Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 24 de maio de 2002 Páx. 7.646

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

CÉDULA do 16 de abril de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, de notificación da resolución do expediente sancionador 9/2001 á promotora inmobiliaria Cooperativa Férrea Sarriana.

A Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo tramitou expediente sancionador 9/2001, seguido en virtude de denuncia formulada por Beatriz Iglesias Real, contra a promotora inmobiliaria Cooperativa Férrea Sarriana, finalizando este trámite con resolución de expediente sancionador por non realiza-las obras necesarias para amaña-las deficiencias denunciadas.

O citado acordo é do seguinte teor:

«Resolución do expediente sancionador 9/2001.

Vista a denuncia presentada por Beatriz Iglesias Real e Diego Rodríguez López da vivenda 2º A da rúa Porvenir, 15-17 de Sarria, e logo das actuacións previas practicadas, de acordo cos seguintes:

Feitos.

Primeiro.-Con data 24 de marzo de 1998, por Beatriz Iglesias Real e Diego Rodríguez López, formulan denuncia diante desta delegación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sobre vicios e defectos de construcción na vivenda 2º A do inmoble citado.

Segundo.-Consecuente coa denuncia formulada, abríronse dilixencias previas baixo o nº 19/98, que finalizaron con requirimento á promotora inmobiliaria Cooperativa Férrea Sarriana, para que efectuase as reparacións que se sinalaban, concedéndoselle un prazo de 10 días para remisión do proxecto e de 30 días para a súa execución.

O requirimento foi notificado a través do Diario Oficial de Galicia en data 14 de febreiro de 2001, ó encontrarse a empresa en cuestión ausente do domicilio social.

Terceiro.-Con data 20 de xuño de 2001 dictouse proposta de resolución do meritado expediente sancionador, pola que se propoñía a imposición á promotora inmobiliaria Cooperativa Férrea Sarriana dunha sanción consistente nunha multa de 500.001 pesetas a cal foi notificada a través do Diario Oficial de Galicia, en data 31 de agosto de 2001, ó encontrarse a empresa en cuestión ausente do domicilio social.

Cuarto.-Con data 21 de xuño de 2001 preséntase escrito de alegacións por parte do denunciado segundo o cal non xustifica a realización de tódalas obras de reparación requiridas por este organismo, o cal segue sen xustificar no día de hoxe.

Feito probado.

Único.-Determínase, así, como feito probado, ó non ter constancia nesta delegación da realización das obras de reparación requiridas, que a promotora Cooperativa Férrea Sarriana incumpriu a obriga de amaña-las deficiencias observadas.

Fundamentos de dereito.

1. É competente para a resolución deste expediente o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo, de acordo co disposto no Decreto 134/1997, do 22 de maio.

2. Que a infracción imputada atópase tipificada na letra e, do artigo 6, da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda que sinala que terán a cualificación de infraccións moi graves... a neglixencia de promotores, constructores e facultativos durante a execución das obras de vivendas de protección oficial que dese lugar a vicios ou defectos que afecten a edificación de vivendas de protección oficial e se manifesten durante os 5 años seguintes á data de expedición da cédula de cualificación definitiva.

3. Que o artigo 7.1º c), da Lei 13/1996, do 30 de decembro, sobre infraccións en materia de vivenda, sanciona con multa de 3.005,07 ata 60.101,21 euros, as infraccións cualificadas como moi graves, sen prexuízo da adopción de medidas de execución forzosa recollidas no artigo 96 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a Lei 13/1996, do 30 de decembro, autorizándose en calquera caso a Administración a impoñer multas coercitivas encamiñadas a consegui-lo cumprimento das resolucións recaídas en expediente sancionador.

Vistos os artigos citados, a Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infracción en materia de vivenda, a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora,

RESOLVO:

1. Sanciona-la promotora inmobiliaria Cooperativa Férrea Sarriana como autora dunha infracción cualificada como moi grave no artigo 6 letra e, da Lei 13/1996, do 30 de decembro, cunha multa de 3.005,07 euros por incumprimento da obriga de amaña-los vicios ou defectos denunciados na vivenda 2º A da rúa Porvenir, 15-17 de Sarria.

2. Que conforme o disposto no número 2º, do artigo 8, da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda, sen prexuízo da sanción imposta, deberá realiza-las obras de reparación requiridas por este organismo na tramitación do expediente sancionador.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada de conformidade co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes.

Lugo, 16 de abril de 2002.

Antonio Boné Pina

Delegado provincial de Lugo