Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 28 de maio de 2002 Páx. 7.724

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 184/2002, do 10 de maio, polo que se dispón o endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio 2002.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (Diario Oficial de Galicia nº 214, do 5 de novembro), establece, no título II capítulo I, as normas ás que se deberán suxeita-las operacións de endebedamento.

O artigo 29.2º establece que o endebedamento tanto da Comunidade Autónoma como dos seus organismos autónomos terá que ser autorizado por lei, a cal, sen prexuízo de fixar calquera outra característica das operacións de endebedamento por realizar, deberá sinala-lo importe máximo autorizado.

A Lei 2/2002, do 29 de abril (Diario Oficial de Galicia nº 84, do 2 de maio), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 establece no seu artigo 27.1º que a posición neta debedora da Comunidade Autónoma á fin do exercicio non experimentará variación.

En canto á autorización e formalización da emisión das operacións de endebedamento, é de aplicación o artigo 33 do mencionado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no que se establece que a emisión de débeda pública ou operacións de crédito que realicen a Comunidade Autónoma ou os seus organismos autónomos terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda, dentro dos límites sinalados pola lei.

Co presente decreto acórdase a autorización pertinente para que, á medida que xurdan as necesidades de financiamento, poida ser formalizada esta débeda pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para a formalización, durante o ano 2002, de operacións de endebedamento ata un importe que non supoña variación da posición neta debedora, segundo o establecido no artigo 27.1º da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002. Enténdese como variación da posición neta debedora o resultado de deducir do importe das operacións de endebedamento que se formalicen no ano 2002, as amortizacións de débeda que se efectúen no mesmo exercicio.

2. Estas operacións de endebedamento poderán formalizarse de maneira fraccionada en función das necesidades de financiamento da Comunidade Autónoma, atendendo ás circunstancias dos mercados financeiros.

Artigo 2º

As operacións ás que se refire o artigo anterior poderán realizarse por un prazo superior a un ano, e levaranse a cabo mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos, ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado de natureza semellante. Poderanse utilizar simultaneamente os procedementos indicados dentro dos límites anteriormente sinalados.

Disposición adicional

O conselleiro de Economía e Facenda fixará as condicións, tipo de xuro, modalidade, amortización e demais características ás que terán que axustarse as operacións de débeda reguladas neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda