Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 20 de maio de 2002 Páx. 7.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 15 de maio de 2002 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada polos representantes dos traballadores da empresa Mediterránea de Catering, S.L., adxudicataria do servicio de hostalería-alimentación do Hospital Provincial de Pontevedra, que terá lugar a partir das 0 horas do día 20 de maio de 2002, con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada a folga que afecta os traballadores da empresa Mediterránea de Catering, adxudicataria do servicio de hostalería-alimentación do Hospital Provincial de Pontevedra, a partir das 0 horas do día 20 de maio de 2002, con carácter indefinido, logo de audiencia ó comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A folga convocada a partir das 0 horas do día 20 de maio de 2002, con carácter indefinido, que afecta os traballadores da empresa Mediterránea de Catering, adxudicataria do servicio de hostelería-alimentación do Hospital Provincial de Pontevedra, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-lo adecuado funcionamento dos servicios do centro sanitario afectado, en evitación de que se produzan graves prexuízos ós usuarios; tendo en conta, fundamentalmente, que a folga ten carácter indefinido.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios farase pola dirección da empresa consignataria procedendo á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

CategoríaQuenda de mañáQuenda de tarde

Camareiras55

Cociñeiros21

Camareiro/a C. Médicos11

Dietistas11

Total98