Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 20 de maio de 2002 Páx. 7.319

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gestión de Estación de Transporte de Viajeros, S.A. (Gestravisa).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Gestión de Estación de Transporte de Viajeros, S.A. (Gestravisa), con número de código 3602742, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 8-4-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 20-3-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios

da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 16 de abril de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Gestravisa

Capítulo I

Unidades de negociación

Artigo 1º.-Partes concertantes.

A comisión negociadora do convenio que se subscribe está integrada pola parte empresarial pola empresa Gestión de Estación de Transporte de Viajeros, S.A. (Gestravisa) e pola parte social polo delegado de persoal por Comisións Obreiras.

Ámbalas partes recoñécense como interlocutores válidos con lexitimación suficiente para a negociación deste convenio, de acordo co establecido no título III do Real decreto lexislativo 1/1995, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Ámbitos, vixencia e denuncia

Artigo 2º.-Ámbito persoal e funcional.

Rexeranse por este convenio a totalidade dos traballadores que, na actualidade ou no sucesivo, presten os seus servicios na empresa Gestravisa no seu centro de traballo da estación de autobuses de Vigo.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As normas do presente convenio serán de aplicación na empresa Gestravisa, exclusivamente no centro de traballo da estación de autobuses de Vigo.

Artigo 4º.-Ámbito temporal e vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o 1-1-2002, con independencia da data da súa publicación no BOP de Pontevedra.

A súa duración será por un período de catro anos, é dicir, ata o 31 de decembro de 2006, entendéndose prorrogado tacitamente por períodos de catro anos de non mediar denuncia expresa das partes.

Artigo 5º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a denuncia del á outra parte e á autoridade laboral competente, con tres meses de antelación, como mínimo, á data de expiración da súa vixencia ou á de calquera das súas prórrogas. En caso de non chegar a unha negociación despois de realizada a denuncia, o texto do convenio quedará prorrogado, non así os conceptos salariais que aumentarán de acordo co que se establece no artigo 12º do presente texto.

Capítulo III

Representación das partes negociadoras

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio.

Esta comisión estará formada, por acordo das partes, pola representación económica e social que deliberaron sobre del e que figuran como asinantes do presente convenio.

Para efectos de notificacións, sinálase o seguinte: avenida de Madrid, 57 (36204) estación de autobuses de Vigo.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo estará distribuída segundo o cadro horario específico para cada unha das seccións da empresa, e segundo o prevido no artigo 34.1º.2 do Real decreto lexislativo 1/1995, así como o disposto no artigo 36 do referido texto legal.

Os traballadores afectados polo presente convenio colectivo de traballo quedarán suxeitos ó previsto nos artigos 39 e 40 do Real decreto lexislativo 1/1995, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores no relativo á mobilidade funcional e xeográfica.

Artigo 8º.-Permisos retribuídos.

Ós traballadores interesados concederáselles necesariamente, logo de solicitude e posterior xustificación, os seguintes permisos retribuídos:

a) Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

b) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, pais políticos e fillos: 5 días naturais.

c) Parto de esposa: 3 días naturais.

d) Morte do cónxuxe, pais, pais políticos, fillos e irmáns: 5 días naturais que se ampliarán ata 8 días se o óbito ocorrese en municipio distinto ó do centro de traballo.

e) Morte de tío ou cuñado: 2 días naturais.

f) Necesidades de atender asuntos propios que non admiten demora: o tempo imprescindible para iso.

Outorgarase este permiso unha vez demostrada a necesidade e posteriormente deberá xustificarse.

g) Licencia ós representantes dos traballadores: seguirase o lexislado na materia.

Artigo 9º.-Vacacións anuais.

O persoal regulado por este convenio terá dereito a trinta días naturais de vacacións anuais que se desfrutarán segundo o calendario acordado entre empresa e traballadores, de acordo e en función das necesidades organizativas da empresa.

O período de vacacións deberá ser coñecido polos traballadores polo menos con dous meses de antelación ó comezo do desfrute e o inicio farase cadrar necesariamente cun luns laborable.

Capítulo V

Percepcións económicas e revisión salarial

Artigo 10º.-Salario base.

En concepto de salario base mensual correspóndelle a cada unha das categorías profesionais, os que se detallan na primeira columna da táboa salarial anexa.

Esta táboa salarial terá efectos económicos desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2002.

Artigo 11º.-Remuneración anual.

En cumprimento do que dispón o vixente texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores detállanse na segunda columna da táboa salarial anexa os salarios no seu cómputo anual, en función da xornada efectiva pactada no presente convenio.

Artigo 12º.-Revisión económica.

Na táboa salarial anexa sinálanse as retribucións correspondentes a cada categoría profesional; estas retribucións serán consideradas como base para tódolos efectos. Para o ano 2003 será revisada na súa totalidade a táboa vixente ó 31-12-2002 establecéndose un incremento igual ó IPC existente entre xaneiro-decembro de 2002 máis 0,5 puntos.

