Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 16 de maio de 2002 Páx. 7.209

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 168/2002, do 18 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Sandiás (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de abastecemento e saneamento en Sandiás.

O Concello de Sandiás, en sesión do día dezasete de agosto de dous mil, aprobou o proxecto de abastecemento e saneamento en Sandiás, e na sesión do vintenove de marzo de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Sandiás foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catro de abril de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinteún de agosto de dous mil un.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o Concello de Sandiás a actuación consiste en cambiar todo o encanamento de abastecemento e saneamento, xa que pola súa antigüidade se producen moitas fugas de auga e avarías que deixan a todo pobo sen abastecemento, situación que se agrava durante os meses de verán, polo que se fai preciso o seu arranxo con celeridade.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Sandiás, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de abastecemento e saneamento en Sandiás.

Santiago de Compostela, dezaoito de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais