Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 28 de maio de 2002 Páx. 7.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cancris Vigo, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Cancris Vigo, S.L., con nº de código 3603432, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-4-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 21-3-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 24 de abril de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo Cancris Vigo, S.L.

I. Disposición xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional e territorial.

O presente convenio colectivo afectará a tódolos traballadores da entidade mercantil denominada Cancris Vigo, S.L.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Abranguerá a tódolos traballadores e rexerá igualmente para aquelas empresas que reunindo idénticas ou similares condicións se adhiran ó campo de aplicación deste convenio.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor en tódolos seus efectos o día 1 de abril de 2002. A súa duración será de tres anos, é dicir, ata o 31 de marzo de 2005, e entenderase prorrogado por períodos dun ano se calquera das partes non denuncia por escrito ante a outra cunha antelación de tres meses á data de remate da súa vixencia, expresándose as condicións obxecto da negociación.

Ámbalas partes se comprometen a inicia-las negociacións dun novo convenio con dous meses de antelación ó remate da súa vixencia. Mentres non se alcance un novo acordo, permanecerá vixente o actual redactado.

As partes asinantes deste convenio acóllense á paz laboral.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación serán consideradas globalmente.

Artigo 5º.-Garantías persoais.

Respectaranse a título individual as condicións económicas que fosen superiores ás establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

Tódalas melloras económicas e de traballo que se implanten en virtude do presente convenio serán compensadas e absorbibles, en cómputo anual e ata onde alcancen, con todas aquelas melloras voluntarias que teñan concedidas por parte da empresa, tanto se se aboan en metálico como en especie ou habitación, ou incentivos sobre producción, calquera que sexa o sistema aplicado, así como as producidas ou as que se produzan en disposicións legais a partir da data de entrada en vigor do convenio.

Sen prexuízo de que se poidan estender a calquera situación as melloras establecidas neste convenio e a facultade de aplicalas, a empresa se lle vén aboando ó seu persoal salarios superiores ós establecidos regulamentariamente, non ten a obriga de aplica-las elevacións que se rexen nestas estipulacións agás na contía necesaria para suplir diferencias.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do pactado neste convenio, que estará composta polo director xerente da empresa e o delegado de persoal. Esta comisión actuará no ámbito da súa competencia sen invadi-las esferas daqueles organismos que teñan unha determinada e concreta competencia recoñecida na normativa de convenios colectivos sindicais.

Artigo 8º.-A organización do traballo.

De acordo co previsto neste convenio, correspóndelle ó empresario, que a levará a cabo a través do exercicio regular das súas facultades de organización económica e técnica, dirección e control de traballo e as ordes necesarias para a realización das actividades laborais correspondentes.

No suposto de que se deleguen facultades directivas, esta delegación farase de modo expreso, de maneira que sexa suficientemente coñecida, tanto polos que reciban a delegación de facultades, como polos que despois serán destinatarios das ordes recibidas.

As ordes que teñan por si mesmas o carácter de estables, deberanse comunicar expresamente a tódolos afectados e dotalas de suficiente publicidade.

A organización do traballo terá por obxecto alcanzar na empresa un nivel adecuado de productividade baseado na óptima realización dos recursos humanos e materiais. Para este obxectivo cómpre a mutua colaboración das partes integrantes da empresa: dirección e traballadores.

A representación legal dos traballadores velará polo exercicio das facultades antes aludidas para que non se incumpra a lexislación vixente, sen que isto poida considerarse transgresión da boa fe contractual.

Artigo 9º.-Desenvolvemento.

Como organización do traballo entenderase, entre outras, as seguintes cuestións:

-Determinación dos elementos necesarios para que o traballador poida alcanzar polo menos o rendemento normal ou mínimo.

-A fixación da calidade admisible ó longo do proceso de producción de que se trate.

-A esixencia da vixilancia, atención e dilixencia no coidado da maquinaria, instalacións e aparellos, encomendados ó traballador.

-Distribución do persoal de acordo co previsto neste convenio.

Artigo 10º.-Clasificación profesional.

Os traballadores afectados por este convenio, manterán a súa clasificación profesional en canto ás categorías e estructuras salariais que se citan no anexo I, para o ano 2002.

ANEXO I

CategoríaSalario baseP. prop. pagas extras

PesetasEurosPesetasEuros

Xerente184.8601.111,0330.810185,17

Titulado superior177.6071.067,4429.603177,92

Titulado medio139.082835,9023.180139,31

Delineante125.890756,6120.982126,10

Xefe administrativo129.801780,1221.633130,02

CategoríaSalario baseP. prop. pagas extras

PesetasEurosPesetasEuros

Oficial administrativo125.171752,2920.861125,38

Auxiliar administrativo120.698725,4120.116120,90

Telefonista120.698725,4120.116120,90

Aprendiz 16-18 anosSMI442,2073,7

Capataz139.082835,9023.180139,31

Encargado xeral129.801780,1221.633130,02

Encargado obra129.801780,1221.633130,02

Oficial primeira125.171752,2920.861125,38

Oficial segunda123.062739,6220.510123,27

Oficial terceira (axudante)120.698725,4120.117120,91

Conductor123.062739,6220.510123,27

Carretilleiro112.746677,6218.791112,94

Peón especializado119.412717,6819.902119,61

Auxiliar producción112.746677,6218.791112,94

Almaceneiro112.746677,6218.791112,94

Persoal limpeza100.300602,8216.716100,47

Garda/sereno100.300602,8216.716100,47

Aprendiz 18-24 anos87.295524,6514.55087,45

ANEXO II

Debido á especial complexidade das funcións de carretilleiro, dentro delas compréndense actividades de almacén que, ademais da carga, descarga e amoreamento e distribución, con axuda ou non de elementos mecánicos, impliquen comprobación de entradas e saídas de mercadorías, baixo instruccións e dando conta a un responsable de almacén, pesaxe e despacho delas, cubrindo os partes e albarás, tarefas de transporte e paletización, realizada con axuda de elementos mecánicos.

ANEXO III

Inclúese un complemento de transporte de 11.153 pesetas (67,03 euros) mensuais durante a vixencia deste convenio colectivo, igual para tódalas categorías profesionais, excepto para as seguintes categorías:

-Persoal obreiro non afecto ás montaxes e obras.

-Persoal administrativo.

-Persoal técnico.

Este complemento só será aboado nos meses efectivamente traballados, non devengados en períodos de incapacidade laboral ou vacacións. Polo seu carácter extrasalarial non se terá en conta nas cotizacións á Seguridade Social, segundo o artigo 75 da Lei xeral da Seguridade Social, nin no epígrafe de axudas de custo, nin de complemento de transporte.

Artigo 11º.-Polivalencia e plena ocupación. Mobilidade funcional. Traballos de distinto grupo profesional.

Co obxecto de que o traballador estea ocupado toda a xornada, a dirección da empresa poderá facilitarlle as tarefas necesarias para isto, respectando a profesionalidade da súa categoría profesional, é dicir, poderá levarse a cabo unha mobilidade funcional no interior das categorías profesionais, aínda que isto

implique un cambio de centro de traballo, aptitude necesaria para o desempeño das tarefas encomendadas ó dito traballador, reintegrándose o traballador ó seu antigo posto cando cese a causa que motivou tal cambio. O traballador conservará a retribución correspondente ó seu grupo superior, que en tal caso, mentres dure o novo destino, percibirá os salarios correspondentes ós traballos que se van realizar.

O traballador pode solicitar un cambio de grupo/categoría/nivel profesional, neste caso, o seu salario aocndicionaríase segundo o novo grupo profesional. En ningún caso o cambio de grupo poderá implicar menoscabo da dignidade humana.

Nos casos de traballadores adscritos con carácter forzoso a un grupo/categoría/nivel profesional inferior, por exceso de cadro de persoal, deberá ser reintegrado ó grupo de orixe en canto existan vacantes do seu grupo.

Artigo 12º.-Contratación.

A empresa poderá realizar contratos de traballo de duración determinada, tal como establece a lexislación vixente coas seguintes peculiaridades.

1. Contrato para a formación laboral: tendo en conta as necesidades de cualificación dos traballadores do sector e de acordo co establecido na alínea c), do parágrafo segundo do artigo 11 do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada pola Lei 63/1997, a duración máxima dos contratos de formación laboral realizados cos traballadores afectados por este convenio será de dous anos.

2. O contrato eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos. O contrato de duración determinada regulado no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración máxima de 13 meses dentro dun período de 18 meses.

A citada duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade a partir da entrada en vigor do presente convenio como ás prórrogas dos contratos vixentes antes da súa entrada en vigor.

Contrato de obra ou servicio determinado. Co fin de potencia-la utilización pola empresa das modalidades de contratación previstas pola lei e facilita-lo interese da empresa na contratación propia, poderase utiliza-lo contrato de obra ou servicio determinado, segundo o previsto no artigo 15.1º do Estatuto dos traballadores.

Estes contratos para a realización dunha obra ou servicio determinado, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa, poderán cubrir todas aquelas tarefas ou traballos suficientemente diferenciados polo volume adicional de traballo que soporta a empresa que, limitados no tempo, sexan en principio de duración incerta, estean directamente ou colateralmente relacionados co proceso productivo da empresa.

3. O resto das contratacións, incluída a indefinida, acollerase á lexislación vixente.

Artigo 13º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba, que non poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, nin de dous meses para os demais traballadores. Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe como se fose do cadro de persoal, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba sen que se producise a desistencia, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa. As situacións de incapacidade temporal, maternidade, adopción ou acollemento, que afecten o traballador durante o período de proba, interrompen o seu cómputo, que se reiniciará a partir da data de reincorporación efectiva ó traballo.

Artigo 14º.-Ascensos.

Os ascensos de traballadores a postos de traballo que impliquen mando ou confianza será de libre designación pola empresa.

Artigo 15º.-Cesamentos voluntarios.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa están obrigados a pólo en coñecemento da empresa, dirixíndose por escrito á dirección da empresa, comunicando a data de división, cumprindo os seguintes prazos de aviso previo:

Persoal titulado: dous meses.

Persoal técnico non titulado e administrativo: un mes.

Persoal subalterno, profesionais de oficio ou peóns: 15 días.

Admitida a dimisión, o empregado perderá tódolos seus dereitos na empresa, e se algunha vez quixese reincorporarse deberá someterse a tódalas condicións regulamentarias, como se se tratase dun novo ingreso.

Artigo 16º.-Xornada.

A xornada de traballo para os afectados por este convenio terá unha duración anual de 1.776 horas efectivas en cómputo anual como máximo para o ano 2002, 2003, 2004 e 2005. Os días 24 e 31 de decembro considéranse non laborables, compensados polo exceso de días en cómputo da xornada.

Durante a vixencia do convenio, os días que excedan da xornada anual, deberase acorda-lo seu desfrute nas datas que se pacten cos representantes dos traballadores.

O traballador deberá acharse en disposición de inicia-la súa actividade no posto de traballo do seu centro de traballo, coa súa correspondente indumentaria.

A xornada normal será computada en consideración á iniciación do labor no posto de traballo e remate deste e non polo concepto de entrada e saída da nave.

A fixación do horario de traballo será facultade da dirección da empresa, razoando o seu establecemento co comité ou delegados de persoal ou cos traballadores, prevalecendo o criterio que supoña unha reducción de custos, aumento das vendas, ou ben favoreza as necesidades da producción.

Os traballadores en xornada intensiva teñen dereito a un paro de 15 minutos durante a mañá para toma-lo bocadillo, segundo as necesidades do servicio, os traballadores menores de 18 anos disporán dun paro de 30 minutos.

O traballo dos operarios con funcións de mantemento e reparación de instalacións ou maquinaria, necesarios para reiniciar ou continua-lo proceso productivo, así como o persoal que poña en marcha ou peche o traballo dos demais, poderá prolongarse polo tempo necesario, sen que o exceso sobre a xornada ordinaria se compute como horas extraordinarias, debendo aboarse, como mínimo, a pro rata do valor da hora extraordinaria.

ANEXO I

(Fumar)

Durante a actividade diaria prohíbese fumar.

ANEXO II

Traballo a quendas

Para efectos de dar cobertura ás necesidades de abastecemento da nosa clientela, ó espacio productivo de certas áreas ou actividades da empresa, procederase á adaptación da xornada laboral, creando dúas quendas de traballo, co compromiso de que se xeren máis postos de traballo.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

Realizaranse sempre que sexan necesarias para atende-las necesidades do sector, pedidos punta de producción, etc., reparación de sinistros ou outros danos de carácter extraordinario e urxente, cun tope máximo de dúas horas extraordinarias diarias, nin superior a 80 ó ano.

As xornadas que se realicen en concepto de horas extraordinarias terán o seguinte valor/hora:

CategoríaValor hora (A)

Xerente9,20

Titulado superior6,65

Titulado medio6

Delineante6

Xefe administrativo6,75

Oficial administrativo6

Auxiliar administrativo4,63

Telefonista4,63

Aprendiz 16-18 anos3,70

Capataz6,65

Encargado xeral6,65

Encargado obra6,65

Oficial primeira6

CategoríaValor hora (A)

Oficial segunda5,22

Oficial terceira (axudante)5,22

Conductor4,63

Responsable compras/xestión almacén4,63

Peón especializado4,63

Auxiliar producción4,63

Almaceneiro4,63

Persoal limpeza4,63

Garda/sereno4,63

Aprendiz 18-24 anos3,70

Carretilleiro4,63

Pagaranse polo concepto de valor/hora.

Anexo I. Este valor será revisable ós dous anos.

Artigo 18º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio, sexa cal fose a súa modalidade de contratación laboral, terá dereito ó desfrute dun período de vacacións retribuídas de trinta días naturais de duración, dos cales, polo menos 21 serán laborables, iniciándose, en calquera caso, o seu desfrute en día laborable.

As vacacións desfrutaranse por anos naturais. O primeiro ano de prestación de servicios na empresa só se terá dereito ó desfrute da parte proporcional correspondente ó tempo realmente traballado durante o dito ano.

O dereito a vacacións non é susceptible de compensación económica. Non obstante, o persoal que estea durante o transcurso do ano terá dereito ó aboamento do salario correspondente á parte de vacacións devengadas e non desfrutadas, como concepto integrante da liquidación pola súa baixa na empresa.

Debido á complexidade da actividade económica, esixencias dos seus clientes principais e, para efectos de cubri-las necesidades de producción, poderase chegar a establecer un correquendas para efectos de que ninguén se vexa prexudicado á hora do desfrute das vacacións.

Artigo 19º.-Permisos e licencias.

O traballador, logo de aviso de polo menos corenta e oito horas, agás acreditada urxencia, e xustificación posterior, está facultado para ausentarse do traballo, mantendo o dereito á percepción de todos aqueles conceptos retributivos que non se encontren vinculados de forma expresa á prestación efectiva da actividade laboral, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días naturais por nacemento ou adopción dun fillo.

c) De dous a catro días naturais por falecemento de cónxuxe, fillos, pais ou avós dun ou doutro cónxuxe, segundo se o feito que o motivase se produza no lugar de residencia do traballador ou noutro distinto.

d) Un día por falecemento de netos ou irmáns dun ou doutro cónxuxe. Se o traballador necesitase facer desprazamento para o efecto o prazo ampliarase a dous días.

e) Dous días por enfermidade grave do cónxuxe e parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

f) Un día por traslado de domicilio habitual.

g) Polo tempo necesario para concorrer a exames como consecuencia dos estudios que estea realizando en centros de ensino, universitarios ou de formación profesional de carácter público ou privado, recoñecidos.

h) Consulta ó médico:

a. Médico especialista: polo tempo necesario, cun máximo de cinco horas ó día.

b. Médico de cabeceira: ata un máximo de catro saídas anuais, debidamente xustificadas, sen que as ausencias poidan supera-las 4 horas ó día ou 16 horas ó ano.

Artigo 20º.-Salarios.

Para o ano 2002 efectuarase un incremento do 2,7% con respecto dos salarios que para cada categoría se estableceu no convenio colectivo do ano 2001, para os seguintes períodos de vixencia será o IPC previsto polo Goberno.

Co obxecto de consegui-la necesaria estabilidade económica, as porcentaxes de incremento salarial pactadas non serán de necesaria e obrigada aplicación para aquelas empresa que acrediten, obxectiva e fidedignamente, situacións de déficit ou perdas mantidas no exercicio anterior.

Nestes casos trasladarase ás partes a fixación dos aumentos de salario. Para esta situación teranse en conta circunstancias tales como o insuficiente nivel de producción e vendas e teranse en conta os datos que resulten da contabilidade das empresas, dos seus balances e das súas contas de resultados.

Tal circunstancia deberase presentar perante a representación dos traballadores a documentación da empresa que xustifique un tratamento salarial diferenciado.

Unha vez manifestadas as circunstancias e condicións xustificativas de non estar en disposición de afrontar como é necesaria ou obrigado a aplicación do incremento salarial pactado no convenio colectivo, negociarase cos representantes dos traballadores un incremento salarial distinto ó pactado en convenio.

Artigo 21º.-Gratificación de antigüidade.

Consolídase respectando, en todo caso, os importes que actualmente veñan percibindo, polo dito concepto, cada traballador.

Artigo 22º.-Gratificacións extraordinarias.

O traballador terá dereito exclusivamente a dúas gratificacións extraordinarias ó ano, que se aboarán nos meses de xullo e decembro, antes do día 20 de cada un deles. Estas pagas extraordinarias non se devengarán mentres duren as causas de suspensión do contrato previstas no artigo 45 do Estatuto dos traballadores.

A contía das pagas extraordinarias de xullo e decembro será igual a unha mensualidade da táboa de salarios deste convenio e maila antigüidade, se é o caso.

Artigo 23º.-Indemnización T. contrato.

Ó remate do contrato de traballo, excepto os traballos de interinidade, do contrato de inserción e dos contratos formativos, o traballador terá dereito a percibir unha indemnización económica cunha contía que será o resultado de aboar oito días de salario establecido en convenio por cada ano de servicio.

Artigo 24º.-Réxime disciplinario. Faltas. Sancións.

Toda falta cometida polos traballadores clasificarase en atención á súa transcendencia ou intención en: leve, grave e moi grave.

1. Faltas leves:

1.1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo de ata tres ocasións nun período dun mes.

1.2. A non asistencia inxustificada dun día ó traballo no período dun mes.

1.3. Non notificar con carácter previo ou, se é o caso, dentro das 24 horas seguintes, a non asistencia ó traballo, agás que se probe a imposibilidade de que o puido facer.

1.4. O abandono do servicio ou do posto de traballo sen causa xustificada por períodos breves de tempo, se como consecuencia disto se ocasionase prexuízo dalgunha consideración nas persoas ou nas cousas.

1.5. As deterioracións leves na conservación ou no mantemento dos equipos e material de traballo dos que se sexa responsable.

1.6. A desatención ou falta de corrección no trato cos clientes ou provedores da empresa.

1.7. Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia ou domicilio, sempre que estes poidan ocasionar algún tipo de conflicto ou prexuízo á empresa.

1.8. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia do traballador que teñan incidencia na Seguridade Social ou na Administración tributaria.

1.9. Todas aquelas faltas que supoñan incumprimento das prescricións, ordes ou mandatos dun superior no exercicio regular das súas funcións, que non comporten prexuízos ou riscos para as persoas ou as cousas.

1.10. A non asistencia ós cursos de formación teórica ou práctica, dentro da xornada ordinaria de traballo, sen a debida xustificación.

1.11. Discutir cos compañeiros, cos clientes ou provedores dentro da xornada de traballo.

2. Faltas graves:

2.1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en máis de tres ocasións no período dun mes.

2.2. A non asistencia non xustificada ó traballo de dous a catro días, durante o período dun mes, abondará unha soa falta cando esta afectase á substitución dun compañeiro se como consecuencia da non asistencia se ocasionase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

2.3. O falseamento ou omisión maliciosa dos datos que tivesen incidencia tributaria ou na Seguridade Social.

2.4. Entregarse a xogos ou distraccións de calquera índole durante a xornada de traballo de maneira reiterada e causando, con isto, un prexuízo ó desenvolvemento laboral.

2.5. A desobediencia ás ordes ou mandatos das persoas das que se depende organicamente no exercicio regular das súas funcións, incluídas as relativas a normas de seguridade e hixiene, incluídas a imprudencia ou neglixencia no traballo, agás que delas derivasen prexuízos graves á empresa, causasen avarías ás instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa ou comportasen risco de accidente para as persoas, neste caso serán consideradas como faltas moi graves.

2.6. A falta de aseo ou limpeza persoal que produza queixas xustificadas dos compañeiros de traballo e sempre que previamente mediase a oportuna advertencia por parte da empresa.

2.7. Suplantar outro traballador alterando os rexistros e controis de entrada ou saída ó traballo.

2.8. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha deste, sempre que disto non derive prexuízo grave para as persoas ou as cousas.

2.9. A realización sen previo consentimento da empresa de traballos particulares, durante a xornada de traballo, así como o emprego para usos propios ou alleos dos útiles, ferramentas, maquinaria ou vehículos da empresa, mesmo fóra da xornada laboral.

2.10. A reincidencia na comisión de falta leve, aínda que sexa de natureza distinta, dentro dun trimestre e mediando sanción.

2.11. Calquera atentado contra a liberdade sexual dos traballadores que se manifeste en ofensas verbais ou físicas, falta de respecto á intimidade ou á dignidade das persoas.

2.12. A embriaguez ou o estado derivado do consumo de drogas durante o traballo.

2.13. A falta de comunicación á empresa dos desperfectos ou anormalidades observados nos utensilios, ferramentas, vehículos e obras ó seu cargo, cando disto se derivase un prexuízo grave á empresa.

3. Faltas moi graves:

3.1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en máis de dez ocasións durante o período dun mes, ou ben máis de vinte nun ano.

3.2. A non asistencia ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

3.3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa, ou durante o traballo en calquera outro lugar.

3.4. A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase que existe infracción laboral, cando encontrándose en baixa o traballador por calquera das causas sinaladas, realice traballo de calquera índole por conta propia ou allea. Tamén terá a consideración de falta moi grave toda manipulación efectuada para prolonga-la baixa por accidente ou enfermidade.

3.5. O abandono do servicio ou posto de traballo sen causa xustificada aínda por breve tempo, se como consecuencia deste se ocasionase un prexuízo considerable á empresa ou ós compañeiros de traballo, puxese en perigo a seguridade ou fose causa de accidente.

3.6. A habitualidade na embriaguez ou o estado derivado do consumo de drogas, se supón alteración das facultades físicas ou psicolóxicas no desempeño das súas funcións.

3.7. O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada confidencialidade da empresa.

3.8. A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

3.9. A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

3.10. Os malos tratos de palabra ou obra, a falta de respecto e consideración ós seus superiores ou ós familiares destes, así como ós seus compañeiros de traballo, provedores e clientes da empresa.

3.11. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que as faltas se cometan no período de dous meses e fosen obxecto de sanción.

3.12. A desobediencia ás ordes ou mandatos dos seus superiores en calquera materia de traballo, se implicase prexuízo notorio para a empresa ou para os seus compañeiros de traballo, agás que sexan debidos ó abuso de autoridade. Terán a consideración de abuso de autoridade, os actos realizados por directivos, xefes ou mandos intermedios, con infracción manifesta e deliberada ós preceptos legais, e con prexuízo para o traballador.

3.13. Os atentados contra a liberdade sexual que se produzan aproveitándose dunha posición de superioridade laboral, ou se exerzan sobre persoas especialmente vulnerables pola súa situación persoal ou laboral.

3.14. A reiterada non utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene, debidamente advertida.

-Réxime de sancións.

As sancións máximas que poderán imporse pola comisión das faltas sinaladas son as seguintes:

Por falta leve. Amoestación por escrito.

Por falta grave. Amoestación por escrito. Suspensión de emprego e soldo de 2 a 20 días.

Por faltas moi graves. Amoestación por escrito. Suspensión de emprego e soldo de 21 a 60 días. Despedimento.

-Prescrición.

Faltas leves: prescriben ós dez días.

Faltas graves: prescriben ós vinte días.

Faltas moi graves: prescriben ós sesenta días.

A prescrición das faltas sinaladas empezará a contar a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se cometer.

Artigo 25º.-Dereitos sindicais. Formación. Acción.

Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente, os traballadores desfrutarán das seguintes garantías sindicais:

A empresa dará conta das novas contratacións que realicen ós representantes legais dos traballadores, se existisen. Ó existir representación sindical, terase un taboleiro de anuncios para inserción da propaganda sindical. En canto á inserción desta aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Logo de existencia de común acordo entre a empresa e o representante dos traballadores (comité ou delegado) poderase pacta-la acumulación mensual de horas sindicais nun só representante.

Dentro das formalidades previstas nos artigos 77 e seguintes do Estatuto dos traballadores, a empresa facilitará o exercicio de reunións informativas fóra da xornada laboral e durante dúas horas ó mes.

Cada un dos representantes sindicais poderá dispor dun crédito de horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación, de acordo coa seguinte escala:

-Ata 100 traballadores: 15 horas.

-De 101 a 250 traballadores: 20 horas.

Quedarán incluídas neste crédito as horas destinadas a asistir ás convocatorias sindicais, que, en todo caso, deberán ser correctamente realizadas.

A comunicación establecida no artigo 65 por comisión de faltas graves ou moi graves realizarase, tamén, á central sindical á que pertenza o traballador, sempre que a empresa teña constancia fidedigna da súa pertenza e de que a dita central sindical teña representación na empresa.

Artigo 26º.-Roupa de traballo e ferramentas.

A empresa deberá entregarlle ó persoal a roupa de traballo adecuada para a súa actividade, consistente nunha chaqueta curta e un pantalón ou unha funda, podendo figurar letreiros no peto na súa parte dianteira ou na parte posterior, calzado adecuado á actividade que se vai desenvolver en cada momento, cada seis meses, así como as ferramentas que necesiten para desempeña-lo seu traballo.

Os traballadores devolverán a roupa:

-Para poder recibi-las novas, de non facelo, a empresa poderá desconta-lo 50% do importe correspondente á última entrega.

-Ó causar baixa na empresa. De non facelo, a empresa poderá desconta-lo 75% do importe correspondente á última entrega.

Igual para os útiles e ferramentas.

Artigo 27º.-Festivos.

Observaranse as festas establecidas nos calendarios aprobados anualmente pola autoridade laboral, agás os festivos locais; debido ás necesidades de producción a empresa acollerase ós festivos de Vigo.

Artigo 28º.-Suspensión do contrato.

-Suspensión con reserva de posto de traballo. Artigo 48 do ET.

-Excedencia voluntaria. Artigo 46 do ET.

-Excedencia por coidado de familiares. Artigo 46 do ET.

-Servicio militar ou prestación social substitutoria. Os traballadores durante o seu servicio militar ou prestación social substitutoria, terán reservado o seu posto de traballo e deberán reincorporarse á empresa dentro do mes seguinte á data do seu licenciamento.

-Excedencia sindical. Os que teñan cargos electivos a nivel provincial, autonómico ou estatal nas organizacións sindicais máis representativas, terán dereito á excedencia forzosa con dereito a reserva do posto de traballo e ó cómputo da súa antigüidade mentres dure o exercicio do seu cargo representativo, debendo reincorporarse ó seu posto de traballo dentro do mes seguinte á data de cesamento.

Artigo 29º.-Seguridade e saúde laboral.

No prazo máximo de tres meses crearase unha comisión integrada por representantes da empresa e dos traballadores, dous por parte da empresa e dous por parte dos traballadores, tendo as seguintes funcións:

-Promover unha adecuada formación e información en temas de prevención de riscos no traballo.

-Coñece-los estudios realizados no sector polo Gabinete Técnico Provincial de Seguridade e Hixiene, mutuas de accidentes de traballo, etc., con respecto a calquera producto ou traballo considerado tóxico, penoso e perigoso, accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

-Propor medidas preventivas.

Para a designación dos servicios de prevención, delegados de prevención e comité de seguridade e saúde aplicarase o disposto para tal efecto na Lei 31/1995, do 8 de novembro.

Artigo 30º.-Accidentes de traballo e enfermidade.

Durante as situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de accidente de traballo, con ou sen hospitalización, a empresa completará, ata o importe íntegro o salario do convenio e por un máximo de tres meses, contados desde a data de baixa, a prestación económica aboada pola Seguridade Social.

Nas situacións de enfermidade común, debidamente xustificada, a empresa completará ata o importe íntegro do o salario de convenio, desde o sétimo día de hospitalización e, por un máximo dun mes.

Artigo 31º.-Traballos en nocturno.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 22 h e as 6 h terán unha retribución específica incrementada nun 25% do salario base, exclúese do cobro expresado os traballadores que especificamente se contratasen para traballar en período nocturno, como poden ser serenos, gardas, vixilantes, lavacoches, mecánico de taller, etc., así como aqueles traballadores que se adscriban voluntariamente á prestación de servicios en nocturno.

Artigo 32º.-Seguro de convenio colectivo.

A empresa concertará un seguro de convenio colectivo de accidentes, con primas ó seu cargo, durante a vixencia do presente convenio, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións:

-Morte derivada de enfermidade común ou accidente non laboral. Unha mensualidade dos salarios establecidos en convenio.

-Morte, incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, derivada de accidentes de traballo ou enfermidade profesional: 6.000.000 de pesetas (36.060,72 A).

-En caso de incapacidade permanente total derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional: 1.000.000 de pesetas (6.010,12 A).

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social, senón un complemento a esta.

Asdo.: pola empresa.

Francisco G. Izquierdo Martínez.

Xerente.

Asdo.: polos traballadores.

Francisco Miralles Pereira.

Delegado de persoal UGT.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE