Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 20 de maio de 2002 Páx. 7.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2002 pola que se convoca un seminario sobre a Directiva Seveso II.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun seminario sobre a Directiva Seveso II, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Facer unha posta en común de determinados aspectos da Directiva Seveso II, a súa aplicación e desenvolvemento no marco europeo, español e a situación en Galicia.

Segunda.-Destinatarios.

O seminario vai dirixido a:

-Técnicos e responsables de seguridade, prevención e planificación de empresas e actividades afectadas pola Directiva Seveso II.

-Técnicos e responsables das administracións públicas (Administración xeral do Estado en Galicia; Administración autonómica e Administración local) que teñan que ver directa ou indirectamente coa prevención e planificación contra os riscos tecnolóxicos.

-Organizacións, entidades, asociacións que estean interesadas e relacionadas con este tema.

-Responsables de agrupación que teñan no seu ámbito de actuación empresas afectadas por esta temática.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este seminario é de 50.

2. Duración e data: o seminario desenvolveranse durante o día 29 de maio de 2002, en xornada de mañá e tarde.

O horario será o seguinte: das 9.45 ás 14 horas e das 16 ás 19.45 horas.

3. Lugar: o seminario terá lugar na Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura s/n, 36680 A Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste seminario deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán enviarse por correo, fax etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse os seguintes temas:

1. Directiva Seveso II. Achegas e innnvoacións con respecto á Directiva Seveso I.

2. Aplicación en Europa da nova Directiva Seveso II.

3. Real decreto 1254/1999, do Estado español. Novas actividades e instalacións afectadas.

4. Novidades máis salientables: efecto dominó, uso do solo, información á poboación, inspeccións, etc.

5. Modificación da Directiva Seveso II a curto prazo.

6. Decreto 227/2000 de Galicia. Situación actual na aplicación da Directiva Seveso II.

7. Competencias dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia nesta materia.

8. Plans de emerxencia exterior.

9. Perspectivas das industrias na aplicación da Directiva Seveso II.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 27 de maio no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Ó remate do seminario entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Oitava.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do seminario para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de abril de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade