Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 27 de maio de 2002 Páx. 7.680

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 16 de maio de 2002 pola que se convoca o I Certame galego da canción.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h. que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico, e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en virtude do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica é o órgano competente da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano

de manifestacións de carácter artístico e artesanal que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 2002.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Co obxecto de promocionar e descubrir a solistas, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, convoca o I Certame galego da canción, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, distincións e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria, está dotado cuns premios únicos para toda a Comunidade Autónoma galega e será tramitado a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, será a encargada de organiza-lo certame ó que se fai mención no artigo 1º.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeados con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO I

I CERTAME GALEGO DA CANCIÓN

I. Participantes.

Poderán participar cantantes galegos ou residentes en Galicia.

Os solistas serán menores de 30 anos. Enténdese estas idades cumpridas no ano 2002.

II. Condicións xerais.

Os solistas que desexen participar deberán presenta-lo boletín de inscrición que se indica no anexo II debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

* Fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras da persoa que desexe participar.

* Declaración xurada conforme a persoa participante non ten asinado contrato discográfico.

* Breve currículo.

III. Inscricións.

Os participantes deberán dirixi-lo boletín de inscrición ó Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

R/ Durán Loriga 9-1º, 15003 A Coruña.

R/ Ronda da Muralla 70, 27003 Lugo.

Av. de la Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

R/ Concepción Arenal, 8-1º andar, 36201 Vigo.

R/ Benito Corbal 47-2º, 36001 Pontevedra.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 30 de xuño de 2002.

IV. Desenvolvemento.

a) Tódolos inscritos que así o desexen poderán participar nunha proba que terá lugar na primeira quincena de agosto no Albergue Xuvenil Marina Española, sito no concello de Bergondo na Coruña. O día exacto da proba seralles comunicado a todos por correo. Nesta proba, os participantes poderán acompañarse só dun instrumento musical non eléctrico se así o estiman conveniente. A organización decidirá o tempo de intervención de cada participante que oscilará entre un e dous minutos.

Despois da audición de tódolos que se presenten a esta proba, o xurado elixirá a dez de entre todos eles atendendo a criterios de calidade artística, cinco mozos e cinco mozas, que pasarán á fase final. Esta decisión tamén lles será comunicada por carta a tódolos que participen na proba, así como as instruccións da fase final.

b) A fase final comezará co aloxamento dos dez finalistas durante dúas semanas entre o 16 e o 29 de setembro no Albergue Xuvenil Marina Española na que recibirán clases de profesores especializados en materias relacionados co mundo da canción. Nestas dúas semanas os finalistas deberán traballar nas cancións que interpretarán na gala final e que previamente lles serán asignadas pola organización, que terá seleccionadas un total de trinta cancións das que deberán sair as vinte que se interpretarán na gala final.

c) A gala final levarase a cabo na Coruña o día 29 de setembro de 2002, e nela os finalistas deberán interpretar dúas cancións cada un, unha delas en galego. Estas dúas cancións seranlles asignadas ós finalistas pola organización atendendo ás súas aptitudes artísticas.

d) As decisións do xurado cos gañadores serán notificadas ó final da gala ós participantes e asistentes á gala.

A organización correrá cos gastos de aloxamento e manutención dos finalistas no Albergue Xuvenil Marina Española.

Será por conta da organización a achega dos equipos técnicos de son e luces necesarios e suficientes para o desenvolvemento do dito acontecemento e serán manexados unicamente polos técnicos desta.

e) Os finalistas deberán aceptar un regulamento de normas básicas de convivencia que se lles ofrecerá á súa entrada no Albergue, así como as instruccións sobre o desenvolvemento do evento no Albergue, podendo ser expulsados deste se a organización entende que se están vulnerando estas normas.

Tódolos seleccionados para a fase final aceptarán a orde de actuación que a organización estableza, así como, as decisións que esta tome en relación coa realización deste evento.

f) Os informes dos seleccionados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude durante o período das actividades que se desenvolvan con motivo da presente convocatoria e posteriormente co consentimento do/s solista/s.

A documentación dos participantes non seleccionados, que non sexa retirada por eles ou persoa autorizada no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da recepción da notificación coa decisión do xurado, arquivarase sen máis trámite.

g) O feito de concorrer a esta convocatoria implica a aceptación íntegra das súas bases.

V. Distincións.

a) Haberá tres premios para os tres primeiros clasificados que consistirán en:

-1º premio: 3.000 A, e a realización dun curso relacionado coa carreira musical nunha academia de recoñecido prestixio.

-2º premio: 1.800 A.

-3º premio: 1.200 A.

b) Gravaranse mil CDs coas cancións interpretadas en directo na gala final e cada finalista poderá dispoñer de copias que se repartirán proporcionalmente, para distribuílas gratuitamente na forma que estimen oportuna.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude quedarase con cincocentas copias para a súa distribución.

En ningún caso as copias editadas poderán destinarse á venda.

VI. Xurado.

O xurado será nomeado polo delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña, e estará composto por persoas cualificadas no campo musical, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña.

O xurado estará facultado para a interpretación destas bases nas eventualidades non previstas e poderá deixar deserto algún premio se así o considera oportuno.

A decisión do xurado será inapelable.