Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 10 de maio de 2002 Páx. 6.837

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se regula a composición das comisións avaliadoras da fase de prácticas establecida nas ordes do 15 de marzo de 2000 e 8 de marzo de 2001, pola que se convocaban procedementos selectivos de ingreso e acceso no corpo de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional.

Na base común 12 das ordes do 15 de marzo de 2000 (DOG do 22 de marzo) e 8 de marzo do 2001 (DOG do 12 de marzo), regúlase e establécese a necesidade de realizar prácticas docentes previas ó nomeamento dos interesados como funcionarios de carreira, co obxecto de valora-las aptitudes didácticas dos aspirantes que aprobaron a fase de oposición.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Para a valoración dos aspirantes ó corpo de ensino secundario serán designadas catro comisións cualificadoras, unha para as disciplinas de lingua castelá e literatura, francés, inglés, alemán, lingua e literatura galega e música; outra para as disciplinas de educación física e tecnoloxía; outra para as disciplinas de debuxo, matemáticas, física e química e bioloxía e xeoloxía e outra para as disciplinas da formación profesional específica, formadas por especialistas nas respectivas áreas e que terán a seguinte composición:

-Presidente: un inspector ó servicio da Administración educativa nomeado polo director xeral de persoal por proposta da Inspección Central.

-Un máximo de cinco vocais designados entre os profesores de ensino secundario.

Segundo.-Para a valoración dos aspirantes ó corpo de profesores técnicos de formación profesional específica será nomeada unha comisión cualificadora, formada por especialistas nas respectivas disciplinas e que terá a seguinte composición:

-Presidente: un inspector ó servicio da Administración educativa nomeado polo director xeral de persoal por proposta da Inspección Central.

-Un máximo de seis vocais, designados entre os profesores técnicos de formación profesional.

Terceiro.-A Inspección ó servicio da Administración educativa poderá visita-lo profesorado en prácticas e emitirá un informe sobre o desenvolvemento da súa función, que será tido en conta pola comisión avaliadora.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2002.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Persoal