, e por proposta do Conselleiro de Medio Ambiente, o Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do 11 de abril de 2002, acordou declarar como órgano competente por razón da materia para a tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos, á Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

Consonte co anterior e cos principios xerais que deben de presidi-las actuacións da Administración establecidos no artigo 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, este procedemento terá as seguintes características:

Primeira-Establece-la unidade de expediente e resolución única, en relación coas autorizacións para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos a que se refire o artigo 71 do vixente Regulamento do dominio público hidráulico (RDPH), por aplicación do vixente artigo 39 da Lei de procedemento administrativo, do 17 de xullo de 1958, pola que se impón a instrucción dun só procedemento cando se trate de autorizacións ou concesións nas que, malia referirse a un só asunto ou obxecto, interveñan con facultades decisorias dous ou máis departamentos ministeriais ou varios centros directivos dun ministerio.

Segunda.-O órgano competente por razón da materia para a tramitación e resolución destes expedientes será a Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

Terceira.-O órgano substantivo deberá solicitar, en tódolos casos, o informe preceptivo e vinculante do organismo autónomo Augas de Galicia, quen deberá emitilo no prazo dun mes desde a súa solicitude. Nos casos en que o aproveitamento se produza na canle ou na zona de servidume (artigo 6 a) do RDPH), requirirase o informe preceptivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Cuarta.-As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, xunto coa documentación prevista no artigo 71 do Regulamento do dominio público hidráulico.

Quinta.-As resolucións que adopte o órgano substantivo seranlles notificadas simultaneamente ós interesados, ó organismo autónomo Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente