Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 14 de maio de 2002 Páx. 7.015

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de maio de 2002 pola que se abre un novo prazo de presentación de solicitudes para a impartición dun módulo ambiental nos cursos do Plan FIP por parte das entidades que teñan cursos programados no ano 2002 ó abeiro da Orde do 22 de novembro de 2001, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2002.

A Unión Europea vén sinalando, especialmente desde o ano 1997 coa aprobación do Tratado de Ámsterdam e a Resolución do Consello Europeo do mesmo ano, a necesidade de impulsar investimentos que contribúan ó desenvolvemento sustentable e fomenten a xeración do emprego, o que dá lugar á aparición dunhas necesidades de formación en temas de ambiente, necesidades que abarcan desde a información e sensibilización básicas ata a formación e capacitación no ámbito profesional.

Dentro deste proceso, constitúese no ano 1997, baixo o impulso do Ministerio de Medio Ambiente, a Rede de Autoridades Ambientais co propósito de integra-lo ambiente en cantas intervencións e actuacións reciben financiamento dos fondos comunitarios. Unha primeira actividade foi a creación dun grupo de traballo sobre Fondo Social Europeo e ambiente. O seu primeiro resultado foi a elaboración dun módulo de sensibilización ambiental, que se completará con outros módulos para a formación ambiental específica.

O seguinte paso foi a proposta da Unidade Administradora do FSE, que forma parte da Rede de Autoridades Ambientais, de formularlle ó Inem a posibilidade de incorporar este módulo de sensibilización ambiental ós cursos do Plan FIP. Esta proposta foi acollida favorablemente polo Inem, tendo en conta, ademais, que no novo Programa Nacional de FP se establece como un dos obxectivos da formación profesional ocupacional a inclusión de competencias relacionadas co ambiente no contido dos certificados de profesionalidade e o desenvolvemento de accións formativas relacionadas coa calidade de vida e o ambiente. Por isto, aprobouse a elaboración por parte do Inem dunhas instruccións xerais e flexibles para a implantación do módulo de sensibilización ambiental dentro da programación anual do Plan FIP.

Como no momento da publicación da Orde do 22 de novembro de 2001, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP para o exercicio do ano 2002, aínda non se recibiran as pertinentes instruccións do Inem acerca da inclusión deste módulo nos cursos do Plan FIP, cómpre agora a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes para que aquelas entidades que teñan programados cursos no ano 2002 e desexen incluír este módulo nos seus cursos poidan facelo.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo ós mesmos créditos

e aplicacións orzamentarias recollidos na Orde do 22 de novembro de 2001, que xa foron fiscalizados previamente á publicación da citada orde.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes para que as entidades con cursos do Plan FIP programados no exercicio 2002 poidan solicita-la inclusión da especialidade complementaria Sensibilización ambiental (FCAM02) nos cursos aprobados en virtude do establecido na Orde do 22 de novembro de 2001.

Artigo 2º.-Impartición.

A impartición da especialidade complementaria denominada Sensibilización ambiental poderá realizarse nos centros de formación profesional propios da Xunta de Galicia e naqueles centros homologados que teñan aprobados cursos de formación profesional ocupacional no marco do Plan FIP no exercicio de 2002.

Artigo 3º.-Axudas.

1. O módulo impartido ó abeiro desta orde será obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. O custo da subvención calcularase sobre os módulos económicos vixentes para o correspondente curso ocupacional, tendo en conta que a súa duración será en tódolos casos de nove horas.

Artigo 4º.-Materiais didácticos.

Os materiais didácticos necesarios para a impartición deste módulo seranlles facilitados ás entidades ás que se lles programe o módulo pola Dirección Xeral de Formación e Colocación ou polas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, segundo corresponda.

Artigo 5º.-Profesorado.

Este módulo poderá ser impartido polos docentes dos cursos ocupacionais ós que se incorpore este módulo complementario.

Capítulo II

Da convocatoria pública

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As entidades que teñan cursos programados no exercicio do ano 2002, que desexen colaborar na impartición do módulo de sensibilización ambiental nos cursos do Plan FIP, poderán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publicou como anexo I á Orde do 22 de novembro de 2001 (DOG nº 232, do 30 de novembro de 2001), e que se subministrará nas dele

gacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ó Cidadán, subscrita polo titular ou polo representante legal da entidade.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de vinte días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación desta orde.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 8º.-Resolución.

Serán competentes para a resolución desta convocatoria os mesmos órganos que resolveron a programación ordinaria dos cursos do Plan FIP da entidade solicitante no exercicio do ano 2002, consonte o establecido na Orde do 22 de novembro de 2001, segundo se trate de entidades con centros homologados nunha soa provincia ou en varias. Axustarase tamén ó establecido na citada orde o tempo máximo para resolver así como os órganos ante os que se presentarán os recursos, de se-lo caso.

Artigo 9º.-Criterios de adxudicación.

Para establece-la orde de preferencia para a adxudicación da impartición do módulo de Sensibilización ambiental estableceranse tres grupos de familias profesionais, en función da súa relación co ambiente.

Prioridade 1.

-Agraria.

-Automoción.

-Edificación e obras públicas.

-Industrias de fabricación de equipos electromecánicos.

-Industrias alimentarias.

-Industrias gráficas.

-Industria pesada e construccións metálicas.

-Industrias químicas.

-Industrias téxtiles.

-Industrias da madeira e a cortiza.

-Minería e primeiras transformacións.

-Industrias manufactureiras diversas.

-Pesca e acuicultura.

-Mantemento e reparación.

-Montaxe e instalación.

-Sanidade.

-Transportes e comunicacións.

-Producción, transformación e distribución de enerxía e auga.

Prioridade 2.

-Artesanía.

-Docencia e investigación.

-Servicios ás empresas.

-Información e manifestacións artísticas.

-Servicios á comunidade e persoais.

-Turismo e hostalería.

Prioridade 3.

-Administración e oficinas.

-Comercio.

-Seguros e finanzas.

Disposición adicional

En tódolos aspectos non recollidos nesta orde, esta convocatoria rexerase polo establecido na Orde do 22 de novembro de 2001 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2002, e demais normativa aplicable.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA