Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 24 de abril de 2002 Páx. 5.673

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2002 pola que se convocan tres cursos básicos sobre manexo de embarcacións.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de tres cursos básicos sobre manexo de embarcacións, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lles faciliten a obtención das autorizacións pertinentes para o manexo de embarcacións de ata 6 metros de eslora e unha potencia máxima de motor de 40 kW.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente superasen o curso básico de protección civil.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

2. Duración e data: os cursos terán lugar durante o ano 2002 e cunha duración de 20 horas lectivas.

As datas quedan por determinar.

3. Lugar: terán lugar nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra e determinarase en función da localización das solicitudes recibidas.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas e, no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc., á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

O contido dos cursos é o seguinte:

Lexislación. Nomenclatura básica. Estructura e accesorios de embarcación. Seguridade. Navegación. Regulamentos internacionais. Balizamentos. Prácticas básicas de seguridade e navegación.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á realización do curso. Tamén poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento normal dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de abril de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade