Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 16 de maio de 2002 Páx. 7.208

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 167/2002, do 18 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Pontedeva (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de camiño de acceso a Abelleira e Xinzo de Deva.

O Concello de Pontedeva, en sesión do día dezasete de outubro de dous mil, aprobou o proxecto de camiño de acceso a Abelleira e Xinzo de Deva, e na sesión do nove de xaneiro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Pontedeva foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día oito de abril de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día dezanove de febreiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o Concello de Pontedeva, a obra é fundamental para mellora-los accesos e traslados dos nenos dalgunhas poboacións da zona, que teñen a parada do autobús escolar a dous quilómetros de distancia, e tamén para ofrecerlles ós veciños do municipio mellores accesos á estrada de Pontecantiño.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Pontedeva, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído

para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto do camiño de acceso e Abelleira e Xinzo de Deva.

Santiago de Compostela, dezaoito de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais