Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 23 de maio de 2002 Páx. 7.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 8 de maio de 2002 pola que se convocan prazas para residencia de educadores en centros de atención a menores dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo, e polo Decreto 200/2001, do 27 de agosto, que establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no seu artigo 1º asígnalle as competencias sobre protección de menores á citada consellería.

Coa realización da presente convocatoria preténdese favorece-los estudiantes con escasos recursos económicos para o seu acceso ó ensino universitario e ós licenciados universitarios que estean realizando estudios de doutorado, ó mesmo tempo que se dota de apoio no eido educativo e asistencial ós centros de atención de menores que se relacionan no anexo II desta orde.

Para este fin destínase un crédito de 27.014,95 euros para sufraga-lo gasto ocasionado, con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.212B.228, que figura cunha dotación de 5.047.684 euros nos estados de gastos do orzamento prorrogado para o ano 2002 polo Decreto 401/2001, do 28 de decembro.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos

orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócase a cobertura de 31 prazas para residencia de educadores en prácticas para o curso escolar 2002-2003 nos centros de internado de menores dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, segundo o número e distribución que figura no anexo II desta orde.

Artigo 2º

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Ser español/a ou nacional de calquera país membro da Unión Europea ou do espacio económico europeo, legalmente establecido en España e con residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter unha idade comprendida entre os dezaoito e os vintecinco anos, ámbolos dous incluídos, na data en que se presente a solicitude.

c) Estar cursando estudios universitarios de 1º ciclo nunha escola universitaria de Formación de Profesorado de EXB ou Educación Social, ou estudios universitarios de 2º ciclo nunha facultade, e ter aprobado integramente dous cursos dos devanditos estudios, ou ter finalizado unha licenciatura ou diplomatura.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador en prácticas por causa imputable ó solicitante.

e) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

Artigo 3º

Os interesados deberán cubri-la solicitude que figura no anexo I, podendo optar soamente por centro/s dunha mesma provincia, remitila e presentala na delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que corresponda, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude presentaran así mesmo os seguintes documentos:

a) Xustificación de ingresos da unidade familiar: copia da declaración do IRPF de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

-Os solicitantes de devolución rápida (MOD. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (MOD. 104) achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

b) Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico e un pequeno proxecto sobre un taller para realizar cos menores dos centros que soliciten.

c) Fotocopia compulsada dos certificados que acrediten a experiencia en animación sociocultural e coñecementos específicos en materia físico-deportiva.

d) Fotocopia compulsada da matrícula en facultades ou escolas universitarias e/ou do título que acredite os estudios realizados.

e) Acreditación, se é o caso, da condición de educador en prácticas en anos anteriores dalgún centro de menores dependente na actualidade desta consellería.

f) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante ou da tarxeta de residencia en réxime comunitario no suposto de nacionais da Unión Europea ou do espacio económico europeo legalmente establecidos en España.

g) Certificado médico que acredite non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde. Non obstante os interesados disporán dun prazo de dez días para emendar calquera falta ou acompaña-los documentos preceptivos nos termos que establece o artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

A concesión da praza comporta:

a) Aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 2002 ata o 30 de xuño do 2003. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ó educador a normal realización dos seus estudios.

b) A asunción pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dos gastos de matrícula de estudios universitarios nunha facultade ou escola universitaria ou nun curso de doutoramento, posgrao ou máster, ata un importe de 180,30 euros, logo de xustificación.

c) A asunción pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de ata 90,15 euros en concepto de gastos de adquisición de libros relacionados cos estudios cursados polos educadores, logo de xustificación.

d) A asunción pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de ata 60,10 euros/mes durante dez meses, logo de xustificación polo director do centro da prestación de servicios como educador nos meses correspondentes.

e) Ó termina-la práctica o educador presentará unha memoria da actividade realizada no centro, que será remitida á Dirección Xeral de Familia.

Artigo 5º

A condición de educador en prácticas obriga a este a realiza-las tarefas que a dirección do centro lle encomende en relación coa atención ós acollidos nel, en horario de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten com

patibles co aproveitamento académico do propio educador en prácticas.

Artigo 6º

Ó remata-la estadía no centro, seralles entregado polo/a delegado/a provincial da consellería e logo do informe favorable do director do centro, un diploma acreditativo das prácticas realizadas.

Artigo 7º

Para a adxudicación das prazas procederase da seguinte maneira:

1. Constituirase unha comisión por cada provincia onde estean os centros, presidida polo respectivo xefe de Servicio de Familia, Infancia e Menores e actuando como vocais un funcionario designado polo delegado e os directores dos centros que deban recibi-los educadores. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes datos:

-Expediente académico universitario (de 0 a 5 puntos).

-Experiencia en animación sociocultural e coñecementos específicos en actividades deportivas (de 0 a 3 puntos).

-Situación económica da unidade familiar (de 0 a 5 puntos).

-Ter sido educador en prácticas dalgún centro de atención a menores dependente na actualidade desta consellería (de 0 a 5 puntos).

-Entrevista persoal na que se terán en conta as aptitudes e actitudes persoais para a función que se vai desempeñar (de 0 a 10 puntos).

A puntuación máxima será de 28 puntos.

2. En canto ás titulacións, terán prioridade os solicitantes con estudios en facultades de Psicoloxía, Ciencias da Educación, Psicopedagoxía, Escolas Universitarias de Formación do Profesorado de EXB e Educación Social.

3. A comisión competente confeccionará unha lista, por orde de preferencia, das solicitudes recibidas para cada centro, elevando a correspondente proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo máximo de quince días, contados a partir do remate do prazo de presentación das instancias.

4. A resolución correspóndelle ó delegado provincial desta consellería, logo da fiscalización da Intervención, e comunicarase tanto ós centros como a tódolos solicitantes. O prazo máximo para resolver será de 2 meses, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. No caso de non existir resolución expresa transcorrido o prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta reso

lución, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

Os seleccionados terán un prazo de 10 días desde a notificación da concesión da praza para acredita-la domiciliación bancaria, para efectos do pagamento.

A non presentación en prazo da acreditación referida ou a non suficiente acreditación dos méritos alegados na solicitude suporá a perda do dereito á praza, procedéndose a adxudica-la mesma ó seguinte solicitante que figura por orde de puntuación na lista confeccionada inicialmente.

Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se producise algunha vacante nas prazas ofertadas.

No caso de non haber solicitudes para determinado centro ou as que houbese fosen valoradas negativamente, a praza de educador será considerada deserta.

Unha vez que lle sexa asignada a praza de educador en prácticas nun centro determinado, deberase pór en práctica o proxecto presentado a ese centro.

Artigo 9º

A concesión da praza non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Administración e o beneficiario.

Artigo 10º

A condición de educador en prácticas extínguese ó remata-lo curso académico na data fixada no artigo 4 a) desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

Así mesmo, o incumprimento por parte do educador das obrigas ás que se refire a presente orde, a ausencia inxustificada, o non cumprimento da disciplina do centro, a obtención da praza sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión ou a non utilización coa finalidade para a que foi concedida, serán causas da perda da condición de educador en prácticas para tódolos efectos. A resolución pola que se acorde esta circunstancia correspóndelle ós delegados provinciais desta consellería logo de instrucción do oportuno expediente de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO II

Relación de centros e prazas de educadores en prácticas.

ProvinciaCentroLocalidade

prazas

A CoruñaCentro Virxe do CarmeFerrol3

A CoruñaColexio San José de CalasanzA Coruña1

A CoruñaResidencia de Estudio SoutomaiorFerrol4

LugoCentro Educativo Santo Anxo da GardaRábade2

LugoCentro Educativo Virxe dos Ollos GrandesLugo2

OurenseCentro Educativo MontealegreOurense3

OurenseResidencia de Estudios A CarballeiraOurense8

PontevedraCentro Especial Avelino MonteroPontevedra4

PontevedraCentro de Menores de MarínMarín1

PontevedraCentro Fogar San PaioVigo3

* Total31