Para os seguintes anos de vixencia do convenio establécese un incremento anual igual ó IPC que exista entre xaneiro e decembro do respectivo ano, que se aplicará con efectos do primeiro de ano seguinte ata o 31 de decembro, e así sucesivamente.

Artigo 13º.-Antigüidade.

Queda extinguido total e absolutamente o ata agora denominado complemento de antigüidade, e non se devengará en ningún caso cantidade ningunha por este complemento salarial.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias; participación en beneficios e promoción cultural.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá anualmente dúas gratificacións extraordinarias: unha no mes de xullo e outra no mes de decembro por importe de 33 días de salario base máis a antigüidade que se estivese percibindo. Así mesmo, percibirase unha paga extraordinaria no mes de

setembro e outra no mes de marzo polo mesmo importe que as anteriores, as cales se percibirán rateadas mensualmente.

Ademais das anteriores percibirase unha paga denominada de promoción cultural na segunda quincena do mes de marzo de cada ano, de devengo anual, por importe de 30 días de salario base que se estivese percibindo.

O persoal que ingrese ou cese na empresa durante o transcurso do ano percibirá as gratificacións extraordinarias en proporción ó tempo traballado, descontándose os períodos de tempo de ausencia ó traballo tales como: períodos de incapacidade temporal, suspensión de emprego e soldo, excedencias, permisos concedidos sen retribución, etc.

Artigo 15º.-Incapacidade temporal.

En calquera suposto de baixa por incapacidade temporal, mesmo maternidade, a empresa aboaralles ós traballadores afectados o 100% do salario base mensual que lles corresponda no momento de producirse a baixa e durante un máximo de seis meses.

Artigo 16º.-Festivos non descansados.

Cando por razóns técnicas ou de organización non se puidese descansa-lo día festivo, a empresa estará obrigada a dar un descanso compensatorio ou a compensalo economicamente. Neste caso o importe será de 34,15 euros.

Capítulo VI

Conceptos extrasalariais

Artigo 17º.-Axudas de custo e desprazamentos.

As axudas de custo para o persoal que, en razón dos métodos de organización da empresa, deban efectuar desprazamentos fóra do municipio en que radica o centro de traballo, quedan establecidas nas contías seguintes:

Axuda de custos completa: 18,03 euros para tódalas categorías profesionais.

A media axuda de custos será o importe do 50% da contía anterior, igualmente para tódalas categorías profesionais.

Capítulo VII

Acción sindical

Artigo 18º.-Dereitos sindicais.

En todo o tocante ós aspectos sindicais dentro e fóra da empresa haberase que ater ó que sobre esta materia dispón e o vixente Real decreto lexislativo 1/1995 e Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 19º.-Revisións médicas.

A empresa estará obrigada a solicitar da mutua de accidentes de traballo coa que teña cubertos os riscos de accidentes de traballo e enfermidades profesionais a empresa, un recoñecemento médico anual para todo o persoal da empresa.

O tempo empregado para o dito recoñecemento médico será aboado pola empresa.

Capítulo VIII

Cómputos e vinculación

Artigo 20º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, polo tanto, absorberán e compensarán no seu conxunto as melloras de calquera tipo que viñese anteriormente satisfacendo a empresa, ben sexa por imperativo legal, convenio colectivo, etc.

Artigo 21º.-Vinculación á totalidade.

Como se cita no artigo anterior, as condicións establecidas neste convenio, pactadas polas partes deliberadoras del, forman un todo orgánico e indivisible; en consecuencia, non poderá pretenderse a aplicación dunha ou varias normas con esquecemento das restantes, senón que para tódolos efectos o presente convenio terá que ser aplicado e observado na súa integridade.

No suposto de que a autoridade laboral competente ou xurisdiccional, se é o caso, no exercicio das súas facultades, declarase nulo total ou parcialmente algún artigo, quedará o presente convenio invalidado na súa totalidade, levándose a cabo unha nova negociación.

Disposición derradeira

No non establecido de maneira expresa no presente convenio colectivo de traballo, aplicarase a Ordenanza laboral para oficinas e despachos do 31 de outubro de 1972 e Real decreto lexislativo 1/1995, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Pola representación económica:

Julio R. González García (Gestravisa).

Pola representación social:

José Manuel López Domínguez (CC.OO.).

ANEXO

Táboa salarial do ano 2002 (en euros)

CategoríasSalario baseRemuneración anual

* Persoal de administración
Xerente 2.178,4537.907,64
Oficial de administración 720,2012.533,22
Auxiliar de administración 559,139.730,08

* Persoal de tráfico
Xefe de estación 835,4214.537,70
Auxiliar xefe de estación 720,2012.533,22
Auxiliar de recepción-información 562,249.782,28
Recepción-información 614,5510.695,78

* Persoal de facturación
Mozo de facturación 540,159.401,22
Mozo auxiliar de facturación 557,559.703,98
Mozo axudante de facturación 506,828.816,58

* Persoal vario
Limpador 519,759.046,26
Formación 442,207.694,28