Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 02 de maio de 2002 Páx. 6.287

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CERVO

EDICTO.

O Pleno do Concello, en sesión que tivo lugar o día nove de marzo de dous mil dous, adoptou, entre outros, o acordo do teor literal seguinte:

«2. Aprobación definitiva, se procede, da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipais no núcleo de San Cibrao, para actuacións no contorno do litoral».

Visto que o expediente de modificación foi aprobado inicialmente polo Pleno desta corporación en sesión celebrada o 27 de setembro de 2000 e sometido a información pública mediante anuncio publicado no DOG número 223, do 17 de novembro, sen que se presentaran alegacións.

Visto que o proxecto de modificación foi informado previamente á aprobación inicial pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda con data do 21 de setembro de 2000, para os efectos do disposto polo artigo 41 da LSG.

Visto que con data do 14 de xaneiro de 2002 o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para os efectos do previsto no artigo 42.5º da LSG, se emitiu en sentido favorable, o informe previo perceptivo e vinculante.

Visto que, de conformidade coa disposición adicional cuarta da LSG, a competencia para a aprobación definitiva da nomeada modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento queda asignada, en réxime de competencia delegada, a este concello, nos termos e condicións establecidas na Lei de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.

Visto que a teor do disposto no artigo 43.3º i) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o acordo de aprobación definitiva da devandita modificación puntual require o voto favorable da maioría absoluta do número total de membros desta corporación.

Visto o informe favorable da comisión informativa de asuntos de Pleno.

A corporación, por 12 votos a favor e 1 abstención en votación ordinaria, e polo tanto co quórum favorable de votación da maioría absoluta legal do número de membros que a compoñen,

ACORDOU:

Primeiro.-Aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento

municipais do núcleo de San Cibrao, para actuacións no contorno do litoral, nos termos que constan no expediente tramitado para o efecto.

Modificación puntual das normas subsidiarias

de planeamento en San Cibrao-Cervo (Lugo)

* Índice memoria.

Memoria expositiva e xustificativa:

-Antecedentes e obxecto.

-Situación territorial.

-Planeamento vixente.

-Significación urbanística do paseo marítimo.

-Descrición da solución adoptada.

-Ordenanza D-El/viais.

-Procedemento para a obtención de terreos.

-Informe sectorial.

* Índice planos.

1. Situación territorial E/1:10.000.

2. Estado actual:

A) Estado actual zona ría E/1:2.000.

B) Estado actual zona A Caosa E/1:2.000.

C) Estado actual zona faro E/1:2.000.

A2) DPMT e ribeira do mar zona ría E/1:1.000.

B2) DPMT e ribeira do mar zona A Caosa E/1:1.000.

C2) DPMT e ribeira do mar zona faro E/1:1.000.

3. Determinacións de planeamento.

A) Determinacións NSP zona ría E/1:2.000.

B) Determinacións NSP zona A Caosa-faro E/1:2.000.

C) Lenda de planeamento.

4. Modificacións puntuais.

A) Planta de modificacións E/1:2.000.

B) Planta de modificacións E/1:2.000.

Memoria expositiva e xustificativa

* Antecedentes e obxecto.

O Concello de Cervo desexa promover, en coordinación coa Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente), a construcción de diferentes novos tramos de paseo marítimo en San Cibrao, concretamente nas zonas de: marxe esquerda da ría de Lieiro, praia da Caosa e zona do peirao-faro.

Sendo de aplicación as normas subsidiarias de planeamento de Cervo-núcleo de San Cibrao, aprobadas pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 12 de xullo de 1978 e sendo de aplicación así mesmo a Lei 227/1988, de costas e o Regulamento xeral para desenvolvemento e execución desta lei, do 1 de decembro de 1989.

Tendo en conta que os ditos tramos de paseo marítimo dos cales a traza descorrería fundamentalmente sobre o que a Lei de costas nomea franxa de servidume de tránsito (artigo 27.1º), e do que a ocupación está prevista no punto 3 deste mesmo artigo. E tendo en conta tamén que no artigo 44 da lei, no seu punto 1 especifica que «os proxectos formularanse consonte o planeamento que, se é o caso, desenvolvan».

É por iso polo que se leva a cabo o presente traballo, precisamente co obxecto de modificar puntualmente as determinacións das NSP de San Cibrao nas zonas arriba comentadas, co obxecto de dar amparo e lexitimación ós novos tramos de paseo marítimo.

* Situación territorial.

O solo obxecto de modificación puntual está localizado xeograficamente en tres zonas:

-Zona liña de deslinde do DPMT nº 76 ó 121.

É dicir, toda a franxa de servidume de tránsito da marxe esquerda da ría de Lieiro desde o popularmente coñecido como ponte romana (peonal) ata as ruínas das antigas fábricas de salgadura, ensanchándose puntualmente a dita franxa á altura da ponte de Lieiro (de circulación rodada e peonal) e á altura tamén das ruínas nomeadas.

Pola marxe dereita da ría, así mesmo, toda a franxa de servidume de tránsito entre ámbalas dúas pontes, ponte romana e ponte de Lieiro.

-Zona liña de deslinde do DPMT nº 695 ó 714.

É dicir, toda a franxa de servidume de tránsito fronte a praia da Caosa e quinteiro triangular anexo.

-Zona liña de deslinde do DPMT nº 32 ó 37.

É dicir, toda a franxa de servidume de tránsito entre o peirao pesqueiro e a punta do cabo de San Cibrao, preto do faro.

* Planeamento vixente.

As normas subsidiarias de planeamento vixentes para San Cibrao definen as tres zonas obxecto desta modificación puntual da seguinte maneira:

-Para a primeira delas, é dicir, para as franxas de ámbalas dúas marxes da ría de Lieiro establécense dúas clases de solo:

Solo urbanizable entre a ponte romana e a ponte de FEVE (ámbalas dúas marxes) e entre a ponte de Lieiro e as ruínas das antigas fábricas de salgaduras.

Solo urbano de cualificación I/RM (grupo industrial/residencial mixta) na marxe esquerda da ría entre a ponte de FEVE e a de Lieiro. Nota: na marxe dereita e entre ámbalas pontes as NSP recollen unha vía de planeamento de 13 m de largo.

-Para a segunda delas, é dicir, para a fronte da praia da Caosa e o seu quinteiro anexo, as NSP establecen:

Unha vía de planeamento de 8 m de largo fronte á praia da Caosa.

Solo urbano de cualificación RA (residencial aberta) no quinteiro triangular anexo ó anterior.

-Para a terceira e derradeira delas, é dicir, para a franxa entre o peirao pesqueiro e a punta do cabo de San Cibrao, preto do faro, as NSP establecen:

Solo urbanizable de cualificación pEL (prescrición espacio libre).

* Significación urbanística do paseo marítimo.

Estando especificamente recollidos os paseos marítimos na Lei 22/1988, de costas, artigo 44.5º, a súa introducción amósasenos como unha infraestructura protectora do litoral que cumpre varias funcións:

Posibilita un maior e mellor aproveitamento do dominio público marítimo-terrestre para fins previstos expresamente pola lexislación.

Supón a consolidación do carácter público do solo litoral e a protección das franxas anexas á ribeira do mar.

Por último, posibilita a ordenación seria do contorno urbanizable xunto á ribeira do mar, que ten actualmente unha disposición moi desaxustada no tramo concreto da ponte de Lieiro-ruínas vellas fábricas, das actuais NSP, como se poderá apreciar nos planos de determinacións (planos nº 3).

* Descrición da solución adoptada.

A solución adoptada supón para o ámbito das tres zonas ou franxas que foron polo miúdo descritas, o cambio da súa cualificación de solo, que non o da súa clasificación, con respecto ás actuais NSP.

Se ben a clasificación non se altera, a cualificación do solo obxecto do presente traballo, grafada no plano nº 4, pasa a ser a de dotacional para sistema xeral vial e para espacios libres de uso e lecer públicos (D-El/viais).

Dixemos que o obxecto da modificación puntual é dar amparo e lexitimación ó futuro proxecto de novos tramos de paseo marítimo, polo tanto non soamente se mantén a cantidade de solo destinado a espacios libres polo planeamento vixente, senón que desta forma aínda se aumenta.

* Ordenanza D-El/viais.

1. Definición.

Espacio concibido para albergar sistema xeral de vía e para espacios libres de uso e lecer públicos.

O carácter dos viais recollidos nesta nova cualificación de solo é de peonal.

2. Ámbito territorial.

O sinalado nos planos nº 4A e 4B.

3. Normas de uso.

Usos admitidos:

Só se admiten as instalacións propias dun paseo marítimo, tales como: miradoiros, aparcadoiros,

áreas de lecer en xeral, xardíns, aseos, vestiarios públicos e similares.

En particular, autorízase a recuperación das ruínas das antigas fábricas de salgadura (DPMT nº 117 ó 121), como equipamento público.

4. Normas de volume.

Condicións de edificación:

Altura: 1 planta ou 5 m.

Edificabilidade: 0,2 m/m.

Segundo.-Publicar este acordo no DOG e no BOP, segundo establece a lexislación vixente nesta materia.

O que se fai público para xeral coñecemento no cumprimento do disposto no artigo 70.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Contra este acordo poden os interesados interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación no BOP.

Cervo, 22 de marzo de 2002.

José Insua Pernas

Alcalde