Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 30 de maio de 2002 Páx. 7.884

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

MINISTERIO DE FOMENTO

ORDE do 18 de abril de 2002 pola que se modifica o Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e da ría de Ferrol, aprobado por Orde do 27 de decembro de 1995.

O Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e da ría de Ferrol foi aprobado por orde do ministro de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente do 27 de decembro de 1995 (BOE nº 11, do 12 de xaneiro de 1996 e DOG nº 25, do 5 de febreiro), de conformidade co disposto polo artigo 15 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, a teor do cal o Ministerio hoxe de Fomento delimitará nos portos de competencia estatal unha zona de servicios que incluirá as superficies de terra e auga necesarias para a execución das súas actividades, as destinadas a tarefas complementarias daquelas e os espacios de reserva que garantan a posibilidade de desenvolvemento da actividade portuaria. A delimitación da zona de servicio, continúa o precepto citado, farase por proposta da Autoridade Portuaria a través dun plan de utilización dos espacios portuarios que incluirá os usos previstos para as diferentes zonas do porto, así como a xustificación da necesidade ou

conveniencia destes usos.

O citado Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e da ría de Ferrol foi modificado por

orde do ministro de Fomento do 3 de febreiro de 2000 (BOE nº 42, do 18 de febreiro e DOG nº 32, do 16 de febreiro), co obxecto de amplia-lo espacio terrestre da zona de servicio do porto correspondente ó termo municipal de Mugardos, na zona coñecida como Punta Promontorio.

As perspectivas de crecemento do tráfico portuario, unido ó feito de que as instalacións portuarias actuais resultan insuficientes e a lonxitude da atracada é limitada, son algunhas das razóns que explican que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao iniciase unha serie de actuacións encamiñadas á ampliación das súas instalacións, que concluíron coa aprobación do proxecto de ampliación do porto de Ferrol (porto exterior), 1ª fase, o cal foi sometido ó procedemento de avaliación de impacto ambiental que concluíu coa Resolución do 23 de novembro de 2000, da Secretaría Xeral de Medio Ambiente (BOE nº 298, do 13 de decembro), pola que se formula declaración de impacto ambiental sobre o citado proxecto de ampliación do porto de Ferrol (porto exterior) 1ª fase, e na que se declara que o proxecto é absolutamente viable cumprindo determinadas condicións.

Para a execución do proxecto, por orde do ministro de Fomento do 10 de maio de 2001, foi declarada a urxencia da ocupación dos terreos necesarios que se detallan na resolución do delegado do Goberno

en Galicia do 19 de febreiro de 2001, pola que se declara a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación.

Paralelamente á expropiación dos terreos, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, en sesión do 27 de setembro de 2000, acordou tramita-la modificación do Plan de utilización dos espacios do porto e da ría de Ferrol. Mediante esta proposta, incorpóranse á zona de servicio do porto os terreos estremeiros co dominio público portuario, anexos ó deslindamento da zona marítimo-terrestre, co fin de quedaren formalmente incluídas no espacio terrestre do porto as superficies necesarias para as esplanacións portuarias que xa foron obxecto de expropiación, ó tempo que se reordenan as zonas I e II das augas portuarias, xa que as obras de ampliación afectarán a manobra de entrada actual ó porto, de maneira que parte da actual zona II será zona de atracada e manobra, isto é, zona I das augas do porto.

A superficie terreste que se inclúe na zona de servicio localízase na zona exterior da ría, no cabo Prioriño, no termo municipal de Ferrol. A modificación faise en concordancia, segundo a memoria, co novo Plan xeral Municipal de Ordenación Urbana do Concello de Ferrol, xa que os terreos necesarios para a ampliación están cualificados no citado plan como sistema xeral portuario. Prevese para a área ampliada da zona de servicio o uso que figuraba no Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e da ría de Ferrol, aprobado o 27 de decembro de 1995, é dicir, un uso global comercial, portuario e industrial.

Na súa virtude, de conformidade co establecido polo artigo 15 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante,

DISPOÑO:

Primeiro.-Modifícase o Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e da ría de Ferrol, aprobado pola Orde do 27 de decembro de 1995 e modificada pola Orde do 3 de febreiro de 2000, segundo a proposta formulada pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, que consta da oportuna memoria, cos seus anexos e dos correspondentes planos, e en virtude do cal se procede á ampliación do espacio terrestre da zona de servicio do porto e á reordenación da súa superficie da augas como consecuencia da aprobación do proxecto de ampliación do porto de Ferrol (porto exterior) 1ª fase, e da expropiación realizada para a súa execución.

Segundo.-O espacio terrestre que se incorpora á zona de servicio sitúase na zona de Cabo Prioriño Chico, no termo municipal de Ferrol (segundo plano s/n, folla 1 de 1), cunha área de 491.988 metros cadrados, cos límites seguintes:

-Polo norte, a estrada de acceso ó faro de Cabo Prioriño Chico.

-Polo leste, a aliñación que define o límite da propiedade numerada co número 102 no plano parce

lario do Rexistro Catastral, quedando esta incluída na zona de servicio do porto.

-Polo oeste, a liña quebrada que se define mediante vértices determinados polas súas coordenadas UTM no plano s/n (folla 1 de 1) da proposta de modificación do plan de utilización dos espacios portuarios do porto e da ría de Ferrol.

A superficie terreste que se prevé que ocupen as futuras instalacións do porto será aproximadamente de 450.817,33 metros cadrados, dos cales na actualidade 72.044,7 metros cadrados aproximadamente xa pertencen á zona de servicio.

O treito costeiro que se ocupará pola ampliación do porto terá 2.061,75 metros de lonxitude aproximadamente.

Terceiro.-O uso asignado ós terreos incorporados á zona de servicio do porto é conforme co que figura para a área limítrofe no vixente Plan de utilización dos espacios portuarios, é dicir, un uso global, comercial, portuario e industrial.

Cuarto.-Reordénase a superficie de augas da zona de servicio do porto (plano nº 5. Folla 2 de 2) da seguinte maneira:

-Zona 1 ou interior das augas portuarias: a superficie da ría limitada ó oeste polo dique proxectado no proxecto de ampliación do porto de Ferrol (porto exterior) e pola liña imaxinaria que une o morro do citado dique con Punta Coitelada, e ó leste pola estrada que enlaza O Montón coas Pías, agás as augas transferidas á Comunidade Autónoma no porto de Mugardos e nas ramplas do Seixo e de Maniños. No porto de Mugardos, estas augas son as abranguidas entre a costa da real vila e a liña quebrada que ten os seguintes vértices: extremo septentrional da esplanación contigua á estación marítima. Punto situado sobre a prolongación do paramento oriental da rampla de baixamares, de servicio á estación, a 50 metros do testeiro. Punto situado sobre a prolongación do testeiro da rampla do Ratón, a 50 metros do seu paramento occidental. Punta do Ratón, na costa. Nas ramplas citadas, as augas transferidas son as abranguidas en cada caso, entre a costa, dúas liñas paralelas ó eixe lonxitudinal de

cada rampla, situadas á distancia de 50 metros cada un dos paramentos laterais do testeiro e a liña perpendicular a estes dous, distante, á súa vez, 50 metros do dito testeiro.

-Zona II, ou exterior das augas portuarias: a superficie limitada polo dique proxectado no proxecto de ampliación do porto de Ferrol (porto exterior) e pola liña imaxinaria que une o morro deste dique con Punta Coitelada, e polo paralelo que pasa pola Punta Coitelada e o meridiano que pasa pola punta de Cabo Prioriño Grande. E a superficie limitada pola costa da ría ata o seu fondo, agás a zona I, e o transferido á Comunidade Autónoma.

Madrid, 18 de abril de 2002.

Francisco Álvarez-Cascos Fernández

Ministro de Fomento

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA