Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 16 de maio de 2002 Páx. 7.209

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 169/2002, do 25 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 127, Plan de Obras e Servicios, Trabada.-Trabada-Sante-A Ría de Abres, alargamento e mellora do punto quilométrico 1,60 ó 3,60 (Concello de Trabada).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día vintesete de xullo de dous mil un, aprobou o proxecto da obra número 127, Plan de Obras e Servicios, Trabada.-Trabada-Sante-A Ría de Abres, alargamento e mellora do punto quilométrico 1,60 ó 3,60 e na sesión do vintenove de outubro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catro de abril de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintesete de decembro de dous mil un.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, por

que segundo sinala a deputación, a estrada onde se vai actuar sitúase nunha comarca cunha densidade de poboación alta, e cunha economía baseada nas explotacións gandeiras e forestais, polo que se fai necesario o alargamento e mellora do trazado, así como a eliminación dun punto negro.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 127, Plan de Obras e Servicios, Trabada.-Trabada-Sante-A Ría de Abres, alargamento e mellora do punto quilométrico 1,60 ó 3,60.

Santiago de Compostela, vintecinco de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais