Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 27 de maio de 2002 Páx. 7.683

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN E COOPERACIÓN EXTERIOR

ORDE do 20 de maio de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Galicia Emigración e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia Emigración, con domicilio na rúa Basquiños, 2, de Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de xaneiro de dous mil dous, acordou aproba-los estatutos da Fundación Galicia Emigración e autorizou ó conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior para o outorgamento da carta fundacional e para a realización de tódolos trámites necesarios para a constitución da dita fundación.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vintesete de abril de dous mil dous, ante o notario do Colexio da Coruña, Manuel Peregil Cambón, co número novecentos oitenta e seis do seu protocolo, por Manuel Fraga Iribarne e Aurelio Miras Portugal; interveñen Manuel Fraga Iribarne no exercicio do seu cargo e Aurelio Miras Portugal no nome e representación da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Polo conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior, na súa calidade de presidente da Fundación Galicia Emigración, en escrito do sete de maio de 2002, formulouse solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Cuarto.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico-social da Fundación Galicia Emigración, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumprindose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, na Lei estatal 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

Quinto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

do 14 de maio de 2002 (DOG nº 95, do 20 de maio), clasificouse como benéfico-social a Fundación Galicia Emigración, en cumprimento do disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Sexto.-Segundo consta no artigo seis dos estatutos da Fundación Galicia Emigración, o seu obxecto é promover, incentivar e executar cantas accións se orienten á potenciación e difusión da galeguidade en calquera parte do mundo, en especial nos lugares onde estean radicadas comunidades galegas así como á realización de accións tendentes a apoiar ós galegos e ós seus descendentes que residan fóra da Comunidade Autónoma.

Sétimo.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Galicia Emigración, capacidade xurídica, composición do órgano de goberno, réxime de adopción de acordos, obxecto e enderezo.

O padroado da fundación estará constituído polos membros que se designan no artigo 10 dos estatutos.

Oitavo.-En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, nas datas 21 e 23 de xaneiro de 2002, a Asesoría Xurídica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública informou favorablemente os estatutos da Fundación Galicia Emigración para os efectos da súa declaración como de interese galego.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 e 4 do Decreto 403/2001, do 28 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia Emigración, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos,

o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dálle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño.

Vistas as seguintes normas xurídicas: Constitución española; Estatuto de autonomía para Galicia; Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro; Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada por Lei 11/1991, do 8 de novembro; Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; Decreto 403/2001, do 28 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior; Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; demais normativa de pertinente e xeral aplicación

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Galicia Emigración.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

Terceiro.-Que a dita fundación quede sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación, en espe

cial á obriga de darlle publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2002.

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior

CENTRO INFORMÁTICO PARA A XESTIÓN TRIBUTARIA,

ECONÓMICO-FINANCEIRA

E CONTABLE