Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 28 de maio de 2002 Páx. 7.734

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 21 de maio de 2002 pola que se convoca a XI Mostra Galega de Novos Creadores de Moda Xuventude 2002.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude leva a cabo, a través da Dirección Xeral de Xuventude, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil. Por outra banda, a Consellería de Industria e Comercio, a través da súa Dirección Xeral de Comercio e Consumo, ten entre outras a función de colaborar no desenvolvemento do mundo da industria téxtil, así como na promoción da moda galega. Todo isto, de acordo co disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e no Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca cada ano unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 2002.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca a XI Mostra Galega de Novos Creadores de Moda Xuventude 2002, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria está dotado cuns premios únicos para toda a Comunidade Autónoma galega e será tramitado a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa cola

boración das consellerías de Industria e Comercio, Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, situada en Vigo, será a encargada de organiza-lo certame ó que se fai mención no artigo 1º.

Artigo 3º

As actividades que leven consigo o desenvolvemento desta mostra serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO I

XI Mostra Galega de Novos Creadores de Moda

Xuventude 2002

I. Participantes.

Poderán participar neste certame os mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, de ata 30 anos de idade, cumpridos no ano 2002, nos que concorra algunha das seguintes circunstancias:

Poden intervi-los alumnos de deseño de moda matriculados no presente curso 2001/2002; circunstancia que debe ser convenientemente acreditada.

Tódolos mozos deseñadores que, non estando matriculados nunha escola de deseño, non sexan profesionais no campo da moda, circunstancia que debe ser acreditada coa correspondente declaración xurada.

II. Condicións xerais.

1. As coleccións versarán sobre primavera-verán 2003.

2. As coleccións deben ser orixinais e non ter sido seleccionadas para a fase final noutros certames ou mostras, nin ser premiadas nesta convocatoria na pasada edición.

3. Os participantes a título individual presentarán os seus deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mmx420 mm), con deseño de fronte e de costas.

4. Presentarán unha colección de catro modelos de home ou muller e máis un modelo libre fóra da colección (vangarda). Terá que defini-lo tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados.

5. Xunto coas obras deberá entregarse un sobre pechado co pseudónimo no seu exterior e no interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III, debidamente cuberto, fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras e currículo do/a autor/a.

6. En ningún caso nos deseños pertencentes ás coleccións presentadas deberán figurar datos que identifiquen ós deseñadores, para garanti-lo anonimato en todo momento.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso de solicitude que se indica no anexo II e dirixiranse ó delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra en Vigo.

Os participantes deberán presenta-las solicitudes, xunto cos sobres pechados citados anteriormente, no Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

R/ Rolda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Av. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

R/ Concepción Arenal, 8-1º andar, 36201 Vigo.

R/ Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 18 de setembro de 2002.

IV. Desenvolvemento.

O xurado seleccionará 10 participantes.

As notificacións das decisións do xurado, tanto favorables coma desfavorables, serán enviadas ós solicitantes nun prazo non superior a seis meses desde a publicación da presente orde no DOG.

En caso de non recibi-la notificación no antedito prazo poderase entender desestimada a solicitude presentada.

Os seleccionados confeccionarán a colección dos catro modelos obrigatorios e mailo modelo libre, para o pase que vai ter lugar na cidade de Vigo, no teatro do Centro Cultural Caixanova, o día 6 de novembro de 2002.

V. Premios.

Establecénse os seguintes premios:

1º premio: 1.804 A.

2º premio: 1.203 A.

3º premio: 602 A.

Terán tamén unha bolsa de 3.005,06 A cada un, para cubri-los gastos de formación e aloxamento con modistos galegos de renome internacional. As bolsas serán outorgadas pola Consellería de Industria e Comercio dentro do convenio para a promoción do téxtil galego.

Haberá un diploma para o mellor deseño de vangarda.

Outorgaranse 601 A para cada un dos 10 seleccionados como apoio á confección dos modelos.

Así mesmo farase entrega a cada un dos participantes na fase final dun diploma que acredite a súa participación nesta Mostra Galega de Novos Creadores de Moda.

Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

VI. Xurado.

O xurado será nomeado polo delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en Vigo e estará formado por persoas cualificadas do mundo da moda, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra.

A decisión do xurado será inapelable.

VII. Destino e devolución das obras.

Os deseños dos participantes que pasen á final quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude.

A documentación dos participantes non seleccionados que non fose retirada por eles ou persoa autorizada no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da recepción da notificación coa decisión do xurado, poderá ser destruída ou utilizada pola dita dirección xeral na forma que estime oportuna.

Queda implícita a autorización do/s autor/es das coleccións participantes á difusión da imaxe destas por parte da consellería, por calquera medio que estime oportuno.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA