Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 23 de maio de 2002 Páx. 7.532

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de industrias de bebidas refrescantes.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de industrias de bebidas refrescantes, con nº de código 3600165, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-4-2002, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Gaseosas y Bebidas Analcohólicas de la Provincia de Pontevedra, e da parte social, pola central sindical CIG, con data do 11-2-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de abril de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do sector de industrias

de bebidas refrescantes

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de aplicación para tódolos traballadores, empresas e sucursais que teñan centros de traballo na provincia de Pontevedra ou os que establezan durante a súa vixencia e estean rexidos pola ordenanza laboral de industrias de bebidas refrescantes.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Afectará a todo o persoal de industrias de bebidas refrescantes.

Artigo 3º.-Duración.

A duración deste convenio será de dous anos e terá os seus efectos económicos e sociais a partir do 1 de xullo de 2001, sexa cal sexa a súa data de homologación, alcanzando a súa vixencia ata o 30 de xuño de 2003, prorrogándose tacitamente de xeito indefinido ata un novo acordo das partes.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas neste convenio establécense con carácter de mínimas. Os pactos e situacións actualmente existentes en calquera empresa que impliquen condicións máis beneficiosas respecto ás convenidas serán respectados.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo para tódolos traballadores do sector será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo e en cómputo anual. Esta xornada distribuirase de luns a venres traballando 7.45 horas diarias durante os meses do ano, excepto os de xuño, xullo e agosto, que se distribuirán de luns a sábado, e nos que a xornada semanal será de 43 horas, traballando oito horas diarias de luns a venres e tres horas os sábados pola mañá.

Establécese, de forma excepcional para os días 24 e 31 de decembro, para todo o persoal afectado polo presente convenio, unha xornada de traballo habitual que será realizada de forma continuada, exceptuándose os días coincidentes en luns, onde esta se entenderá habitual.

Artigo 6º.-Horas extras.

De conformidade co disposto, serán horas extraordinarias as que superen a xornada de traballo do artigo anterior. Estas serán as mínimas e imprescindibles para atende-las necesidades urxentes e inaprazables, necesitándose previamente a comunicación ó comité de empresa ou delegados de persoal.

Estas horas terán que ser negociadas pola empresa co persoal ou, se é o caso, polo comité de empresa. Estas serán retribuídas co 100%, engadindo o valor da hora normal.

De común acordo entre empresa e traballador, este poderá optar polo desfrute das horas extraordinarias en e para tempo de descanso, considerándose como valor destas, para efecto de cómputo, o de dous por cada unha realizada.

O desfrute das horas extras efectuarase ó mes seguinte da súa realización a excepción dos meses de xuño, xullo e agosto.

Artigo 7º.-Vacacións.

As vacacións anuais para o persoal comprendido dentro do réxime deste convenio serán de 30 días naturais. O importe das vacacións, deberá ser pagado antes de comeza-lo desfrute destas e sobre o salario base máis antigüidade.

Desfrutaránse de 1 de setembro a 30 de maio, podendo ser negociado o seu desfrute cos representantes legais dos traballadores da empresa, un período dun mes anterior ou posterior ás indicadas datas.

O persoal fixo percibirá, con independencia do salario vacacional, no cal virá reflectido o complemento de transporte correspondente, mencionado no artigo 18, e o complemento de convenio citado no artigo 19, unha gratificación especial, equivalente a dez días do salario base do convenio e antigüidade, se é o caso.

O calendario laboral e de vacacións do ano negociarase pola empresa co persoal ou, se é o caso, co comité de empresa e será exposto no taboleiro de anuncios.

Artigo 8º.-Licencias e permisos.

O persoal da empresa terá dereito a permiso con soldo en calquera dos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: 16 días.

b) Necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora: a súa duración será de 5 días, a xuízo do empresario e oídos os representantes legais do traballador, tendo en conta para iso os desprazamentos que o traballador tivese que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran. Atendidas estas, os mesmos xefes que concedesen a licencia poderán prorrogala sempre que se solicite debidamente.

c) Falecemento de pais, fillos ou cónxuxe: 5 días.

d) Nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consaguinidade ou afinidade: 2 días.

e) Por traslado do domicilio habitual: 2 días.

f) Por maternidade de fillas ou fillas políticas: 1 día.

g) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que dispoña esta en canto a duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de trece meses, poderá pasar a empresa o traballador afectado, á situación de excedencia, regulada no artigo 46.1º do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por incumprimento do deber ou desempeño do cargo percibe unha indemnización, descontarase o seu importe o salario a que tivese dereito na empresa.

h) Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a unha licencia retribuída dun día, sen que se necesite xustificación para o seu desfrute.

A dita licencia non poderá ser acumulada en vacacións, ponte ou calquera outra licencia. Tampouco poderá ser desfrutada durante os meses de xuño, xullo e agosto, e esta deberá ser solicitada cunha antelación de cinco días. A súa concesión estará supeditada ó orde de coincidencia de datas con calquera outra.

Sen dereito a retribución por matrimonio de fillos, irmáns e irmás políticas: 1 día.

Artigo 9º.-Excedencias.

Nos casos para cargo político ou exercicio de actividades sindicais, deberán concederlle-lo paso á situación de excedencia polas empresas ós seus traballadores, por petición destes; pola súa parte, as empresas nos referidos casos poden esixi-la excedencia forzosa do traballador cando lle impida a dedicación ó seu traballo habitual. Esta situación de excedencia terminará ó desaparece-las causas que o motivaron e o tempo que durase, considerarase como de servicio activo para os efectos de antigüidade na empresa.

Igualmente concederase excedencia ó persoal que, como mínimo, posuíse unha antigüidade dun ano na empresa, por unha situación non inferior a dous anos nin superior a cinco e sempre que os productores que xa se encontrasen en tal situación non excedesen do 5% do cadro de persoal total da empresa. Transcorrido o período de excedencia voluntaria sen solicita-lo reingreso, perderá o excedente tódolos dereitos, causando baixa definitiva no cadro. O tempo que o traballador permanecese na dita situación de excedencia non será computable nin para a antigüidade nin para ningún outro efecto.

Durante a situación de excedencia non ten dereito o traballador afectado ó percibo do soldo, nin de ningunha retribución sen que poida utilizar esta situación de interrupción da relación laboral para prestar servicio noutra empresa do sector para efectos de competencia, salvo permiso expreso da dirección da súa propia empresa.

Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o traballador deberá cubrir un novo permiso de catro anos de servicios efectivos na empresa. Solicitado o reingreso, será destinado o excedente a ocupa-la primeira vacante que se produza de igual ou similar categoría, respetándose os límites legais establecidos.

Artigo 10º.-Condicións económicas.

Os salarios serán os establecidos na táboa salarial anexa do convenio. Establécese un aumento salarial do IPC previsto polo Goberno do Estado (2%) con revisión salarial a IPC real para os períodos de 1 de xullo de 2001 a 30 de xuño de 2002 e 1 de xullo de 2002 a 30 de xuño de 2003, en tódolos conceptos salariais.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

Establécense neste convenio tres gratificacións extraordinarias, nos meses de xullo, decembro e marzo. As de xullo e decembro aboaranse na primeira quincena dos ditos meses. A de marzo aboarase durante o citado mes. A paga de marzo poderá ser fraccionada entre os prazos que a empresa e o traballador acorden.

Estas pagas serán abonadas sobre os conceptos que integran o salario do convenio máis a antigüidade.

Artigo 12º.-Antigüidade.

-Complemento de antigüidade: a contía do complemento de antigüidade será o que a 31 de decembro de 1995 figure en nómina como complemento de antigüidade, aboarase nas quince mensualidades.

Os traballadores que a data 31 de decembro de 1995 cumpran algún bienio ou trienio, aboaráselles este, cuantificándose a partir da dita data a antigüidade por cuatrienios, que empezarán a percibi-los traballadores que a partir da dita data empecen a xerar cuatrienios; o dito concepto denominado complemento de antigüidade introducirase en nómina, o cal será cotizable, non será absorvible por ningún outro concepto salarial.

-Antigüidade: en concepto de antigüidade, establécense cuatrienios na contía do 6% sobre o salario do convenio vixente en cada empresa e por cada categoría.

Artigo 13º.-Axudas de custo.

Terán dereito a elas os traballadores que mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexan obrigados a realizar asuntos ou traballos de carácter profesional por conta e baixo dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes ó centro de traballo que lles imposibiliten o seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu propio domicilio onde tamén lles esixa a misión encomendada unha permanencia que os obrigue a tomar aloxamento.

As axudas de custo xustificaranse debidamente.

Estas serán as seguintes:

-Axuda de custos completa: 6.944 pesetas; 41,73 euros.

-Xantar: 2.189 pesetas; 13,16 euros.

-Cea: 2.189 pesetas; 13,16 euros.

-Cama: 2.057 pesetas; 12,36 euros.

-Almorzo: 515 pesetas; 3,10 euros.

Establécese para o persoal de distribución que no transcurso da súa ruta habitual teña que efectua-la súa comida, unha axuda de 1.192 pesetas (7,16 euros) que será incompatible coas axudas de custo anteriores.

Artigo 14º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso de retirada do carné de conducir por causa imputable ó traballador durante a súa tarefa ó servicio da empresa, esta comprometerase a facilitarlle ó conductor un posto de traballo idóneo, de acordo coa súa categoría profesional, sen que con iso se vexa minguado o seu salario.

As multas imputables a culpa do traballador serán aboadas por este, ou no caso contrario, pagaraas a empresa. Esta tamén se fará responsable das multas orixinadas por exceso de carga, mal aparcamento no caso de carga e descarga, sempre que se produza en núcleos urbanos, onde houbese saturación de tráfico e sexa culpa do traballador a infracción e número excesivo de viaxeiros que teñan a condición de ser persoal de servicio da empresa e o seu transporte fose ordenado por esta.

Artigo 15º.-Complemento asistencial.

Á parte do establecido ó respecto nas disposicións sobre Seguridade Social, as empresas aboaranlles ós traballadores fixos o seu servicio en baixa de enfermidade non profesional, unha indemnización complementaria ata alcanzar o 100% do seu salario base de cualificación, durante o prazo máximo de 18 meses e sempre que o proceso fora de duración superior a 7 días, logo de confirmación do servicio médico ou facultativo designado por esta.

Artigo 16º.-Descanso por maternidade.

As traballadoras terán dereito, polo menos, a un período de descanso laboral de oito semanas antes e oito semanas despois do parto. O período posnatal será en todo caso obrigatorio, e a el poderá sumarse, por petición da interesada, o tempo non desfrutado antes do parto. Así mesmo, terá dereito a unha pausa dunha hora no seu traballo que poderá dividir en dúas fraccións ou reduci-la xornada no mesmo tempo durante os nove meses de lactación.

Artigo 17º.-Revisións médicas.

As empresas estarán obrigadas a realizar unha revisión médica anual ós seus traballadores. A dita revisión médica, farase usando os servicios que dispón o Ministerio de Traballo, sempre que se poñan á disposición da empresa solicitante.

Artigo 18º.-Gastos de locomoción.

Tódolos traballadores percibirán en concepto de complemento de locomoción, a cantidade de 6.119 pesetas (36,78 euros) mensuais. Á parte, cada traballador, segundo a súa categoría, percibirá o suplemento de gastos de locomoción que figura na táboa salarial anexa. Estas cantidades aboaranse nos doce meses do ano.

Artigo 19º.-Complemento de convenio.

Establécese un complemento de convenio de 12.369 pesetas (74,34 euros) mensuais para tódalas categorías. O dito complemento aboarase nos doce meses do ano, sen que repercuta nas pagas extras e antigüidade.

Este complemento terá carácter de salario para efectos de enfermidade.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

As empresas veranse obrigadas a facilitarlles ós seus traballadores un mínimo de dúas pezas por ano, así como guantes e calzado para aqueles traballos que así o requiran. Así mesmo, facilitaranse ó persoal de distribución, anualmente, unha chaqueta curta, dúas camisas, dous pantalóns e un anorak cada dous anos. Quedará a discrección dos encargados das seccións, prover algunha prenda suplementaria de traballo á parte das xa sinaladas, segundo as circunstancias que poideran presentarse e no caso de necesidade xustificada, logo de proposta ó empresario. O seu uso será obrigatorio. Así mesmo, o persoal terá a obriga de conservalas en bo estado; o traballador estará obrigado a compralas ó seu cargo cando por abandono ou neglixencia a el imputable as estrague de xeito claro.

Artigo 21º.-Seguridade no posto de traballo.

Todo traballador que, por calquera causa xustificada non puidese seguir desempeñando o posto de traballo para o que foi contratado, a empresa obrigarase a outorgarlle un dereito preferente de ocupación das vacantes que existan, sempre e cuando as características do posto de traballo habilitado sexan aptas as condicións físicas e intelectuais do traballador.

Artigo 22º.-Distribución.

As empresas recomendarán ós seus clientes a necesidade de que os locais onde teña lugar a recepción de mercancías solicitadas, reúnan as debidas condicións, para tratar de evitar, no posible, tarefas que supoñan excesivo esforzo físico para os traballadores.

Artigo 23º.-Seguro de morte e invalidez.

Establécese un seguro de morte e invalidez, nos casos producidos con ocación ou como consecuencia de accidente laboral exclusivamente, a cargo da empresa do sector que comprenda o ámbito deste convenio e para tódolos traballadores desta na contía de 1.500.000 e 2.000.000 de pesetas (9.015,18 euros e 12.020,24 euros) respectivamente. Con obriga por parte da empresa de entregar ós repre

sentantes legais dos traballadores, se así lles é esixido, a copia da póliza en vigor.

Artigo 24º.-Asistencia a consultorio médico.

Nos casos de saída ó médico, a empresa aboará o tempo empregado, cando a visita coincida co horario de traballo. Para o seu aboamento será preceptivo que o volante estea asinado e coa data polo médico.

Artigo 25º.-Servicio militar.

Os traballadores que voluntariamente ou forzosos se incorporen a cumpri-lo servicio militar, terán dereito a un posto de traballo durante o período de duración do dito servicio e dous meses máis, salvo enfermidade.

O traballador que se encontre cumprindo o servicio militar poderá reintegrarse, sempre que as necesidades do traballo da empresa o permitan, cando obteña un permiso temporal superior a un mes, en xornada completa ou por horas, sempre que medie, en ámbolos dous casos, a oportuna autorización militar para poder traballar.

Artigo 26º.-Cota sindical.

As empresas deducirán das súas nóminas as cotas correspondentes ós afiliados ás centrais sindicais. O traballador interesado na realización de tal operación, remitiralle á empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato ó que pertence e a contía do cobramento.

Artigo 27º.-Local do comité de empresa.

A empresa facilitará local axeitado, sempre que dispoña del, para reunións e consultas do delegado ou comité de empresa cos traballadores, así como un taboleiro para poñer comunicados, avisos, carteis, etc.

Artigo 28º.-Garantías sindicais.

As empresas afectadas por este convenio respectarán as seguintes garantías:

a) Disporán dun crédito de 25 horas mensuais retribuídas a cada un dos membros do comité de empresa ou delegado de persoal en cada centro de traballo, para o exercicio das súas funcións de representación.

b) As citadas horas poderán ser acumuladas polos representantes dos traballadores que estean presentes na negociación do convenio colectivo, ata un máximo de dous delegados por empresa.

Artigo 29º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas dúas partes neste convenio, creáse a comisión paritaria, que estará composta do seguinte xeito:

-Presidente-secretario: o mesmo do convenio.

-Tres vocais representando á parte social, que serán elixidos, para cada caso, entre os integrantes dos que formaron a comisión deliberadora do presente convenio e pertencentes ás centrais sindicais.

-Tres vocais representando á parte económica, que serán elixidos pola Asociación Provincial de Gaseosas y Bebidas Alcohólicas, entre os compoñentes da comisión deliberadora.

Ámbalas dúas partes poderán acudir a ditas reunións cos asesores que consideren oportunos.

Artigo 30º.-Pago de nóminas.

Tódolos traballadores que o soliciten poderán domicilia-lo cobro da súa nómina ou haberes na entidade bancaria que elixan previamente ambalas dúas partes.

Artigo 31º.-Partes que o concertan.

Este convenio foi negociado e asinado pola Asociación Provincial de Gaseosas y Bebidas Analcohólicas de la Provincia de Pontevedra e a central sindical Confederación Intersindical Galega (CIG).

Artigo 32º.-Traballadores eventuais.

Todos aqueles traballadores eventuales que computen tres anos na mesma empresa, pasarán á situación de fixos. Nos ditos tres anos contaríase como período de permanencia na empresa da que se trate, as situacións seguintes:

Desemprego, calquera que fose a súa modalidade. Incapacidade temporal nas súas distintas clases e duración dentro da vixencia do contrato e, en xeral, calquera circunstancia que leve consigo unha interrupción temporal. Para estes efectos, computaránse como tempo traballado, a permanencia en empresas filiais ou asociadas da principal. O presente artigo non será de aplicación a aqueles traballadores que cesen voluntariamente e retornen á empresa.

Artigo 33º.-Ferramentas de traballo.

As empresas veranse obrigadas a facilitarlle ó seu persoal de reparto un carro para o efecto para facilita-la súa tarefa. O seu uso será obrigatorio.

Así mesmo, o persoal terá a obriga de conservalo en bo estado correndo ó seu cargo a compra ou reparación, cando por neglixencia ou abandono a el imputable, o estrague de xeito claro.

Artigo 34º.-Xubilación.

A idade de xubilación obrigatoria será ós 65 anos, sempre e cando se reúnan os requisitos legais apra acceder á correspondente prestación. Poderase optar, non obstante, a acceder a esta, á idade de 64 anos, sempre e cando así o establezan de mutuo acordo, empresa e traballador segundo a normativa vixente en cada momento.

Artigo 35º.-Dereito de información en materia de contratación.

Recóllese neste artigo a Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, sobre dereitos de información dos representantes dos traballadores en materia de contratación. Para a súa aplicación observaranse as seguintes condicións:

1. Este texto manterá a súa vixencia no convenio ata o momento da derogación da Lei 2/1991, do 7 de xaneiro na que quedará sen efecto.

2. O presente texto recollerá no seu contido, calquera modificación que se produza no articulado da lei.

Texto da Lei 2/1991, do 7 de xaneiro

Artigo 1º

1. O empresario entregaralle á representación legal dos traballadores unha copia básica de tódolos contratos que deban celebrarse por escrito, a excepción dos contratos de relación laboral especial de alta

dirección, sobre os que se establece o deber de notificación á representación legal dos traballadores.

Co fin de comproba-la adecuación do contido do contrato á legalidade vixente, esta copia básica conterá tódolos datos do contrato a excepción do número do documento nacional de identidade, o enderezo, o estado civil e calquera outro que, de acordo coa Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, puidera afectar á intimidade pesoal.

A copia básica será entregada polo empresario, nun prazo non superior a dez días desde a formalización do contrato, ós representantes legais dos traballadores, quen a asinarán para efectos de acreditar que se producira a entrega. Posteriormente, a dita copia básica enviarase á oficina de emprego.

Nos contratos suxeitos á obriga de rexistro no Inem, a copia básica remitirase xunto co contrato, á oficina de emprego. Nos restantes supostos remitirase exclusivamente a copia básica.

2. O empresario notificaralles ós representantes legais dos traballadores as prórrogas dos contratos de traballo ós que se refire o nº 1, así como as denuncias correspondentes a eles no prazo de dez días seguintes a que tivera lugar.

3. Os representantes legais dos traballadores deberán recibir, polo menos trimestralmente, información acerca das previsións do empresario sobre celebración de novos contratos, con indicación do número destes e das modalidades e tipos de contratos que serán utilizados, así como os supostos de subcontratación.

Artigo 2º.

Os representantes da Administración, así como os das organizacións sindicais e das asociacións empresariais que teñan acceso á copia básica dos contratos, en virtude da súa pertenza ós órganos de participación institucional que regulamentariamente teñan tales facultades, observarán sixilo profesional, non podendo utiliza-la dita documentación para fins distintos dos que motivaron o seu coñecemento.

Artigo 3º

1. O empresario, con ocasión da extinción do contrato, ó comunicarlles ós traballadores a denuncia ou, se é o caso, o preaviso de extinción deste, deberá xuntar unha proposta do documento de liquidación das cantidades debidas.

O traballador poderá solicitar a presencia dun representante legal dos traballadores no momento de proceder á sinatura do recibo definitivo, facéndose constar neste o feito da súa sinatura en presencia dun representante legal dos traballadores, ou ben, que o traballador non fixera uso desa posibilidade. Se o empresario impedise a presencia do representante no momento da súa sinatura, o traballador poderá facelo constar no propio recibo, para os efectos oportunos.

2. A liquidación dos salarios que correspondan ós traballadores fixos descontinuos, nos supostos de conclusión de cada período de actividade, levarase a cabo con suxeición ós trámites e garantías establecidos no número anterior.

ANEXO

Táboa de salarios que rexerán desde o 1-7-2001 ata o 30-6-2002

CategoríasSalario díaSuplemento locom. mesTotal gastos transporte mes

Peón2.8281.0257.024

Subalternos2.9281.0217.031

Axudante2.9281.0217.031

Aux. administrativos2.9281.0217.031

Oficiais de 2ª3.2041.1207.119

Oficiais de 1ª vendedor3.3501.2107.209

Encargado ou capataz3.4861.2227.222

Encargado sección4.1991.4937.492

Encargado xeral4.9271.7727.771

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE