Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2002 Páx. 5.953

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 146/2002, do 11 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Arteixo (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de área recreativa na travesía de Meirás.

O Concello de Arteixo, en sesión celebrada o día vintenove de novembro de dous mil un, aprobou o proxecto de área recreativa na travesía de Meirás e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintesete de marzo de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o Concello de Arteixo, a urbanización dos terreos sobre os que se pretende actuar, favorecería o seu papel como elemento vertebrador entre o colexio e a igrexa, articulando a zona do núcleo urbano e mellorando as condicións de salubridade e seguridade desta. Ademais co acondicionamento da zona, proporciónaselle ó núcleo de Meixende un novo espacio de ocio e esparexemento.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, o Concello de Arteixo declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de área recreativa na travesía de Meirás.

Santiago de Compostela, once de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais