Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 30 de maio de 2002 Páx. 7.878

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2002 pola que se convoca un curso de verán sobre contratación administrativa.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Centro de Estudios Jurídicos Superiores (Cejus), co Concello de Sada e coa Universidad da Coruña, un curso de verán sobre contratación administrativa convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Á luz da práctica cotiá e da xurisprudencia máis recente, estudia-los métodos e regras da contratación administrativa, con especial atención nas últimas novidades aparecidas neste eido e esmiuzando o mundo das normas desta especialidade contractual.

2. Contido.

Trátanse estes temas:

-Normativa aplicable. Ámbito de aplicación subxectiva da lexislación de contratos das administracións públicas. A capacidade e a solvencia do contratista. A clasificación.

-As actuacións relativas á contratación: pregos de cláusulas administrativas xerais; actuacións preparatorias e adxudicacións de contratos. A formalización do contrato.

-As garantías na contratación administrativa tralo R.D.L. 2/2000 e o RXCAP aprobado polo R.D. 1098/2001.

-Execución dos contratos: especial referencia ó pagamento do prezo e as modificacións do contrato.

-A extinción do contrato administrativo.

-Pregos-tipo de cláusulas administrativas particulares da Xunta de Galicia.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

Segundo o acordo adoptado o 16 de abril de 2002 pola Comisión de Plan de Estudios da Universidade da Coruña, recoñecerase un crédito de libre con

figuración ós estudiantes da mencionada universidade que asistan con asiduidade ó desenvolvemento do citado curso de verán.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o curso convocado desenvolverase no auditorio da Casa de Cultura de Sada (A Coruña), sita en avda. do Porto, s/n, da citada localidade, os días 10 e 11 de xullo de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 8 de xullo de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura no anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condicións de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 9 de xullo, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como o de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste curso, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a él, cando a súa sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública