Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 20 de maio de 2002 Páx. 7.316

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 de maio de 2002 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Galicia Emigración.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galicia Emigración, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Aurelio Miras Portugal en calidade de presidente da fundación, en escrito de sete de maio de 2002 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vintesete de abril de 2002 ante o notario Manuel Peregil Cambón, co número novecentos oitenta e seis do seu protocolo por Manuel Fraga Iribarne e Aurelio Miras Portugal; interveñen Manuel Fraga Iribarne no exercicio do seu cargo e Aurelio Miras Portugal en nome e representación da Xunta de Galicia.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é promover, incentivar e executar cantas accións se orienten á potenciación e difusión da galeguidade en calquera parte do mundo, en especial nos lugares onde estean radicadas comunidades galegas así como á realización de accións tendentes a apoia-los galegos e os seus descendentes que residan fóra da Comunidade Autónoma.

4. O padroado da fundación estará composto polos membros que se sinalan no artigo 10 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Galicia Emigración, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de intese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa ascrición á Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia

exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 13 de maio de dous mil dous.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Galicia Emigración, adscribíndoa á Consellería de Emigración e Cooperación Exterior que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública