Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 30 de maio de 2002 Páx. 7.879

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2002 pola que se convocan axudas ás organizacións de consumidores e usuarios, para o funcionamento e mantemento das súas oficinas de atención ós consumidores para o ano 2002.

A convocatoria destas axudas adecuase ó establecido na Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, anexo XIV (DOG nº 55, do 18 de marzo).

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 24 e seguintes do Estatuto galego do consumidor e usuario e o capítulo II do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre información e orientación ó consumidor e usuario,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Financiamento.

O Instituto Galego de Consumo concederá axudas ás organizacións de consumidores e usuarios de Galicia, con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343 A.480.0, no que existe crédito axeitado e suficiente no orzamento do Instituto Galego de Consumo para 2002. As ditas concesións de axudas estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e en todo caso

o importe do crédito non poderá supera-la cantidade de 240.405 euros.

Artigo 2º.-Contía.

A subvención que se é o caso se outorgue non superará, en ningún caso, o 70% do custo total dos gastos, obxecto de financiamento.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para as axudas económicas previstas na presente resolución, segundo o modelo do anexo I, dirixiranse ós servicios provinciais ou centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común na súa actual redacción; inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificación do secretario/a da organización co visto e prace do presidente/a, sobre determinados datos da organización, segundo o modelo do anexo II.

b) Orzamento da organización para o ano 2002, segundo o modelo do anexo III.

c) Declaración de axudas obtidas ou solicitadas, segundo o modelo do anexo IV.

d) Xustificantes de ingresos de cotas de socios da organización durante o ano 2001.

e) Certificación do concello onde se faga consta-la poboación de feito do concello, onde estea instalada a oficina ou oficinas.

Artigo 4º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Reparación de defectos.

Os servicios centrais e provinciais do Instituto Galego de Consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentada reúne os requisitos esixidos, e no suposto de observancia dalgún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días a partir do seguinte ó da recepción do dito requirimento repare a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da devandita lei.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

O Servicio de Información e Educación do Instituto Galego de Consumo, será o encargado da realización dos correspondentes informes de avaliación das solicitudes de axudas.

Este servicio, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 7º.-Cálculo da determinación da contía da axuda.

O crédito total establecido no artigo 1º desta resolución, unha vez tidos en conta os criterios de adxudicación establecidos na Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, repartirase da seguinte forma:

a) 25% en función do número de socios da organización.

b) 25% en función da cota media aboada por socio.

c) 40% en función do número de oficinas da organización.

d) 10% en función do número de habitantes do concello no que estea instalada a oficina.

Artigo 8º.-Pagamento.

De acordo co artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade

Autónoma de Galicia, poderanse realizar anticipos de pagamentos das axudas, nos casos e coas condicións seguintes:

1. Para aquelas que non superen o importe de 6.010 euros, poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

2. Para aquelas que superen o importe de 6.010 euros, poderá concederse un anticipo de pagamento da axuda, conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de maio de 2002, do 50% da totalidade da subvención no momento da concesión, e o 50% restante librarase unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

Artigo 9º.-Xustificación.

Para a xustificación da subvención, a organización beneficiaria deberá presentar antes do 30 de novembro de 2002:

a) Relación numerada e circunstanciada das facturas ou xustificantes dos gastos realizados, obxecto de subvención, segundo o modelo do anexo V.

b) Declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos desde a data da solicitude de axudas, obxecto de resolución, segundo o anexo IV.

c) Xustificación do secretario/a da organización, co visto e prace do presidente/a, sobre o total do gasto realizado, obxecto da subvención, así como o que corresponda achegar á organización segundo o modelo do anexo VI.

d) Certificación do secretario/a da organización, co visto e prace do presidente/a, no que conste que os gastos subvencionables teñen como único destino o obxecto da axuda concedida.

e) Certificado da conta bancaria na que conste o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde deba realizarse o pagamento, expedido pola entidade bancaria.

f) Facturas ou xustificantes de pagamento orixinais, emitidos a nome da organización beneficiaria, e que corresponderán ó ano 2002, e neles quedará reflectido de forma expresa que o seu pagamento foi efectuado.

g) Os xustificantes correspondentes a colaboracións esporádicas figurarán en facturas ou recibos, onde consten os datos do perceptor, o seu NIF e o concepto polo que se retribúe, así como os datos da organización, o motivo e a duración da colaboración.

h) Para o caso de xustificantes e facturas, non exclusivas da oficina, achegarase certificado do secretario/a, co visto e prace do presidente/a, no que se faga consta-la porcentaxe de gasto, que figura no xustificante ou factura, correspondente á dita oficina.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2002.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo