Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 24 de abril de 2002 Páx. 5.674

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2002 pola que se convocan axudas ós programas de desenvolvemento rural de Galicia.

No marco da Estratexia galega para o medio rural, derivada das previsións contidas no Plan Estratéxico do Desenvolvemento Económico de Galicia (Pedega) 2000-2006, a disposición adicional 6ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais, de réxime orzamentario e administrativo (DOG nº 251, do 29 de decembro), creou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), como un ente de dereito público configurado como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e na coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, para mellora-las condicións de vida e evita-lo despoboamento deste territorio.

O Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento de Agader (DOG nº 77, do 20 de abril), atribúelle a esta, entre outras, as funcións de xestión, control e seguimento dos programas Leader e Proder, así como a xestión dos recursos que a Xunta de Galicia destine ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, de conformidade coas leis de orzamentos.

As iniciativas comunitarias de desenvolvemento rural Leader I e II, así como o programa Proder, demostraron na Comunidade Autónoma de Galicia

ser instrumentos eficaces de diversificación económica e desenvolvemento rural.

Seguindo nesta liña, mediante a resolución de Agader do 10 de agosto de 2001 (DOG nº 161, do 21 de agosto), fíxose pública a convocatoria de axudas para acollerse ó programa da iniciativa comunitaria Leader+ en Galicia, aprobado pola Decisión da Comisión das Comunidades Europeas C (2001) 2179, do 20 de agosto. A citada convocatoria resolveuse mediante Resolución do 20 de novembro de 2001, que se fixo pública por Resolución do 23 de novembro de 2001 (DOG nº 238, do 11 de decembro).

De forma paralela, en relación ó programa nacional Leader+, aprobado por Decisión da Comisión das Comunidades Europeas C (2001) 1245, do 18 de maio, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convocou axudas para os programas comarcais de desenvolvemento rural cun ámbito territorial superior ó dunha comunidade autónoma (BOE nº 189, do 8 de agosto). A dita convocatoria resolveuse a través da Resolución do 23 de novembro de 2001 (BOE nº 301, do 17 de decembro). De entre os programas selecciónados, tres desenvolveranse parcialmente no territorio de Galicia.

Co fin de estende-la promoción do desenvolvemento rural a todo o territorio galego, a presente resolución regula as normas de selección dos programas de desenvolvemento rural tanto no ámbito do Programa de desenvolvemento e diversificación

de zonas rurais (Proder II) como do programa Agader do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, establecendo os mecanismos para a concesión destas axudas, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que deben presidi-lo seu outorgamento.

Estas axudas están incardinadas nun dobre marco. En primeiro lugar, en relación co programa Proder II, o artigo 33 do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, sobre a axuda ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA), prevé xenericamente unha axuda para medidas relacionadas coas actividades agrarias e a súa reconversión e coas actividades rurais. A dita previsión xenérica concretouse para Galicia na Decisión da Comisión das Comunidades Europeas C(2001) 246, do 7 de marzo, que aproba o Programa operativo integrado de Galicia (2000-2006), integrado no Marco comunitario de apoio para as intervencións estructurais nas rexións españolas do obxectivo 1 para o período 2000-2006. No dito programa operativo recóllese a medida 7.5 de desenvolvemento endóxeno e diversificación económica de zonas rurais, para a que está prevista o seguinte financiamento:

-Unión Europea (FEOGA-O): 37,306 millóns de euros.

-Administración autonómica: 9,187 millóns de euros.

-Administración central: 9,187 millóns de euros.

-Administración local: 6,222 millóns de euros.

Estando previsto o cofinanciaciamento estatal, o Real decreto 2/2002, do 11 de xaneiro (BOE nº 11, do 12 de xaneiro), regula o sistema de axudas para a execución por parte dos grupos de acción local (GAL) de programas de desenvolvemento endóxeno.

Por outra banda, respecto do programa Agader, o Consello de Dirección deste ente adoptou, na reunión do 6 de novembro de 2001, un acordo relativo ás prioridades de distribución do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, no que se prevía a realización dunha convocatoria de programas de desenvolvemento rural con cargo ó dito fondo xestionados polos GAL non beneficiarios dos programas financiados con fondos estructurais, e que se vaian executar, prioritariamente, fóra de territorios incluídos no eixo atlántico. Así mesmo, o Consello de Dirección de Agader do día 7 de marzo de 2002 aprobou o correspondente cadro financeiro de axuda, que se desagrega do seguinte xeito:

-Administración autonómica: 46.277.932,04 euros.

-Administración local: 5.169.475,04 euros.

En virtude do exposto e do acordo do Consello de Dirección do 7 de marzo de 2002, no que se encomenda á directora xeral a elaboración e ó presidente de Agader a aprobación das bases reguladoras e da convocatoria das axudas para a realización dos programas de desenvolvemento rural con cargo ó Programa de desenvolvemento e diversificación

de zonas rurais (Proder II) e ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural (Agader),

RESOLVO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

A presente convocatoria ten por obxecto establecer normas para a presentación e selección de programas de desenvolvemento rural de Galicia que promovan a valorización e explotación dos recursos endóxenos dos territorios rurais galegos como medio de evita-lo seu despoboamento.

As ditas normas refírense á aplicación dos seguintes programas:

1. Programa Proder II, que forma parte do Programa operativo integrado de Galicia 2000-2006, como medida 5 do eixo prioritario nº 7, aprobado pola Decisión da Comisión das Comunidades Europeas C(2001) 246 do 7 de marzo de 2001.

2. Programa Agader, que se financia, para accións comprometidas ata 2006, co Fondo Galego de Desenvolvemento Rural e achegas locais, sen cofinanciamento de fondos estructurais nin da Administración xeral do Estado.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. As normas para a presentación e selección dos programas locais de desenvolvemento rural ós que se refire a presente convocatoria aplicaranse a aqueles programas que teñan o seu ámbito territorial comprendido no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con excepción dos núcleos urbanos da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra e dos territorios seleccionados no marco das convocatorias da iniciativa Leader+ feitas públicas pola Resolución do 10 de agosto de 2001 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (DOG nº 161, do 21 de agosto) e pola Orde do 2 de agosto de 2001, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (BOE nº 189, do 8 de agosto).

2. Os territorios deberán constituír un conxunto homoxéneo desde o punto de vista físico, económico e social, gardar certa coherencia e presentar unha masa crítica suficiente en termos de recursos humanos, financeiros e económicos, capaz de manter unha estratexia de desenvolvemento viable, polo que deberán excede-lo ámbito unimunicipal.

Artigo 3º. -Beneficiarios.

1. Os beneficiarios das axudas reguladas nesta convocatoria serán os grupos de acción local (en diante GAL) de Galicia que, xunto cos programas de desenvolvemento rural por eles presentados, resulten seleccionados de acordo co artigo 10º e subscriban o oportuno convenio. Non poderán presentar solicitudes os GAL que sexan beneficiarios de axudas da iniciativa comunitaria Leader+ convocadas pola Resolución do 10 de agosto de 2001 e pola Orde do 2 de agosto de 2001 xa mencionadas.

2. Non obstante, os perceptores finais das axudas serán os promotores dos proxectos que resulten seleccionados polos GAL, segundo as prioridades previstas no procedemento de xestión de axudas correspondente, sendo os gastos e investimentos que se realicen na execución dos ditos proxectos, así

como na xestión do programa de desenvolvemento rural, os que deban terse en conta para xustifica-las axudas percibidas.

Artigo 4º.-Grupos de acción local.

1. Os GAL serán as entidades asociativas responsables da presentación dos programas de desenvolvemento rural e da execución daqueles que resulten seleccionados, debendo cumprir, alomenos, os seguintes requisitos:

a) Estar constituídos por un conxunto equilibrado e representativo de interlocutores públicos e privados implantados a escala local que definen unha estratexia, informan e asesoran a poboación rural, mobilizan e estimulan ás comunidades de cara ó desenvolvemento económico e social da súa comarca e promoven a execución de proxectos de investimento que xeren emprego ou melloren a calidade de vida.

b) Transparencia na atribución de funcións e responsabilidades, debendo garantir, ademais, a plena capacidade dos interlocutores para asumi-las tarefas encomendadas, incluídas as financeiras, así como a eficacia dos mecanismos de funcionamento e de toma de decisións.

c) Os membros dos GAL con natureza xurídica pública ou administrativa non poderán ter máis do 50 por 100 dos votos en tódolos órganos de decisión.

d) Deberán facilita-la verificación das súas actuacións por parte da Comisión Europea e dos órganos de control comunitarios, nacionais ou autonómicos, segundo a orixe das axudas.

e) Deberán ter unha contabilidade independiente para as accións que comprendan os seus programas de desenvolvemento que, agás que pola súa forma xurídica estean obrigados a un sistema contable determinado, se axustará ó disposto no Real decreto 776/1998, do 30 de abril, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e as normas de información orzamentaria destas entidades, que para estes efectos son de obrigada aceptación.

f) Calquera que sexa a súa forma xurídica, carecerán estatutariamente de fins de lucro. Para estes efectos, considerarase que carecen de fins de lucro aquelas entidades que, aínda que desenvolvan actividades de carácter mercantil, invistan os beneficios resultantes deles na súa totalidade no cumprimento dos seus fins institucionais non mercantís.

g) Os GAL seleccionados nomearán un responsable administrativo e financeiro de conformidade co previsto no artigo 15º, e participarán na célula de promoción e animación do desenvolvemento rural prevista no artigo 13 do Real Decreto 2/2002, do 11 de xaneiro.

2. Os GAL estarán sometidos, ademais de ás normas estatais ou da Comunidade Autónoma que lles sexan de aplicación, ás obrigas administrativas, financeiras e de información e de verificación e control derivadas da normativa comunitaria cando as axudas procedan do FEOGA-Orientación, en especial, do Regulamento 1260/1999, do Consello, do 21 de xuño, polo que se establecen disposicións xerais dos fondos estructurais, e do Regulamento 1257/1999, do 17 de maio, sobre axudas ó desenvolvemento rural a cargo do FEOGA.

Artigo 5º.-Obxecto dos programas.

O programa Proder II ten por obxecto fomenta-la execución polos GAL de programas de desenvolvemento rural orientados ó desenvolvemento endóxeno e sostido do medio rural, o fortalecemento e diversificación da súa economía, o mantemento da súa poboación, a elevación das rendas e o benestar social dos seus habitantes, e a conservación do patrimonio, do contorno e dos recursos naturais.

O programa Agader pretende estende-las actuacións previstas para o programa Proder II ó maior número de zonas rurais de Galicia, de forma que o seu obxecto é coincidente co anterior.

Artigo 6º.-Financiamento.

1. O plan financeiro dos programas de desenvolvemento rural beneficiarios do programa Proder II é o seguinte:

FEOGA-Orientación: 37.306.000 euros.

MAPA: 9.187.297 euros.

Agader: 9.187.297 euros.

Admón. local: 6.221.406 euros.

Achega privada: 37.302.000 euros.

Investimento total: 99.204.000 euros.

2. O plan financeiro dos programas de desenvolvemento rural beneficiarios do programa Agader é o seguinte:

Fondo Galego de Desenvolvemento Rural-Agader: 46.277.932,04 euros.

Admón. local: 5.169.475,04 euros.

Achega privada: 31.000.360,68 euros.

Investimento total: 82.447.767,76 euros.

3. A axuda de Agader, aprobada polo Consello de Dirección do 7 de marzo de 2002, satisfarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 01.01-01/04/04-656800, para o programa Proder II, e 01.01-01/01/01-656800, para o programa Agader.

4. As axudas previstas nesta convocatoria serán compatibles con outras axudas públicas ou privadas, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan supera-los límites previstos no artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no artigo 81 da Lei xeral orzamentaria e na normativa comunitaria.

5. A concesión das axudas previstas nesta convocatoria quedará condicionada ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Comisión Europea como consecuencia da notificación desta convocatoria e do réxime de axudas que lle sexa aplicable.

Artigo 7º.-Programas de desenvolvemento rural.

Os programas de desenvolvemento rural que presenten os GAL axustaranse ós requisitos, estructura e contido establecidos no anexo I da presente convocatoria.

O procedemento de xestión de axudas deberá garanti-los principios de colaboración, obxectividade, imparcialidade, eficacia, eficiencia, transparencia, publicidade e libre concorrencia.

O sistema de xestión e funcionamento do GAL para a aplicación do programa de desenvolvemento rural preverá a súa composición e distribución temporal do gasto, que non superará o 10% do importe total das dotacións públicas destinadas ó programa, e requirirá a aprobación previa de Agader.

Artigo 8º.-Actuacións subvencionables.

As actuaciones subvencionables ó abeiro desta convocatoria son as seguintes:

-Asistencia técnica-gastos de funcionamento do GAL.

-Prestación de servicios ás empresas.

-Renovación, desenvolvemento e mellora de núcleos de poboación rural e do contorno.

-Valorización da producción agraria.

-Fomento de pequenas empresas, actividades de artesanía e de servicios.

-Valorización do patrimonio rural e local.

-Fomento dos investimentos turísticos no medio rural: agroturismo e turismo local.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

1. Os criterios de selección dos beneficiarios agruparanse en tres puntos: zona de actuación, programa e GAL, cunha valoración máxima de 100 puntos cada un deles, segundo o determinado no anexo II desta convocatoria.

2. Para ser seleccionado é necesario acadar, tanto no punto de programa como no de GAL, como mínimo 50 puntos.

3. De conformidade co acordo adoptado polo Consello de Dirección de Agader o 6 de novembro de 2001 sobre os programas de desenvolvemento das áreas rurais de Galicia, os fondos previstos nesta convocatoria para o programa Agader destinaranse ós GAL e programas por eles presentados que obteñan maior puntuación no punto de territorio, de acordo co financiamento dispoñible.

Artigo 10º.-Selección dos GAL e dos programas de desenvolvemento rural.

1. As solicitudes serán valoradas, conforme os criterios do artigo anterior desta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, por representantes de Agader, pertencentes ó Comité de Xestión do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, da Administración xeral do Estado e da FEGAMP, para o cal se constituirán en comisión de selección.

2. A comisión de selección elevará a proposta de distribución das axudas ó Consello de Dirección de Agader. A dita proposta de distribución expresará a relación de entidades solicitantes para as que se propón a concesión da subvención e a súa contía de modo individualizado, especificando o seu importe segundo os criterios adoptados pola comisión de selección.

Artigo 11º.-Resolución das axudas.

1. O Consello de Dirección de Agader resolverá a selección dos GAL e as axudas postas á súa disposición para a execución dos seus respectivos programas comarcais.

2. O prazo para dictar resolución expresa e notificala ós interesados será de tres meses contados desde a publicación desta convocatoria. O vencemento dese prazo sen dictar resolución expresa lexítima ó interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución dos expedientes tramitados ó abeiro desta convocatoria esgotará a vía administrativa, polo que, de acordo coa Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, contra aquela poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Se a resolución fora expresa, deberá interpoñerse no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da notificación e, se non fose expresa, no prazo de seis meses contados desde o día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Ademais, e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección de Agader no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da notificación se a resolución fora expresa. Se non o fose, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

4. A concesión destas axudas estará supeditada á aceptación por escrito dos GAL seleccionados, nun prazo de 15 días desde a notificación da resolución, de tódalas condicións, requisitos e cláusulas establecidas na convocatoria e na resolución.

Artigo 12º.-Convenios.

1. Unha vez seleccionados os programas de desenvolvemento rural e os GAL, subscribiranse os correspondentes convenios entre o MAPA, Agader e o GAL para a xestión do programa Proder, e entre Agader e o gal para a xestión do programa Agader.

2. Os convenios regularán as normas de adxudicación, emprego, control e seguimento das axudas e incorporarán os contidos previstos no anexo III desta convocatoria.

3. Coa finalidade de que tódolos programas de desenvolvemento rural de Galicia estean sometidos a un réxime xurídico uniforme, o réxime de axudas, que se incorporará ós convenios, será o aprobado para a iniciativa comunitaria Leader+ por Decisión da Comisión das Comunidades Europeas C(2001) 1245, do 18 de maio. O dito réxime de axudas aplicarase coas salvidades derivadas da natureza dos programas regulados nesta convocatoria e da orixe dos fondos financiadores.

Artigo 13º.-Selección de proxectos.

1. Os proxectos a que se refire o punto 2 do artigo 3º desta convocatoria deberán ser aprobados polo correspondente GAL, logo de informe favorable de subvencionalidade, e ter sido obxecto dun contrato de axuda entre o GAL e o titular do proxecto.

A emisión do informe técnico de subvencionalidade corresponde a Agader e deberá ter en conta que o proxecto se axuste á estratexia do GAL, que sexa adicional e complementario coas intervencións aplicadas no territorio correspondente, que cumpra os criterios de elixibilidade establecidos no réxime de axudas e a normativa comunitaria e que sexa coherente e compatible coa política comunitaria.

O contrato de axuda deberá explicita-lo investimento aprobado, a subvención concedida por fontes de financiamento, o prazo máximo de execución, os compromisos asumidos polo titular, a forma de xustificación do gasto e a efectividade do pagamento e cantas estipulacións sexan necesarias para asegura-lo cumprimento dos obxectivos do proxecto, así como as consecuencias do incumprimento das obrigas derivadas do contrato.

2. Na selección dos proxectos darase prioridade, nos termos previstos nos programas de desenvolvemento rural, e sen prexuízo doutros criterios, ós proxectos de investimento productivo vinculados á creación de emprego, especialmente se son presentados por mulleres, mozos menores de corenta anos no momento da concesión da axuda ou por entidades asociativas nas que, alomenos, o 25 por 100 dos socios sexan mulleres ou mozos.

3. Os GAL, no marco do montante global asignado, poderán conceder axudas ós proxectos de gasto ou investimento ata os límites de axuda máxima establecidos no réxime de axudas que para tal efecto se incorporará nos convenios previstos no artigo 12º, e tendo en conta os criterios de baremación e valoración elaborados e publicitados polo GAL e aprobados por Agader.

4. Os perceptores finais das axudas estarán sometidos ós mecanismos de seguimento e control do artigo 14º. O dito sometemento será comunicado formalmente ó perceptor polo GAL, constituíndo a súa aceptación expresa condición indispensable para a percepción da axuda.

Artigo 14º.-Seguimento e control dos GAL.

1. Os GAL beneficiarios someteranse a tódalas actuacións de seguimento e control que efectúe Agader, a Comisión Europea e o MAPA. Neste sentido Agader poderá dicta-las instruccións necesarias para asegura-la consecución dos obxectivos dos programas, o correcto funcionamento dos grupos, o cumprimento dos convenios e o réxime das axudas, así como a normativa que sexa de aplicación e calquera outro aspecto relativo á correcta execución dos programas. Así mesmo, os GAL deberán presentar un informe trimestral xustificativo dos gastos e investimentos subvencionables.

2. Os GAL beneficiarios someteranse así mesmo ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar tanto a Intervención Xeral da Administración Xeral do Estado e o Tribunal de Contas, como a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, en función da orixe dos fondos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

3. O Comité de Seguimento establecido no artigo 35 do Regulamento (CE) nº 1260/1999 do Consello, do 21 de xuño de 1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estructurais, será o previsto no artigo 22 do Real decreto 2/2002, do 11 de xaneiro, sen prexuízo de que Agader poida constituír órganos específicos de seguimento en relación cos programas desta convocatoria.

4. Á metade de período revisarase o grao de execución financeira e os resultados intermedios con respecto ós obxectivos específicos iniciais dos programas por parte dos GAL e, en caso necesario, reaxustaranse as cantidades concedidas inicialmente en función deste grao de execución.

Artigo 15º.-Responsable administrativo e financeiro.

1. Os GAL seleccionados nomearán de entre os seus membros directos ou representados, que teñan a condición de entidade local, un responsable administrativo e financeiro.

O GAL e o responsable administrativo e financeiro subscribirán o correspondente convenio no que se explicitan as obrigas de ámbalas dúas partes.

2. As funcións que ó responsable administrativo e financeiro correspondan na súa calidade de tal, deberán ser desenvolvidas por unha persoa física con capacidade de control e fiscalización de fondos públicos, que, en todo caso, actuará baixo o principio de autonomía funcional.

3. Para cada expediente individual, o responsable administrativo e financeiro comprobará o cuprimento dos requisitos esixidos ó perceptor final e os demais aspectos previstos no anexo IV da presente convocatoria.

4. En todo caso, Agader poderá dicta-las instruccións necesarias para que os procedementos de xestión, en xeral, e as actuacións do responsable administrativo e financeiro, en particular, se axeiten ós obxectivos do programa operativo integrado e do programa de desenvolvemento rural.

Artigo 16º.-Obrigas.

Son obrigas dos beneficiarios as establecidas con carácter xeral no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e, en particular, as que se establezan nos convenios que se asinarán para a xestión dos programas.

O incumprimento das citadas obrigas, así como das condicións establecidas para a concesión das axudas, pode dar lugar á revogación da subvención e, se é o caso, ó reintegro do indebidamente percibido e dos seus xuros de demora ou ó resarcimento de danos e perdas ocasionados.

Artigo 17º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para a selección de GAL e programas de desenvolvemento rural obxecto desta convocatoria presentaranse na sede da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-Agader, sita na Avda. do Camiño Francés, 10-baixo, 15771 Santiago de Compostela ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude axustarase ó modelo do anexo V e xunto con ela presentarase o programa previsto no artigo 7º.

Esta documentación presentarase por duplicado e un dos exemplares estará en castelán.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

Artigo 18º.-Emenda de defectos.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non se adapta ó contido ou non se xunta a documentación prevista no artigo anterior, o interesado será requirido para que, no prazo de 10 días contados a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, teráselle por desistido da súa petición, logo de resolución dictada nos termos do artigo 42 da mencionada lei.

Artigo 19º.-Xustificación do investimento e pagamento da subvención.

1. O investimento xustificarase documentalmente mediante a presentación de facturas orixinais, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, documentos de retención do impuesto da renda das personas físicas, certificacións bancarias, certificacións de obra e documentos similares acompañados dos títulos ou documentos bancarios ou contables que, se é o caso, aseguren a efectividade do pagamento. Ademais, cando o perceptor final estea suxeito ó réxime de contabilidade empresarial, para a xustificación do investimento poderá requirirse a presentación das contas do exercicio onde se reflictan as operacións relacionadas coa subvención concedida, elaboradas segundo as normas de contabilidade recollidas nas disposicións mercantís, sen prexuízo das instruccións que poida establecer Agader.

2. O pagamento da subvención axustarase á normativa reguladora de cada fondo financiador.

3. Para o pagamento da subvención os GAL deberán presentar unha solicitude acompañada do informe trimestral xustificativo dos gastos e investimentos subvencionables.

Artigo 20º.-Modificacións.

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión, especialmente a obtención concorrente doutras subvencións ou axudas para o mesmo programa, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida.

2. O GAL beneficiario deberá comunicar a Agader calquera alteración das circunstancias e solicitar a oportuna modificación da subvención. O Consello de Dirección poderá autoriza-la dita modificación sempre que se cumpran os seguintes requisitos: a) que a modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda, b) que non exista prexuízo a terceiros, c) que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. A modificación establecerá as novas condicións da concesión e, se é o caso, o reintegro do indebidamente percibido cos seus xuros.

4. As normas contidas nos puntos anteriores tamén serán aplicables ós perceptores finais, que deberán comunicar ó GAL correspondente toda alteración nas circunstancias tidas en conta para a concesión da axuda. A modificación desta será autorizada polo GAL logo de comunicación a Agader.

Artigo 21º.-Normativa de aplicación.

A presente convocatoria está sometida ás bases reguladoras contidas nela e ás regras xerais previstas, segundo a fonte de financiamento, nas seguintes normas:

a) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

b) Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Texto refundido da Lei xeral orzamentaria, aprobado polo Real decreto lexislativo 1091/1988, do 23 de setembro.

d) Real decreto 2/2002, do 11 de xaneiro, polo que se regula a aplicación da iniciativa comunitaria Leader Plus e os programas de desenvolvemento endóxeno de grupos de acción local, incluídos nos programas operativos integrados e nos programas de desenvolvemento rural (Proder).

e) Directrices sobre axudas públicas horizontais e sectoriais dictadas pola Unión Europea.

f) Regulamento (C) nº 1257 do Consello, do 17 de maio de 1999, sobre a axuda ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA) e polo que se modifican e derrogan determinados regulamentos.

g) Regulamento (CE) nº 1159/2000 da Comisión, do 30 de maio de 2000, sobre as actividades de información e publicidade que deben levar a cabo os estados membros con relación ás intervencións dos fondos estructurais.

h) Regulamento (CE) nº 1260/1999 do Consello, do 21 de xuño, sobre fondos estructurais.

Disposición adicional

Única.-Os programas que presenten os GAL elaboraranse, sen prexuízo das características singulares que lles sexan inherentes, conforme o anexo I da presente convocatoria. Para facilita-la súa confección, estará á disposición dos interesados unha guía coas instruccións, que se poderá recoller no seguinte enderezo: avda. do Camiño Francés, 10-baixo, 15771 Santiago de Compostela, sede de Agader, ou na web da Xunta de Galicia (www.xunta.es.conselle/) no epígrafe correspondente á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dentro da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Agader poderá desenvolve-las normas contidas nesta convocatoria.

En particular, poderá establecer módulos e límites cuantitativos ós gastos ou investimentos subvencionables.

Segunda.-Ó programa Proder II desta convocatoria aplicaráselle o Real decreto 2/2002, do 11 de xaneiro.

Ó programa Agader aplicaráselle supletoriamente a dita norma salvo en relación coas esixencias derivadas exclusivamente da utilización de fondos comunitarios e da participación da Administración xeral do Estado no financiamento. En calquera caso, seralle aplicable o réxime de recursos contra a selección de proxectos do artigo 28º e contra os reparos de fiscalización do responsable administrativo e financeiro do anexoVI do citado real decreto, así como a avaliación prevista no seu artigo 30º, que poderá ser complementada por Agader.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Presidente da Axencia Galega

de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Contido do programa

(artigo 7º)

A. Introducción.

B. Descrición do grupo de acción local (GAL).

B.1. Datos identificativos.

B.2. Personalidade xurídica.

B.3. Relación de socios actuais.

B.4. Resumo de actividades desenvolvidas.

B.5. Capacidade económica, administrativa e técnica do grupo na actualidade.

C. Territorio de aplicación.

D. Programa de desenvolvemento rural.

D.1. Análise do territorio.

D.1.1. Medio físico.

D.1.2. Estructura da poboación.

D.1.3. Estructura socioeconómica.

D.2. Diagnóstico.

D.3. Deseño da estratexia e obxectivos perseguidos.

D.3.1. Estratexia.

D.3.2. Obxectivos.

D.4. Fichas-tipo de actuacións por medidas.

D.5. Plan de financiamento por medidas e anos.

E. Xestión e aplicación dos programas.

E.1. Equipo xestor.

E.2. Procedemento de xestión.

E.3. Compromisos que se adquiren.

F. Dosier resumo do programa.

G. Cadro financeiro.

ANEXO II

Criterios de selección

(artigo 9º)

1. Relativos á zona de actuación (valoración máxima: 100 puntos).

a) Densidade de poboación: 10 puntos.

b) Grao de ruralidade: 15 puntos.

c) Grao de urbanización: 5 puntos.

d) Taxa de dependencia: 10 puntos.

e) Coeficiente de substitución: 10 puntos.

f) Poboación rural: evolución e estructura: 5 puntos.

g) Infraestructura e equipamentos: 10 puntos.

h) Paro rexistrado: 20 puntos.

i) Emprego por sectores: 5 puntos.

j) Superficie en zonas de montaña, zonas desfavorecidas e zonas moi desfavorecidas: 10 puntos.

2. Relativos ó programa (valoración máxima: 100 puntos).

a) Calidade do diagnóstico previo: 5 puntos.

b) Obxectivos do programa e efectos que se van conseguir: 10 puntos.

c) Calidade da estratexia de desenvolvemento: 15 puntos.

d) Tema ou temas aglutinantes: 5 puntos.

e) Carácter piloto do programa. Tipo de accións que se van financiar: 10 puntos.

f) Complementariedade con outras políticas de desenvolvemento rural: 10 puntos.

g) Dinamización e esfuerzo de asociación: 10 puntos.

h) Prioridade sobre os colectivos de mulleres, mozos, minusválidos, toxicómanos, inmigrantes: 20 puntos.

i) Viabilidade económica e carácter sustentable: 10 puntos.

j) Transferibilidade: 5 puntos.

3. Relativos ó grupo de acción local (valoración máxima: 100 puntos).

a) Experiencia en desenvolvemento rural. Resultados obtidos en Leader I, Leader II ou Proder, ou noutros programas de desenvolvemento rural: 20 puntos.

b) Procedementos de xestión: 25 puntos.

c) Composición do GAL. Equipo técnico, humano e material: 25 puntos.

d) Grao de implicación dos sectores económicos e sociais: 15 puntos.

e) Plan financeiro. Mobilización de recursos: 15 puntos.

ANEXO III

Contido mínimo dos convenios de colaboración

que se van subscribir cos grupos de acción local

seleccionados

(artigo 12º)

a) Importe das subvencións nacionais e comunitarias.

b) Ámbito xeográfico e obxecto da acción.

c) Execución das medidas ou liñas de actuación.

d) Principios de actuación.

e) Concesión de axudas ós beneficiarios.

f) Procedemento de xestión.

g) Pagamento de axudas.

h) Garantías.

i) Sistema de elaboración de informes.

j) Control financeiro.

k) Reducción, suspensión e supresión das axudas públicas.

l) Devolución dos fondos aplicados indebidamente.

m) Prevención, detección e corrección de irregularidades.

n) Carácter, duración e revisión do convenio.

o) Normativa aplicable.

p) Relación de concellos, extensión e poboación do territorio de actuación.

Ademais, os convenios incorporarán os cadros financeiros de execución, os modelos tipificados de solicitude, informe técnico-económico, contrato e certificación relativos á xestión dos proxectos de gastos ou investimento e o correspondente réxime de axudas.

ANEXO IV

Funcións do responsable administrativo

e financeiro

(artigo 15º)

a) Na fase de fiscalización das propostas de gasto polas que se acorda a concesión da subvención e para contrae-lo correspondente compromiso de gasto:

1. Solicitude subscrita polo beneficiario en tempo e forma.

2. Acta de comprobación de non inicio do gasto ou investimento.

3. Informe técnico-económico subscrito pola xerencia e a súa adecuación ós criterios de valoración contidos no procedemento de xestión e ós requisitos específicos establecidos no réxime de axudas.

4. Escrituras, títulos de lexitimación, proxectos técnicos, permisos e autorizacións, nos termos previstos no correspondente réxime de axudas.

5. Acordo do órgano competente de decisión do GAL, no que se especifique o investimento aprobado e a subvención concedida, de acordo cos termos que, de forma motivada, constarán no acta da sesión correspondente.

6. Contrato que se vai subscribir polo perceptor final e o presidente do GAL ou cargo delegado, no que se especifique o investimento aprobado, a subvención concedida, por fontes de financiamento, o prazo de execución dos compromisos e a forma de xustificación do seu cumprimento.

7. Existencia de dotación dispoñible, que a imputación do proxecto é o axeitado á súa natureza e que o importe das axudas non supera os límites establecidos.

8. Existencia de informe técnico favorable de subvencionalidade.

9. Cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, nos termos sinalados no réxime de axudas.

10. Cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade e imparcialidade.

11. Cando se concedan anticipos a conta da subvención, que non superarán o 40 por 100 dela, ademais das comprobacións sinaladas anteriormente, verificarase a existencia da solicitude do promotor, do acordo de concesión e do outorgamento das garantías que, se é o caso, procedan.

b) Na fase de recoñecemento da obriga e pagamento:

1. Acordo de concesión e que se fiscalizou de conformidade.

2. Contrato subscrito polo perceptor final e o presidente do GAL ou cargo delegado.

3. Certificado da existencia e compromiso de gasto.

4. Que se cumpriron os requisitos establecidos no réxime de axudas e no procedemento de xestión do GAL.

5. Que no caso de concorrencia doutras axudas, non son incompatibles, nin superan os límites establecidos.

6. Que os xustificantes do investimento e o seu pagamento efectivo, así como os relativos ó cumprimento do resto dos compromisos asumidos polo beneficiario, se corresponden cos establecidos no contrato e nas demais normas reguladoras da subvención.

7. Cando o pagamento se efectúe en exercicios posteriores ó da concesión, que os perceptores da subvención estean ó día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social, conforme o disposto no punto anterior.

8. Certificación do equipo técnico da xerencia no que se acredite a execución material do proxecto e o seu investimento real.

9. Cando se trate de certificacións parciais, a comprobación axustarase ós termos sinalados neste punto.

Os reparos de fiscalización por falta dalgún requisito dos sinalados con anterioridade suspenderán a tramitación do expediente ata que as deficiencias sexan emendadas. Estes reparos suspensivos de fiscalización poderán ser recorridos, no prazo dun mes desde a súa adopción, ante a Dirección Xeral de Agader.