A Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo tramitou expediente sancionador 8/2002, seguido en virtude de denuncia formulada por Jesús Fernández Cobas como propietario da vivenda 1º E da rúa Santiago, 6 de Monforte, contra a promotora inmobiliaria Promotora Veiguiña, S.L., finalizando este trámite con acordo de inicio de expediente sancionador por non realiza-las obras necesarias para amaña-las deficiencias denunciadas.
O citado acordo é do seguinte teor:
«Acordo de inicio de expediente sancionador 8/2002.
Vista a denuncia presentada por Jesús Fernández Cobas da vivenda 1º E da rúa Santiago, 6 desta cidade de Lugo, contra a promotora inmobiliaria Promotora Veiguiña, S.L., e logo das actuacións previas practicadas, de acordo cos seguintes:
Feitos.
Primeiro.-Con data 9 de novembro de 2000, Jesús Fernández Cobas, formula denuncia diante desta delegación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sobre vicios e defectos de construcción na vivenda 1º E do inmoble citado.
Segundo.-Consecuente coa denuncia formulada, abríronse dilixencias previas baixo o nº 433/2000, que finalizaron con requirimento á promotora inmobiliaria Promotora Veiguiña, S.L., para que efectuase as reparacións que se sinalaban, concedéndoselle un prazo de 10 días para remisión do proxecto e de 30 días para a súa execución, notificado ó denunciado en data 2 de marzo de 2002.
Terceiro.-Con data 10 de abril de 2002, rexistro de entrada de 12 do mesmo mes e ano, Jesús Fernández Cobas presenta escrito no que denuncia o incumprimento, por parte do promotor, da obriga de repara-las deficiencias denunciadas.
Fundamentos de dereito.
1. É competente para a resolución deste expediente o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo, de acordo co disposto no Decreto 134/1997, do 22 de maio.
2. Ó amparo do disposto no artigo 3.2º do regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora R.D. 1398/1993, do 4 de agosto, os interesados teñen dereito a formular alegacións e a achegar tódolos documentos que consideren convenientes en calquera momento do procedemento con anterioridade ó trámite de audiencia.
Poderán, así mesmo, recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade conforme o establecido no artigo 8 do citado regulamento.
3. En particular, e segundo o artigo 16.1º do Regulamento do procedemento, os interesados dispoñen dun prazo de 15 días contados desde a súa notificación deste acordo para achega-los documentos ou informacións que estimen convenientes e propoñer probas, concretando os medios dos que pretendan valerse.
4. Os feitos indicados poden ser constitutivos de infracción administrativa tipificada no punto e, 6 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, sobre infraccións en materia de vivenda da que aparece como presunto responsable a promotora inmobiliaria Promotora Veiguiña, S.L., podendo corresponder unha sanción de 3.005,07 a 60.101,21 euros de multa e inhabilitación para participar en promocións de vivendas de protección oficial durante o prazo máximo de 6 anos, sen prexuízo do que resulta da tramitación deste procedemento.
5. De acordo co artigo 153 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, Lei 30/1992, do 26 de novembro, o presunto responsable ten dereito a coñecer, entre outros extremos, o instructor do procedemento sancionador, dereito que o artigo 13.1º do regulamento do procedemento estende ó coñecemento do secretario, sendo o seu réxime de recusación o previsto nos artigos 28 e 29 de dita lei.
Vistos os preceptos sinalados e os demais de aplicación xeral, esta delegación
ACORDA:
1. Incoa-lo procedemento administrativo sancionador contra a promotora inmobiliaria Promotora Veiguiña, S.L., como presunta responsable dos feitos sinalados.
2. Nomear instructor do expediente a Francisco Centeno Márquez xefe da Sección de Inspección e Sancións do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e como secretario a Jesús Rodríguez Anllo, auxiliar administrativo da Sección de Inspección e Sancións do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo.
3. Conceder un prazo de quince días para achegaren os interesados cantas alegacións, documentos e informacións estimen convenientes, e, de se-lo caso, propoñer proba concretando os medios dos que pretendan valerse.
Comuníquese este acordo ó órgano instructor con traslado de tódalas actuacións practicadas, e notifíqueselles
ós interesados, entendendo en todo caso como tal o inculpado, con mención expresa dos requisitos esixidos polo artigo 58.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Lugo, 16 de abril de 2002.
Antonio Boné Piña
Delegado provincial de Lugo