Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2002 Páx. 5.952

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 144/2002, do 11 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Castroverde (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de accesos nas parroquias de Mirandela, Cellán de Calvos e outras.

O Concello de Castroverde, en sesión do día quince de maio de dous mil un, aprobou o proxecto de accesos nas parroquias de Mirandela, Cellán de Calvos e outras, e na sesión do vintenove de novembro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O Concello de Castroverde remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintesete de marzo de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintecinco de marzo de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o Concello de Castroverde, as obras se refiren fundamentalmente a poder dotar de accesos, que permitan a circulación de vehículos automóbiles e todo tipo de maquinaria agrícola, ós núcleos de poboación de Mirandela, Cellán de Calvos e outros, xa que nestes momentos non é posible, facilitando deste xeito os correspondentes labores de agricultura nos núcleos de poboación citados.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Castroverde, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de accesos nas parroquias de Mirandela, Cellán de Calvos e outras.

Santiago de Compostela, once de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais