Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 28 de maio de 2002 Páx. 7.723

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 de maio de 2002 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación de Estudios y Formación Sanitaria.

Visto o expediente de clasificación da Fundación de Estudios y Formación Sanitaria, con domicilio en Vigo, na rúa Urzáiz nº 69, entresollado esquerda.

Supostos de feito.

1. Rafael González Cortés, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 6 de maio de 2002, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación de Estudios y Formación Sanitaria foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 19 de xaneiro de 1999 , ante o notario José Antonio Rodríguez González, co número 130 do seu protocolo por Purificación Catalina Alvite Barreira, Ángel García Álvarez e Jaime Armada Fernández; interveñen no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos o obxecto da fundación é:

a) A realización de toda clase de estudios, a programación e desenvolvemento de conferencias, cursos, presenciais e a distancia, congresos e actividades dirixidas a promociona-la cultura, en xeral, a educación e a sanidade, en particular, co obxecto de levar a cabo accións tendentes á mellora das condicións da saúde da comunidade, e en xeral o fomento de actividades que teñan como fin a promoción humana e social.

b) A potenciación e desenvolvemento dos recursos humanos a través de actividades dirixidas ó fomento da investigación en materia de formación profesional, ocupacional e social dos traballadores, con especial atención á formación dos desempregados con necesidades especiais de reinserción no mercado de traballo.

c) Favorece-la mellora das condicións de traballo a través da participación na formación dos traballadores e no estudio das necesidades de formación destes, en particular todo o referente a prevención de riscos laborais en tódolos ámbitos, incluído o sanitario.

d) Fomentar e prestar axudas ó estudio, investigación e asistencia nos aspectos legais, económicos, sociais, culturais, sanitarios, laborais de rehabilitación e integración das persoas que sufran enfermidade e marxinación social, procurando a mellora na súa calidade de vida, desenvolvemento humano e fomentar accións para que estas persoas sexan atendidas por calquera institución ou organismo público ou privado.

4. O padroado da fundación estará constituído segundo se determina no artigo 12 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación de Estudios y Formación Sanitaria, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade .

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 13 de maio de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego,

así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación de Estudios y Formación Sanitaria e adscribila á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública