Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2002 Páx. 5.953

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 145/2002, do 11 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización do proxecto da obra número 128, Plan de Obras e Servicios 2001 O Vicedo-De Suegos a Falcoeira, alargamento e mellora do punto quilométrico 5,474 ó 5,745, primeira fase (concello do Vicedo).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día vinteún de setembro de dous mil un, aprobou o proxecto da obra número 128, Plan de Obras e Servicios 2001 O Vicedo-De Suegos a Falcoeira, alargamento e mellora do punto quilométrico 5,474 ó 5,745, primeira fase, e na sesión do vintenove de outubro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A Deputación Provincial de Lugo remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintesete de marzo de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día tres de xaneiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, a obra do proxecto consiste na eliminación dunha curva sen visibilidade, que supón un grave risco para o tráfico rodado, agravado por ser unha vía moi transitada, tanto na época estival por constituír un acceso ás praias da zona, como no resto do ano por comunica-los núcleos rurais, explotacións agrícolas e gandeiras.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución do proxecto da obra número 128, Plan de Obras e Servicios 2001 O Vicedo-De Suegos a Falcoeira, alargamento e mellora do punto quilométrico 5,474 ó 5,745, primeira fase.

Santiago de Compostela, once de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais