Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 10 de maio de 2002 Páx. 6.836

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de abril de 2002 pola que se publica a convocatoria de provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de vicetesoureiro/a da Deputación Provincial da Coruña.

De conformidade co disposto no artigo 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, e no exercicio da competencia atribuída polo artigo 13.2º.17 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería

DISPÓN:

Ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria efectuada polo presidente da Deputación Provincial da Coruña, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de vicetesoureiro/a da dita corporación e que se inclúe como anexo da presente orde.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO

Resolución da Presidencia da Deputación Provincial da Coruña, do 22 de abril de 2002, pola que

se aproba a convocatoria polo sistema de libre designación da praza de vicetesoreiro/a, reservada a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

BASES

Aproba-la convocatoria polo sistema de libre designación do referido posto de traballo de vicetesoureiro/a, de conformidade coas seguintes bases:

1. Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexe-la convocatoria para cubrir, polo procedemento de libre designación, o posto de vicetesoureriro/a, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de intervención-tesourería, de acordo co previsto no R.D. 1732/1994, do 29 de xullo.

2. Descrición do posto.

Corporación: Deputación Provincial da Coruña.

Denominación do posto: vicetesoureiro/a.

Clase: primeira. Reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Nivel de complemento de destino :30.

Contía do complemento específico: 20.811,95 A.

3. Requisitos para o seu desempeño.

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeña-lo posto, no caso de ser nomeado:

Estar integrado na subescala de intervención-tesourería, categoría superior ou de entrada.

Acredita-lo coñecemento do idioma galego, nivel de perfeccionamento, mediante a presentación do certificado correspondente, expedido pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ou certificado oficial de validación.

4. Solicitudes.

Dirixiranse á Presidencia da deputación, dentro dos 15 días seguintes á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial del Estado, segundo o disposto no artigo 28 do R.D. 1732/1994, debendo indicarse nelas, ademais do contido mínimo establecido no artigo 70.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o número de rexistro persoal, a situación administrativa na que se atope o solicitante e o seu destino, e deberán vir acompañadas da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para o desempeño do posto sinalados na base 3 precedente.

5. Nomeamento.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia, no prazo dun mes, procederá, se é o caso, e trala constatación da concorrencia dos requisitos esixidos nestas bases, a dicta-la resolución correspondente, a cal deberá ser motivada e da que dará conta ó Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral da Función Pública da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para as Administraciones Públicas, para anotación e publicación conxunta no BOE.

6. Toma de posesión.

Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos cós establecidos no artigo 23 do R.D. 1732/1994 para os funcionarios con habilitación nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

7. Impugnación.

Contra a presente convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a Presidencia desta deputación, nos termos e prazos sinalados na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Remiti-la presente convocatoria á Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autonóma para a súa publicación por esta e realización dos trámites posteriores previstos no R.D. 1732/1994, do 29 de xullo.