Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 23 de maio de 2002 Páx. 7.527

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 10 de maio de 2002 pola que se regula a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o mantemento de puntos de atención continuada e zonas especiais de urxencias que funcionen en centros de saúde de titularidade municipal.

O Servicio Galego de Saúde, consciente da importancia que no ámbito da sanidade teñen os centros

de saúde que funcionan como puntos de atención continuada ou como zonas especiais de urxencias, regulados no Decreto 172/1995 e na Resolución conxunta do 15 de febreiro de 2001, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e das divisións de Recursos Humanos e de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde, dirixidos a mellora-la atención dos cidadáns e garantir unha atención á urxencia extrahospitalaria cun nivel óptimo de calidade e contando sempre coa presencia dos profesionais sanitarios e co obxecto de colaborar no mantemento dos puntos de atención continuada e zonas especiais de urxencias, en centros de saúde de titularidade municipal, que deben conservar e mante-las corporacións locais galegas por formar parte do seu patrimonio, considera necesario establecer unha liña de subvencións correntes con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

A concesión de subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia debe someterse ó cumprimento dos requisitos de publicidade, concorrencia e obxectividade a teor do sinalado no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa, o que esixe a realización da correspondente orde reguladora e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O Servicio Galego de Saúde poderá conceder subvencións, ata o límite sinalado na correspondente partida orzamentaria, en réxime de concorrencia competitiva, ás corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o mantemento de puntos de atención continuada e zonas especiais de urxencias que funcionen en centros de saúde de titularidade municipal.

2. Serán obxecto de subvención os gastos derivados do normal funcionamento dos puntos de atención continuada ou zonas especiais de urxencias asumidos polo concello: gastos de persoal non sanitario e os gastos correntes de auga, electricidade, teléfono, calefacción, limpeza, seguridade, etc.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios dunha subvención as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan titulares dun centro de saúde no que funcione un punto de atención continuada ou unha zona especial de urxencias nos que o Servicio

Galego de Saúde estea prestando asistencia sanitaria.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente da entidade local respectiva, segundo modelo que se une como anexo I á presente orde, xuntaráselle-la seguinte documentación:

-Orzamento ou valoración económica dos gastos anuais previstos de mantemento do punto de atención continuada ou zona especial de urxencias, desagregado en cada unha das partidas, de acordo co anexo II, acompañado de certificación do secretario do concello dos gastos do exercicio anterior (anexo III).

-Certificación do acordo adoptado polo órgano municipal competente, que aprobe a solicitude de subvención.

-Xustificación da titularidade do centro no que funciona o punto de atención continuada ou zona especial de urxencias e descrición deste, incluíndo tódolos elementos e características que poidan incidir nos criterios de concesión da subvención.

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, de calquera outra administración ou ente público.

-Outros datos que o concello considere de interese.

2. As solicitudes de subvención presentaranse no rexistro xeral do Servicio Galego de Saúde (edificio administrativo San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela), no das súas direccións provinciais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Tramitación.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, examinaranse os expedientes para comprobar que reúnen os requisitos esixidos pola presente orde, reclamándolles por escrito ós interesados os datos, documentos e aclaracións que se consideren necesarios para completa-lo expediente, con indicación de que, se así non o fixesen nun prazo de dez días, se considerará que desistiron da súa petición, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 5º.-Criterios de concesión.

Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-Número de tarxetas sanitarias asignadas ó punto de atención continuada ou zona especial de urxencias.

-Gasto de persoal non sanitario asumido polo concello.

-Gasto de funcionamento do punto de atención continuada ou zona especial de urxencias asumido polo concello (auga, electricidade, teléfono, calefacción, limpeza, etc.).

-Superficie do punto de atención continuada ou zona especial de urxencias.

Artigo 6º.-Resolución.

1. A competencia para resolve-la concesión das subvencións tramitadas ó abeiro desta orde corresponde ó presidente do Servicio Galego de Saúde e delégase no director xeral da División de Recursos Económicos.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ós interesados no prazo máximo de 3 meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. As resolucións recaídas poñerán fin á vía administrativa. Poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación, se o acto é expreso, ou tres meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á data de notificación, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

Os concellos ós que se lles outorgue unha subvención ó abeiro do disposto nesta orde deberán xustifica-lo gasto de mantemento do punto de atención continuada ou zona especial de urxencias ante

a División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde mediante certificación expedida polo secretario do concello (co visto e prace do alcalde-presidente) na que se relacione e faga consta-la contía dos gastos, desagregada por conceptos, así como a súa aprobación polo órgano municipal competente.

A antedita certificación será requisito necesario para proceder ó pagamento da subvención.

Poderase efectuar un pagamento parcial, non inferior ó 50% nin superior ó 80% do importe da subvención concedida, no momento en que a corporación local presente a correspondente certificación do gasto realizado. O importe restante farase efectivo ó beneficiario no momento da total xustificación.

En calquera caso a xustificación do gasto realizado deberá presentarse na División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde antes do día 30 de novembro.

Este prazo poderá ser modificado por causas debidamente xustificadas por resolución do director xeral da División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.

No momento da xustificación do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o concello deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 8º.-Comprobación.

O Servicio Galego de Saúde poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos dos acordos con base nos cales se concederon as subvencións.

Artigo 9º.-Outras obrigas.

1. As entidades receptoras da subvención quedarán obrigadas:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza o Servicio Galego de Saúde, así como a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultándose a División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

2. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada

ou en concurrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o importe do gasto efectuado.

Artigo 10º.-Revogación e reintegro.

No caso de producírense algunha das causas establecidas no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, procederase á revogación da subvención así como ó reintegro, de se-lo caso, da subvención percibida e do xuro de demora correspondente.

Artigo 11º.-Infraccións.

Para esta orde será de aplicación o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 12º.-Importe das axudas.

As subvencións que se concedan na execución da presente orde serán financiadas con cargo á aplicación 50 01 2121 460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002, na que existe un crédito inicial de 480.000 euros. A citada cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos na presente orde haberá que aterse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Segunda.-Autorízase a División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde para o desenvolvemento e execución desta orde.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2002.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade