Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 24 de maio de 2002 Páx. 7.608

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 7 de maio de 2002 pola que se regulan as axudas para a realización de actividades de prevención do alcoholismo.

De conformidade co Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndelle a esta competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, creadora do Servicio Galego de Saúde como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, asígnalle, entre outras, no artigo 3, a función de desenvolvemento de tódalas áreas que configuran o concepto integral de saúde (física, mental, social ou de relación e ecolóxica ou ambiental) xestionando a sanidade en tódalas súas facetas: información e educación sanitarias, protección da saúde, prevención da enfermidade, asistencia sanitaria e rehabilitación.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, ten por obxecto establece-las directrices xerais de actuación na saúde mental e a asistencia psiquiátrica, a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e protección da saúde mental, a prevención das enfermidades psíquicas e a asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais.

O Servicio Galego de Saúde, consciente da importancia que para soluciona-lo problema do alcoholismo teñen as asociacións que realizan programas de prevención do enfermo alcohólico mediante un traballo desenvolvido, fundamentalmente, a través do voluntariado, quere colaborar mediante unha liña de subvencións correntes con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Polo exposto, conforme o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O Servicio Galego de Saúde poderá conceder subvencións, ata o límite sinalado na correspondente partida orzamentaria, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolvan programas de prevención do alcoholismo.

2. Serán obxecto de subvención os gastos derivados do normal funcionamento dos centros ou dependencias onde a entidade desenvolva a súa actividade: gastos de persoal e gastos correntes (aluguer de locais, auga, electricidade, teléfono, calefacción, limpeza, desprazamentos, etc.), sempre que estes gastos teñan a súa orixe no desenvolvemento de actividades de prevención do alcoholismo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser obxecto dunha subvención as asociacións, federacións ou calquera outra entidade privada de iniciativa social sen ánimo de lucro que teña como finalidade nos seus estatutos o alcoholismo, que desenvolva a súa actividade na Comunidade Autónoma de

Galicia e se atope debidamente inscrita no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios da Consellería de Sanidade.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención realizaranse segundo o modelo que se publica como anexo I á presente orde e xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente que aprobe a solicitude de subvención.

b) Copia compulsada dos estatutos da entidade.

c) Documento acreditativo de atoparse a asociación, fundación ou entidade inscrita no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios da Consellería de Sanidade.

d) Memoria da entidade correspondente ó ano 2001 segundo modelo (anexo II).

e) Criterios de valoración (anexo III).

f) Certificación do secretario dos gastos do exercicio anterior segundo o anexo IV.

g) Orzamento ou valoración económica dos gastos de mantemento previstos para o ano 2002, desagregado en cada unha das partidas segundo o anexo V.

h) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ante calquera administración ou ente público, utilizando o modelo que se inclúe como anexo VI.

i) Xustificación da titularidade da sede onde funciona a entidade, incluíndo tódolos elementos e características que poidan incidir nos criterios de concesión da subvención.

j) Certificación do secretario indicativa do número de socios con que conta a entidade.

k) Certificación bancaria do número de conta corrente na que se ingresará, de se-lo caso, o importe efectivo da subvención concedida.

l) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

2. As solicitudes de subvención presentaranse no rexistro xeral do Servicio Galego de Saúde (edificio administrativo de San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela), nos das súas direccións provinciais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Tramitación.

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes examinaranse os expedientes para comprobar que reúnen os requisitos esixidos pola presente orde, reclamándolles por escrito ós interesados os datos, documentos e aclaracións que se consideren necesarios

para completa-lo expediente, con indicación de que, se así non o fixesen nun prazo de dez días, considerarase que desistiron da súa petición, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procememto administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Revisados os expedientes, e completados de se-lo caso, remitiranse á comisión de valoración que realizará un informe preceptivo e posterior proposta de resolución ó órgano competente, segundo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

3. Para tal efecto, constituirase unha comisión composta polos seguintes membros:

Presidente: director xeral da División de Asistencia Sanitaria ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-O xefe de servicio de Saúde Mental do Sergas.

-O xefe de Área de Prevención, Reinserción e Coordinación do Plan de Galicia sobre Drogas.

-O xefe de sección de Drogodependencias da División de Asistencia Sanitaria.

Secretario: o xefe de servicio de Saúde Mental.

Artigo 5º.-Criterios de concesión.

1. Existencia dun programa preventivo no campo do alcoholismo que comprenda, como mínimo, os seguintes puntos:

-Actividades de apoio á abstinencia.

-Actividades de prevención de recaídas.

-Campañas de sensibilización da poboación xeral.

2. Experiencia no campo da prevención.

3. Número de asociados.

4. Área xeográfica de actuación.

Artigo 6º.-Resolución.

1. A competencia para resolve-la concesión das subvencións tramitadas ó abeiro desta orde correspóndelle ó presidente do Servicio Galego de Saúde.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ós interesados no prazo máximo de seis meses contados desde a publicación da presente orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. As resolucións recaídas poñerán fin á vía administrativa. Poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación, se o acto é expreso, ou tres meses se non o é, contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou seren impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencio

so-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte á data de notificación, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Poderase efectuar un pagamento parcial, non inferior ó 50% nin superior ó 80% do importe da subvención concedida e a conta da liquidación definitiva, cando o beneficiario xustifique mediante orixinais a realización destes gastos. Acompañarase unha relación nominativa dos xustificantes do gasto, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe.

2. O importe restante da subvención faráselle efectivo ó beneficiario no momento da total xustificación na forma anteriormente sinalada e acompañada dos seguintes documentos:

a) Certificación do órgano da entidade que teña atribuídas as facultades do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención e da aplicación da axuda recibida nos conceptos sinalados no artigo 1º.2 da presente orde.

b) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, públicas ou privadas.

3. En calquera caso, a xustificación do gasto realizado deberá presentarse na División de Asistencia Sanitaria do Sergas con anterioridade ó día 15 de novembro.

Artigo 8º.-Outras obrigas.

1. As entidades receptoras da subvención quedarán obrigadas, ademais do disposto no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza o Sergas, así como a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) A segui-las instruccións do responsable de área de saúde mental correspondente para así asegura-la coordinación, artellamento e complementariedade das accións comprendidas no campo do alcoholismo.

d) A cubri-los indicadores do sistema de información de actividades de prevención do enfermo alcohólico mediante as fichas de:

-Apoio á abstinencia.

-Prevención de recaídas.

-Campañas de sensibilización.

e) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultándose a División de Asistencia Sanitaria do Sergas para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

f) A reintegrar, total ou parcialmente, a subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o importe do gasto efectuado.

Artigo 9º.-Revogación e reintegro.

No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, procederase á revogación da subvención así como ó reintegro, de se-lo caso, da subvención percibida e do xuro de demora correspondente.

Artigo 10º.-Infraccións.

Para esta orde será de aplicación o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 11º.-Importe das axudas.

As subvencións que se concedan na execución da presente orde faranse efectivas con cargo á aplicación 11.5001.2223.480 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, aprobados pola Lei 2/2002, do 29 de abril, na que existe un crédito inicial para este fin por importe de sesenta e seis mil cento once euros e trinta e tres céntimos (66.111,33 euros). A citada cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Disposición adicional

Nos aspectos non contidos na presente orde aplicarase o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Sergas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade